Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

30 agosto, 2009

ORGANIZADAS POR A ASOCIACIÓN "ARUMES" E A COLABORACIÓN DA DEPUTACIÓN DE LUGO

(Máis grande: clic sobre a imaxe)

Revista virtual de xénero da Casa da Muller do Concello de Lugo


Fale dela

“Fale de ela” é nova sección de Foeminas que ten o obxecto de que os homes nos falen” das mulleres como protagonistas das súas vidas e dese xeito nos conten as súas percepcións e experiencias. A idea central é intentar investir e equilibrar a orde das cousas posibilitando nesta ocasión, que sexa o sexo masculino quen destaque a historia ou as historias das mulleres, xa sexan recoñecidas ou anónimas. A intención é recuperar eses relatos esquecidos, ignorados ou silenciados sobre o xénero feminino. Deste xeito, a nosa revista lonxe de querer a exclusión busca a integración de todos os colectivos que poidan contribuír á igualdade de xénero.
É unha sección centrada na subxectividade e nas emocións na que xorde a necesidade de “facer falar” ou “facer visible” ás mulleres desde outra perspectiva, neste caso a masculina.


Foeminas

Se tes algún relato ou historia que contar sobre algunha muller sexa coñecida ou anónima podes escribir a info(arroba)foeminas.lugo.es

Agardamos túa historia!


28 agosto, 2009

ACTIVIDADES SETEMBRO


PREPARACIÓN ROTEIRO DAS IGREXAS ROMÁNICAS E VAL DO TÓRDEA
Primeiro sábado de setembro. 05-09-09

Como sabedes, estamos coa idea de preparar un roteiro polo val do río Tórdea e a súa contorna. Quixeramos facer este roteiro coa idea de camiñar, máis tamén de estudo, polo que os que queiran participar, que se anoten, mais vai ser en plan de traballo, e de todo un día. Polo que haberá que pensar que cada quen leve o “bocadillo” e, libreta de traballo. Pido que participe, sobre todo a xente destas parroquias.

No Camiño Ancho ás 9:30 horas do para percorrer:
Desde o Camiño Ancho, baixar a preto de San Xulián para coller dirección a Espasande, desde aquí a Goi (castro, muíño, mazo), Tórdea (igrexa e carballo), Uriz (igrexa), Cellán de Mosteiro (carballo, pazo, castiñeiro, igrexa), A Pumarega (Pazo de Fornos, igrexa), O Vilar, Cellán de Mosteiro, San Xulián e Camiño Ancho.
Agradecedese a asistencia das persoas da zona.

SÁBADO, 12 DE SETEMBRO – IRIMIANZA - ROMAXE EN AGUIÑO

Ás 6:45 h - Saída de Castroverde ás.
Ás 7:05 h. – Na Ronda da Muralla, no edificio de Sindicatos.
Ás 7:10 h. – Na antiga Frigsa.
Aguiño: ás 11:00 h. aproximadamente.

Regreso: arredor da media noite.
AVISAR ANTES DO 5 DE SETEMBRO

Este é o programa que baixei:

XXXII ROMAXE DE CRENTES GALEGOS: AGUIÑO, UN MAR DE GRAZAS

Sábado 12 de setembro de 2009 en Couso-Aguiño
09:45 h Bombas de Palenque que anunciarán a festa
10:00 h Pasarrúas con Gaitas do País por Aguiño
a cargo dos grupos A Gandaina e Arume.
11:00 h Acollida en Couso con Mexillón e Viño de valde.
12:00 h Celebración no Mirador de Couso
14:00 h Xantar compartido (cada un trae o seu almorzó)

Animación polo merendoiro a cargo de Arume e A Gandaina
16:00 h Concerto de A Quenlla no mirador
18:30 h Oración da Tardiña na Igrexa do Carme de Aguiño

Nota: Haberá carpa, baños móviles e cantina.
Organiza: Asociación Francisco Lorenzo Mariño e IRIMIA
Colaboran: Concello de Riveira-Cultura e Festexos, A Dourixeira, Ardora, Publicolor, Angel López Soto, Clínica Gonzalo López Castro, Arume e A Gandaina.

http://aflmaguinho.blogspot.com/2009/08/xxxii-romaxe-de-crentes-galegos-en.html

PARTICIPACIÓN NA IVª FEIRA ARTESANAL


Breve resume da Actividade do 23 de agosto de 2009

O día 23, Amigos do Patrimonio participou, na IVª feira artesanal e gastronómica de Castroverde, cun posto para expoñer libros e fotos das actividades realizadas nestes anos e proxectando no salón de plenos da Casa do Concello:
- Terras de Castroverde
- O Camiño Primitivo polo Concello de Castroverde
- Roteiro de Soutomerille. (Sinalizado)
- Roteiro das igrexas Romanicas. (Pensamos sinalizalo este ano)
Para celebrar os vintecinco anos de Espalladoira, confraternizamos cunha comida algúns dos socios de ámbalas asociacións. Esta idea xurdiu, porque vintecinco anos de percorrido dunha Asociación, xa son anos e, por outra parte, hai persoas que son/somos socios das dúas.

Saúdos. Manolo Muñiz
Castroverde 24 de agosto de 2009

20 agosto, 2009

Miscelánea


O herdo:
Conservación, perfeccionamento e transmisión

Nestes días, que andei facendo unhas obriñas na miña/vosa finca “As Andoriñas” (Montecubeiro-Castroverde), tiven ocasión de reflexionar sobre a inxente cantidade de frases fondas e formativas que un vai recollendo e asimilando ao longo da vida, e coido que ningunha me impactou tanto coma a seguinte pronunciada polos beizos da nosa Enriqueta Otero: “É moito o que recibimos dos nosos entregos, e por tanto grande é a obriga que temos en conservar, perfeccionar e transmitir ese patrimonio, tanto no material coma no espiritual”. Grazas, Enriqueta; Deus cho pague.

A Historia, dun lugar, dun país, é tan só o relato daquilo que nos foi referido, ou que nós descubrimos, fose directa ou indirectamente, por escritos ou por indicios, acerca dunha evolución, dun transo secular, que no noso caso remóntase á Cova da Valiña, aí en Bolaño, nada máis e nada menos que do paleolítico superior; e comprendo que fai falta certa dose de humanidade, e de humildade, para recoñecer que o mundo, a civilización, non empezou en nós, con nós. O noso orgullo lévanos a presumir que canto había cando nacemos vale pouco ou nada, que a nosa prosperidade, e coa prosperidade, a nosa cultura, é coma a barba dos homes, que nos nace de rapaces, e por moito que a rapemos, que a maltratemos, non vai a menos. ¡Xa; pero non, non é así!


Para min, nesta bisbarra, non hai nada tan aleuto como contemplar unha das nosas casas; pero non as que fixemos nós, nin as feitas nin as restauradas, senón as primixenias, as herdadas: ¡Deus, canto traballo e canta ciencia acumulada, evidenciada, demostrada! O que nos falta é vela, querer vela. Invítovos a sentarvos diante dunha delas, de calquera, que non fai falta que sexa un pazo, e daquela, a pouco que meditemos, virásenos á imaxinación, coma se fose unha película, a Historia de Castroverde, ¡toda, enteiriña!

Levemos esa imaxinación á Cova da Valiña: ¡Meus pobres! Sobreviviron porque estaba de Deus que tiñan que perfeccionarse a si mesmos; comer do que atopasen polo seu Val Verde arriba e abaixo, defenderse das feras, abeirarse das xeadas, morrer de febres ou do que cadrase… Pero foron valentes, moito, xa que o seu Val, lento si, pero foi a máis: ¡Perfeccionaron aquelas armas de sílex, aprenderon a curti-las peles, construíron as primeiras chozas cubríndoas de xestas e de codesos, que xa era algo, ou máis ben, moito!


Cando se foron multiplicando, acadando unha convivencia social, de relación e de veciñanza pacífica, en aberta colaboración, elixiron os seus patriarcas, os seus políticos, para conduci-la tribo, para dirimir desavinzas, e incluso para organizarlles a defensa fronte aos seus inimigos, fosen tribos ou animais. Así xurdiu a idea, o proxecto, dos castros: amurallarse, pero non en calquera sitio nin de calquera maneira. Se nos detemos a contemplar analiticamente os nosos castros veremos que: ante todo buscaron uns altos naturais, doados de reforzar con pedras e con terra das inmediacións; estas situacións foron elixidas con asombrosa intelixencia porque nunca falta nelas un horizonte despexado, tanto para apercibirse da aproximación dos inimigos como para facerse, pasarse, ás castras veciñais, sinais de alerta, fose mediante fogueiras, toques de corno, e peles ou tecidos branqueados ou rechamantes que probablemente izasen a modo de bandeiras. Tamén era imprescindible ter cursos de auga ou fontes alcanzables, accesibles e suficientes.


Aqueles castros, así concibidos, eran imbatibles fronte aos inimigos tradicionais, aos internos do país, pero non o foron ante a enormidade, ante a potencia, ante a conxunción daquelas sintagmas dos romanos, apoiadas por unha cabalería que reforzaba e acudía con presteza aos puntos neurálxicos, e/ou abatidos. Os escudos romanos, compactados coma as cunchas dunha tartaruga xigante, resistían o lanzamento de pedras e de madeiras que recibisen dos asediados; e logo que o número de miles das falanxes atacantes, circundantes, multiplicando en número aos residentes, aos resistentes, era a mellor arma para infundirlles un pánico irresistible. ¡Por algo fuxiron, levando consigo o gando e demais provisións, para ese monte que hoxe coñecemos polo nome do seu atacante, o Mons Ciro, procedentes, con seguridade, de tódolos castros da rodeada! Neste Medullius, co pánico de verse escravos daqueles atacantes, daqueles romanos, unha vez que se lles esgotou a auga das dúas lagoas, optaron, segundo sabemos, por envelenarse co zume das teixeiras, daquela tan abundantes neste entorno, e non só en Teixeda!


Os romanos querían casas cadradas, ¡e así llelas tiveron que facer os nosos canteiros! Non pensedes que a muralla de Lugo foi obra de romanos; ¡nin a muralla, nin as casas! Eles mandaron, ordenaron…, pero o traballo, empezando pola canteira e seguindo polo transporte, elevación, colocación, etcétera, foi cousa do país, dos conquistados, dos sometidos.


Ao principio, nas casas labregas, tal e como ocorría nos Ancares ata fai pouco, o espazo era común: o gando na parte máis fría, para axudar a quenta-la casa! Tempo adiante o matrimonio novo subiu ao sobrado, ¡ao que sobraba!, buscando unha certa intimidade, e os vellos quedaron nas súas alcobas, nas dos seus entregos, por tras da lareira.


¡Oh, Deus, aquelas lareiras; templos auténticos e completos! Ademais da súa función de foro familiar, comezábase o día nelas atendéndolle ao pote das papas; e despois viña o do caldo, maiormente desde que os americanos trouxeron ese tubérculo, as patacas, que no entre tanto ao pote ían os nabos, os benditos nabos de Lugo, que moita fame levan quitado; xunto coas castañas, claro! A cea requiría dous potes, pois tamén existía o grande, o dos porcos, o da caldeada das vacas. ¿As vacas? ¡As vacas de Castroverde sempre foron os nosos ídolos máis prezados! Xunto cos porcos, unha divindade.


No Castro Verde de Portugal erixiron monumentos ás ovellas nos xardíns principais; nós somos máis desagradecidos, pois aínda non lle encargamos a ningún artista, e iso que temos a Pestana, uns esculturas axeitadas: ¡Da vaca, da cocha, das ovellas, das cabras, dos coellos, das pitas…! Non debera dicilo, pero as verdades escápanseme: ¡Somos un tanto desagradecidos!


Volvendo atrás: ¿É certo, ou non é certo, que a simple contemplación dunha casa, dunha eira, dun hórreo…, dinos máis, pode dicirnos máis, có mellor libro de Historia? ¿De propósito, sabedes por qué aos vinte anos escribín e publiquei o meu libro Bosquejo histórico-geográfico de Castroverde, dedicado ao meu avó paterno? Pois tamén volo vou dicir: Porque meu avó, aquel curandeiro - fistor de Berlán que sae tan chufado no primeiro número do periódico da Fonsagrada, “O Tío Pepe”, baixo o epígrafe, “O menciñeiro Verlán”, ensinoume a ollar con respecto e con admiración a obra, ¡as obras!, dos nosos entregos.


Pois isto é o que vos pido, o que vos propoño con este enésimo articulo da “Miscelánea”, que xa perdín a conta deles: ¡Que vos deteñades, sequera un anaco, a considerar os esforzos dos nosos entregos, que moito fixeron en proporción aos medios de que dispuxeron en cada época, e moito se afanaron para levarnos a onde estamos, sempre, ou case sempre, sometidos a unha vasalaxe, a señoríos, a pechos e a tributos abafantes! Grazas, unha vez máis, pola vosa atención,

Xosé María Gómez Vilabella

10 agosto, 2009

Imaxes do Concello

VÍDEO DE IMAXES DE CASTROVERDE

O noso colega "A Fiestra de Masoucos" publica un interesante vídeo con fimaxes do Concello. Roubámoslle o seu traballo para que chegue a tódolos amigos do Patrimonio de Castroverde e todo aquel que queira coñecer mellor a nosa terra. Graciñas.

01 agosto, 2009

A Asociación elevou escritos ante a Delegación de Cultura e a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo


NECESIDADES MÁIS URXENTES NO CAMIÑO PRIMITIVO
AO SEU PASO POLOS CONCELLOS DE
CASTROVERDE E LUGO



- Necesidade de albergue(s) en Castroverde. (Zona de Tarrío e Soutomerille)


- Protexer o enclave de Soutomerille e recuperar a rota Xacobea por este lugar en dirección ao camiño das Barancas. Enlace do Camiño entre os concellos de Castroverde e Lugo.


- Arranxar na Canteira de Báscuas a deplorable vista que ten actualmente.


- Recuperar o desvío do Camiño Primitivo en fincas de Báscuas e, nas Regas.


- Pasarela estrada novo hospital. Axeitar, provisionalmente, o paso na estrada da Fonsagrada, despois da gasolineira, onde se está a facer unha rotonda.


- Protexer o Carme como único elemento tradicional e, rural que queda na cidade de Lugo.


- Recuperación da apropiación do Camiño desde o Fornelo ata San Xoán do Alto...


- Entrada en Lugo, cruce estrada de Fonsagrada e cruce de Fontiñas (mal sinalizado).


- Necesidade de implicar a iniciativa privada.


- Que o Xacobeo, medie, para que o novo hospital de Lugo, leve o nome de: Hospital Xeral Camiño Primitivo, xa que o Camiño pasa pola súa porta.


Asdo.: Manuel Muñiz Besteiro

Castroverde, a 21 de xullo de 2009

Proposta de nome para o novo hospital de Lugo

A ASOCIACIÓN DE AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE PROPÓN QUE O NOVO HOSPITAL LEVE O NOME DE
HOSPITAL XERAL "CAMIÑO PRIMITIVO"


Para iso, o noso Presidente presentou, en representación da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, ante a sra Delegada da Xunta en Lugo e o sr Xefe Territorial da Consellería de Cultura en Lugo o seguinte escrito:

...............................
EXPÓN:

Que estando para rematar as obras do novo hospital de Lugo, diríximonos á V.I. para que o nome do hospital teña que ver coa vella tradición dos hospitais que balizaban, e balizan aínda, o Camiño Xacobeo, e que sendo O Camiño Primitivo o que pasa case pola súa porta, parécenos indicado un nome, que teña que ver coa ruta xacobea, polo que

SOLICITO:

Que desde a esta Delegación de Lugo se promova o nome de:
HOSPITAL XERAL “CAMIÑO PRIMITIVO” para o novo hospital
;

Agardando que a nos petición poida terse en conta, reciba un cordial saúdo.

Asdo.: Manuel Muñiz Besteiro
Castroverde, a 21 de xullo de 2009