Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

31 octubre, 2011

RESUME DO ROTEIRO DAS FEIRAS 29 e 30 DE OUTUBRO DE 2011



Itinerario completo do roteiro


Abondan os restos e desfeitas dos pendellos e carballeiras en boa parte das feiras visitadas. Na foto, restos en Lousadela


Este fin de semana, membros da directiva Terras de Lugo, Técnicos e bolseiros da Asoc. Terras de Lugo (GDR - 4), acompañados por un bolseiro da Fundación TIC,  fixemos o percorrido do Ruta das feiras. Un percorrido duns 200 quilómetros. Pasando polos campos das diferentes feiras de Terras de Lugo (concellos de Guntín, Friol, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo (zona rural), O Corgo e Castroverde), desde as que desapareceron, mais que permanecen os seus vestixios, ata as que están, minimamente, vivas.
   
Comezamos na mañánciña do sábado, día 29, en Guntín para cruzarmos polo Cotoroxo e Costa da Ribada, camiño de San Román da Retorta, onde houbo feira. Xa no concello de Friol fomos ao campo de Guimarei, onde se conservan pendellos e construcións ao seu redor. Desde aquí a Friol, unha das poucas que ten certa vida, de Friol a Cotá. Desde Cotá seguimos ata Santiago de Gaioso, xa de Outeiro de Rei, desde o campo da feira subimos a Penas de Rodas (impresionantes moles) , desde esta área de descanso subimos ao miradoiro de Paraños, desde onde puidemos ver toda a Terra Cha, ata o mirador que separa Castroverde e as terras do Cádavo e, se non foran polo eucaliptais poderiamos continuar vendo as Terras de Lugo. Desde aquí baixamos ao campo da feira de Rábade, outra das feiras que continúa viva. Desde Rábade a Ombreiro, onde tamén houbo feira. Desde aquí a Orbazai, sé  da Asoc. Terras de Lugo. De Orbazai a Nadela, onde hai outro campo intresante e con mostra de feira anual, desde Nadela pasamos a Terras do Chamoso, concello de O Corgo para irmos ata Adai, outra das feiras que se celebra todos os día 13 de mes, é a feira do 13, con mostras anuais de gando vacún e cabalar. Desde a Adai, seguindo polo val do río Chamoso para chegarmos a Castroverde, onde pernoctamos. 
Ao día seguinte, domingo, día 30, comenzamos non campo da feira de Castroverde, sendo un dos campos que mellor conserva os seus pendellos, grazas á rehabilitación que tivo lugar no ano 2006, para ver o que foron estas feiras, achegádevos o último domingo do mes de agosto, aínda que cambiaron moito estas feiras coas que estamos a lembrar. En Castroverde é de lamentar o souto que levou por diante a construción das naves que se levantaron nos anos 1970 e hoxe apenas teñen uso. Tamén é de salientar a zona das polbeiras que, non sei se o dixemos antes, feira non haberá, mais polbo (“pulpo”), cada quince días témolo. De Castroverde, subimos a Vilabade, mais antes fomos ver a serra ou cordal do Miradoiro e/ou Pradairo que separa as augas do Cantábrico e Atlántico cunha altitude de 1.029 m. de altitude, desde aquí puidemos ver as terras dos Ancares, Fonsagrda, Val de Valeira, Serra de Meira, Terra Cha ata as Pontes de García Rodríguez, Terras de Lugo incluído Lugo e o Miradoiro  de Paraños no que estiveramos o día anterior ata o Picato, Terras do Páramo, Corgo, Sarria, Becerreá; é dicicir, máis da metade da provincia de Lugo e parte de A Coruña. 
En Vilabade é de salientar a feira que houbo do liño, en palabras de Manuel da casa de Xaneiro, a quen agradecemos a súa colaboración. Son de salientar arredor da praza, a igrexa e pazo de Vilabade (que non imos describir aquí). De Vilabade baixamos ata Miranda, onde tamén houbo feira, mais xa non se conserva nada e desde aquí a Agustín para deixarmos Castroverde e voltar a terras do Corgo para irmos po Gomeán e Aseán onde xa apenas se conserva o típico campo de feira e, desde aquí voltamos ao concello de Guntín, onde son de salientar os campos da feira de Lousada, Grolos e Lousadela. Entre Grolos e Lousadela son merecentes de lembrar o mosteiro de Ferreira de Pallares e a ponte Cabalar. Destas feiras eu salientaría, sobre todo a de Lousadela que,  debeu de ter unha feira importante, así no lo deixan ver os restos dos seus pendellos e báscula que aínda resiste o paso do tempo.  Desde aquí volta a Guntín para pecharmos o círculo deste roteiro ou ruta das feiras.

Saúde, Terra, Lingua e, que  polo menos non desaparezan as carballeiras e logremos sinalar este roteiro.

Manolo Muñiz  

28 octubre, 2011

Discursos ditos con motivo do Centenario da Agrupación Instrutiva de Caamouco-Redes



DISCURSO NA IGREXA

Miñas donas e meus señores:

No ano 1911 uns galegos traballadores e emigrantes na Habana, coa parroquia de San Vicente de Caamouco como un lugar común de orixe, únense para proceder á fundación dunha sociedade cuxa única finalidade era construír, dotar e poñer a disposición da xuventude unha escola moderna con idearios e métodos pedagóxicos de vangarda, integradora e exenta de partidismos.

Se baixo as arcadas desta Igrexa volvemos a mirada atrás e valoramos o que supuxo a fundación da Sociedade e construción da escola, atoparémonos cunha fermosa historia chea de entrega e sacrificios, que no ano 1915 permitiu poñer en marcha o soño de moitos dos nosos devanceiros: ter en Caamouco unha escola moderna e digna, como foi a Escola da Tenencia. Agora que transcorreron cen anos e que pasaron polas súas aulas moitas xeracións de veciños de Caamouco, das que algunhas xa non están con nós, só nos queda render homenaxe a todos os que fixeron posible que a ignorancia marchara destas terras, que a cultura chegase ás nosas xentes e que a formación e a prosperidade que a Agrupación Instrutiva achegou a todos nós se manteña no futuro, como recoñecemento ós que, hai agora tanto tempo, traballaron para facer daquel soño  unha realidade.

É o día de hoxe unha ocasión para mostrar ó mundo que ás persoas que dedicaron parte da súa vida e patrimonio a facer realidade a Agrupación Instrutiva, tanto no momento fundacional como no século transcorrido dende entón ata hoxe, non serán esquecidos e que o seu exemplo permanecerá vivo entre nós. Como xente de ben que somos, o agradecemento que lles expresamos hoxe será a forza que nos mova para que estean presentes entre nós sempre. Manteremos entre tódolos veciños de Caamouco a súa obra erguida como símbolo de unión, de entrega e de altruísmo sen limites.

Moitas grazas.



DISCURSO NO CEMITERIO

Donas e señores:

Hoxe, un século despois, atopámonos reunidos no cemiterio de Caamouco para lembrar e honrar ós homes que dedicaron parte da súa vida e patrimonio a fundar e manter activa a Agrupación Instrutiva de Caamouco. Cen anos pasaron dende entón, nos que a nosa Agrupación pasou por diversas etapas que puxeron a proba o firme compromiso dos homes e mulleres desta Parroquia, que asumiron a responsabilidade de xestionala para que fora útil ós veciños.

Estamos aquí antigos alumnos e mestres, socios, veciños de Caamouco e amigos de diversa procedencia, unidos neste acto para manifestar a nosa admiración e agradecemento pola obra que un día, alén do mar, emprenderon os nosos devanceiros e que aínda hoxe se mantén activa.

Gustaríanos ser exemplo de respecto e agarimo, a imitar por todos os que como nós teñen preto deles unha institución como a Tenencia e deixan que esmoreza cuberta polas hedras e a desidia máis inxusta que se pode imaxinar. Galicia e os galegos e galegas teñen unha débeda cos homes e mulleres que os libraron do analfabetismo cando os poderes do Estado os tiñan abandonados. Unha débeda que aínda non se pagou, pois o descoñecemento do seu labor e existencia é notorio entre as xentes do noso país.

Fixeron unha escola integradora na que alumnos, mestres e pais souberon combinar esforzos para acadar ese ideal no que o ensino, medio e familia formaron un todo único no que se cultivou a instrución das xeracións da época. Por esta e outras moitas razóns, nós hoxe sumamos o latexo do noso corazón ás verbas que un día pronunciou un dos  nosos poetas máis senlleiros, Curros Enríquez, cando dixo aquilo de que “Para eles non haberá estatuas en vida, porque non as piden nin haberán de aceptalas aínda que llas concederan; pero haberá sempre un altar nos corazóns patrióticos e bendicións de gratitude na posteridade e na Historia. ”. Dende Caamouco promesa de gratitude e honra eterna, no día no que a nosa Sociedade cumpre cen anos, ós nosos devanceiros que fundaron e traballaron pola Agrupación Instrutiva de Caamouco.


Moitas Grazas a todos e cen anos máis de escola e cultura. 


BASES XXXV II CERTAME NACIONAL GALEGO DE NARRACIÓNS BREVES “ PREMIO MODESTO R. FIGUEIREDO” ANO 2011

 
 
1.FINALIDADE DO PREMIO
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración Do Concello de Rianxo organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de "Premio Modesto R. Figueiredo”. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o pontevedrés Modesto R. Figueiredo.

2.REQUISITOS PARA PARTICIPAR
Poderán participar todos os autores e autoras de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.

3.TRABALLOS QUE SE PODEN PRESENTAR
Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.

4.TEMPO E MODO DE PRESENTACIÓN
As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 20 de novembro de 2011 a algún destes enderezos:

FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO
Apdo. de Correos,627. Santiago de Compostela
CONCELLO DE RIANXO ( Concellería de Cultura),15920 Rianxo-A CORUÑA

Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas que o Xurado
considere apropiados para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e o currículo vitae se o considera oportuno, no exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.

(***)

 Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.

5.PREMIOS
A obra gañadora será premiada con 1000€. Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas poderán obter os segundos premios que serán de 400 € cada un.
Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda, que non conten con premio económico). En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento dos seus autores e autoras.

6.XURADO E DECISIÓN
O Xurado estará composto por catro especialistas en crítica literaria designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritores ( AELG e PEN CLUBE DE ESCRITORES DE GALCIA )e do Concello de Rianxo.
Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a, secretario/a e moderador/a (estes dous últimos con voz pero sen voto).

(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.

O Xurado reunirase cara á terceira semana do mes de decembro e dará a
coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.

7.ENTREGA DE PREMIOS
Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto organizado polo Concello de Rianxo na segunda quincena de decembro en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.

8.OBXECCIÓNS E NORMAS DE INTERESE
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro.
A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, que terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R.Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro.
As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con
capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.
O feito de concursar xa obriga as autoras e aos autores a aceptar as bases deste certame.

26 octubre, 2011

Función fúnebre dos cruceiros na bisbarra de Castroverde

O cruceiro das Cavozas


O cruceiro das Cavozas

¡Cantos responsos tes escoitado, e cantas ánimas terás aliviado, e contigo os outros desta bisbarra, tantos que tivemos! Crisantemos versus responsos. Non, non hai controversia, senón unha certa ondada materialista, pero non aquí, non só aquí, senón desde aquí a Sebastopol, ¡e se cadra máis aló! ¿Quen se lembra daqueles: “Réquiem aetérnam dona eis, Dómine: et lux perpétua lúceat eis”? ¡Os “deudos” igual non, pero os cruceiros, si!

En tan só cincuenta anos, medio século, dúas xeracións, os cruceiros cambiaron de función, ¡e menos mal se non nos deu por arrincalos do seu sitio, e por almacenalos na eira ou na palleira! Pousa-las angarellas diante do cruceiro, e nelas o ataúde, era un alivio para os levadores, e de paso unha gozada para o párroco, que ben vía de esguello como o sancristán termaba da bolsa, tamén diante do cruceiro, de tódolos cruceiros do recorrido. Os rapaces, ¡como sempre, pícaros, imitando os malos exemplos!, non nos cansabamos de repetir o noso remendo, polo baixo, naturalmente: “¡Catro duros son seguros, á conta de catro burros!”.

Neste medio século, ¡os tempos adiantan que é unha barbaridade, como dixo aquel!, os defuntos deixaron de estorbar nas casas, dous ou tres días, o tempo necesario para pasa-los avisos, e para que acudisen os parentes dispersados; nas Pompas fúnebres, que por algo se lles chama así, comezan os luxos, unha suite incomparable coa que tivemos moitos de nós en vida, para seguidamente viaxar, ¡como pouco a cen!, ao soberbio panteón de mármores onde nos esperan os vermes consabidos. A todo isto, os responsos, ¿qué? ¡Xa non son en latín, que agora entendémolo todo, todos, nin os parentes, amigos e veciños acoden á bolsa do sancristán! Non é que non se rece, non, a Deus grazas, pero xa non se fai polos camiños, na comitiva fúnebre. Daquela os cruceiros foron a menos, ¡ou a máis, pois agora son historia, son lembranza, forman parte do noso patrimonio, da nosa esencia, das nosas tradicións, das nosas lembranzas!

Nada me impresionaba tanto como escoitar o sufrimento dos porcos na matanza, naquelas matanzas sen anestesia, e tamén a observancia dos enterradores extraendo aqueles ósos aínda frescos, aquelas caveiras sen cerebro, e todo iso para facerlle sitio, para darlle eterno descanso ao/á seguinte! Os enterros de hoxe en día conmoven aos parentes e aos amigos, ¡como non!, pero divirten, asemade, a moitos espectadores, que aproveitan a ocasión para relacionarse socialmente. ¡C´este la vie!, que din os franceses, e menos mal que hai outra, pois o que é esta está saturada de contradicións.

Aí nos vén o Día de Defuntos, cos seus crisantemos, por suposto, e algún que outro responso, tamén, pero eu, dándome de bo cidadán, que por tal me teño, proporía aproveitalo para depositar senllas coroas, e mellor se son de laurus nobilis, ao sopé de cada cruceiro, pois coido que ben o merecen, á parte e ademais de que sería unha merecida homenaxe, tanto aos defuntos que viron pasar coma a aqueles sufridores que portaban as angarellas! ¿Vale?

Xosé María Gómez Vilabella

JORNADAS DE URBANISMO EN LUGO ORGANIZADAS POR ADEGA Y COAG LUGO



 La colaboración entre la Asociación para a Defensa Ecológica de Galicia (ADEGA) y la Delegación del COAG en Lugo, permitirá la celebración de unas Jornadas de Urbanismo en Lugo.


24 octubre, 2011

RESUME DO CENTENARIO DA AGRUPACIÓN DE CAAMOUCO- CONCELLO DE ARES



Despois da presentación da revista e o decubrimento da placa


   Neste sábado, 23 de outubro, asistimos ao Centenario da Agrupación Redes e Caamouco.
Comenzaron os actos cunha misa en memoria de mestres, alumnos, socios e fundadores falecidos, onde houbo por parte do oficiante unha lembranza e agradecemento para todos eles.
Seguidamente tivo lugar unha emotiva ofrenda floral no cemiterio parroquial, onde se deu lectura a un texto onde se aludía novamente á Agrupación e aos benfeitores.
Logo tivo lugar o descubrimento dunha placa conmemoratia dos cen anos, acto no que estaba toda a parroquia e convidados que eramos, entre outros, os da Asoc. Arcas de Sarria e Amigos do Patrimonio,  no acto interviron; o Sr. Alcalde de Ares, o Sr. Presidente da Deputación da Coruña e o Sr. Presidente da Asociación, Ernesto Naveiras.
O momento tamén serviu para presentar o número 4 da revista A Tenencia  “Hisotorias e Lembranzas do Porto de Redes”, número co que fomos agasallados todos os presentes.
Rematando, xa a comida, Ernesto foi agasallado cunha placa conmemorativa, por parte dos membros da Xunta Directiva da Agrupación de Redes e Caamouco, en agradecemento ao seu traballo. Tamén son de salientar as sentidas palabras, da Sra. de Ernesto, onde uns e outros louvaron o traballo e adicación á Agrupación, mais el (Ernesto) , aludiu a un traballo conxunto de moitas persoas, especialmente dos membros da Xunta Directiva.
Dicir que, os actos estiveron acompañados pola banda de gaitas da Ría de Ares.
Agradecer desde aquí o recibimento e bo acollemento por parte dos membros da Agrupación, especialmente a Ernesto Naveiras, José Luís Cacabelos,  aos que fomos de visita. Parabéns, Noraboa a todos os que contribúen amigos de Redes e Caamouco.

Saúde, Terra e Lingua e que a Agrupación continúe, como mínimo, outros cen anos.

Manolo Muñiz

23 octubre, 2011

MISCELÁNEA

Schwarzwald = Selva Negra (Alemania)

Castroverde visto polo retrovisor -II-
 
Cando fun ao encontro do noso irmán de Beja (Castro Verde de Portugal), no ano 1987, non levaba preconceptos: era un homónimo, e con iso chegábame e satisfacíame, pero cando estiven en Suíza, e aproveitei para adentrarme en Alemania desde Basel, confeso que ía nervioso, expectante: ¡Unha Selva Negra tiña que superar na intensidade do verde e na beleza ecolóxica ao meu Castroverde! Pois, non; ¡en absoluto!

Aquí o retrovisor foi rotundo: As casas, algunha, un pouco máis coidadas que as nosas, pero o que é o campo...! O noso Páramo, e máis chámanlle así, é un cacho de paraíso comparado coa súa Schwarzwald! Agora entendo por qué os suevos fuxiron da súa Xermania para asentarse na Gallaecia, particularmente na zona de Castroverde.

¿E de Basel, ou Basilea, qué? ¡Ata que chegaron os nosos só falaban dous idiomas: alemán e francés! Pois iso tamén o facemos en Castroverde, coa de emigrantes retornados que acolle a Asociación de Pensionistas e Xubilados, e logo que, a maiores, cortamos o castelán, a cotío, maiormente entre a xente que se dá de culta.

O verde de Suíza tampouco está mal, pero o que está requetebén son os seus silencios nocturnos, pois o botellón celébrano de día. De noite, descansan, que así están eles de lúcidos, de pulcros e de exactos, ¡que nin que fosen reloxos! Coido que debe haber moitos reloxeiros..., ¡para exportación, claro, pois eles acóllense ao sol, como facían os nosos vellos! Os galos en Castroverde tíñanse para a Pascua, e non como despertadores. Limpos, pulcros, económicos..., ¡que sempre traballaron co diñeiro alleo! Entre os seus inventos, o que máis me alucinou foi ese automatismo dos seus inodoros, un mecanismo que non permite abri-las súas portas se previamente non se tirou da cadea. En definitiva, que saben distinguir entre insumos e consumos, e logo que non paran de engadir valor as cousas. ¡O único do que carecen é de crises, maiormente das socio-económicas!

¿Dos franceses? ¡Non lles cambio a torre do noso castelo, e iso que está medio esquecida, pola súa Eiffel! En canto as francesas… O día que lles dea ás mozas de Francelos por acicalarse con Rêve d´Or, van cheirar mellor cá elas!

En canto a Portugal… ¡Foi unha pena que non nos tratásemos antes con eses parentes! Estabamos equivocados pois de Portugal todo por aquí só se coñecían os serradores, aqueles da serra enmarcada, e parecíannos atrasados. ¡Si, si, atrasados, cando a súa serra era máis liviá, máis cómoda e máis precisa que a nosa de aire, aquela que requiría almorzar cun quilo de touciño! 

De presente estamos no mesmo cesto cós veciños, niso que chamamos Unión Europea, pero cando se esperten os fillos de Breogán…, ai daquela! ¡Daquela temos que volver a pasarlles diante, que por algo nos pasamos a vida estudando…, pola falta de traballo! O que hai que procurar é organizarse para non ter que emigrar, xa que con iso mandámoslles os rapaces criados, forzudos e ilustrados, para que logo nolos devolvan…, escarranchados!


Xosé María Gómez Vilabella
 

18 octubre, 2011

RESUME DO "X PREMIO RAMÓN PIÑEIRO LÓPEZ “FACER PAÍS”

 
 MINI E MERO 
15 de outubro de 2011- Láncara




 Neste sábado, como xa temos comentado, estabamos para ir a Sarria coa Asociación Arcas, mais as circunstancias fixeron cambiar de actividade e en lugar de camiñar asistimos ao acto “Facer País”, cousa da que todos nos aledamos, porque a maioría coñecemos e simpatizamos con Mini e Mero desde hai moitos anos. Dicir que eu coñecinos, en Fuxan Os  Ventos, con “Galicia canta ao neno” e polo ano 1976-1977 cando eu facía bacharelato, acederon a facer un concerto para nós poder recaudar diñeiro para unha viaxe, logo cando cursaba os primeiros cursos de filoloxía realicei unha viaxe por Francia e Bélxica na súa  compaña xunto con outra persoas.... Logo de permitirme esta pequena lembranza, comentar que o acto comenzou na Casa do Concello de  Láncara na Póboa , onde Mini e Mero foron recibidos polo Sr. Alcalde, D. Eladio Capón e, logo dunhas breves palabras, asinaron no libro do Concello.
Desde a Póboa fomos á Casa de Turismo Rural, onde o seu dono, Carlos, nos agasallou xenerosamente, a quen agradecemos desde aquí a súa amabilidade.
Logo na ponte Carracedo, breves palabras de agradecemento e referencia á obra de ámbolos autores por parte dos representantes do Concello e Asoc. Val de Láncara, guiando o acto Xurxo Souto.
A seguir ao pé da Antiga Casa Consitorial interviron membros da Asociación Val de Láncara, onde deron conta da elección dos propostos; Mini e Mero, para esta X edición de “Facer País”, seguiron as semblanzas de David Otero e entrega do Premio por parte do Sr. Presidene da RAG, D. Xosé Luís Méndez Ferrín, para rematar coas emotivas palabras de ámbolos dous, cun profundo sentimento sobre A Nosa Terra, Cultura, Música, Lingua e con referncias sempre a un profundo amor fraternal e con miras amplas cara o futuro.
Rematando os gaiteiros do Inicio que nos acompañaron ao longo de toda a xornada.
Dicir que estiveron no acto representantes da RAG, escrtirores; músicos-canta-autores; políticos en activo e retirados da política e reprsenantantes da Área de Cultura da Deputación de Lugo, só por referirnos ás Institucións, entre os centos de  asistentes..

Saúde, Terra e Lingua, nunca mellor dito, amigos Mini e Mero.

Manolo Muñiz

12 octubre, 2011

AGRADECEMENTOS POLOS ACTOS DE FURIS...(FESTA DA VIRXE DO ROSARIO,2-10-2011)

       
Amigo Manolo Muñiz:

Xa pasaron uns días nas Festas do San Froilan, que rematan mañá, día do Pilar, e non queremos Manolo Gómez, Cesar Gómez e mais Eu, que pase máis tempo sen mostrarche formalmente o noso agradecemento máis sinceiro polo interese e axuda prestada na organización da Festa de Furis non só animándonos a invitar ao Orfeón Lucense para cantar a Misa, coa axuda da Asociación, que dignamente presides, "Amigos do Patrimonio de Castroverde", senón axudando a servir o xantar do Orfeón e invitados na "Casa Cantiz", de Manolo Gómez o Vicepresidente da Asociación. Tamén che agradecemos o resume que fixeches para enviar a Prensa así como as preciosas fotos. 
 
Facemos extensivo o noso agradecemento aos Membros do Orfeón, en especial ao Presidente, D. Xulio Xiz, ao seu Director D. Xesús Mato a,o Membro Subdirector D. Marcos e a Moncho, o organizador da viaxe. 
 
Non podemos rematar este comunicado sen mencionar a destacada presencia, en todos os actos, dos Membros do "CDR-4 TERRAS DE LUGO", o Presidente D. Alvaro Santos e Xerente D. Antonio V. Figueroa.  
 
A mín,como Secretario da nosa asociación, tocoume unha vez máis dar fe destes agradecementos, tamén meus.  
 
Saúdos afectuosos.
Pepe Yáñez.

04 octubre, 2011

RESUME DO ACTO DO “ORFEÓN LUCENSE” NA PARROQUIA DE FURÍS CONVIDOS POLA ASOCIACIÓN AMIGOS DO PATRIMONIO



  Nun caloroso e agradable día, hoxe 2 de outubro, tivo lugar a intervención do “Orfeón Lucense” na Misa de Nosa Señora do Rosario, convidados polo noso socio Manolo da casa de Cantiz, coa axuda e colaboración dos socios, que son membros do Orfeón, César Gómez e Pepe Yáñez, agradecer a todos eles a súa colaboración, mais especialmente a Manolo e familia pola amabilidade en poñer a súa casa á nosa disposición.

Dito isto, comentar que o Orfeón interpretou os cánticos da misa e ao final da mesma tivo lugar a interpretación dun pequeno repertorio, desde a interpreatación “Da que Deus mamou” de Afonso X , O Sabio, pasando por “Vela aí vai” para rematar co “Galopín”.

Ao finalizar e agradecer a actuación do Orfeón, o Sr. Cura párroco anunciou aos veciños que a igrexa de Furís ía ser lousada, polo que pedía aos veciños a colaboración para gardar os obxectos de valor. Benvidas sexan estas obras porque contribuirán á conservación do noso patrimonio. Parabéns aos promotores destas iniciativas, que son os veciños.

Logo da misa foto de rigor e, despois da comida cántigas, cantos populares e temos que salientar ao cantor e regueifeiro, (noso amigo), Álvaro Santos, presidente da Asoc. Terras de Lugo, que nos deleitou coas súas interpretacións e que para nós foi todo un descubrimento, parabéns, amigo Álvaro, dicir que tamén nos acompañou, o xerente de Terras de Lugo, Antonio V. Figueroa. A todos moitas grazas.

Saúde, Terra e Lingua.

Manolo Muñiz
 

RESUME DAS II XORNADAS DE FEIREANDO


   Estas segundas xornadas de convivencia arredor da Rota das feiras  tiveron lugar o 1 de outubro de en Castroverde, desenvolvéndose no CPI da Vila.

Pola mañá tiveron lugar os actos de:

-Apertura da xornada 
coa presenza de representantes da Deputación, concello de Castroverde e Terras de Lugo.
Logo interviron membros da Asociación Terras de Lugo para presentar:
-Pproxecto “ A Ruta das Feiras”
- “Intinerarios polo concello de Castroverde”
- “A Olimpiada Tecnolóxica como actividade educativa.
-“Baixar a intensificación da produción agrogandeira sen perder cartos: o traballo de AEDA.
-“Xestión responsable do C.M.U.M.C. de Carballo”

Finalizando esta parte da mañá coa 
Intervención do grupo Zuncurrundullo” 
que interpretou pezas desde o CPI ata a Torre da Fortaleza e desde a Torre ata a praza do concello

Pola tarde:

-“Criterios de sustentabilidade no uso turístico da natureza”
-“A importancia do asociacionismo para o desenvolvemento do turismo rural”
-“O Porco celta como alternativa e complemento á renda agraria”
-“Castaña de Galicia: un novo nicho de mercado. Actividades de Alibós Galicia S.L.”
-“Presentación da páxina Web: www.turismoterrasdelugo.com”
-Espectáculo de humor a cargo de Isabel Risco
-Acto de clausura por parte do Sr. Presidente de Terras de Lugo

Pensamos que foron unhas xornadas interesantes e que se continuarán desevolvendo para o videiro ano no concello do Corgo.

Saúdos. Manolo Muñiz

Mini e Mero premio Ramón Piñeiro-Facer País 2011

 


 
Parabéns a Mini e Mero pola concesión do premio Ramón Piñeiro López-Facer Paísmúsicos, poetas, mestres, investigadores do patrimonio cultural galego e prolingüeiros onde os haxa.

Conmemoración do centenario da Agrupación Instrutiva Redes e Caamouco.



O que queira participar ten que comunicalo antes do día 15 de outubro