Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

27 marzo, 2012

GRAVACIÓNS DO DÍA 24 DE MARZO DE 2012 NO CONCELLO DE CASTROVERDE



Parte dos asistendes diante da Cova da Valiña


O sábado, 24 de marzo,  membros da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde estivemos facendo unhas dez ou doce gravacións con bolseiros da Fundación Tic por Terras de Castro Verde.
Desde as 9:30 h. ata as 21:00 h. en que rematamos, só parando para xantar.  Nas gravacións participaron  Felipe Arias Vilas, César Llana, Manuel Varela Gorgoso, Ánxela Gracián, Generosa Torres, Jesús ou Suso Lamela de Rodinso, Paco Pestana, César Gómez, e faltounos, entre outros varios, Ricardo Polín por motivos de saúde, participando eu tamén. Veremos como queda a montaxe!!!  Faltaron algunhas  referencias do Miradoiro do Pradairo, os sartegos de Recesende e referencias a Soutomerille. Non houbo tempo a máis. Con respecto a este tema, sería interesante que o concello se preocupara en adquirir unhas mil copias ou máis para que unhas cantas se quedara con elas o Concello e outras as distribuira entre as diversas Asociacións, CPI, etc.

Nesta ocasión non faltaron as malas experiencias, xa que case de noite, rematamos gravando en Furís, e puidemos ver, por un lado que están restaurando a igrexa e polo outro mirade que desleixo, que despropósito, que desprezo cara o noso traballo, nós valorando, poñento o territorio en valor e os veciñons botando os plásticos ao carón do Panel principal do Roteiro  Furís-Páramo.  Que facer? Deixar constancia nos medios, e comunicarllo ao concello? O Sr. Alcalde é da parroquia debería sabelo.

Moitas grazas a todos.
Manuel Muñiz
Presidente


César LLana diante da Cova da Valiña

No Pazo de Carballedo

Suso Lamela no seu muiño

Generosa de Torres no Palco da Música de Bolaño

A Torre da Fortaleza

Anxela Gracián

Igrexa de Furís

Capela do Carme

Felipe Arias Vilas

Manuel V. Gorgoso
Lixo e feísmo ao pe do cartaz informativo
                                                                                                                                                     

RELEXIÓNS CORESMAIS



Sete gordas, seguidas de sete fracas… Así falaban os exipcios; os economistas preferimos dicir “ciclos”. Por algo se inventaron os silos; graneiros, granarium para os romanos. Son boísimos…; o único malo é privarse dos antollos nas épocas de tolemia, de abundancia! Son bos porque ensinan moderación, moderación e previsión. Ao longo da Historia os pobos que resultaron máis traballadores, máis prósperos, con prosperidade propia, de longa duración, foron os asentados en terras pobres, tomándose Suíza como prototipo. Para antítesis chega con lembrar o dano que lle fixo á iniciativa española a existencia da Torre del Oro de Sevilla, auténtico cofre dilapidador das nosas depredacións americanas.

Non se trata de vivir nun tonel, como Diógenes, pero tampouco de queimar Roma, a estilo Nerón, para acadar o clímax dun pracer tan efémero como salvaxe. Na nosa prudencia cenemos lentellas, tamén chamadas “Píldoras de Negrín” por ser o manxar máis accesible naquel Madrid de 1936/9, aquelas leguminosas tan nutritivas coas que gozaba Diógenes cando o sorprendeu o sibarita Aristipo, que vivía a corpo de rei a base de adula-lo Rei. Seica lle dixo: -Se aprendeses a ser submiso ao noso Rei, non terías que comer esa porcallada de lentellas! Pero Dióxenes, o morixerado Dióxenes, rebateulle de inmediato a súa falacia: -Se houbeses aprendido, coma min, a comer lentellas, agora non terías que adular a ese que se dá de Rei!

Nin privacións evitables nin dispendios excitantes. O goce ben entendido está na prudencia cotián; e se as vacas da especulación están inchadas, deixalas asentarse, que xa fraquearán, xa, pois non hai primavera que non conduza a un novo inverno. Acordémonos tamén daquelas mazás do Edén, que as comeron cando aínda estaban verdes…

                        Xosé María Gómez Vilabella

25 marzo, 2012

SIROCOS E ASIROCADOS



Impresionado polas animaladas dese asasino de Toulouse, ese tal Mohamed Merah, véuseme á imaxinación aquel debuxo do noso paisano Regueiro no que tan ben captou os efectos dun siroco. ¡Máis asirocado có Merah, imposible, e iso que non se criou no Sáhara!

Segundo o mito, debémoslle a Epimeteo que, namorado perdidamente de Pandora, tivese a malsá curiosidade de abrirlle a caixa da súa dote…, disparándoselle os ventos! E menos mal que lles quedou dentro o único positivo, a Esperanza! Con tales asirocados cabalgando nos seus cabalos mouros logo dan ganas de esconderse en Naveda, ou aínda máis arriba, aínda que sexa entre os toxos…, para fuxir das traxedias inherentes! Cando dabamos o mundo occidental por sosegado e ilustrado, de cando en vez desbócanse os cabalos da intolerancia, do fanatismo, e dan qué sentir.

¿Qué podemos facer? ¡Só hai un remedio, ter fillos, coa esperanza de que algún se librará da tolemia, e amansará nos outros, que por engado adoitan ser os máis prolíficos! Nisto, precisamente nisto, está o talón de Aquiles da vulnerabilidade europea: Cando a prosperidade deste continente, e con ela a salubridade da súa xente, propiciou unha prole desbordante, e por ende, emigrante, mandante, mangoneona; a inmediata foi poñerse a navegar, a invadir, a explotar…, pero aqueles invadidos, pouco a pouco, coa salubridade recibida, aportada, deron en multiplicarse…, mentres os seus invasores se desangraban en guerras interiores, intestinas. ¡De colonizadores, colonizados, pois incluso lles perforamos os seus pozos petrolíferos!  Rexeitados, desbotados, os europeos tornaron para a casa matriz, onde: Estiñaron as súas feridas, e volveron a prosperar; déronlles cultura e traballo ás mulleres, e estas, entre que non podían, e que tampouco querían molestias, puxéronse a trebellar, pero, ¡para a feira! A prosperidade e a mecánica trouxeron consigo o desafecto polas manualidades;  daquela, con iso, e tamén por causa diso, ¡abriron, abrimos, as fronteiras, pagándolles incluso a viaxe aos resentidos, aos fanáticos, que xa estaba ben de que as invasións as fixesen os bárbaros do Norte!
¡É o péndulo de Faucault, e quen non perciba estas oscilacións históricas será que está cego, aínda que abra os ollos!


                         Xosé María Gómez Vilabella

23 marzo, 2012

A Xunta ultima os trámites para abrir o albergue de Castroverde



23/03/2012 - Pablo Rodríguez / El Progreso (Lugo)


A Xunta de Galicia ultima os trámites para pór en funcionamento o albergue de peregrinos de Castroverde, a cuxa construción destinou un orzamento que superou os 600.000 euros.
Segundo informaron o Goberno autonómico, os traballos construtivos xa finalizaron hai semanas e adquiriuse tamén o equipamento, polo que para a entrada en funcionamento das instalacións, situadas xunto ao trazado do Camiño Primitivo, só requírese dun último trámite, o documento de final de obra no que debe figurar o visto e prace da Dirección Xeral de Patrimonio.

22 marzo, 2012

A HERDANZA DOS FRADES DE MONTECUBEIRO

O autor, no primeiro día de traballo no Banco Exterior de España
 
Ora et labora, foi a consigna, a herdanza que recibín daqueles dominicos do convento de Montecubeiro a través, por mediación, de meu pai. ¡Deu-los bendiga! Lémbrome perfectamente que ma ensinou, que ma explicou, aquel día de defuntos no que pasamos a reitoral da parroquia, antigo convento, para encargarlle ao señor Cura, D. Benito Castro Piñeira, uns responsos polas obrigas da casa de Gómez de Bergland. Desde aquel día apropieime do lema, ou sería mellor dicir que tratei de seguilo; e como é inalterable, sen posible caducidade, aquí o deixo, para os meus fillos, e destes, para os netos.

Nisto mesmo estaba pensando cando me tiraron esta fotografía no meu primeiro día de traballo bancario; dixéronme que iso de retratar aos novatos era a novatada, un costume que tiña aquel Pedrola do departamento de Persoal do Banco Exterior de España, onde me sentaron…, ¿ou debera dicir, onde me asentaron? Xa pasara por unhas poucas: zoqueiro, mestre de a ferrado, tres anos, desde os 18, como mecanógrafo do Consejo Supremo de Justicia Militar, oposicións…, e por último, ¡listeiro!, pasar lista e control de todo o persoal da casa, retrasos, vacacións, xustificación de ausencias, etcétera. En definitiva, o acusica da Central.

Naquela mesa só me faltou unha cousa: un letreiro co lema dominicano; pero non foi preciso pois, o que ben se aprende, nunca se esquece, e vindo dos pais, menos aínda.

¡Ora et labora, bendita consigna, orde inesquecible! Iso, orde, pois como tal debemos levala na memoria cerebral, e xa que logo, pasala á memoria do ordenador, por se alguén aínda non a coñece. Así como os Mandamentos se encerran en dous, amar a Deus sobre tódalas cousas, e ao próximo por Deus, a nosa vida pública tamén debe concretarse nestoutros dous, pois, ao meu entender, nisto cabe e se concreta toda posible exemplaridade. ¡Pero qué listos, e qué santos, aqueles dominicos! Con tal herdanza, eu ata lles perdoaría que exercesen aquel privilexio da prima noctis, se é que o utilizaron no meu Montecubeiro, pois honra, que non deshonra, sería proceder de tales homes!

¡Ora et labora, compendio de virtudes, pero, lamentablemente, un tanto demodé a estas alturas do XXI!

                                                                       
                                             Xosé María Gómez Vilabella


                                                                          -.-

18 marzo, 2012

CONTINUACIÓN- ROTEIRO DAS FEIRAS



Vilabade- O Codesal - A Fortaleza - Castro Verde-Cubelas/Covelas-  O Mesón da Cabra- O Salgueiriño-Outeiro-Santa Xuliana -Gracián

   Neste sábado, algo chuvioso (menos mal que algo choveu, temos que dicir nesta ocasión), saimos de Vilabade arredor das 10:00h. para continuar o roteiro das feiras, idea que partiu da Asoc. Terras de Lugo e nós tentaremos sinalar. De Vilabade baixamos ata Castroverde polo Codesal e desde aquí pola praza do Rolo achegámonos á Fortaleza e desde aquí ao campo da feira e Veiga do Olmo. Desde a Veiga do Olmo baixamos a perto de Cubelas e desde o lugar do Corral subimos ao Mesón da Cabra, cruzando a estrada de circunvalación achegámonos polo Salgueiriño ata Outeiro e desde Outeiro por Santa Xuliana e polo camiño de Bidueiros ata Gracián; aldea bastante ben conservada, lástima da capela, hórreo (que xa caeu) e casa fidalga que se encontran en bastante mal estado.
Finalmente, a nosa socia e amiga, Ánxela Gracián, e a súa nai convídáronnos a probar o chourizo e o pan, grazas en nome de todos pola amabilidade e disposición, ofrecéndonos a participar, para outra ocasión, nunha fornada do pan para falarmos de todo o que significou o pan na nosa cultura. Todo se andará.

Saúde, Terra e Lingua

Manolo Muñiz

ASOCIACIÓN CULTURAL ARCAS. GRUPO DE SENDERISMO. SÁRRIA


AVANCE PROGRAMACI´ÓN : DÍA 14 DE ABRIL DE 2012
.
 
ROTEIRO DE SÁRRIA A CÉLTIGOS
SAÍDA DE EROSKI ( RÚA MATÍAS LÓPEZ ) ÁS 9 E MEDIA DA MAÑÁ
SEGUIMOS polas PONTES NOVAS DO MAZADOIRO e polo Camiño da Fábrica ata Treilán., pasando a carón da CASA DE SARRY ( onde se curtían peles).
Pola AGRA DE TREILÁN chegamos á Piqueira en BETOTE, e dando volta por
xunto da Croa do Castro de Betote chegaremos á IGREXA románica de San
Vicenzo de Betote ( haberá explicación).
Recorrendo un treito da C-546 ata a rotonda do corredor-acceso ao
Morelle, colleremos a pista de Vilar-Lousadela, continuando en
direción a Lousadela , por pista asfaltada. Pasado o desvío a Tosal e
deixando á dereita a Croa do Castro de Lousadela , alcanzaremos a
Igrexa románica de Santo Estevo de Lousadela ( haberá explicación).
Baixando por carballeiras e pinares chegaremos a SAN COSMEDE,
collendo á dereita en direción a Sopena e Ronfe vendo ao fondo o
Castelbelo, onde na Idade Media houbo un castelo . Unha vez pasada a
Ponte do FFCC, torceremos á dereita, levando o río Sárria á nosa
esquerda, que atravesaremos polo pontón de Ronfe, vendo o conxunto da
Igrexa de San Pedro, Ppazo de Ronfe, Muiño de Camba e Pesqueira.
Seguindo por unha estarda local polas Veigas de Ronfe e Vilambrán
chegaremos a CÉLTIGOS, á altura da factoría de FONTECELTA.

O RECORRIDO TOTAL É DE CATORCE KM.

REMATARÁ O ROTEIRO CUN XANTAR.


Saúdos

ORGANIZADO POR "ROTEIROS DE POL"

17 marzo, 2012

XXXV ROMAXE EN CASTROVERDE

Reflexións previas
-III-

As segas en Chamoso



Ninguén morre sen deixar herdanza. ¡E débedas, tamén; polo menos de gratitude cos que nos deron a man, cos que nos aconsellaron con prudencia, esa virtude tan escasa, incluso entre os que se dan de amigos! Non hai terra baldía, pois ata as rochas producen fungos; nin vida estéril, pois, quen máis quen menos, algo fai, algo fixo, algo deixa. O dilema está na calidade dos feitos, dos froitos, que van desde o trigo ao orxo.

Ego sum = +- A +- B +- C +- …  ¡Un polinomio! Un polinomio, si, pois todo e ben non o fai ninguén; daquela, cando a resultante é positiva, dereitos ao Ceo!

Virxilio dixo: Félix qui potuit rérum cognóscere causas. Feliz o que puido coñecer as causas das cousas. E Sócrates, “A felicidade faina un mesmo, coa boa conduta”. Ergo, todos somos fabricantes, inventores; por tempos, ventos ou tempestades. Faltoulles unha ampliación: ¡Non só a nosa, a propia, senón, e tamén, a do próximo circundante! Co vento, respiramos, límpase a atmosfera; as tempestades convértense en riadas, erosionan as mellores terras. ¡Está claro: os goces vitais veñen da nosa conduta, da propia! Daquela, infelicidade será o contrario, non si?

Cada acto, cada decisión, vén a ser coma os módulos que engarzan aos átomos para formar células; e as células, á súa vez, fan os acios vivenciais. ¡Deus, a de derivadas que pode ter un simple acto dun simple mortal! Menos mal que Deus ten connosco a bondade da miopía, que só vemos a dous pasos, pois se chegásemos a ver, a contemplar, a sopesar, a que montamos cunha malicia das nosas, das habituais, o dano, a repercusión, a interferencia que podemos causar cunha picardía, unha de dúas: ou darnos por imperdoables, ou volver correndo a dicir digo onde antes dixéramos Diego! As células malas avinagran as contiguas; as boas multiplican os goces, e cos goces, os gozantes.

No exame final, no da sega, cando nos dean a nota, seguro que nos deixan ver as correccións que cabían nos nosos actos, pois de non ser así igual nos parecerán inxustas as sentenzas. Se non fose porque Deus ten archidemostrada a súa paternidade bondadosa, ¡ira de Deus, qué sería se lésemos a Montalbán, se nos xulgase alguén da catadura de Satán!

Na confesión pídesenos un “propósito da emenda”… ¡Menos mal que é só un propósito, un desexo de emendar no posible, pois fixemos tantas cousas que non admiten emenda, que non teñen volta atrás! Disto hai que deducir que a precipitación no actuar é de seu perigosa: Digamos e fagamos con lentitude, a ser posible despois dunha noite de reflexión, que non hai mellor conselleiro que a almofada, que por algo é feminina!


Xosé María Gómez Vilabella

Programación do Museo Provincial

Programación complementaria da exposición “A arte de ser muller nun mundo por compartir 4.0”
Data: Luns, 19 de marzo de 2012
Lugar: Sala de Exposicións Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo)
18:00.- Conferencia: Imaxe da muller na arte, a cargo de Gema López.
19:30.- Conferencia: A obra de muller como categoría artística, a cargo de Monse Cea.
èComezan Mostras CINE AMAL
Lugar: Museo Provincial de Lugo, Museo Provincial do Mar (San Cibrao-Cervo), Museo Fortaleza San Paio de Narla (Friol), Museo Pazo de Tor (Monforte)
Temáticas: Magreb, Inmigración, Mozos e mozas e Mulleres
+ info web (ver programación, datas e títulos)

EXPOSICIÓNS
èQuen lle dá a volta á tortilla?Lugar: Refectorio do Museo Provincial de Lugo
+ info web

è A arte de ser muller nun mundo por compartir 4.0?Lugar: Sala de Exposicións Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo)
 
è Documentos con memoria (exposición en itinerancia)
Lugar: Centro Socio-Cultural de Pol
+ info web


Inaugurada onte na capela de Santa María a exposición, na que participa Paco Pestana, socio da "Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde"





A señora da gadaña e as demais


16/03/2012 - Marta Veiga / El Progreso (Lugo)


A morte ten tirón ou, cando menos, os lugueses responderon onte á chamada da parca, da señora da gadaña, da dama branca, da bicha... todas elas protagonistas da exposición ‘73x73x273. A irmá do soño’, que foi inaugurada onte na capela de Santa María. Non houbo laios nin renxer de dentes, senón expectación ante a obra de autores como Antón Lamazares, Mónica Alonso, Roberto González, Ramón Conde ou Ignacio Pardo.
‘A irmá do soño’, mostra nacida da colaboración entre a Universidade de Santiago e o Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da Deputación de Lugo, é pintura, escultura e fotografía, pero tamén é videocreación, collage dixital e instalación, nunha escolma de distintas técnicas.
Contou onte Fátima Otero, comisaria da exposición, que a idea inicial non foi outra que a de «poner luz a la muerte, que en el siglo XX y XXI ha pasado a convertirse en tabú».
A escolla dos 27 artistas que expoñen as súas obras en Santa María vai desde autores que abordan os rituais de sangue e poder a outros que se achegan ao fenómeno dun xeito «más soslayado», dixo Fátima Otero.
Esta comisaria, que compartiu tarefa con Cristina Carballedo, subliñou que se trata dunhas visións sobre o fatal desenlace que ofrecen un resultado «nada macabro» e que compoñen unha mostra «inédita» en Galicia, que iniciu andadura o día da Candelaria en Santiago e que chega «a la ciudad del Sacramento en pleno tiempo de Cuaresma, que es el de la reflexión sobre la muerte». Citou, antes de rematar a Heidegger: «Vivir mata, pero, mientras tanto, vivamos la vida».
O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o vicerreitor de coordinación do Campus de Lugo da Universidade de Santiago, Pedro García Herradón, coincidiron en que é en tempos difíciles como os actuais cando as institucións deben darlle un pulo ás actividades culturais.
Asistiron, asemade, á inauguración de Santa María, algúns dos artistas cuxas obras forman parte de ‘73x73x273’, como Ramón Conde, Roberto González, Paco Pestana, Christian Villamide, Fernando Yáñez ou Montse Rego.







15 marzo, 2012

MISCELÁNEA

¿Haberá voda, volverán a casar?



Xa o estiveron, en tempos, concretamente na época sueva, un dos nosos 11 condados, pero veu a moda dos divorcios…, e escangallouse a familia Flammoso! Agora que Cesuras e Oza dos Ríos decidiron santifica-los seus amores veciñais refundindo as Consistoriais respectivas, ¡dúas casas abertas dan o dobre de gastos!, igual aparece un nostálxico que lles propoña aos divorciados Castroverde-Corgo un arranxo amigable, volver ao connubio! Non sería o primeiro dos matrimonios rotos que volven ao rego común, neste caso ao rego, ¡ao río!, Chamoso.

Eu, por hoxe, non digo máis nada, pero, tal e como andan as economías familiares, os matrimonios de conveniencia están chamados a ter futuro. ¿Si, ou non si?

Xosé María Gómez Vilabella


14 marzo, 2012

"O futuro do sector da comunicación en Galicia". Conferencia organizada pola Asociación da Prensa de Lugo


 José María Besteiro (*) é Licenciado en Ciencias da Información e Master of Science in Broadcasting pola Universidade de Boston e  un dos produtores de televisión máis importantes do noso país.
Besteiro sostén que a estrutura da TVG é o maior lastre do sector


08/03/2012 - Ramón González / El Progreso (Lugo)
O xornalista e produtor audiovisual de Riotorto José María Besteiro analizou onte na Deputación o futuro do sector da comunicación en Galicia nunha conferencia organizada pola Asociación de la Prensa de Lugo, e na que defendeu a tese de que a «estrutura sobredimensionada» da TVG é o principal lastre a superar.
Besteiro, produtor executivo de ficcións como ‘Mareas vivas’, ‘Libro de familia’ ou ‘Sin tetas no hay paraíso’, e a quen Antón Grande definiu como «un monstro da comunicación», comezou a charla analizando o impacto de internet.
«Hoxe en día un neno na Fonsagrada pode facer unha curtametraxe cunha cámara e un ordenador e Facebook convirte a todos en pseudoperiodistas ou pseudoinformadores. Todo isto é apaixoante, crea oportunidades pero tamén ameaza o mundo no que vivimos», espuxo, «que se acaba tal e como o coñecemos».
A partir dese novo escenario, o productor plantexou os problemas do sector en Galicia co ánimo «non de sentar cátedra», pero si de «constatar realidades e tratar de mollarme e aportar solucións», adiantou.
Besteiro remarcou «paradoxos» como que «un país no que o Goberno destinou 120 millóns de euros anuais ós medios de comunicación atravese a peor crise mediática da súa historia» ou que «nun país onde hai preto de 200.000 ou 300.000 votantes nacionalistas non quede ningún xornal en galego».
O productor salientou que o futuro da radio, «a irmá pobre», é sen embargo o máis alentador do sector, xa que «os seus costes son máis reducidos».
No tocante á prensa escrita, destacou que «é difícil que nun país de 45 millóns de habitantes, onde os medios líderes entran en crise, non o fagan os xornais rexionais, que venden a décima parte», e que «a prensa en galego foi sempre unha utopía».
Con respecto ó cine, espuxo que «en Galicia nunca o houbo, so fogos de artificio, porque está feito para que a xente o vexa e so o conseguiu ‘El bosque animado’», igual que «internet, en termos de país, tampouco existe».
Besteiro referiuse á televisión pública para demandar que «custa 36 euros a cada galego e ten que ser máis eficiente», e apuntou que «o principal problema é que a TVG foi deseñada polos que pariron RTVE, en tempos de bonanza, e dun sistema de relacións laborais en exceso garantista», e con algúns «vicios tanto do franquismo coma do nacionalismo galego».
Para o productor, «xa non hai maneira de enderezar a TVG, a non ser con reformas estruturais, que afecten sobre todo ó seu plantel. Televisión non rima con funcionario, e é un luxo que non nos podemos permitir», recalcou.
Afirmou que pese que a chegada da TDT «foi un golpe mortal xunto á crise, pois fragmentou as audiencias, os políticos foron cortoplacistas e non modificaron estes problemas de base», esixindo un maior apoio para o sector privado, que «so recibe un 33 por cento do orzamento da TVG».
Concluíu que en Galicia «fáltanos masa crítica para facer algo grande e serio, temos un idioma non exportable e o que nos identifica é o que nos limita», polo que so queda «traballar con mentalidade de guerrillas, de formigas para facer cóxegas ó elefante».
Besteiro propuxo un «mellor reparto» dos 120 millóns destinados pola administración aos medios, e recalcou que «sobra a metade do plantel da TVG».
«Unha canle local ben xestionada pode facerse con un millón de euros e con menos medios», resaltou Besteiro, afirmando que «o dez por cento do presuposto da TVG podería destinarse ós xornais».
«Non pode ser que por ter 600 empregados de máis na televisión pública se destrúan postos de traballo en empresas privadas que están ben xestionadas e cuxos traballadores nos custan a metade», rematou, de modo que «ou se fai ciruxía ou se irá ao enterro».
__________________________________________

(*) Nado e criado en Riotorto (Lugo) o seu pai naceu en Vilar de Cas, concello de Castroverde

FIRMA INVITADA




O día no que nacín  ...

Por
José María Besteiro Cabanas
José María Besteiro é Licenciado en Ciencias da Información e Master of Science in Broadcasting pola Universidade de Boston e  un dos produtores de televisión máis importantes do noso país.
... a miña nai non estaba no hospital. E non porque se esquecera da cita, senón porque naquel tempo os nenos naciamos na casa. Os lugares dos anos sesenta tiñan estas excentricidades. De feito, o meu era tan pequeno que nin tan sequera viña no mapa, así que aquilo creábame serias dúbidas sobre o lugar que ocupabamos no mundo.
Cando eu era pícaro, os animais falaban e o dinosauro aínda estaba alí. Ou se non estaba, acabábase de ir. Sei o que é recoller a herbaseca e montar un cabalo a pelo. E bañarme espido no río, que non era precisamente o de Heráclito, senón un afluente do Eo, o Torto. Que verde era o meu val. A miña nenez cheira a feno, a herba e a nocilla. A miña infancia non son recordos dun patio de Sevilla, senón a memoria da miña nai rezando comigo o xesusiño da miña vida e a imaxe de Tarzán, que por entón non tiña amigdalite, saltando polos liames dun monitor Philips. E os contos que me contaba o meu avó, por suposto. O meu avó viña do arado romano e do latín. O meu pai, da guzzi e da posguerra. A miña nai, directamente do ceo. De todos eses afluentes nútrese o meu río. O día máis feliz da miña vida non foi o da miña Primeira Comuñón, onde por certo ía vestido de Cabaleiro da Orde de Santiago (como un napoleóncito con grelos), senón a tarde en que chegou á miña casa a televisión. Porque eu non nacín co cine, senón coa televisión. Sempre pensei que me criei na casa da Pradera, pero seguramente sexa máis acertado dicir que me escapei con nocturnidade e aleivosía das páxinas de Memorias dun neno labrego. En todo caso, son un desertor do arado. Do arado romano do meu avó.
Polo demais, fun seminarista e neno de coro, e cheguei aínda a tempo de bicar o anel daquel príncipe da Igrexa chamado Monseñor Ona de Echave, que era Bispo de Lugo. Por aquel entón eu quería ser astronauta, pero o meu avó, que era moito máis razoable, quería que fose Papa. De maior, sentei a cabeza, e xa só quixen ser pequeno. Tamén fun representante de artistas, executivo agresivo, xornalista e produtor de televisión. Estiven á fronte dunha revista, o cal me permitiu espir e embarazar a Miguel Bosé, dirixín unha radio, unha televisión e ata unha empresa.com. Se non fose porque son un cu de mal asento, teño claro que sería escritor.
Pero a inspiración é unha longa pacencia e eu, con corenta  e oito anos  ben cumpridos, aínda non aprendín que o máis urxente é non ter présa. Fraga ao meu lado parecía que se expresaba a cámara lenta. O vicio da lectura adquirino mentres facía quenda na barbaría para cortar o pelo á navalla, que era a moda da época. Descubrín a Francisco Umbral no Sal e Pimienta, e desde entón sei que ler é como soñar esperto. Como dicía alguén de cuxo nome non podo acordarme, escribir é fácil, o difícil é pensar. Afortunadamente, os mitos desapareceron o día en que recentemente chegado a Madrid Umbral pediume prestadas vinte mil pesetas das de entón. Ese día perdín un mito, pero gañei un amigo, que xa descansa en paz, por certo. Polo demais, a miña vida transcorreu sen grandes sobresaltos. A miúdo confundín a paixón co amor, o touciño coa velocidade, o desexo co agarimo e as churras coas merinas, e ata coas meninas, o cal xa é máis grave. Quizais o mellor modo de resumir a miña existencia é dicir que tiven a mesma sorte que Gump, Forrest Gump, cando decidiu investir os seus aforros nunha empresa de mazás que ao final resultou ser Apple. Por iso gústame dicir que a miña carreira é unha suma de erros afortunados. Así foi como pasei de aldeano a aldeano global, o cal ten moito glamour, pero non enmascara o feito de que, con ou sen adxectivos, servidor segue sendo, e a moita honra, un aldeán. plantei unha árbore, escribín un libro, e coa miña muller, Lucila, tiven dous fillos, que é o mellor que me pasou na vida. En sentido estrito non sei o que é traballar, pois teño a sorte de gañar o pan sen esforzo e sempre me pagaron por facer o que me gusta.
A miña carreira como executivo acabou o día en que un dos meus xefes me dixo que eu era moi bo mandando, pero que non sabía obedecer. Non lle faltaba razón. Ese día, co meu primeiro fillo recentemente fecundado, decidín saltar ao baleiro e crear a miña propia empresa. Non para facerme rico e gañar o primeiro millón de euros, que sería unha vulgaridade (unha vulgaridade agradable, en todo caso), senón para ser o meu único xefe. De maneira que tamén son empresario por casualidade e non por vocación. Outro bendito erro. Co tempo, con todo, descubrín que nos negocios tamén hai poesía.
Vivín sucesivamente do xornalismo e da televisión, ou como seguramente diría o meu pai, do conto. Tamén vivín, e aínda vivo, de distribuír programas de televisión enlatados, ou sexa, de ser comisionista. Mister 20%. Síntoo. Desde que o meu pai criaba xatos tiven moi claro que quen  levaba "a pasta" eran os tratantes de gando. Ou sexa, os intermediarios. O meu pai tiña un Simca 1200 e o tratante un Dodge Dart. E ata houbo momentos da miña vida en que sentín unha versión posmoderna de Onofre Bouvila na cidade dos prodixios. Afortunadamente, ninguén é perfecto. Podería contar que son un home feito a si mesmo, pero mentiría se non dixese que ao pouco de chegar a Madrid para estudar xornalismo, o meu pai e a miña nai, coa suor da súa fronte, que era moito, puxéronme un piso e regaláronme un Seat Panda para que non fóra en Vespa.
Pero os meus ídolos non foron nunca Mario Conde nin Enrique Sarasola, senón Salvador Pániker, o escritor hindú/catalán que sendo mozo fixo unha operación afortunada e grazas a iso puido dedicarse o resto da súa vida á literatura. A imaxe do poeta maldito, cos acredores ao pé da porta, sempre me produciu denteira, así que pensei que era bo dedicarse ás letras sen ter ao cobrador do frac no rechán da escaleira. Pero a paradoxa consiste en que cando por fin deixei de ter problemas para chegar a fin de mes, e ata a fin de ano, e puiden consagrar o meu tempo á escritura, xa non me dediquei a asinar artigos, senón cheques. Outro tipo de literatura. A vida, en fin, é unha bendita paradoxa. A día de hoxe empezo a pensar que seguramente é bo que non se cumpran todos os nosos soños.
Efectivamente son un tipo raro. Non fumo nin bebo nin me drogo e levántome ás seis da mañá. Polo demais, son un fumador pasivo da Historia, pero teño un par de cousas claras. O nacionalismo cúrase viaxando. O centralismo, tamén. A democracia non é perfecta, pero como dicía Churchill de momento non se atopou outro sistema mellor, así que a vida fíxome posibilista. Quizais por esa mesma razón creo na Monarquía, nos Reis Magos e ata no Príncipe de Bel-Air. Tamén crin en Deus, grazas á miña nai, e en Marx, grazas a Deus. Agora xa só creo na sesta e na tortilla de patacas. Efectivamente nós, os de entón, xa non somos os mesmos. Capitáns de quince anos que fomos.
Gústame nadar en Perbes e gardar a roupa en Coruña, e sobre todo pensar debaixo do auga. Cando buceo estou convencido de que na miña anterior vida, se é que a houbo, que non creo, fun peixe. Tampouco quero morrer sen volver a Boston. Alí fun feliz e indocumentado, e tiven nostalxia do futuro. Antes pasara por Madrid, pero Madrid non pasou por min. Se o optimismo é a relixión dos bobos, eu son un bo sacristán e definitivamente bobo ao cadrado. Inventei a vaca-mundi antes de que o fixese Moschino, e fusionei a telenovela coa sitcom ata alumar a televisión con grelos, ou sexa, o sit culebrón. "Eu son un home sincero de onde medra a palma, e antes de morrer quero cantar Satisfaction", dos Rolling, pero tamén os meus versos do alma. "Guantanamera, guajira guantanamera". A lápida: Non molestar. Sigo soñando. Sen dúbida, farían vostedes un bo negocio se cómpranme polo que vallo e vénderme polo que creo que vallo. O malo é que tamén nesa operación, se non lles importa, gustaríame quedarme co vinte por cento.
________________________________________
 "O día no que nacín" foi leído  antes da conferencia que arredor dos medios de comunicación galegos, dictou o autor na Deputación de Lugo, que tamén recollemos neste blog.

 

07 marzo, 2012

XXXV Romaxe en Castroverde




Reflexións preparatorias

 -II-


A única equipaxe coa que vimos a este mundo é precisamente a bolsa dos talentos, as potencias da alma. Primeiro abrimos os ollos, ¡déronnos á luz!, e aos poucos comezamos a gatear; ¡pésanos demasiado a cabeza, e desprázasenos o centro da nosa gravidade! Pero tan pronto conseguimos tomar posesión da terra, botamos a andar, a camiñar: Cos pés no chan, dominándoo, e os ollos erguidos ao Ceo, obedientes, atentos ás ordes do noso Creador. ¡Os talentos comezan a funcionar!

Ser galego é unha carreira; nacer en Galicia, un privilexio. Por se fose pouco, ata soa parecido a Galilea! ¿Isto debe ser, pode ser, un motivo de orgullo? ¡En absoluto! De satisfacción, si; e como quen máis recibe máis obrigado está, ¡tomemos nota! Sabíano ben aquelas lumieiras que acenderon o facho das romaxes no noso Sinaí, morena glaciar, Irimia Alta, fonte das augas limpas, orixe e causa principal deste verdor galaico, que por algo e para algo nos puxeron no fisterrae do mundo antigo; e tamén por algo, acaso por acatamento do mandato divino de predicar ata os confíns, nos elixiu como alumnos aquel Iago, aquel Fillo do Trono. Trinta e cinco estacións leva a nosa Vía, trinta e cinco cruces en sitios elixidos, singulares, privilexiados; ¡non está mal, nada mal: trinta cinco sucos…, a trigo, a trigo sacramental!

Nisto, como en tantas cousas, temos que evocar á nosa, rotunda, Enriqueta: “Se moito recibimos, moito estamos obrigados a conservar, a mellorar, a transmitir!”. ¡Este si que é un relevo xeracional, outro!

Recibimos a tea encantados, e precisamente para setembro, época na que a “mies”, con todo ser moita, ¡a espiritual, que non a outra!, está recollida, cribada, soleada. Daquela cómpre prepararnos para a seguinte sementeira. ¿Teremos talento/s suficiente/s para esta propaganda fide? A “mies” é moita, e os operarios seguen sendo poucos… ¡Xa o sabemos, pero a estas alturas do cristianismo, co fardelo do gran á man, a camisa fóra, como é tradicional en toda sementeira, e a Biblia na cabeza, pero dentro, non de sombreiro, non hai alumno que non poda facer de mestre…, se quere selo!

É moito o recibido das irimianzas precedentes, ¡é obrigado recoñecelo e agradecelo!, así que, por verdes que esteamos, non hai pola que non sirva de báculo; e logo que estamos afeitos a camiñar… O que non sabemos é se o Camiño Primitivo, o inicial, se fixo polo propio Santiago, ou séculos despois polo Afonso II, ¡outro Pedro, Casto si, pero tamén tivo sogra!, cando devolveu a visita. Eu, modestamente, pois é só unha dedución lóxica, entendo que Santiago pasou catro veces aquí por Castroverde: a primeira, para predicarlles aos ástures, aqueles galaicos do Este; e despois cando, farto de que os galegos lle dixen algo así como, “Mire, don Iago, xa o pensarei…, e tamén o teño que consultar coa miña dona!”, se puxo en camiño do porto tarraconense. ¡Menos mal, menos mal, que lle cortou a impaciencia, desde aquel piar de Zaragoza, a propia Virxe María, que seguramente lle dixo: “¡Segues sendo un fillo do trono…! Volve para atrás e ten paciencia, pois os galegos sonche así de asentados, e por ende, reflexivos, pero iso é unha calidade. Debes ter, coma eles, a virtude do trasacordo… Volve, e sementa a palabra de Deus, pois a boa terra boa xente dá!”. En definitiva, que Santiago volveu a pasar por Castroverde, e nós, de agradecidos, seguimos, coma el, facendo Camiño!

Xosé María Gómez Vilabella


O NOVO REITOR DA UNIVERSIDADE DE CANTABRIA, FILLO DE CASTROVERDENSES



                      D. José Carlos Gómez Sal, Reitor da Universidade de Cantabria

                    

D. José Carlos Gómez Sal, catedrático de Física da Materia Condensada foi elixido recentemente Excelente e Magnífico Reitor da Universidade de Cantabria. Ata o momento en que foi elixido reitor desempeñaba o posto de Viceritor de Investigación e Transferencia do Coñecemento e de Coordinación de Campus de Excelencia Internacional. O seu curriculum comprende unha dilatada traxectoria docente e investigadora, ás que dedicou a súa, aínda, nova vida.

José Carlos Gómez Sal é fillo de castroverdenses, da parroquia de Espasande, o que fai que esta terra dos seus maiores se sinta orgullosa do alto mérito alcanzado e responsabilidades contraídas, a favor da Universidade que dirixe e os alumnos e docentes que a compoñen.

A Asociación AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE, quere facelo chegar mediante estas liñas a máis sincera felicitación polo seu nomeamento, á que, sen dúbida, se une o Concello e todos os seus habitantes, poñéndonos á súa disposición para aquilo que guste demandarnos.

Manuel Muñiz
Presidente


06 marzo, 2012

XXXV Romaxe (Irimianza) en Castroverde


Reflexións preparatorias:

-I-

¿Quen dixo que a vida é unha competición? ¡Si, e non, pero dito así, a secas, é unha contradición! Aquí abaixo afixémonos a competir fronte a…, cando o importante é competir en…, en nós mesmos! Si, ho, si, en nós mesmos, comigo mesmo, e non cabe vacilar, que nolo explicou o propio Xesús; iso si, con parábolas, como fai o bo Mestre, que vai tirando dos alumnos á súa altura pouco a pouco, con exemplos, con frases sinxelas…, para que o podan, para que o podamos, entender!

Tédelo, témolo, en Mateo, 25, 14-30, e tamén en Lucas, 19, 11-27. “Ó cabo de moito tempo chegou o Señor daqueles criados, pedíndolles contas. Chegou o que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco dicindo: Señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei. Entón díxolle o Señor: Ben, criado fiel e cumpridor, xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a gozar, ¡a gozar!, da festa do teu Señor”. ¿Qué; aínda non está claro?

Para os xudeus, como pobo avanzado da antigüidade, xa pasaran os tempos cambiarios do “pecus”, do pago en especie, e estaban no dos talentos, ¡no dos talentos moeda! Pero aínda nos chegaran aos “tests”, os tests intelectuais, así que, daquela, moito non entenderon, que se algo máis entendesen entenderían que aquelas ensinanzas eran propias dun mestre, ¡do Mestre do mestres!, e por tanto Verbo, palabra divina. Por iso o mataron, por iso tamén: polo seu complexo de alumnos envexosos e torpes; ¡mataron ao mensaxeiro da Boa Nova! ¿Criminais? ¡Sen dúbida, pero tamén, burros, autodidactas da propia burremia, enterradores dos propios talentos! Pero Xesús non falou só, e tan só, para os seus coetáneos: ¡Xesús falou, explicou, máis ben para os apóstolos, para os seus divulgadores, para os seus misioneiros! Daquela, para todos nós, presentes e futuros, ¿ou é que non somos, ou debemos ser, apóstolos, sucesores, retransmisores, daqueles, primeiros, alumnos do Gran Mestre?

A todo isto, Deus ampare aos superdotados, ricos ou pobres, pois, se máis recibiron, máis contas terán que render, máis alto o listón, máis difícil o exame. Pero non nos ateñamos ás fotos do próximo, sexan guapos ou feos, ricos ou pobres, listos ou torpes, porque o único que nos importa é mirarnos no propio espello: ¿Qué, medramos, imos perfeccionándonos, cómo nos vai a nosa intra competencia, esa loita que temos en nós mesmos, con nós mesmos; ese dilema entre vexetar ou razoar? ¡Se nos houbese creado Deus para vexetais, daquela teríamos raíces, e tronco, e ramas, e follas…, pero temos alma, un alma perfectible, que ten a obriga de restaurarse a si mesma, lavándose, día a día, as propias culpas, a parte herdada pero tamén a incrementada!

¿É, ou non é, unha gozada, coñecer que somos capaces, por concesión divina, de auto rexeneración, de auto purificación? ¡Xa, pero, de pasotas que somos, en lugar de facer Camiño, de mostrar o Camiño, preferimos pasear en auto, e de apearnos, facémolo para competir co próximo e non con nos mesmos! Abafounos o Mestre con ensinanzas, ¡demasiadas para alumnos vagos!, e ata se nos esqueceu, ou pasou desapercibida, aquela promesa enaltecedora: “Todo o que volva por min diante dos homes tamén eu hei volver por el diante de meu Pai celestial. Pero quen me negue diante dos homes, eu negareino a el diante de meu Pai celestial”. ¡Non foi promesa de político, senón divina, e aínda así afiliámonos ao pelotón dos torpes! O bo desta carreira, o bo desta competición Terra-Ceo, é que temos o diploma, o premio, asegurado, e aínda así fraqueamos, dubidamos? ¡A única carreira, a única competición, á que podemos dedicarnos en corpo e alma sen menoscabo das outras! ¿Non se di que, estudar e traballar, asemade, ten o seu mérito? ¡Si, é certo, pero máis mérito, máis mérito e máis proveito ten, estudar, traballar e, de paso…, salvarse!

Xosé María Gómez Vilabella