Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

26 abril, 2011

ROLDA DE PRENSA DA ASOCIACIÓN "AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE" PARA DENUNCIAR O LAMENTABLE ESTADO DA IGREXA DE SOUTOMERILLE E A SÚA CONTORNA

Evidencia dos estragos no Monumento e a súa contorna, consecuencia da falta de mantemento e o deixamento das autoridades
Venres, 29 de abril ás 17:00 h. na igrexa de Soutomerille

A Asociación. Amigos do Patrimonio de Castroverde, perante o deterioro que se está a producir na contorna e igrexa de Soutomerille convoca unha rolda de prensa o día e hora citados arriba., ante a pasividade das autoridades civís e eclesiásticas.
Observamos como nestes últimos tempos a zona de Soutomerille está a degradarse, foi o día 10 deste mes cando descubrimos como estaba forzado o candeado da porta da igrexa, e segundo nos comunicaron foi roubada unha das pías, temendo que poidan producirse máis roubos e o deterioro vaia a máis queremos poñer en coñecemento da sociedade estes feitos, por non falarmos doutras agresións que son ben coñecidas por todos.
 
Manolo Muñiz 

ACTUALIZACIÓN:
Eco da convocatoria no PROGRESO de Lugo 
e
A VOZ de GALICIA





ADEGA lanza a campaña "PONTE NO MEDIO, MÓVETE POLO TERRITORIO" por un ordenamento sustentábel



Compostela, 16 de abril de 2011. ADEGA ven de apresentar no Auditorio de Galiza a campaña “PONTE NO MEDIO, MÓVETE POLO TERRITORIO”. Pretende poñer freo aos proxectos especuladores co territorio galego e procurar unha alternativa sustentable de ordenación territorial a través dun movemento social de denuncia común. O  MANIFESTO (243 Kb) que propón un decálogo de medidas concretas para a ordenación do territorio, foi asinado inicialmente por máis de 130 personalidades destacadas do mundo das artes, das letras e das ciencias de Galiza.



PRESENTACIÓN DO LIBRO DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO (Unha proposta interpretativa en clave céltica), de Rafael Quintía


Galería Sargadelos (Lugo), venres, 29 de abril de 2011, ás 20.00 horas
 
 
Nesta velada falaremos do Monte do Seixo, unha das montañas sagradas máis espectaculares e á vez máis descoñecidas de Galicia. Un santuario a ceo aberto que aglutina tal riqueza mitolóxica, lugares de culto, restos megalíticos, e pedras sagradas que o converten nunha especie de parque temático do paganismo galaico máis ancestral.
 Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo de Rafael Quintía é un intento de interpretar e dotar dunha cohesión todo o enxoval mítico, simbólico e relixioso que atesoura o Monte do Seixo, así como de encadralo nun contexto histórico-cultural concordante co substrato simbólico atopado nesta montaña. Contémplase o libro, pois, como unha guía para coñece-lo significado que se agocha tras cada lenda e cada pedra deste santuario montesío, como un mapa para entende-los ritos que aquí se levan a cabo, para desvela-las antigas celebracións precristiás e para descubri-la presenza dos vellos deuses. O autor revélanos, en definitiva,  as claves mitolóxicas e simbólicas necesarias para interpretar e descubri-los segredos do Monte do Seixo, unha montaña única da xeografía sagrada de Galicia.
 No acto proxectarase tamén unha versión reducida do documental Monte do Seixo. A Montaña Máxica, e contaremos coa presenza de João Bieites, realizador e codirector —xunto a Rafael Quintía e Calros Solla— deste traballo audiovisual, considerado o primeiro documental de longa duración sobre mitoloxía galega.
 
Agradécese á difusión

MISCELÁNEA

 
A Cruz do Zarro Novo


 Señor, aquela cruz do Zarro Novo...! Aquela si que foi a miña cruz, de por vida, que moito levo matinado no seu significado, na súa razón de ser e de estar. Era de madeira, se cadra tan rústica coma a do Calvario, e púxoa meu avó, xa antes de nacer eu. Hoxe está..., ¡enterrada, tan soterrada coma os que debaixo dela xacían! Esas pas da Concentración Parcelaria..., ¡que malditas sexan!

En certo modo débolles estar agradecido, pois, coa súa desaparición, as xeracións vindeiras ignorarán a maior ignominia dos anais de Montecubeiro. ¿Non se di que, morto o can, acabouse a rabia? ¡Pero non é exacto, nin definitivo, xa que, para min e para os que saiban o que eu sei, ese é, e sempre será, un punto sucio, achaiado pero sucio! ¿Porque eran fetos, porque morreron sen augas bautismais...? E os outros, por suicidas, por atentar contra Deus, autor da vida?

¡Señor, qué engorde se nos vai a burremia, o fariseísmo! En canto aos fetos, ¿non tiñan alma? ¡Claro que a tiñan, desde o instante da súa concepción, e tan pura que Ti, Señor, chamáchelos á Gloria antes de que a manchasen coas inmundicias deste mundo pecadento! A túa Redención foi universal, non si? Daquela non hai abortos que sexan indignos de compartir o campo santo parroquial! En canto aos suicidas, Ti, Señor, sabes, mellor cós médicos, que ninguén se suicida salvo en presenza dun ataque de loucura. Se polas circunstancias que fosen tolearon, podémolos considerar responsables dos seus actos? Os asasinos son responsables porque saben o dano que fan; os suicidas, non, nunca!

Neste punto choramos, meu avó e mais eu, o que non é ningún feo xa que tamén o fixo, tamén chorou Xesús ante o cadáver do seu amigo Lázaro. Meu avó, lembrándose da soidade de dous fillos, que os enterrou de propia man, coa propia aixada, naquel lugar maldito. ¡Non llos admitiron en San Cibrao, e iso que os dominicos sempre se tiveron por bos teólogos, que moitos o foron, tal que o Cardeal Gil! Eu chorei con el por dous motivos: por velo chorar desesperadamente, e tamén pola perda daqueles tíos-avós, que, sendo fillos de quen eran, a imitación de seus pais serían, chegarían a ser, dous tíos simpáticos. ¿Verdade que os tes contigo, a todos eles, Aí Arriba, cos xustos e cos elixidos? ¡Daquela deixarei de rezar por eles e comezarei a facelo polos que arrasan o patrimonio, que ese si que é un suicidio consciente!

Xosé María Gómez Vilabella
 

22 abril, 2011

Xornadas CULTURA E TERRITORIO

XORNADA SOBRE XESTIÓN DE RESIDUOS GANDEIROS


IV Xornadas do Peregrino: Charla informátiva e Musical e percorrido de promoción polas Terras de Miranda e municipios colidantes que atravesa a Variante do Camiño Norte de Santiago

 
Relato do Percorrido:

 
Os participantes pertencentes a varias asociacións de Amigos do Camiño de Santiago de Galicia e Asturias, partimos nun autocar desde a Praza do Seminario de Mondoñedo ás 8,30 horas do sábado 16 de abril.
No Pazo da Trave de Trabada fomos recibidos polo propietario deste antigo Casarón Medieval e polo alcalde José Manuel Yanes Ginzo, posteriormente tamén visitamos na parroquia de San Martín de Abres outro antigo Casarón, esta que pertenceu á familia Miranda e na que o seu actual dono que nos fixo de guía conta con 104 anos (o mais vello do municipio),
A seguinte parada foi na parroquia de Santiago de Abres (concello de Vegadeo) para facer unha ofrenda a Cándido Sanjurjo con motivo do seu 1º aniversario de falecemento (cofundador e antigo secretario de Ásoa. Asturgalaica e promotor da recuperación do Camiño Norte nesta zona). No Chairo, capital do concello de San Tirso esperábanos a súa alcaldesa para acompañarnos ao Centro de Interpretación da pesca do salmón e á capela de San Xoán.
Na Pontenova dirixímonos ao Santuario-Museo do Conforto onde fomos recibidos ao son de campás polo párroco D. Manuel e o concelleiro de Turismo Sr. Barreira e onde tivemos a oportunidade de pór o Botafumeiros coma se a Catedral de Santiago tratásese, xa no núcleo da Pontenova visitamos o Complexo dos Fornos e a exposición sita na Oficina de Turismo que reflicte a historia das minas de Vilaodrid e o transporte de material e persoas desde a vila ata Ribadeo a través do antigo tren denominado "A Chocolateira". continuamos viaxe pasando por "As Rodrigas" en Riotorto onde naceu a nai de Alvaro Cunqueiro ( na casa de Cachán) e viviu o escritor para recuperarse dunha enfermidade do tifus; posteriormente asistimos no Mazo da Ferreiravella a unha demostración dos ferreiros.
Á chegada a Meira visitamos a igrexa do antigo mosteiro cisterciense de Sta María, a través das explicacións da experta guía da oficina de turismo Joani para posteriormente visitar o nacemento do río Miño no Pedregal de Irimia e comer "produtos típicos da zona", na casa de turismo rural *Cazoleiro da serra de Meira; onde nos acompañaron os alcaldes dos concellos da ruta, e onde fixemos entrega dunha cerámica de Mondoñedo conmemorativa de Ásoa. "*Abrindo *Camiño"
Pola tarde continuamos o percorrido por terras de Pol con parada na capital Mosteiro onde o alcalde nos recibiu co acompañamento da música das gaitas do grupo Leña Verde e despois dar un pequeno paseo pola carballeira ata o area recreativa do centro de interpretación dun antigo muíño que nos puxeron a funcionar.
No Castro-Museo de Viladonga do concello de Castro de Rei esperábannos os responsables municipais, o director do museo Felipe Arias (exdirector Xeral de patrimonio da Xunta de Galicia) e o presidente de Ásoa. de amigos do Museo o polifacético crego Xosé Manuel Carballo que nos acompañaron na visita e xa para rematar no concello da Pastoriza agardaban os respresentantes municipais para acompañarnos polo paseo fluvial de Miñotelo e visitar a antiga igrexa da parroquia de Bretoña, Retornamos a Mondoñedo aprox. ás 21 horas.

Un saúdo
Luis Fernández Ansedes
 
Peregrinación pola Variante Interior do Camiño Norte polas Terras de Miranda.

Prazo de Inscripcións para a peregrinación ata ou día 20 de abril. Comezo a pé dás etapas as 10h.

1ª etapa. Domingo 24 de Abril
Ría de Abres(Trabada)- San Tirso de Abres- A Pontenova 17 Km .

2ª etapa. Domingo 8 de Maio
A Pontenova- Riotorto- Meira 21 Km .

3ª etapa. Domingo 29 de *Maio
Meira- Paraxes (A Pastoriza) Mosteiro (Pol) 16 Km .

4ª etapa. Domingo 26 de Xuño
Mosteiro (Pol) - Castro de Rei - Lugo 24 km .


Organiza:
Asociación Abrindo Camiño de Amigos do Camiño Norte de Santiago.

Información e Inscricións: Teléfonos: 982521075-639072769 Email elremansoes@yahoo.é

21 abril, 2011

IV XORNADAS DO PREGRINO XORNADA INFORMATIVA E MUSICAL DO PEREGRINO. ( Casa da Cultura de A Pontenova, 15 de Abril de 2011)


 
Sendo as 20 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura e ante unha audiencia de unhas oitenta persoas, Suso Fernández, Cronista oficial da Vila de Foz, iniciou a presentación de dúas Xornadas do Peregrino: A de hoxe consistente nunha Charla-Coloquio sobre "Álvaro Cunqueiro e O Camiño de Santiago" e nunha Mesa-Debate do "Camiño Norte e as súas variantes", moderada por Xan Carlos Ferdez. Pulpeiro. E a de mañá, sábado día 16, cunha Viaxe Turística Cultural en autocar, co recorrido desde Mondoñedo, pasando por Lourenzá e Trabada ata a Ría de Abres, seguindo logo a variante do Camiño do Interior por San Tirso de Abres, A Pontenova (antigo Concello de Miranda), Santuario e Museo de Arte Sacra do Conforto, Os Fornos do mineral de ferro, ( explicados na vella Estación do tren de Villaodriz a Ribadeo). Seguidamente foise ata Riotorto, visitando O Mazo de Ferreiravella e rematando a mañá coa visita guiada á Igrexa de Sta. María de Meira. Polo serán, despois de xantar e de ver o nacemento do Miño, no Pedregal de Irimia, seguiuse ata Mosteiro, capitalidade do Concello de Pol. Máis tarde, ata o Castro de Viladonga e a Igrexa parroquial de Bretoña, regresando finalmente a Mondoñedo.
Despois de presentar, nun segundo momento, a Coral local da Pontenova cun programa de tres cancións que lle foron ben aplaudidas, segue Suso presentando ao Sr. Alcalde local e a Vicepresidenta da Deputación, mencionando tamén o libro "Camiño do mar" da Asociación "Abrindo Camiños", no que se reclama que A Xunta de Galicia o teña en conta como ten ós outros. Segue a intervención do Sr. Alcalde que, despois de agradecer a presencia dos asistetes, pide que falen do Camiño os entendidos. Pechou estas intervencións Sra. Vicepresidenta, disculpándose de non poder seguir acompañándonos, por outro compromiso urxente, e disculpando así mesmo ao Presidente José Ramón Gómez Besteiro, que ante a imposibilidade de estar presente, nos comunica unha afectuosa felicitación a tódolos asistentes.
A Charla-Coloquio foi presentada polo citado Moderador, quen, despois de comprobar a acústica do Auditorio e de felicitar a Coral de A Pontenova, presentou ao conferenciante Francisco Singul, representante da S.A.de Xestión do Plan Xacobeo, con moitas e distintas Publicacións e tamén esperto en Cunqueiro, que sendo Director do Faro deVigo nos anos 1962/64 publicou, como preparación para o Ano Santo de 1965, unha serie de artígos sobre o Camiño Francés que, inspirado no Códice Calistino, percorreu nun seicentos que alcumaba "Don Gaiferos". Ditos artigos saíron logo recopilados e ilustrados con fotos do autor e comentarios de tipo culinario baixo o Título "Por el camino de las peregrinaciones". O profesor Singul titulaba a conferencia "Álvaro Cunqueiro e o Camiño de Santiago", aínda que, por deferencia e a rogo dos presentes non galegos, expresouse, como outros intervintes, en Castelán. Destacou especialmente a Cunqueiro como esteta da paisaxe e máis aínda da paisanaxe, como entendido culinario falando das anguías de Portomarín e como entendido sempre se fixa no patrimonio, referindo os valores modernos aos medievais, por exemplo cando comenta a Fonte das Nereidas de Samos ou criticando os feísmos como fai referíndose ao novo poboado de Potomarín, sen reconstruirse aínda a vella e bela Igrexa na praza. E conclúe o conferenciante recalcando que aínda hai moitos outros camiños non delimitados e afirmando: " Se necesitan nuevos Cunqueiros que los potencien". Rematouse esta Charla cun diálogo no que se agradeceu o uso do Casteán e se recalcaron algunhas frases do libro de Cunqueiro, como la que dice al llegar a la Quintana: "ya suena la Berenguela" o cuando posa a los pies del Rey David, pidiéndole que "Suene el violín, que responderán las cantoras piedras de la Catedral".
A continuación, o Sr. Moderador procede á presentación dos actuantes na MESA-DEBATE, que tratará os seguintes temas:
"O Camiño Norte da Costa e as súas variantes: A variante do Interior polas terras de Miranda. O Camiño do Mar. A Variante Marítima á Basílica de San Martín de Mondoñedo. O Camiño de Volta ao Salvador de Oviedo". ACTUANTES:
- Ramón Izquierdo Perrín. Catedrático de Historia da Universidade da Arte da Universidade de A Coruña.
-José Joaquín Miláns del Bosch. Presidente da Asoc. Asturgalaica de Amigos do Camiño de Santiago da Costa.
- Angel Trabada. Presidente da Asoc.de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo (Ausente).
- Juan Ramón Fernández Pacios. Representante do Centro de Interpretación do Camiño Norte de Santiago en Mondoñedo.
- Luis Fernández Ansedes. Presidente da Asoc."Abrindo Camiño" de Amigos do Camiño Norte de Santiago (A Mariña e a Terra Cha).
Iniciou o debate o Sr. Miláns del Bosch dicindo que no 1987 tivo lugar a declaración do Camiño Francés como ben ou patrimonio da Humanidade. Recalcou a súa participación no Consello solicitante, como representante do Camiño desde Santiago de Abres ata Lugo ou por Mondoñedo. E engadiu que daquela tódos eran Camiño Francés. O que hoxe se coñece como Camiño do Interior polas Terras de Miranda pasa por San Tirso de Abres (Asturias). Se poñemos interés para o próximo Ano Santo en 2021 podemos ter delimitado estes Camiños, como está hoxe o Francés ou mellor.
Proseguiu o debate o profesor Perrín, representante do Camiño de Mondoñedo, aseverando que os traballos levados a cabo a partir do ano 87 provocaron efectos similares aos de Cunqueiro na promoción do Camiño Francés. Afirmando: "Al principio nos echaban los perros, pero luego se lo patearon". Concluindo sen ánimo de polémica: "Los distintos Caminos generan negocios y por ello tienen cada vez más atractivo; pero hay que distinguir los históricos de los que se quieren establecer, como el de S. Martín de Mondoñedo, que nace después de la declaración de la ex-Catedral como Basílica"
En 3º lugar interviu, en Galego, Juan Ramón o representante do Centro de Interpretación do Camiño Norte de Santiago en Mondoñedo, falando do Camiño do Mar, di que desde 1540 hai Documentos que falan do Camiño Francés de San Martín de Mondoñedo. E desde 1340 existe o Hospital de S. Sebastián en Ribadeo de pobres e peregrinos do Camiño do Mar. En 1753 existe outro Hospital de S. Sebastian en San Martiño de Mondoñedo "para pobres y peregrinos". Na ponte de Fazouro hai dúas pedras talladas, alusivas aos peregrinos. Conclúe que hai historia, que non se pode negar.
Luis Fernández Ansedes, presidente de Abrindo Camiño, presenta algúns obxectivos, como "la unión del Camino Norte con la Via Francígna de Rma".
E pecha o Debate o Moderador X. Carlos lanzando unha pregunta: Ao Falar do Camiño, ¿Falamos de todos ou só dos históricos? E Milans del Bosch lembra que os históricos eran todos Camiño Francés e que en Oviedo era Camiño do Salvador.E conclúe: "Son caminos culturales". Perrín insiste: "Se peregrina a muchos sitios que no tienen porque ser Santiago, por ejemplo a San Gonzalo. Pero en San Martín hai constancia de que los peregrinos traían la Compostela, que les acreditaba como peregrinos de Santiago. E conclúe: "O importante é facer Camiño". Pero distingue: "El Camino real es moderno, otra cosa es el Camino Oficial, el Medieval.
Dicir que houbo alusións ao Camiño Primitivo como camiño de volta  por ser o máis curto.
Como broche final, do venres 15,  tivo lugar a actuación da Coral "Mestre Pacheco" da Escola Municipal de Música de Mondoñedo, moi aplaudida e ovacionada.
Ao remate, servíronse uns espléndidos petiscos.

Xosé Yáñez
Secretario da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde

20 abril, 2011

Miscelánea

 Dulcia linquimus arva
 
“Abandonamos as doces campiñas, os verdes campos…”; expresión que puxo Virxilio en boca do pastor Melibeo cando deplorou o desterro ao que estaba condenado. (Véxanse Bucólicas, I, 3).

Con estas verbas, ou parecidas, ¡cantos castroverdenses non levarán evocado a súa terra natal, pois, se verde era a de Melibeo, a nosa, qué? Verde, si, pero o de acolledora, comme ci, comme ça, que din os franceses; se tal fose, se houbese evolucionado no pasado, e máis concretamente no XX, na mesma proporción dos seus natalicios, en tódolos sectores, asemade, que materia prima houbo, menor sería a súa poboación irredenta, a desterrada.

Deixaron de ser veciños milleiros e milleiros, particularmente os desterrados en América, pois da Europa puxante, das últimas décadas, foron volvendo, retornando, na súa inmensa maioría. ¿Deixaron de ser veciños? ¡No senso censal, oficial, físico, si, pero no espiritual, non, nunca! Máis é: a querenza pola terra nai fortalécese en proporción directa coa distancia, coa separación. Isto é indiscutible. De feito, dous veciños-veciños poden levarse mal, poden vivir en permanente ausencia un do outro, pero, na emigración…? Por algo e de algo naceron, xurdiron, as asociacións de, “Veciños de Tal Lugar”.

Hai unha sinatura que teñen pendente todos aqueles que non precisaron fuxir, fuxir da miseria! E, con qué facilidade esquecen os afincados aos seus ausentes! Non é censurable, non son eu quen para facelo, pois está inserto na condición humana, no egoísmo humano, na desconsideración humana. Xa non oio citar aquel refrán, tan certeiro como adoitan ser tódalas filosofías experimentais, que dicía, “Lonxe da vista, do corazón tamén”. Pero só é aplicable univocamente, só o cultivan os asentados, pois nos ausentes o sentimento é inverso, e habería que darlle a volta: “Lonxe da vista, o corazón treme, salouca!”.

¿A qué vén esta filípica? ¡Simplemente quero maldicir aos malos administradores, a todos aqueles que se soben á ponte de mando cando nin remar saben, causando a emigración, os desterros! Non hai país pobre de ben administrado, con xenerosidade e con iniciativa, pois ata se dá o caso de que os mellores pozos petrolíferos están nos grandes desertos. Certo é que hai riquezas naturais doadas de explotar, unhas máis cá outras, pero de todas partes se pode sacar algo, con preparación e laboriosidade, por suposto. Dicía meu avó, que ademais de menciñeiro foi un gran pensador, -eu téñoo por tal-, que, “Comparados los bienes con los males, todos los pueblos son iguales!”. De ser así, ¿de quen é a culpa? Non fai falta dicilo pois o lector ben o sabe, e non obstante, aplaudimos!

Xosé María Gómez Vilabella
 

14 abril, 2011

Miscelánea

 
Estamos no século dos sucedáneos
 
¡Si, de veras! Succedaneu = Posto no sitio de. As menciñas xenéricas desprazan á nai que as pariu; os xuntoiros indefinidos acadaron status e consideración matrimonial; traballaban os mozos e descansaban os vellos, pero dun tempo a esta parte traballan os vellos para que gocen do paro os novos; as guerras de índole económica, ¡todas o son, sempre foron!, reciben o paliativo de “apoios humanitarios”. Etcétera, etcétera. Se aínda vivise o noso Curros Enríquez, ¿que exclamaría, qué diría no sitio daquel Deus que tanto se escandalizaba no XIX? ¿Chegaríalle cun: “Se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve”?

Comecei a semana indo a unha panadería de segunda opción porque a nosa, a habitual, cerra os luns, ¡de luns fan domingos!, e como observei que estaban metendo barras conxeladas nun aparello eléctrico, díxenlles que daquelas non, que prefería pan de leña. A rapaza riuse, non sei se do vello ou do que lle dicía o vello: “Se o quere de leña saque o auto, porque terá que ir a Ousá, a Carral, ou a Cea. ¡Escolla!”.

Cando tiñamos esquecida a chicoria, con cafés deste mundo globalizado a elixir; cando xa ninguén opina que, “produtos bos eran aqueles de antes da Guerra”, viñeron, volveron, contraatacan, os sucedáneos. O caso é que entramos no seu imperio abolindo, por desuso, a verba correspondente, “sucedáneo”, que xa a poden retirar dos dicionarios, por obsoleta. Responde a un concepto superado, tanto, que xa nin os nenos veñen de París, que iso é o colmo do abolicionismo. Agora os nenos, por non ser menos, veñen cándo, cómo, e de mil formas, pois ata se puxo de moda parir debaixo da auga. ¡Que lonxe queda aquela barca que fixo Noé para que, incluso, os animais escapasen da auga! Nin a Pinta volve a Baiona, que agora descóbrense os territorios en jet, nin a Arca de Noé volve a aterrar en Noia.

Á lúa xa fomos, e aeroportos para lanzarse á lúa de mel en Galicia temos tres. Si, soamente tres, pois o de Lugo segue de aeródromo, maiormente debido a que…, a que o diñeiro que nos van prestando os chinos vaise para os outros. ¡Xa non quedan “conseguidores” en Lugo, cousa tamén incrible! Os préstamos dos chinos… ¡Esa é outra! Na crianza dos que hoxe somos vellos competiamos para levarlle ao Párroco, “para los chinos”, cantos selos, usados, dabamos conseguido. ¡Hoxe sélannos eles, remitíndonos á prosperidade, ou á insolvencia, segundo lles pete! Tamén ocorre, e concorre, que o comercio de Galicia foi auspiciado polos indianos, coa excepción dos de ultramarinos, aos que debéramos chamar “ultramontanos”, porque os desenrolaron os maragatos. Aí temos outra derivada daqueles selos: Os grandes almacéns, as teas, os zapatos, as chilindradas…, tamén nolas trouxeron os chinos! ¡Daquela, que ninguén os tache de desagradecidos!

¿A civilización, a globalización, son boas? Para algúns, si, como tamén o foi a guerra de España para os aleutos, que por algo dixo Franco, e precisamente en Lugo, que dela, “los ricos salieron máis ricos”. Amigo Curros, cómo te escandalizarías se reencarnases! A vantaxe sería que agora non hai Inquisición, e poderías dicir o que che viñese en gana, aínda que ninguén che faría caso pois hoxe en día os críticos, os Quevedos e mailos Curros, están demodés! Todo é global, todo é natural, todo é perfecto e todo aceptable, ata o punto de que aceptamos como democracia ese sucedáneo das listas pechadas; ¡outro sindicato vertical!

Xosé María Gómez Vilabella
 

11 abril, 2011

A Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, rematou o 9 de Abril do 2011 O Camiño Galego Primitivo

Membres da Asociación, diante da Catedral, na praza do Obradoiro


RESUME ROTEIRO  POLO CAMIÑO A SANTIAGO PEDROUZO- ARCA ATA SANTIAGO 
SÁBADO, 9 DE ABRIL DE 2011


   Neste sábado, día 9 de abril, fixemos o derradeiro tramo do Camiño, desde Pedrouzo, onde quedaramos o pasado día 26 de marzo para rematar na catedral e praza do Obradoiro. Comentar que o día estivo agradable para camiñar, saímos arredor das 9:30 h. da entrada de Pedrouzo , onde nos agardaban, os amigos de Chema; Javier, Luís, Fidel e Miguel, aos que agradecemos a súa compaña e organización do xantar. Desde Arca, capital do municipio do Pino, pasamos polos lugares de Santo Antón e O Amenal, para adentrarnos nas inmediacións do aeroporto e, chegarmos ao núcleo da Lavacolla. Aquí os peregrinos tiñan a tradición  e costume de lavar o corpo no rego que pasa polo lugar. Desde aquí pasando pola aldea de Vilamaior e San Marcos chegamos ao Monte do Gozo, o nome xa o di todo, desde onde puidemos divisar a cidade de Santiago. Neste monte desde o ano 1993 convertiuse en zona residencial para peregrinos e visitantes e lugar de macroactuacións. Desde aquí ata Santiago pasando por San Lázaro, zona residencial de Fontiñas, Concheiros, rúa de San Pedro, Porta do Camiño, (desde esta encrucillada puidemos observar o a Igrexa de Santo Domingos de Bonaval, que alberga o Panteón de Galegos Ilustres (tama tan polémico últimamente), Museo do Pobo Galego e ao lado o Museo de Arte Comtemporánea. Desde a Porta do Camiño pola rúa Casas Reais e  Praza de Cervantes, chegamos á Acibechería, deixando á dereita San Martiño Pinario e á esquerda a fachacada norte da Catedral, dirixíndonos á praza do Obradoiro. Admiración da praza e o seu conxunto arquitectónico que a rodea do que non imos falar mais nada xa que nos levaría moitas páxinas falarmos de todo. Fotos de rigor na praza. Desde aquí pola rúa do Franco marchamos á zona nova para xantar. Logo de xantar visita á Alameda e Campus Sur e seguidamente visita á Cidade da Cultura da que non vou dicir nada, deixamos que opinen os entendidos na materia.
Comentar que a ruta que rematamos hoxe comenzámola hai uns anos, ao mesmo nacer a Asociación facendo o Camiño Primitivo polo noso Concello (Vilabade-Soutomerille), aínda que logo fixemos todas as alternativas, A Vacariza, por Vilalle. Desde o Mesón polo Castiñeiro do Neto e desde O Mesón de Fraiás por Paderne. Diversas etapas: Acevo-Padrón, Fonsagrada- A Lastra- A Lastra- A Vacariza. Noutro ano, Soutomerille-A Chanca. Noutro día A Chanca-San Lázaro (coa visita á Catedral). O Ano pasado; San Lázaro-San Román da Retorta, San Román-Melide. Este ano; Melide-Arzúa, Arzúa-Pedrouzo e Finalmente Pedrouzo-Santiago.
Desexos de que esta rota sexa delimitada e protexida antes de que sexa tarde, e no noso concello pedir que se protexa o que queda, mais podemos comprobar que as agresións ao Camiño e á súa contorna son diarias e moi lamentables.

Saúde e Terra.

Manolo Muñiz
 
 

08 abril, 2011

Subvencións para asociacións profesionais e empresariais de artesáns e artesás con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia


A Consellería de Economía e Industria acaba de publicar unhas subvencións para asociacións profesionais e empresariais de artesáns e artesás con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia.
A cantidade subvencionada é de ata case o 100% do importe total
O obxeto das subvención abarca, entre outros:
- Deseño, creación e contratación de todo tipo de páxinas web, portales de venta online, etc…
- Investimentos en equipamento, mellora da loxística e das comunicacións: equipamento informático, redes,…
Dende Hostisoft queremos poñernos á súa disposición ocupándonos de tramitar as subvencións de xeito que para vostedes resulte o máis sinxelo posible e ofrecerlle os nosos servizos de creación de páxinas web e todo tipo de comercio electrónico, así como equipación informática.
Agradecemos que se fose do seu interese se poñan en contacto con nós no telf 981 524 769 antes da data límite: 29 de Abril de 2011


Pode ver aquí as bases da convocatoria Pode poñerse en contacto con nós para calquera dúbida ou consulta a través de este mesmo correo electrónico ou no telf. 981524769

CARTA ABERTA

Aos señores de Marineda City

Como galego que son quixera amosarlles o seguinte:
Ninguén discute que haxa centos de miles de persoas que falan habitualmente en castelán no noso país; o que parece incrible é que ignoren vostedes que máis do 50% da poboación se expresa en galego. E como demostran as campañas doutras empresas con menos prexuízos ca esta (vid. "R"), o uso do noso idioma na publicidade é un elemento de prestixio e de interese para o público. Co uso exclusivo do castelán, incluso na TVG!!, parecen insinuar vostedes que non lles interesa o cliente potencial máis numeroso, o que usa o galego -por fortuna, cada vez con menos complexo; incluso cando o usa pouco e, en moitas ocasións, tamén orgulloso del mesmo cando non o usa-. Se pensan que a imaxe de modernidade e a lingua deste país son incompatibles, máis ca unha boa estratexia de publicidade precisan terapia nun centro de ensino medio. Pode que estes detalles e estas reivindicacións lles parezan irrelevantes. Pero eu, como “castroverdense”, farei o posible por que a miña familia, amigos e coñecidos que son uns cantos membros, non pisen o centro comercial mentres non mostre respecto por TODA a clientela e non unicamente por aquela que, con criterio “cosmopailán”, parecen asociar vostedes aos "grandes" (?) números. Están a tempo de rectificar. Se non o fan algúns seguiremos indo ao pequeno comercio, tan necesitado de apoio, e garántolles que faremos o que estea na nosa man por espallar este desprezo persoal e colectivo. Cando digo "faremos" se cadra pensen que somos catro. Continúan calculando mal. 
Que teñan un bo día.
 
Manuel Muñiz

06 abril, 2011

FORO DO CAMIÑO PRIMITIVO. Comunicado de Prensa


O FORO DO CAMIÑO ESPERA QUE A CANDIDATURA DA VÍA PRIMITIVA A PATRIMONIO DA HUMANIDADE 
AXILICE E EFECTIVICE A SÚA PROTECCIÓN

Lugo, a 5 de abril de 2011.-
En relación coa recente aprobación en Burgos por parte do Consello de Patrimonio Histórico español da candidatura do Camiño Primitivo e Norte da Costa para a súa proclamación como Patrimonio Mundial pola UNESCO en 2012, atendendo á proposta conxunta realizada polos gobernos de Asturias, Galiza, Navarra, Euskadi, Cantabria e La Rioja, con informe técnico no que as respectivas administracións andaron a traballar desde o ano 2006, o FORO DO CAMIÑO PRIMITIVO, plataforma que agrupa unha vintena de entidades e asociacións implicadas na protección e promoción da primeira vía xacobea do mundo ao seu paso polo territorio galego, desexa realizar perante a opinión pública as seguintes valoracións:

            1º. A nosa acollida positiva e posicionamento maioritariamente favorábel a esta candidatura, así como o noso apoio decidido e colaboración expresa para unha feliz resolución da mesma, entendendo que se trata dunha oportunidade única e dun revulsivo importante logo de grandes esforzos para facer valer os dereitos históricos das vellas sendas cántabras do Norte a Compostela e ao Fisterre atlántico, na esperanza de que en todo caso teña efectos proveitosos no devir deste proxecto colectivo a medio e longo prazo, dándolle visibilidade á súa presenza internacional.

            2º. Que esta candidatura conxunta e os traballos previos que a presentación da mesma conleva deica febreiro de 2012, deben server para reaxir con máis forza, corrixindo a deriva administrativa que en numerosas ocasións ten abocado ao ostracismo a defensa dos camiños do norte, axilizando dunha vez por todas a delimitación oficial da súa traza e territorio vinculado consonte coa verdade histórica, evitando adulteracións no seu itinerario, recuperando, defendendo e potenciando os seus antigos símbolos e valores culturais, ambientais e espirituais, protexendo o seu patrimonio material e intanxíbel fronte á voráxine da vida moderna e promovendo medidas de cohesión e promoción acordes co seu papel de camiño histórico de longo percorrido, implicando nese cometido ás administracións locais e comarcais.

3º. Que o entramado camiñeiro que deu como resultado o chamado Camiño Francés pola Meseta e que no seu día foi recoñecido coa máxima distinción da UNESCO, non pode obviar lexitimamente as súas raíces históricas en torno á corte asturiana, primeira capital da Reconquista, o seu ancestral entroncamento coas romerías do San Salvador de Oviedo a través dos camiños cántabros e astur-leoneses (“Quien va a Santiago y no al Salvador, visita al criado y olvida al señor”), a súa condición de corredor pioneiro e de salvagarda fronte á inestabilidade bélica nas primeiras e decisivas fases do fenómeno peregrinatorio a occidente, e por ende, o seu paso pola primeira cidade galega, o recinto murado de Lucus Augusti.

4º. O estreito vincallo desta rota histórica con outros tres elementos que ostentan a condición de Patrimonio da Humanidade en cada un dos seus polos urbanos, como son as cidades de Oviedo, Lugo (a través da súa muralla romana) e Compostela, o que reforza aínda máis o alto valor simbólico deste primeiro itinerario, sen o cal non se pode explicar tan vasto fenómeno humano sostido no tempo.

5º. Este anuncio coincide cos preparativos da efeméride pola cal se están a cumprir doce séculos (1200 anos) de percorrido d’El-Rei Afonso II desde a corte ovetense a través da vía primitiva que é berce e matriz esencial na estratexia político-espiritual e no prolífico decorrer dos antigos vieiros que conformaron a idea de Europa.

            6º. Para a realización destas tarefas, os membros e entidades sociais que constitúen o Foro do Camiño Primitivo ofrecen a súa experiencia, coñecemento e traballo desinteresado, así como a súa disposición ao control e seguimento crítico e positivo das mesmas, mantendo unha posición vixiante para que este proceso non fique convertido nun mero recurso publicitario, ao tempo que fai un chamamento ás forzas políticas, grupos económicos, movementos culturais e á sociedade no seu conxunto para que emitan un pronunciamento claro en apoio da declaración de Patrimonio Mundial pola UNESCO para os nosos camiños a fin de lograr unha resolución unanimemente favorábel malia os condicionamentos negativos que sabemos que poden obrar na súa contra e que entendemos teñen a ver principalmente co desleixo existente nalgunhas instancias políticas e administrativas para a protección e posta en valor deste itinerario que aspira a ser oficialmente patrimonio da humanidade.

            7º. O Foro do Camiño salienta o seu desexo de que esta candidatura e mesmo a consecuente proclamación servan de homenaxe a todas aquelas persoas que a título individual ou integrados en distintos colectivos teñen traballado arreo desde hai máis de vinte anos para lle facer ver á sociedade que este noso Camiño é o xermolo do que arrinca a prodixiosa eclosión da peregrinacións a Santiago de Galiza, recoñecemento que facemos extensíbel ao esforzo solidario que desde a comunidade asturiana viñeron sostendo valiosas personalidades e asociacións coas que colaboramos intensamente e sen as cales este esforzo tería sido inútil.
Ultreia et suseia!


En Lucus Augusti,
capital galega do Camiño Primitivo,
 a día 5 de abril da primavera de 2011.

03 abril, 2011

MISCELÁNEA

 O curro dos xubilados

 Xa que tanta atención lle prestamos ao Patrimonio do noso Castroverde, ¿que tal se habilitásemos un curro, unha especie de parladoiro, para que os paters, en definitiva, os patriarcas, os conservadores e transmisores dese patrimonio que chegou ata nós, teñan un lugar expansivo, de respecto e de consideración?

Coa venia, unhas reflexións, como para abrir tema:
 A cadeira do xubilado

Un xubilado, ou máis exactamente, un xubilado xubiloso, precisa poucas cousas, pero as que precisa precísaas intensamente; unha destas é o goce de sestear, de darse unha cabezada de media horiña no sofá patriarcal. Isto malógrase se te invitan a un restaurante, pois, entre a novidade da comida, e mailo parlamento de sobremesa, o que fan é mobilizarte á vida activa, anularche o xúbilo.
O sono da noite é a durmida do corpo, a reposición natural do desgaste enerxético, pero a sesta, ou máis exactamente, a sestiña, pois unha sesta demorada vén a ser duplica-la noite, é o descanso do espírito, unha vacación do espírito. A proba disto é que non se soña nas cabezadas, non saímos de nosoutros mesmos para poñernos a vagar polos espazos do absurdo, cos nervios desembragados, descontrolados, nun corpo a ralentí. Pero a sesta, para ser boa, debe ser á súa hora, na hora sesta, despois do mediodía, e non ás quince..., polo reloxo, que non polo sol! ¡Malditos eses economizadores da enerxía, que a gastan, e nola fan gastar, levándolle a contraria á natureza, concretamente ao sol, ao rei dela! A receita é outra, debera ser outra: Cambiar a hora de entrar no traballo segundo as estacións, pero está visto que non mandan os bos, os xenerosos, os mellores!
Coa sesta o espírito recréase, renace, inocente coma un neno; as tormentas, os aceleramentos da mañá, mitíganse. A sesta parte o día, redistribúe as ansias en dúas porcións; ¡daquela, cada día ten dous, vale por dous! O absurdo é reducir a vida durmindo dez horas pola noite, que adoita ser o vicio de moitos compañeiros deste oficio, quero dicir, xubilados, xubilados que renegan de ser xubilosos, de vivir a vida en plenitude, en xornadas de quince ou máis horas. Despois da sesta, a curva de Fayol recomeza, volvemos a subir, elevámonos, rendemos.
O malo dos xubilados é o paro. ¡Si, si, o paro, pois non hai peor paro, un paro sen esperanzas, que esa inmobilidade dos que non saben ou non queren facer algo! Antes, as vellas facían calceta; e os homes atizaban na lareira. Con todo ser pouco, era algo. Hoxe, nestas prisións colectivas ás que chamamos casas de pisos, e menos mal cando teñen elementos de fuxida, vulgo, ascensores, ¿que fai un vello anquilosado? Algo fai, que anticipa o purgatorio, e iso leva adiantado. Se eu mandase, ¡por favor, non, que xa probei o mando na miña profesión principal, e non é demasiado grato!, daquela mandaría, esixiría, que tódalas residencias de terceira, ¡da terceira, que de terceira xa son agora!, as situasen en casiñas ventiladas, con horta e xardín. ¿Que é iso de pasarse a vida cheirando os perfumes da veciña do piso inferior, que soben polo patio de luces cando sae ao tendal? Xa temos aquel mandamento de non desexar a muller do teu próximo, pero a Deus esquecéuselle o contraposto, non odiar a muller do próximo, tan necesario e tan conveniente que sería nesta convivencia das colmeas humanas.
Entre os gases que veñen da rúa, e os cheiros de certas veciñas, amén do balbordo dalgúns patios, pobre do vello que non é capaz de fuxir de si mesmo para reencarnar nunha persoa activa, séxase, de iniciativas; e pobre tamén aquel que non sabe sestear, que é igual a dicir, aquel que frea por non cambiar de marcha.

Xosé María Gómez Vilabella

INAUGURADA A EXPOSICIÓN DE PACO PESTANA

Autorretrato do autor


02 abril, 2011

MISCELÁNEA

Na escaleira



Na escaleira, si; indecisos, si; ¿daquela, a qué vén iso de molestarnos se tal opinan de nós, dos galaicos? ¡Pois eu téñoo a moita honra! Torpes, e ridículos, son eses sabios de vía estreita que non precisan elixir, que non saben dubidar. ¿Haberá cousa máis científica, máis profunda, que dubidar metodoloxicamente ante as circunstancias confusas e difusas, ou inéditas para o actuante?

En cambio pintan a Xustiza representada nunha cega que manexa unha balanza de dous brazos, sopesando… ¡A Xustiza é obxectiva, unidireccional, non comparativa, pois nela non se pode, non se debe elixir entre vara ou metro! A Xustiza é, rotundamente, unicamente, o camiño central, o recto, o correcto, aquel que leva ao premio dos bos e ao castigo dos malos; aquel que indica as consecuencias de extraviarse. Dous brazos son, deberan ser, as posibilidades volitivas: acertar, ou errar!

¿Acertar con respecto a qué, ou a quén? ¿Errar con respecto a qué, ou a quén? Non hai decisión pequena sen grandes consecuencias, á corta ou á larga, para nós ou para o próximo. Tanto é así que, se a cortina está baixada, se non albiscamos as consecuencias mediatas, ¿quen ousa tacharnos de indecisos? ¡Só os prudentes son / están indecisos! ¿Un galego indeciso…? ¡Aí o tedes, aí tedes un sabio, un prudente, un experimentado! Iso non é óbice para que, na ineludible, non dea un paso á fronte, pero disposto a asumir as consecuencias. ¡Iso é responsabilidade!

¿Tanto custa un si coma un non? A saber, porque o custe dirano as consecuencias, e non sempre se coñecen ab initio! Só os pobos inmaturos, ou os nenos mal criados, están prestos a dar zancadas, pase o que pase, teñan ou non o abismo diante dos ollos. ¿E se hai cortinas? ¿Por qué se di que os pobos que ignoran a súa Historia están condenados a repetila? Ou tamén, ¿por qué o home é aquel animal que tropeza dúas veces na mesma pedra? ¿Non será porque soñamos grandezas, logros fáciles, en vez de afianza-las pisadas?

Os italianos din iso de que, “Chi va piano, va sano e va lontano!”. ¡Se van amodo é que dubidan, que elixen, ou tratan de elixir, o mellor camiño, o que leva a…, ¡á meta proposta, por lonxe que lles quede! ¡Prudencia, reflexión, estudio previo, que son a base do edificio da seguridade, das consecuencias positivas! En tódolos ordes da vida, incluído o económico, tan abafante hoxe en día. ¿Que fixemos cos recursos escasos? ¡Deixar de ser galegos e imita-los veciños: tira-la casa pola ventá, darlle un rotundo si á fantasía, ao luxo, a  molicie…, irnos polo camiño cómodo, avanzar antes de ata-los zapatos! Nalgún caso, nin zapatos, que botamos a correr descalzos, descalzos e sen provisións, sen reservas, sen alforxa! ¿Fixémolo polo qué dirán, por iso de que nos chamaban indecisos? ¡Se así foi, é que non somos tan vacilantes, tan prudentes, como de nós se dicía!

Xosé María Gómez Vilabella