Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

31 mayo, 2012

ROTEIRO DÍA 9 DE XUÑO QUIROGA - A SEARA


Ás 9:00 h. Saída de Castroverde.
Arredor das 14:00 h.-14:30h. Xantar.  (Prezo 20 €)
Podedes ver varias rutas nestes enderezos:

Haberá autobús se hai máis de 15 persoas que participen.
 Os que queiran participar anotarse antes do día 5 de xuño no teléfonono: 659523960 ou no correo electrónico, por motivos de organización; autobús e xantar.

Saúdos. Manolo Muñiz

27 mayo, 2012

V ENCONTRO DE ASOCIACIÓNS CULTURAIS. Castro Verde, 26 de maio de 2012

Diante do Pousadoiro e Cruceiro de Furís

Organizado pola Asoc. Amigos do Patrimonio de Castro Verde coa participación das Asociacións: Arcas de Sárria, Agrupación Instrutiva Redes e Caamouco, Arumes do Corgo, Roteiros de Pol e Asoc. Penitenciaria Concepción Arenal de Lugo.
 

Neste sábado 26 de maio, logo dun breve saúdo e palabras de Benvida diante da  Casa do Concello e agradecendo a participación de todas as Asociacións e Institucións, Deputación Provincial e Concello, marchamos camiño da Abelleira para facermos parte do roteiro de Furís-Páramo. Desde a Abelleira subimos camiño de  Cabanela e do Carballal de Furís desde onde puidemos observar á nosa dereita Terras de Lugo e á nosa esquerda todas as terras de Baleira-Fonsagrada cos Ancares ao fondo. Pasamos Augalevada, ( que por certo destrozaron o panel de información), baixamos ata Arrubial para visitarmos a igrexa de San Miguel de Páramo de orixe, probablemente, prerrománcia ou románica, levantada sobre o castro. Situada no lugar de Eirexe, topónimo ben significativo, ten nave rectangular cuberta a dúas augas. Posúe un rexo contraforte no lateral norte que serve de soporte ás escaleiras que levan á campá. Conta con dous retablos e restos de pintura mural. Comentar que esta igexa foi obxecto dunha rehabilitación profunda e acertada. Parabéns á comunidade de San Miguel de Páramo polo traballo ben feito. 
 

Desde Eirexe, algúns continuaron polo Molar e Porcín e voltar a Páramo e outros cruzamos  a Páramo para baixar a Furís de Abaixo, deixando Laurentín á nosa esquerda e de frente puidemos ver Furís de Arriba e Pereira. En Furís de Abaixo breve visita á casa de Cantiz; comentar que nesta aldea hai, polo menos, cinco muíños ou relos, podendo visitar o de Cabanela e vermos ao pé da Croa de Furís os muíños do Castelo. Desde aquí subimos a Furís de Arriba onde concluímos a camiñata. Salientar que a comunidade desta parroquia tamén realizou o fermoso traballo de rehabilitación da súa igrexa parroquial. Parabéns tamén para esta comunidade veciñal polo traballo realizado. Á parte da súa igrexa dos séculos XVI-XVII con dúas naves separadas por tres arcos, con espadana de dous corpos e tres vans con decoración barroca.Ten un interesante pórtico ou cabido diante da fachada. O retablo principal é neoclásico.
Cruceiro con base de planta cadrada con varios chanzos que soportan un fuste octaédrico con capitel troncocónico  sobre o que vai a cruz, sen imaxes.
Pousadoiro en forma de púlpito (un dos poucos que quedan).
Dar as grazas á Fundación Tic e, especialmente, a Chema, que nos acompañou en parte do percorrido, facendo gravacións en Castro Verde, ao comenzo do Roteiro na Abelleira, na igrexa de Páramo e Furís.
 

Pola tarde, visita e participación no acto previsto en Vilabade, onde interviu Ricardo Polín, logo da presentación que fixo Ánxela Gracián sobre este investigador onde reivindicou, entre outras moitas cousas a Celebración do cincuentenario do descubrimento da Cova da Valiña e a recuperación do topónimo de Castro Verde.
 

Seguidamente tivo lugar a intevención do Cantautor Guardés Tino Baz que interpretou pezas coas letras de autores das Nosas Letras, desde Manuel María, Marica Campo ata a referencia aos incendios recentes das Fragas do Eume. Actuación que fixo vibrar a todos os presentes. Agradecer a amabilidade que tivo Tino Baz en acompañarnos neste remate deste V Encontro de Asociacións Culturais.
 

Grazas tamén á Comunidade de Vilabade pola amabilidade e disponibilidade que tivo para celebrarmos este acto e, especialmente, a D. Manuel Varela Gorgoso, Sr. Cura párroco desta parroquia.
 

Saúde, Terra e Lingua
Maio de 2012


Ver fotografías

06 mayo, 2012

Fillo predilecto



- Enténdese por fillo predilecto de Castro Verde (e a súa variante feminina), a consideración oficial feita a aquela persoa claramente identificada con este territorio pola súa traxectoria vital e que teña destacado polo seu talento excepcional, traballo encomiábel ou compromiso e entrega solidaria para beneficio do conxunto do seu pobo, quen o recoñecerá como tal para ben común da súa veciñanza e para que este acto de gratitude sirva de exemplo e incentivo, ao tempo que a súa memoria se perpetúe como representante ilustre desta terra de antiga lembranza.
- Tan excelso recoñecemento terá carácter extraordinario e deberá ser sometido previamente á consideración pública e á reflexión e o debate comunitario, incluíndo as organizacións presentes no tecido social, cultural, político ou veciñal, para que dito acordo sexa o resultado dunha reflexión crítica e serena, procurando evitar acordos tendenciosos, sectarios ou interesados, así como a manipulación política ou particular dos mesmos.
- A resolución adoptada en solitario polos grupos políticos con representación no Concello de Castro Verde, a proposta da súa alcaldía, vulnera claramente todos os postulados anteriormente enumerados e desprestixia os fins do propio acto xurídico que se propón a nivel oficial, viciando de facto esta cerimonia de recoñecemento e situando a corporación municipal á marxe do corpo social que afirma representar e do que se desvincula claramente.
- A asociación cultural Amigos do Patrimonio de Castro Verde, para non avalar coa súa presenza ou asentimento os termos do acordo, entendemos que non debe participar en dito acto por canto non foi convocada en modo algún para emitir a súa opinión razoada sobre os termos da proposta, chamando a atención sobre estes raros procedementos propios dunha partitocracia. Ustedes se lo guisan, ustedes se lo coman...
- A título ilustrativo e polo que poida ter de agravio e falta de rigor e seriedade no que atinxe ao respecto que merecen os grandes símbolos da vida pública, tanto máis nun municipio de evidente aboengo e longa historia, cómpre advertir que aínda non foron materializados os acordos de recoñecemento adoptados en pleno extraordinario o día 8 de agosto de 1970, en sesión presidida polo alcalde don Sabino Arana, e que a proposta de don Manuel de Rivas Reija instituía nomeadamente a figura de “cronista honorario do municipio de Castro Verde”, distinción que consideramos axeitado recuperar en atención aos méritos que concorren neste condado de vella estirpe e á tan necesaria potenciación da súa devaluada autoestima que pasa por horas baixas.
- En relación co caso concreto que nos ocupa, non estaría de máis que o Concello identificase claramente o autor ou autores da proposta e que, de paso, concretase os méritos do homenaxeado con tan alta distinción, fundamentalmente no que atinxe ao seu grao de compromiso público, declarado e sostido no tempo, canto aos intereses da Terra de Castro Verde, á súa identificación coa mesma, singularizadamente en esforzos e labores desenvoltos ao longo do último século, atendendo ao feito de que nacer nunha das nosas aldeas, emigrar de meniño e regresar cumpridos os noventa, con seren circunstancias dignas de respecto e de valoración, non semellan ser créditos dabondo para competir coa exemplar traxectoria de compromiso persoal e de entrega ao traballo en beneficio deste pobo que atesouran moitos dos nosos anciáns, malia non ser de dominio público.
                               
                             A Xunta Directiva de Amigos do Patrimonio de Castro Verde.
                                                                                  A primeiros de Maio de 2012.

CONVITE