Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

Mostrando entradas con la etiqueta Miscelánea. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Miscelánea. Mostrar todas las entradas

15 diciembre, 2013

Unha aplicación para interactuar cos organismos públicos

Bos días,
Tal e como comentamos onte na mesa sectorial do Plan de Acción da Reserva da Biosfera Terras do Miño, remitímosvos información sobre a aplicación Dep. Lugo, un paso máis para acercar aos cidadáns a posibilidade de interactuar cos organismos públicos. Mediante un dispositivo móbil, calquera persoa pode dispoñer dunha ferramenta práctica coa posibilidade de dar de alta unha incidencia que estea a ocorrer na súa cidade.
O sistema Dep. Lugo está pensado para que sexan os usuarios os que dean de alta as incidencias do seu terminal móbil. Estas poden ir acompañadas da localización e de imaxes descritivas do problema, desta forma a xestión e control por parte da administración pública das mesmas realizarase no menor tempo posible sen necesidade de información adicional.
No seguinte enlace atoparedes máis información sobre esta aplicación e teredes a posibilidade de desacargala:
http://xestionincidencias.deputacionlugo.org/
Un saúdo,
Manuel Muñiz
Reserva da Biosfera Terras do Miño

23 octubre, 2013

RESUMO DE ACTIVIDADES LEVADAS A CABO DE XANEIRO A NOVEMBRO 2013


Xaneiro
- Roteiro pola Parroquia de Santo André de Barredo: Vilaxurxo-
Barredo-Pena Branca-Vilar dos Naraos-Barredo ata Soutomerille.. (12-01-2013)
Febreiro
-Visita á Domus do Mitreo (01-02-2013)
-Participar nas Entrudanças en Castro Verde-Portugal (8e 9 -02-2013)
-Roteiro polas Parroquias de: A Meda /Ameda, (De Ameneta),
Francelos (lugares de Vilafrío, O Pacio), Serés e Bolaño..(16-02-2013)
Marzo
- VI Encontro de GEMINAÇÃO / HERMANAMIENTO /
IRMANDAMENTO 2013 en Castro Verde de Portugal..(23 e 24 -03-2013)
Abril
-Participación no acto do Silbo Gomero…………………………..…..(12-04-2013)
-ROTEIRO MONTE DE SAN MARCO A SAN XOÁN
DE LOIO e PORTOMARÍN………………..…..….(20-04-2013)
Maio
-VI Encontro de Asociacións Culturais no concello de Ares……….(26-05-2013)
Xuño
-Paticipar e colaborar na I Feira Medieval…………………………..(09-06-2013)
-Participación na Homenaxe á escritora Marica Campo …………(15-06-2013)
-Participación no proxecto de cooperación "Nuevos Horizontes"..(22-06-2013)
Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde –CIF 27.329.226; Nº Insc. 8993
R/ Travesía de Montecubeiro, 38 -27120 CASTROVERDE – Lugo Telf. 659 52 39 60
Páxina web: http://www.amigosdopatrimoniodecastroverde.blogspot.com/
Enderezo electrónico: amigosdopatrimoniodecastroverde@yahoo.es
-Limpar sinais dos roteiros. Varios días do mes de xuño.
Xullo
-Participación na Carreira Popular………………………………..……(14-07-2013)
Durante os meses de xuño e xullo:
-Colaboramos, activamente, no Foro do Camiño Primitivo, para reivindicar a traza orixinaria do mesmo.
- Estamos a colaborar tamén, na reinvindicación do Castro de Coeses.
-Seguimos a colaborar coa Asoc. Terras de Lugo (GDR4), onde somos a vicepresidencia da mesma e formamos parte da Xunta Directiva desde o seu nacemento, no ano 2009 .
Agosto
Visita á –EXPOSICIÓN DE PACO PESTANA-PASEO POLA BEIRA
DO MIÑO E VIII FEIRA ARNTESÁ…………………………………(17 e 18-2013)
Setembro
Ianuguación: PROXECTO DE RECUPERACIÓN E POSTA EN VALOR DE ELEMENTOS PATRIMONIAIS, AMBIENTAIS, PAISAXÍSTICOS E ETNOGRÁFICOS DAS PARROQUIAS DE SAN CIBRAO MONTECUBEIRO, SANTA Mª MADALENA DE PENA, SAN PEDRO DE SERÉS, SANTIAGO DA MEDA E STO. ANDRÉ DE BARREDO. CASTROVERDE (LUGO)…. (07-09-13)
Participación na XXXVI Romaxe………………………………………(14-09-13)
Outubro
-Participar no Proxecto de Nuevos Horizontes convidados
pola Asoc. Terras de Lugo da que formamos parte…………….. (19-10-2013)
Novembro
- PRÓXIMO ROTEIRO: SÁBADO, 9 DE NOVEMBRO DE 2013
Roteiro FONTES DE MASOUCOS E A SÚA CONTORNA
Ás 9:30 h. En Castroverde ao lado do Pereira.
Áss 10:00 h. Comenzar a camiñar na Vacariza
Ás 13:30 h.-14:00 h. Remate da camiñata voltando a Castro Verde para xantar
Pola tarde
Asemblea anual.
Comunicalo antes do día 6 de novembro, no teléfono: 659523960 ou no correo electrónico, por motivos de organización e xantar.
Saúdos. Manolo Muñiz
Míais información en:
http://amigosdopatrimoniodecastroverde.blogspot.com/

Lugo-Castroverde, a finais de outubro de 2013

02 septiembre, 2013

11 junio, 2013

Xornadas sobre a Muralla


RESUMO I FEIRA MEDIEVAL

Explicación da praza do rolo e a súa contorna

Dos dous días que houbo de actividades arredor desta I Feira, só asistimos ao acto do pregón ou dscurso do noso membro da xunta directiva,  Ricardo G. Polín que, se desenvolveu o domingo, día 9 de xuño, arredor das 13:30 h. ata as 15:30 h.

Primeiramente, Ricardo fixo un percorrido histórico arredor da fundación e liñaxes que levantaron a Torre da Fortaleza e a súa contorna e, como prevalecen aínda hoxe varios apelidos que proceden das liñaxes da época, facendo unha defensa do noso patrimonio e a necesidade e obriga que temos de preservalo, con alusións á relación da Torre coas familias do Pazo de Vilabade. Referencia á virxe do Castelo que tería que volver ao seu lugar orixinario.

Por outra banda, fixo referencia ao camiños; ao Camiño Primitivo que pasaba ao pé da Fortaleza que temos a obriga de recuperar a súa traza histórica e, aos camiños transversais que comunicaban o norte da nosa provincia co sur.

Tamén defendeu e expuxo a importancia do burgo vello de Castro Verde, Santiago de Vilariño, á parte do poderío do Castelo, levantado sobre o castro, é de salientar o entramado de pequenas estreitas rúas do burgo vello que foi levantado, en parte, cos muros do Castelo.
Referencia á novela de Benito Viccetto que na súa novela El Caballero Verde fai unha alusión,  defensa  e importancia do noso Castelo.

Para rematar aludiu a tres  ilustres persoeiros que escribiron e defenderon o noso Castro Verde; D. Antonio García Teijeiro, que foi alcalde do noso concello, D. Rogelio, o Sr. Cura de Outeiro, e D. Xosé María Gómez Vilabella, soico de Honra de Amigos do Patrimonio e veciño de Berlán, afincado na Coruña, para os tres pediu un aplauso que foi correspondido polo público asistente.

Logo de rematar dous rapaces noviños, fixeron un diálogo que aludía, en parte ao exposto, por Ricardo e á novela El Caballero verde.

Finalmente, fixemos un percorrido desde  pavillón ata a Torre,  onde Ricardo foi explicando en situ parte do que aludiu no discurso, mais reivindicando e reforzando cada un dos aspectos. Camiño Primitivo que pasaba ao pé da Torre, explicación do burgo vello, praza do Rolo ou Constitución, Fortaleza e rematando coa visita ao alxibe.

Saúde, Terra e Lingua.


28 noviembre, 2012

Carta de despedida do Presidente cesante da Asociación "Os Sendeiros de Foz"

Todos os cargos teñen un principio e unha fin. Isto e soamente o motivo da miña despedida como Presidente. Ao longo destes anos que presidín a Os Sendeiros coñecín moitos lugares, e sobre todo persoas, sería unha lista interminable para nomear a todos. Uns seguen connosco, outros xa nos deixaron, e outros fóronse para sempre. Que mágoa!. A todos eles a miña gratitude, se non fora por Os Sendeiros non sería posible coñecelos. Construír unha amizade leva anos, pero destruíla un segundo. Xuntos e unidos percorremos sendeiros, lugares, aldeas deixando atrás as diferenzas de cada un. Nestes oito anos visitamos moitas localidades, percorrendo camiños levando sempre a bandeira de Foz. Foron moitas as actividades que se fixeron, coa axuda de todos, ao longo desta pequena historia: A Sardiñada, a Exposición de fotografía, Marcha Nocturna, Ruta Os pícaros, Sábados de Sendeirismo, Cea anual, Concurso de Fotografía, e a nosa xoia; “O Encontro río Ouro e praias de Foz”. Partimos no ano 2004 uns dez amantes da natureza e a día de hoxe somos 281, e medrando.
O meu maior desexo é que esta asociación cumpra moitos anos dunha maneira tranquila e de amizade.

Moitas grazas a todos, e que sempre podedes contar comigo para o que sexa.
José Luís

27 marzo, 2012

RELEXIÓNS CORESMAIS



Sete gordas, seguidas de sete fracas… Así falaban os exipcios; os economistas preferimos dicir “ciclos”. Por algo se inventaron os silos; graneiros, granarium para os romanos. Son boísimos…; o único malo é privarse dos antollos nas épocas de tolemia, de abundancia! Son bos porque ensinan moderación, moderación e previsión. Ao longo da Historia os pobos que resultaron máis traballadores, máis prósperos, con prosperidade propia, de longa duración, foron os asentados en terras pobres, tomándose Suíza como prototipo. Para antítesis chega con lembrar o dano que lle fixo á iniciativa española a existencia da Torre del Oro de Sevilla, auténtico cofre dilapidador das nosas depredacións americanas.

Non se trata de vivir nun tonel, como Diógenes, pero tampouco de queimar Roma, a estilo Nerón, para acadar o clímax dun pracer tan efémero como salvaxe. Na nosa prudencia cenemos lentellas, tamén chamadas “Píldoras de Negrín” por ser o manxar máis accesible naquel Madrid de 1936/9, aquelas leguminosas tan nutritivas coas que gozaba Diógenes cando o sorprendeu o sibarita Aristipo, que vivía a corpo de rei a base de adula-lo Rei. Seica lle dixo: -Se aprendeses a ser submiso ao noso Rei, non terías que comer esa porcallada de lentellas! Pero Dióxenes, o morixerado Dióxenes, rebateulle de inmediato a súa falacia: -Se houbeses aprendido, coma min, a comer lentellas, agora non terías que adular a ese que se dá de Rei!

Nin privacións evitables nin dispendios excitantes. O goce ben entendido está na prudencia cotián; e se as vacas da especulación están inchadas, deixalas asentarse, que xa fraquearán, xa, pois non hai primavera que non conduza a un novo inverno. Acordémonos tamén daquelas mazás do Edén, que as comeron cando aínda estaban verdes…

                        Xosé María Gómez Vilabella

25 marzo, 2012

SIROCOS E ASIROCADOS



Impresionado polas animaladas dese asasino de Toulouse, ese tal Mohamed Merah, véuseme á imaxinación aquel debuxo do noso paisano Regueiro no que tan ben captou os efectos dun siroco. ¡Máis asirocado có Merah, imposible, e iso que non se criou no Sáhara!

Segundo o mito, debémoslle a Epimeteo que, namorado perdidamente de Pandora, tivese a malsá curiosidade de abrirlle a caixa da súa dote…, disparándoselle os ventos! E menos mal que lles quedou dentro o único positivo, a Esperanza! Con tales asirocados cabalgando nos seus cabalos mouros logo dan ganas de esconderse en Naveda, ou aínda máis arriba, aínda que sexa entre os toxos…, para fuxir das traxedias inherentes! Cando dabamos o mundo occidental por sosegado e ilustrado, de cando en vez desbócanse os cabalos da intolerancia, do fanatismo, e dan qué sentir.

¿Qué podemos facer? ¡Só hai un remedio, ter fillos, coa esperanza de que algún se librará da tolemia, e amansará nos outros, que por engado adoitan ser os máis prolíficos! Nisto, precisamente nisto, está o talón de Aquiles da vulnerabilidade europea: Cando a prosperidade deste continente, e con ela a salubridade da súa xente, propiciou unha prole desbordante, e por ende, emigrante, mandante, mangoneona; a inmediata foi poñerse a navegar, a invadir, a explotar…, pero aqueles invadidos, pouco a pouco, coa salubridade recibida, aportada, deron en multiplicarse…, mentres os seus invasores se desangraban en guerras interiores, intestinas. ¡De colonizadores, colonizados, pois incluso lles perforamos os seus pozos petrolíferos!  Rexeitados, desbotados, os europeos tornaron para a casa matriz, onde: Estiñaron as súas feridas, e volveron a prosperar; déronlles cultura e traballo ás mulleres, e estas, entre que non podían, e que tampouco querían molestias, puxéronse a trebellar, pero, ¡para a feira! A prosperidade e a mecánica trouxeron consigo o desafecto polas manualidades;  daquela, con iso, e tamén por causa diso, ¡abriron, abrimos, as fronteiras, pagándolles incluso a viaxe aos resentidos, aos fanáticos, que xa estaba ben de que as invasións as fixesen os bárbaros do Norte!
¡É o péndulo de Faucault, e quen non perciba estas oscilacións históricas será que está cego, aínda que abra os ollos!


                         Xosé María Gómez Vilabella

22 marzo, 2012

A HERDANZA DOS FRADES DE MONTECUBEIRO

O autor, no primeiro día de traballo no Banco Exterior de España
 
Ora et labora, foi a consigna, a herdanza que recibín daqueles dominicos do convento de Montecubeiro a través, por mediación, de meu pai. ¡Deu-los bendiga! Lémbrome perfectamente que ma ensinou, que ma explicou, aquel día de defuntos no que pasamos a reitoral da parroquia, antigo convento, para encargarlle ao señor Cura, D. Benito Castro Piñeira, uns responsos polas obrigas da casa de Gómez de Bergland. Desde aquel día apropieime do lema, ou sería mellor dicir que tratei de seguilo; e como é inalterable, sen posible caducidade, aquí o deixo, para os meus fillos, e destes, para os netos.

Nisto mesmo estaba pensando cando me tiraron esta fotografía no meu primeiro día de traballo bancario; dixéronme que iso de retratar aos novatos era a novatada, un costume que tiña aquel Pedrola do departamento de Persoal do Banco Exterior de España, onde me sentaron…, ¿ou debera dicir, onde me asentaron? Xa pasara por unhas poucas: zoqueiro, mestre de a ferrado, tres anos, desde os 18, como mecanógrafo do Consejo Supremo de Justicia Militar, oposicións…, e por último, ¡listeiro!, pasar lista e control de todo o persoal da casa, retrasos, vacacións, xustificación de ausencias, etcétera. En definitiva, o acusica da Central.

Naquela mesa só me faltou unha cousa: un letreiro co lema dominicano; pero non foi preciso pois, o que ben se aprende, nunca se esquece, e vindo dos pais, menos aínda.

¡Ora et labora, bendita consigna, orde inesquecible! Iso, orde, pois como tal debemos levala na memoria cerebral, e xa que logo, pasala á memoria do ordenador, por se alguén aínda non a coñece. Así como os Mandamentos se encerran en dous, amar a Deus sobre tódalas cousas, e ao próximo por Deus, a nosa vida pública tamén debe concretarse nestoutros dous, pois, ao meu entender, nisto cabe e se concreta toda posible exemplaridade. ¡Pero qué listos, e qué santos, aqueles dominicos! Con tal herdanza, eu ata lles perdoaría que exercesen aquel privilexio da prima noctis, se é que o utilizaron no meu Montecubeiro, pois honra, que non deshonra, sería proceder de tales homes!

¡Ora et labora, compendio de virtudes, pero, lamentablemente, un tanto demodé a estas alturas do XXI!

                                                                       
                                             Xosé María Gómez Vilabella


                                                                          -.-

15 febrero, 2012

MISCELÁNEA




               Seguimos facendo camiño


Seguimos, seguimos e sigamos, facendo Camiño,  a imitación do Miño, noso modelo exemplar, que por algo, alguén, tivo a feliz idea de comezar, coma o Miño, da Irimia no seu Pedregal. ¡XXXV, trinta e cinco anos, trinta e cinco pasos, trinta e cinco pegadas, pero aínda faltan máis! Daquela, coma o Miño, somos criaturas a medio criar. ¡Sigamos, pois, que é moito o que nos queda por andar, moito o que temos que ensinar, o que temos sen regar!

¿Qué nos ladran os cans no Camiño? ¡Razón de máis para seguir, para abri-la vereda…, se á nosa Meca, á nosa meta, queremos chegar! Camiñante, non hai camiño: ¡Faise ao andar! Daquela, andemos, andemos con soltura e con decisión, que niso temos a quen imitar, e imitando, imitarannos, como fixeron aqueles doce…, aqueles doce menos un, pois traidores tampouco nos faltarán!

¡Xa; e desde que chegue o Miño á fronteira de Portugal? Para comezar, non hai fronteiras, que todo é dos fillos de Adán; e de chegados á final, as augas seguirán vivas, máis salgadas aínda; de chegados á mar o noso camiño seguirá vivo, marcando estelas, trazando rutas…, para quen nos queira imitar!

As nosas vidas son os ríos… ¡Que si, Xurxo Manrique, que xa o sabíamos, pero fixeches ben lembrándonolo, pois, por veces, detémonos, outeando horizontes de grandezas, de riquezas, de apropiacións indebidas…! ¡Espellismos, bastos espellismos, miserias humanas, miopía…, tendo aló adiante, á fronte, no sitio das trinta moedas o tesouro inmarcescible da gloria eterna, testada co sangue de Cristo nada menos!

Ide e predicade o Evanxeo… ¡Non te pases, rapaz/rapaza, que iso incúmbelles aos apóstolos! ¿E ti qué es senón un apóstolo, o enésimo, un seguidor, un beneficiado da Boa Nova, pero tan egoísta que nin transmites o recibido; sequera ben nolo dixo a nosa Enriqueta, e iso que a tiñan por descrida: “Moito recibimos, así que temos a obriga de deixalo en herdanza, pero, mellorado, que tamén o fixeron os nosos predecesores!”. O Mestre dixo que El era o Camiño, a Verdade, e a Vida; daquela, con tal guía, ¿qué facemos aquí abaixo, parados, atendéndolles a eses cans que nos ladran? E xa que o Miño, noso padriño, vai parar ao mar, escoitemos ao capitán da nao, que a tal momento estanos ordenando desde a ponte vital: ¡Avante toda!

                                 Xosé María Gómez Vilabella

08 diciembre, 2011

anfiteatrogzradio: un proxecto de nova emisora galega


 
AnfiteatroGZradio é un proxecto de radio online en Idioma Galego. Pretendemos, a curto prazo, encher as 24 horas do día con programación de diversos contidos. O obxectivo é crear unha emisora no noso idioma, que fomente os grupos musicais galegos, a literatura do noso País... e todo canto teña cabida no mundo da cultura. Asimesmo queremos darlle cobertura a todos os blogs do blogomillo por medio do noso "player".

Precisamos dunha media diaria de 130 horas de audiencia (entre todos os oíntes)... se é que queremos seguir mantendo o dominio. Axúdanos a que este proxecto de radio en Galego vaia adiante. Ter aberto o reproductor da emisora (en play), o maior tempo posíbel, fai que contabilice, a prol nosa, minutos ou horas de audiencia. Bótanos unha man. Escóitanos!!
Primeiro, clica en baixo, e logo no play para escoitar a emisión
http://www.anfiteatrogzradio.blogspot.com/

30 noviembre, 2011

Pestana, un fotógrafo de luxo

O artista de Castroverde, no salón da súa casa de Bascuas, ante un autorretrato (Foto. Sebas Senande)

Polo seu interese reproducimos este artigo publicado no diario O Progreso de Lugo
23/11/2011 - Alberto Monsalve / El Progreso (Lugo)

O fotógrafo de Castroverde Baldomero Pestana atesoura na súa memoria aos seus 93 anos recunchos e experiencias de decenas de países do mundo. Ademais ten o orgullo de ser retratista reputado de celebridades como García Márquez, Neruda ou Polanski.
As VIAXES de Baldomero Pestana comezaron cando tan só tiña catro anos e emigrou a Buenos Aires, onde o esperaba a súa nai . Un tío que era xastre, e o máis culto da familia, ensinoulle ese oficio. Aos 11 anos pono a coser e aos 18 Baldomero Pestana xa vivía da agulla. Aínda que como el afirma, «era un traballo de supervivencia, non vía nel o meu futuro».
Pestana desexou viaxar polo mundo para logo escribir as súas vivencias. Embarcouse nun buque mercante como camareiro, grazas a un amigo, e atracou en Italia, España e Brasil. Ao seu regreso e xa casado, decidiu aprender fotografía en Buenos Aires nunha academia, onde sobresaíu como retratista, segun os entendidos, a disciplina máis complicada. «Era moi bo retratista ao meu xeito, ao xeito clásico». «Nunca quixen facer retratos con deformacións, quería sacar á xente ao xeito do Renacemento».

A obra de Baldomero Pestana marcou ás novas xeracións de fotógrafos, sobre todo de Perú, onde se instalou en 1958, cansado de política en Arxentina. Alí comezou traballando como fotógrafo no diario ‘El peruano', aínda que a súa actividade fotográfica foi moi ampla, xa que tamén traballou para importantes organizacións como Unicef, a ONU e importantes revistas como ‘Time', ‘Life' e ‘Esquire'.

Percorreu o país fotografando a realidade social, pero a actividade artística centrouna, sobre todo, nos retratos a intelectuais e personalidades do país.
Tivo a oportunidade de coñecer e retratar ao poeta chileno Pablo Neruda, premio Nobel. Anos máis tarde, en París, fotografaría a outro nobel, o escritor colombiano Gabriel García Márquez, cando estaba a traducir ao francés a súa famosa obra ‘Cen anos de soidade'. «Eu non gañei diñeiro cos meus retratos, quixen retratar a toda a intelectualidade e adquirín gran prestixio», di Pestana.

Unha vez instalado en París dedícase nos primeiros anos á fotografía e, despois, á pintura, a expor e viaxar. O seu xeito de crear era un tanto peculiar, «levantábame ás nove da mañá e empezaba a traballar, pero cada tres horas descansaba, porque a vista cánsase e o debuxo necesita esforzo, pasaban días e semanas ata que conseguía terminar unha obra». Para poder transmitir todo o seu talento afirma que «hai que concibir a obra, imaxinar como vai ser . Tamén asegura que «sempre leva moito tempo crear».

Pestana abandonou a fotografía profesional fai máis ou menos 20 anos, cando a paixón polo debuxo impúxose ata acaparar toda a súa enerxía. «Fotografando aos pintores coas súas obras, cheguei á conclusión de que podía ser como eles». Unha primeira exposición no 79, en Bruxelas, marca o seu novo rumbo artístico. Os seus debuxos a lapis, grandes formatos onde a figura humana é central, exhibíronse en galerías de medio mundo, desde Corea do Sur a Estados Unidos. «Cheguei ao debuxo como derivación do meu oficio de fotógrafo, a foto sempre é imperfecta, e eu lograba facer a foto perfecta retocándoa con lapis». Moitos debuxos eran das súas fotos.

Pestana acumula boas pezas de retratos fotográficos: Man Ray, Bioy Casares ou Bryce Echenique entre outros. Unha tarde de 1976, o pintor peruano Herman Braun pídelle que lle acompañe a un estudo de cine a retratar a un talentoso director. Era Roman Polanski. A sesión de apenas 15 minutos, non lle satisfixo. «Era imposta, tiña que retratalo en posturas que ordenaba Braun». No retrato que el lle fixo, Polanski pousa cun puro, sabéndose atractivo.

Como afirma o retratista, a arte «nace cun, en realidade todo o mundo séntese artista, é un modo de realizarse». Sempre o xeito de interpretar a arte adoita ser subxectiva e Baldomero expresa que «o público interpreta ao seu xeito, a arte serve para estimular e para reflexionar». Algunhas das súas obras máis importantes, a parte dos retratos de celebridades, son O prisioneiro; un díptico que lle encargou o presidente da compañía Samsung ou un mural que se fixo a partir dun óleo de Pestana no museo da ciencia de París. O artista manifesta que todas as súas obras «son como fillos» e lamenta vender algunhas.

Actualmente Baldomero Pestana pásase catro horas diarias navegando en internet para ver obras de arte, sobre todo pintura. «¡Canto pracer deume ler libros, escoitar música ou contemplar obras!». O creador manifesta: «xa que estamos vivos neste mundo, aproveitemos o mellor, a arte, a beleza, o amor e moitas cousas máis».

INFLUENCIAS

O creador admira o surrealismo

O artista Baldomero Pestana confesa que, entre as súas influencias, está o surrealismo. Ademais tamén admira pintores renacentistas como Alberto Durero ou Hans Holbein Buscou as súas obras por toda Europa para admiralas. Pero o que a el máis lle gusta é o realismo. Como artista se considera realista e as súas obras pertencen na súa maioría a ese estilo.

Obras favoritas

O creador revela que de entre as súas moitas obras, unha das súas favoritas é ‘O prisioneiro', unha pintura na cal hai un individuo que se fai atar polo público e libérase só. Ao falar dela percíbese o seu orgullo.

O artista de Castroverde expuxo a súa obra fotográfica e pictórica en numerosos países, desde Corea do Sur a Estados Unidos

13 noviembre, 2011

MISCELÁNEA

 
 
Mes de Defuntos


Rapaces, o labrego despídese; o gandeiro, nesta bisbarra, de momento, non. No sucesivo importaremos, ¡que divisas sóbrannos!

Nós, os que estamos en idade de testar, acollémonos á vosa audiencia para deixar constancia do noso paso polas agras de Castroverde. Para iso vaia por diante a nosa filiación: Somos os sucesores daqueles maiores, daqueles aos que Astete denominaba, Maiores en idade, dignidade e goberno. Pois ben, de presentados, acudirei ao refrán que afirmaba que, Pai vello e manga rota non son deshonra. Isto da manga rota non require comentario xa que os folgazáns, todos eles, conservan a roupa impecable, non precisan remontes. Isto ten a súa filosofía, o seu aquel. Un pai, un vello, e quen di un pai, á nai inclúe, ámbolos dous, nunca deshonran, nunca deshonramos, que se en algo desvariamos, ou se en algo nos torcemos ou disparatamos, tamén pode ser por culpa desa canle, dese rego sanguiño, cerebral, que seica se atoa cos anos. Por iso, máis que dos presentes, que sería unha certa egolatría, quero referirme neste mes de Defuntos aos ausentes, aos devanceiros, aos nosos vellos, aqueles que nos criaron, que nos educaron, que nos aconsellaron e coidaron; quero evocalos, aquí e agora, para dedicarlles a ofrenda dunha evocación colectiva, xunto co mozo lector, a todos eles, á súa memoria, á súa lembranza. E tamén, por extensión, a esta mocidade que nos aguanta tal e como somos, precisamente por vellos, cos anos en riba, que é do único ou do que máis presumimos, neste xúbilo tan xubiloso e tan honroso dos xubilados, dos cedentes do facho, dos dadores da testemuña xeracional.

A VIDA É UNHA CARREIRA DE OBSTÁCULOS, unha ximnasia permanente, para competir, para manternos en forma; unha loita esforzada, unha proba de relevos. Recibimos o fachuzo no mesmo colo da nai, e despois, todo seguido, preséntase o pai, de consuno, para comparti-la crianza, primeiro nos brazos, e despois da man, sempre da man. Tras diso vén a escola, o ensino, os consellos, a carteira sempre aberta para subvir as necesidades de cada intre. Toda unha vida cedendo, dando, transmitindo, neste relevo xeracional, amoroso e permanente, que así é a historia, unha sucesión de crianzas abríndose paso, transitoria, transicionalmente, amparándonos nuns e amparando aos outros,. Nesta panorámica, nesta transcendencia, canto digamos e fagamos ten algo de facho, ou mellor dito, queremos que teñan, gustaríanos que o teñan, que proporcionen un certo estímulo ás xeracións relevantes. Dalgún xeito, máis ou menos explicitamente, estámoslles dicindo, Rapaces, vedes que aínda somos capaces de facer algo útil, e incluso cousas divertidas, aínda que alguén, por aí adiante, xa nos dea de baixa por obsoletos, por carrozas. A nosa historia, en tanto en canto factor estimulante, podería tabularse, podería concretarse, así: Criámonos nas miserias dunha guerra tan estúpida que ninguén se molestou en explicárnola, simplemente porque non tiña, non tivo, explicación lóxica, e partimos, procedemos, polo menos unha maioría, dunhas escolas miserentas, invernais, descontinuas, aquelas da pizarra de lousa, máis con iso e con todo, ou se cadra precisamente por iso, porque nos vacinou aquela austeridade estremosa, espartana, de pan e touciño, fortalecidos, temperados, nunha serie de privacións, vigorizados naqueles acatamentos respectuosos, curtidos naquelas carencias nas que só sobraban as molleiras, fomos capaces de chegar ao que chegamos, o que chegastes, o que evolucionastes. Pois ben, neste relevo actual, con estes antecedentes, a nosa consigna nesta entrega do facho aos mozos, coido que pode ser, que debe ser, un prego, unha invitación, para que avancen eles, todos eles, un pasiño máis, para que nos adiantedes, canto poidades, canto queirades, xa que vos elevamos, en parte co noso esforzo, ao andar seguinte, catro escaleiras, máis ou menos, catro zancos por riba de nós, así que é xusto, parece xusto, que nos pasedes, que levedes para adiante o voso propio paso, co honor debido, e así ata o relevo seguinte.

Certo é, tamén, que tivemos os nosos erros, as nosas caídas, catro desalentos, pero con iso e con todo esta xeración, a nosa, a dos vosos vellos, nacida, criada, nas miserias ás que aludín, fixo, fixemos, certas valentías, que ben nos decataremos diso a pouco que lembremos, que sopesemos, o noso balance, partida por partida. ¿Quen se lembra, hoxe, de que na nosa infancia, moitos de nós, andamos nos terróns, queimando nas tolas, enzoufados de cinsa, que non hai praia no mundo que poña a un tan moreno, por non dicir, negro? ¿Quen sopesa, quen valora, aqueles esforzos, as sachas sucesivas, interminables, as decrúas do monte e das chousas, os nabais correúdos, a gadaña, as segas, as mallas poirentas, aquel puxa puxa de verdadeiros titáns para arrinca-lo esterco dunhas cortes fondas e cheirentas, atafegantes? Os carretos, case que permanentes, mañá por noite; as aradas suorosas, cos cadullos ata o mesmísimo marco para aproveita-las terras; faenas monótonas, aburridas, falando coas vacas, tan só coas vacas: Ei, Martela, non perdas o rego. As leñas, os estrumes… Todo iso fixemos, que de aí vimos, e a partires diso evolucionamos, sen outros luxos máis que o de botarlle pan ao caldo, e pan houbese. Pero se avanzamos, se triunfamos, non foi só coa forza física, senón, e maiormente, cos azos recibidos dos nosos antergos, coa forza do seu razoamento estoico e laborioso, exemplar, corrector, alentador; por ende, estes méritos hai que compartilos, en xusta correspondencia, con aqueles patrucios, cos devanceiros, así que, como se trata de talentos prestados, mellorables, transmisibles, aquí nos tedes os vindeiros, tódolos rapaces desta bisbarra, dispostos a seguir co facho instrutivo mentres nos quede un chisco, un lumen, de lucidez. 

Xubilados do corpo, si, pero da mente, non; por iso coidamos ter a obriga de servir de estímulo transmisor, transcendente, sen decaementos, ata que nos chegue a hora do tránsito, ata que nos incorporemos, nos tamén, que é lei de vida, ao paraíso do eterno descanso. Daquela, nese feliz reencontro, dirémoslles aos nosos, aos que nos precederon, AOS QUE NOS ESPERAN, ao pai, á nai, aos avós, aos veciños e parentes, coa satisfacción do deber cumprido, Aquí estamos, que ata aquí chegamos, pero, nestas chairas tan verdes do noso Castroverde, fermosas, inesquecibles, verdadeira mesopotamia do Azúmara, do Chamoso e do Tórdea, que aramos ao dereito, todos nós, porque seguimos as vosas regras, os vosos consellos, tal cal. Daquela, para virnos, fixemos, deixamos feito, un testamento, público, aberto, estimulante, ao estilo voso, xa que herdamos, e agora legamos, os vosos afáns, os vosos consellos, á xeración seguinte, cedéndolles o facho dunha fidelidade sostida, inveterada. Para constatar que nada perdemos, que nada se nos foi das mans, que nada se nos esqueceu de canto nos ensinaron aqueles maiores, aqueles devanceiros, tan ledos e tan sufridos, todos eles drogados do traballo, tan só do traballo, incomparables, meus pobres, que ata se foron ao alén sen o goce dun modesto retiro pecuniario, pídovos, nesta evocación, un aturuxo, un urro, ben forte, para que o oian, para que o repitan, os nosos rapaces, para que non esmoreza esta cultura rural, enorme, polifacética, herdada, transmitida oralmente, da que tan pouco se leva escrito porque non hai quen sexa capaz de abarcala, de sintetizala, nin sequera nesta idade dos ordenadores.

Pídolle a esta xuventude, a do noso relevo, que sigan oufanos, con crise ou sen ela, e que ufen, de cando en vez, en memoria dos nosos defuntos, dos seus testamentarios.

Xosé María Gómez Vilabella
 
 

26 octubre, 2011

Función fúnebre dos cruceiros na bisbarra de Castroverde

O cruceiro das Cavozas


O cruceiro das Cavozas

¡Cantos responsos tes escoitado, e cantas ánimas terás aliviado, e contigo os outros desta bisbarra, tantos que tivemos! Crisantemos versus responsos. Non, non hai controversia, senón unha certa ondada materialista, pero non aquí, non só aquí, senón desde aquí a Sebastopol, ¡e se cadra máis aló! ¿Quen se lembra daqueles: “Réquiem aetérnam dona eis, Dómine: et lux perpétua lúceat eis”? ¡Os “deudos” igual non, pero os cruceiros, si!

En tan só cincuenta anos, medio século, dúas xeracións, os cruceiros cambiaron de función, ¡e menos mal se non nos deu por arrincalos do seu sitio, e por almacenalos na eira ou na palleira! Pousa-las angarellas diante do cruceiro, e nelas o ataúde, era un alivio para os levadores, e de paso unha gozada para o párroco, que ben vía de esguello como o sancristán termaba da bolsa, tamén diante do cruceiro, de tódolos cruceiros do recorrido. Os rapaces, ¡como sempre, pícaros, imitando os malos exemplos!, non nos cansabamos de repetir o noso remendo, polo baixo, naturalmente: “¡Catro duros son seguros, á conta de catro burros!”.

Neste medio século, ¡os tempos adiantan que é unha barbaridade, como dixo aquel!, os defuntos deixaron de estorbar nas casas, dous ou tres días, o tempo necesario para pasa-los avisos, e para que acudisen os parentes dispersados; nas Pompas fúnebres, que por algo se lles chama así, comezan os luxos, unha suite incomparable coa que tivemos moitos de nós en vida, para seguidamente viaxar, ¡como pouco a cen!, ao soberbio panteón de mármores onde nos esperan os vermes consabidos. A todo isto, os responsos, ¿qué? ¡Xa non son en latín, que agora entendémolo todo, todos, nin os parentes, amigos e veciños acoden á bolsa do sancristán! Non é que non se rece, non, a Deus grazas, pero xa non se fai polos camiños, na comitiva fúnebre. Daquela os cruceiros foron a menos, ¡ou a máis, pois agora son historia, son lembranza, forman parte do noso patrimonio, da nosa esencia, das nosas tradicións, das nosas lembranzas!

Nada me impresionaba tanto como escoitar o sufrimento dos porcos na matanza, naquelas matanzas sen anestesia, e tamén a observancia dos enterradores extraendo aqueles ósos aínda frescos, aquelas caveiras sen cerebro, e todo iso para facerlle sitio, para darlle eterno descanso ao/á seguinte! Os enterros de hoxe en día conmoven aos parentes e aos amigos, ¡como non!, pero divirten, asemade, a moitos espectadores, que aproveitan a ocasión para relacionarse socialmente. ¡C´este la vie!, que din os franceses, e menos mal que hai outra, pois o que é esta está saturada de contradicións.

Aí nos vén o Día de Defuntos, cos seus crisantemos, por suposto, e algún que outro responso, tamén, pero eu, dándome de bo cidadán, que por tal me teño, proporía aproveitalo para depositar senllas coroas, e mellor se son de laurus nobilis, ao sopé de cada cruceiro, pois coido que ben o merecen, á parte e ademais de que sería unha merecida homenaxe, tanto aos defuntos que viron pasar coma a aqueles sufridores que portaban as angarellas! ¿Vale?

Xosé María Gómez Vilabella

23 octubre, 2011

MISCELÁNEA

Schwarzwald = Selva Negra (Alemania)

Castroverde visto polo retrovisor -II-
 
Cando fun ao encontro do noso irmán de Beja (Castro Verde de Portugal), no ano 1987, non levaba preconceptos: era un homónimo, e con iso chegábame e satisfacíame, pero cando estiven en Suíza, e aproveitei para adentrarme en Alemania desde Basel, confeso que ía nervioso, expectante: ¡Unha Selva Negra tiña que superar na intensidade do verde e na beleza ecolóxica ao meu Castroverde! Pois, non; ¡en absoluto!

Aquí o retrovisor foi rotundo: As casas, algunha, un pouco máis coidadas que as nosas, pero o que é o campo...! O noso Páramo, e máis chámanlle así, é un cacho de paraíso comparado coa súa Schwarzwald! Agora entendo por qué os suevos fuxiron da súa Xermania para asentarse na Gallaecia, particularmente na zona de Castroverde.

¿E de Basel, ou Basilea, qué? ¡Ata que chegaron os nosos só falaban dous idiomas: alemán e francés! Pois iso tamén o facemos en Castroverde, coa de emigrantes retornados que acolle a Asociación de Pensionistas e Xubilados, e logo que, a maiores, cortamos o castelán, a cotío, maiormente entre a xente que se dá de culta.

O verde de Suíza tampouco está mal, pero o que está requetebén son os seus silencios nocturnos, pois o botellón celébrano de día. De noite, descansan, que así están eles de lúcidos, de pulcros e de exactos, ¡que nin que fosen reloxos! Coido que debe haber moitos reloxeiros..., ¡para exportación, claro, pois eles acóllense ao sol, como facían os nosos vellos! Os galos en Castroverde tíñanse para a Pascua, e non como despertadores. Limpos, pulcros, económicos..., ¡que sempre traballaron co diñeiro alleo! Entre os seus inventos, o que máis me alucinou foi ese automatismo dos seus inodoros, un mecanismo que non permite abri-las súas portas se previamente non se tirou da cadea. En definitiva, que saben distinguir entre insumos e consumos, e logo que non paran de engadir valor as cousas. ¡O único do que carecen é de crises, maiormente das socio-económicas!

¿Dos franceses? ¡Non lles cambio a torre do noso castelo, e iso que está medio esquecida, pola súa Eiffel! En canto as francesas… O día que lles dea ás mozas de Francelos por acicalarse con Rêve d´Or, van cheirar mellor cá elas!

En canto a Portugal… ¡Foi unha pena que non nos tratásemos antes con eses parentes! Estabamos equivocados pois de Portugal todo por aquí só se coñecían os serradores, aqueles da serra enmarcada, e parecíannos atrasados. ¡Si, si, atrasados, cando a súa serra era máis liviá, máis cómoda e máis precisa que a nosa de aire, aquela que requiría almorzar cun quilo de touciño! 

De presente estamos no mesmo cesto cós veciños, niso que chamamos Unión Europea, pero cando se esperten os fillos de Breogán…, ai daquela! ¡Daquela temos que volver a pasarlles diante, que por algo nos pasamos a vida estudando…, pola falta de traballo! O que hai que procurar é organizarse para non ter que emigrar, xa que con iso mandámoslles os rapaces criados, forzudos e ilustrados, para que logo nolos devolvan…, escarranchados!


Xosé María Gómez Vilabella
 

20 septiembre, 2011

MISCELÁNEA

A Veiga do Olmo, un bo lugar para renacer

 
 
¡Un bo lugar para renacer, tanto en cristián coma en galego, non si señores teólogos?

“Mandou Deus que a terra xermolase herba verde, plantas coa súa semente e árbores que desen froitos, cada unha coa súa semente conforme á súa especie. E así foi. A terra xermolou herba verde, plantas coa súa semente, árbores que daban froito, cada unha coa súa semente. E viu Deus que estaba ben. E así completouse o terceiro día”. (Xénesis 1, 11-13). Despois veu o pecado, e tras do pecado o diluvio, etc., etc., ¡pero o Castrum do Vallis Viridis salvouse, e os de Castroverde replantamos un olmo, un ulmus minor, deses que requiren un chan fresco e fondo, para mostrarlle ao Creador dúas cousas: o agradecidos que lle estamos pola súa Creación, e tamén polo feito cordial de salvarnos do diluvio universal, que así, nosoutros, por tan singular privilexio, seguimos tendo en herdo un cacho inalterable e inalterado daquel Paraíso Universal. ¡Deo grátias!

O lema da XIX Romaxe (no Rosario, Vilar de Donas, A Ulloa), foi: “Polo camiño verde”. Nisto estamos, que polo Camiño Verde seguimos, aquí chamado “Primitivo”, porque o é, porque arranca de tempos remotos. E no de verde, xa o comprobarán por si mesmos os asistentes á Romaxe do próximo setembro. ¿É ou non é Castroverde?

Iso nos propoñemos: ¡Renacer! ¡Volver a nacer! Volvernos nenos…, ¡pero co sabido, sabido! Daquela será cousa de bautizarnos de novo, outra vez, que auga temos, e cotra para lavar…, algunha! “Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo privedes, porque dos que son coma eles é o Reino de Deus. Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus non entrará nel” (Lucas, 18, 15-17). Xa que nos puxemos de camiño aló arriba, no Pedregal de Irimia, sigamos, baixemos, acollámonos ao Primitivo, á Igrexa Primitiva, sinxela, fervorosa, valente, disposta ao martirio se preciso fose. Díxoo o propio Xesús: “Dádelle ao César o que é do César”. Daquela o boato, as presuncións, as vaidades, son do César, ¡e hai tantas e tan mal adxudicadas! Por iso, algúns, queremos renacer, tornar ao bo camiño.

Xosé María Gómez Vilabella