Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

19 julio, 2010

PROXECCIÓNS SOBRE CASTROVERDE E O CAMIÑO PRIMITIVO EN XULLO E AGOSTO


Igrexa de Vilabade, nomeada a
"Catedral" de Castroverde



DURANTE OS MESES DE
XULLO
E AGOSTO A
ASOCIACIÓN AMIGOS DO PATRIMONIO,
GRAZAS Á COLABORACIÓN DO SOCIO,
ALFRREDO EIRAS
,
FARÁ PROXECCIÓNS SOBRE
CASTROVERDE E O CAMIÑO PRIMITIVO.
AS PROXECCIÓNS SERÁN DE
8:00 H- A 12: 00 h
TODOS OS DIAS,
NA IGREXA DE VILABADE.


Ver mapa más grande

PROXIMAS ACTIVIDADES:

DÍA 22 DE AGOSTO.
Participación na
Feira Artesanal de Castroverde,
os que queiran participar no xantar que organizará a Asociación,
deben comunicalo antes do día 10 de agosto.

DÍA 11 DE SETEMBRO.
Partcipación na
Romaxe dos Irimegos

que, este ano se celebrará na Vila de Monterroso.

DÍA 18 DE SETEMBRO.
Roteiro con Arcas de Sarria,
polo castro Formigueiros e Lóuzara para facermos
o roteiro literaro, Fiz Vergara Vilariño.


RESUME ROTEIRO POLO CAMIÑO NORTE

En Arnao coa Ponte dos Santos de fondo


SANTA GADEA – ILLA PANCHA

O sábado día 17 de Xullo, fixemos este percorrido partindo de Santa Gadea, camiñando por zonas do Camiño Norte e, noutras ocasións achegándonos á costa polos lugares de Penarronda, Viladún, Arnao, cruzando a Ponte dos Santos por onde teñen que pasar obrigatoriamente os peregrinos que se queren achegar a Ribadeo. En todo o percorrido puidemos ver desde Tapia, Ribadeo, Foz, Cangas de Foz ata a punta de Burela. Desde a Ponte contemplarmos o antigo cargadeiro de mineral, o castelo de San Damián, o pequeno porto de Porcillán, pasearmos polo cargadeiro e achegarnos á Illa Pancha. Logo de comer, contemplarmos desde Ribadeo, Castropol e Figueiras para achegarnos máis tarde ao monte e mirador de Santa Cruz para contemplar o percorrido feito pola mañá e toda a Ría do Eo, un pouco máis tarde, algúns, achegáronse á praia das Catedrais.

MISCELÁNEA


Ao Norte, Mailoc

Ao Norte, si, pero tamén máis acó, máis dentro, pois a Meda, a nosa Meda, bretona é, xa que pertence de vello ao bispado de Mondoñedo, continuador da Sé bretona.

De tales veciños nunca houbo queixa, ¡a pesares das lindes! O Val de Fonteo bretón era xa que a parroquia de Valonga, ao traveso de Oviedo, aínda hai pouco que pasou a Lugo. Daquela tivemos a serra da Ferradura de pasteiro común; ¡de pasteiro e de xineceo, que moitas mulleres de “Tras da Serra” chegaron a ser nais dunha infinidade de castroverdenses, ao longo dos séculos! E pola parte da Meda, comunidade, que non veciñanza, temos, habemos, segundo dito queda.

A romanidade desta bisbarra ben estudada está; e por parte dos suevos, a falta doutros documentos, aí está unha toponimia abondosa que non permite dúbidas, particularmente ao noroeste onde os asentamentos suevos, lindeiros cos bretóns, están acreditados polos nomes de Rois e de Suegos, entre outros que sería prolixo enumerar aquí.

O noso Castroverde, con iso das comunicacións radiais desta provincia, sempre se encarou coa cidade da “caixa forte”… ¿Da caixa forte? ¡E logo, para qué pensades que nos obrigaron a facerlles esa muralla, e encima diso os nosos mandantes, os nosos lategueiros, pasaron á Historia como fautores dela! Así que isto contribuíu a esquecernos un pouco dos bretóns, amén da circunstancia de que foron baixando, trasladando a súa Sé, para achegarse a ese mar que lles servira de peirao acolledor ao inicio do seu éxodo. En definitiva, que non se pode coñecer un lugar, neste caso un concello, ignorando as veciñanzas, os connubios e mailas convivencias históricas.

Nisto estiven matinando estes días, que fun de peregrinación a Bretoña, ao que foi solar daquel templo bretón, pasando pola “Casa da Botica Vella”, recentemente abatida, simplemente pola simpleza de alcatrear esta praza sacra. ¡A Santiago, si, ante todo, pero tamén á Bretoña, pois a evanxelización de Mailoc é digna de veneración, de respecto e de recordación!

Se eu fose un neno das Escolas de Castroverde agradecería que me facilitasen axeonllarme diante da efixie de Mailoc; pero, como estou na idade oposta, e xa que de cativo non me levaron, (1) igual que fixen co Santo André de Teixido, aquí me tedes, do outro lado da máquina de retratar!

A foto é miña, pero as referencias que seguen tédelas en moitos libros, limitándome a resumir catro datos que podedes confirmar na “Wikipedia”:

Mailoc, (ou Maeloc) foi un bispo galego de orixe bretoa do século VI. O seu nome aparece entre os prelados participantes no Primeiro Concilio de Lugo, ano 569, e tamén no Segundo Concilio de Braga, no ano 572. Neles representou a colonia britana establecida aquí, ao noso Norte, por brito-romanos emigrantes, que abandonara a illa de Bretaña, actual Gran Bretaña, fuxindo daquelas invasións dos anglosaxóns xermánicos habidas entre o século V e o VII.

Foi todo un personaxe, ademais de bo veciño. ¡Un urro por Mailoc, e de paso, polos bretóns!
_____________________________________________________
(1) De cativos a onde nos levaba aquel Mestre manco (de Lepanto, non, que este quedara así dunha parálise infantil), don Jesús Rojo López, era ao veciño Campo D´Ares, (así chamado porque alí tivo o seu solar aquel Comendatario e Prior do convento de Meira, Ares de Maxide). Mentres as cativas saltaban coas cordas das vacas, os nenos faciamos instrución paramilitar, devoción e adhesión que de nada lle serviu ao Mestre pois tivo outra parálise, esta política, xa que foi vítima dunha depuración tardía, na que o desterraron aos Oscos (Asturias), e iso a pesares de facerlle as beiras á filla dun falanxista da parroquia, ¡ou se cadra foi por iso! Misterios de Montecubeiro, que se coñecerán no Xuízo Final…, xa que deixou de haber coplas!

Xosé María Gómez Vilabella

14 julio, 2010

Miscelánea


Raia seca / raia húmida

O río Letes, (Lima, ou Limia),
que tanto preocupou aos romanos,

¡e xa non digamos aos contrabandistas!

Neste Castroverde de Lugo casamos, emparentamos, felizmente, cos homónimos do Sur, co Castro Verde de Beja, pero aínda así coñecémonos pouco, acaso menos do desexable. Pois ben, nesta relación, nesta comunicación, co presente artigo quixera abrir, se non unha porta, si un portelo, ¡parecido á Portela do Homem, esa da serra do Gerês, cabe do Letes!

Galegos do Norte / Galegos do Sur. ¡Gallaecia, en definitiva! Vén isto a conto dun certo paisano, coñecido nunha das viaxes que fixen a Portugal, que me referiu como de neno tivo a ousadía de aprenderse o Astete, ¡de memoria, do dereito e do revés! Boa a fixo, pois daquela o seu crego quixo presumir de acólito e introducilo no seminario de Tui..., ¡para que chegase a bispo, xa que el non! Aquela sapiencia inusitada, aquela presunción acólito/crego, ocasionoulle ao rapaciño dúas hostias de seu pai, sen consagrar por suposto, desas que derivan do latín hostis (inimigo, estranxeiro). Aquel pai, un antigo lexionario, quería que o seu gromo tamén fose militar, pero militar de graduación, que era o que estaba de moda. Podía ser as dúas cousas, asemade, capelán-castrense, pero o milite non confiaba nas ambigüidades: ¡Para el, paz ou guerra, guerra ou paz!


En vista do visto, ¡do visto e do doído!, o rapaz largouse daqueles santuarios tudenses, da súa igrexa pero tamén do seu fogar, que non era precisamente o de Breogán, ¡coa ponte en medio!, pasando de acólito a portador dun empresario daqueles do “Mercado Común” antigo, do inicial, máis coñecido como estraperlo: Fóra calzóns, e a nado, estivese a auga fría ou quente, catro quiliños de café, de cada vez, ao lombo, nun fol de cabra ben atado co cinto. ¡Ai se o Miño falase…! Pero o Miño, e co Miño o Limia, só cantaruxan, así que falará este servidor no seu nome, ¡agora que desapareceron as fronteiras, agora que entramos, agora que nos extraviamos nisto da globalización!

Cousas así pasaban polos anos 40 / 50; onte, medio século. ¡Quen pensaba daquela nun tren supersónico, de alta velocidade, tal que Porto-Vigo, que suturase aquel roto, aquelas raias, aquelas lindes dunhas partillas dobremente reais! E mais case estou arrepentido de poñerme con este tema pois veño observando que os avances..., ¡quero referirme aos tecnolóxicos, pois dos outros habería moito que opinar!, van tan á presa, foxen, superpóñense con tal desconcerto e falta de asimilación que mesmo á xuventude actual certas cousas de fai tan só medio século parécenlles acaecidas na idade da pedra, ¡da pedra sen puír!


Non obstante, ¿quen non ten a curiosidade de saber qué pasa/qué pasou, na casa dos veciños, e de paso coñecer cómo nos foi con aquelas partillas que deron lugar ás lindes, aos arrós? Avanzando por este XXI, e aínda que hai/houbo apertas e comunicacións tan fraternas coma a antedita, pasma o feito da escasísima osmose dunha fronteira que sempre foi doada de traspasar; fisicamente, quero dicir. O século XX pasará á Historia polos seus descubrimentos, pola nosa emigración e polos análises microscópicos, ¡todo ciencia e todo técnica!, pero nós, os galegos, estivemos aquí, todo o tempo ao lado, sen saber se Portugal era reino ou república!


No ano 1936 esta fronteira, esta raia dos mapas sería tronzada, metro a metro, se non fose porque os nosos fuxidos sentíanse máis seguros nas carballeiras galaicas que nas urbes salazaristas. Por outra banda, nin todo era pastalaria en Portugal, nin pantrigo en Galicia. No que nos gañaban era no traballo da madeira, pois en picar pedra aí se ían cos canteiros de Pontevedra. En particular aos serradores portugueses débeselles a tala sistemática daqueles carballos, que deixaron de abeirar fuxidos para converterse en eucaliptais, ¡en eucaliptais antibióticos! Daquelas carballeiras fornecéronse as travesas de media España, amén dunha flota inxente de carros de vacas, así que, entre raíles e chedeiros, trens e carros, foi Portugal, cos seus madeireiros, cos seus serradores, quen nos botou a andar, ¡que non a correr! Pola nosa parte, nós aliviámolos dos seus excedentes de café e de azucre, ¡coloniais!, que eles preferían quedarse co té na súa inveterada fraternidade co mundo anglosaxón.

Cando este servidor comezou a explorar alén desas lindes fronteiras, fai disto medio século, largo, nas alturas do XX, o único que sabían de nós o noventa e nove por cen dos irmáns sureños era que os galegos pirrabámonos por deixarlles as nosas pesetiñas naquelas ruletas do seu casino de Póvoa de Varzim, pois o de Estoril estaba reservado para a nobreza castelá. ¡Que cousas, qué tempos!


De abaixo-arriba, a súa lúa sempre foi Vigo, que o tiñan por meta das correrías domingueiras. A Ourense ían os catro invitados dos seus corenta correspondentes, vulgo estraperlistas, de fraco rocín, cando non de burro melenudo. De Santiago oíran falar, que por algo lles valera o Apóstolo na súa Reconquista, maiormente na batalla de Ourique, pero despois diso case esqueceron ao noso, común, Matamouros, convencidos polos ingleses de que aquel destripador de dragóns con xilaba fora San Jorge. Da Coruña só oíran referir, e para iso os oito sabios de Coimbra, que o seu Rei Fernando I, vido a Galicia no ano 1369, tanto acatamento tivo aquí, nesta Herculina, que ata pensou se non era un ataque. Feliz por semellante acollida e disposto a posuír longamente este Reino, acuñou moeda, tanto en Tui como na propia Coruña; de paso, liberalizou o tráfico comercial entre Portugal e maila terra prometida; organizou o abastecemento de cereal e de viño por vía marítima, etcétera, pero ao final colleulles medo aos báculos dos nosos bispos, propicios ao outro pretendente, aquel de Tras do Támara, circunstancia que levou ao seu Fernando a embarcarse con présa fuxidoira, no 1373. ¡Daquela, adeus Coruña, que eu torno da túa ceca á miña Meca, á miña Lisboa, que esa é boa, fiel e permanente...; unha coroa certa!


En canto a Lugo... ¡Lugo tíñano esquecido, que non lles conviña lembrarse da súa hexemonía, compartida con Braga no reinado dos suevos! A Lugo, no XX, só chegou aquel cento de serras de aire á que antes aludín. ¡Arborecidas eles, que devastaron o noso plantío mentres na súa terra adoraban, e conservaban, un bosque sacro, ese de Buçaco, un paraíso de cinco milleiros de especies arbóreas, traídas por imperativo real de todas e de cada unha das estadías dos seus galeóns.

Agora temémoslle á globalización, que non é para menos, ¡pero anda ti que as raias, o que tiñan de bo...! Nin secas nin húmidas, que todas mancan no peito, ¡e do peito pásase ao peto, que por algo andan xuntos, cunha tea de por medio! Caso á parte, pola súa desmesura, é a actual invasión dos bárbaros do Sur, dese Sur non tan remoto, que a nosa despensa non vai dar para nutrir este medio mundo, tan famento e esfarrapado, (amén de folgazán, dito sexa cunha paréntese, por se alguén me zurra).


Xosé María Gómez Vilabella

11 julio, 2010

MISCELÁNEA


(Esta fotografía vai en branco e negro para simbolizar o loito

en que debemos ter este lugar paradisíaco,

en tanto en canto non volvan a poñe-lo cruceiro

no seu debido emprazamento)


O Santo Cristo das Cavozas



(Cavozas = cavus = fondo, profundo, concavidades, particularmente se forman encrucilladas, vértices). Tal é o caso das Cavozas de Montecubeiro, unha especie de ingua onde concorren, e se apertan, unificándose, o río Azúmara co seu afluente Ribón. Esta xeografía, cando a nosa bisbarra estaba poboada de viandantes, que logo é tanto como dicir antediluvianos, ¡boa a fixo Henry Ford desenrolando a industria automobilística, un atentado ao homus erectus, e por ende, andante!, tiña de seu natural o atractivo da concorrencia de veciños, do reencontro, particularmente nos festivos e nos enterros.


Polos defuntos que por aquí pasaron, e que aquí se detiveron/os detiveron, para recibir os sufraxios da veciñanza, orémus, xa que deixou de habelos, que agora pasan, como pouco, nun “Mercedes”, ¡a cen!, sen un triste veciño que lles axude a subir ao Ceo:


Absólve, quaesumus, Dómine, ánimam fámuli tui (fámulae tuae) N. ab omni vinculo delictórum: ut in resurrectiónis gloria, inter sanctos et eléctos tuos resucitátus repíret. Per Christum Dóminum nostrum. Amén.

Réquiem aeternam dona ei (eis), Dómine. Et lux perpétua lúceat ei (eis).

Requiéscat (requiéscant) in pace. Amén.

Anima eius (ánimae eorum), et ánimae ómnium fidélium defunctórum, per misericórdiam Dei, requiéscant in pace. Amén.


Pola miña parte, outro responso para aquel/aqueles asasinos das tradicións patrimoniais, neste caso beleza artística e valor etnográfico incluídos, que, ao face-las cochambres das estradiñas que gozamos/padecemos en Montecubeiro, non tiveron presente a sacralidade do lugar, importándolles un carajo arromba-lo cruceiro, co doado e co barato que sería indemnizar ao veciño do lugar, se non cedía, gratis datis, uns cantos metros de terreo para desprazar este cruceiro, cargado de Historia, a sitio seguro, onde seguise visible, pero sen estorba-lo paso dos “Mercedes”. ¡En sitio seguro está, porque o custodia un veciño, pero…, nun pendello, lonxe da vista, que é igual a dicir, lonxe do corazón!


Xosé María Gómez Vilabella


08 julio, 2010

PRESENTACIÓN DO "FORO DO CAMIÑO PRIMITIVO", DO QUE FORMA PARTE "AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE"



"Asociacións culturais denuncian as agresións que está a sufrir o Camiño Primitivo en todo o seu percorrido

O centro social Maruja Mallo acolleu onte o Foro do Camiño Primitivo -a ruta máis antiga das que levan ao peregrino a Compostela-, no que varias asociacións e colectivos relacionadas coa defensa da cultura deron a coñecer as agresións que está a sufrir a vía, así como as medidas necesarias para a súa posta en valor, para o que instan ás institucións públicas a cumprir coa obrigación de protexer este patrimonio histórico-cultural."

Autor: B. G. R.
Localidade: lugo/a voz.
Data de publicación: 8/7/2010 .

(ver máis)

04 julio, 2010

03 julio, 2010

GRAN AFLUENZA DE VECIÑOS NA INAUGURACIÓN DAS PISCINAS MUNICIPÁIS




"Tras permanecer paradas as obras desde 1994, o pasado 30 de xuño foron inauguradas as piscinas municipais de Castroverde, nun acto ao que asistiron decenas de veciños. A apertura oficial estivo a cargo do alcalde, Xosé María Arias; do presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e do vicepresidente primeiro, Antón Bao. A entrada en servizo para o baño será o día 12 próximo.
..................................................................."

Lugo/A voz.
Data de publicación:
1/7/2010

(ver máis)

02 julio, 2010

Miscelánea



Agora, si!

Avoíños da Cova da Valiña, non nos tomedes a mal que vos deamos as costas, que o facemos simple e transitoriamente por culpa do fotógrafo, este invento, ¡outro asunto que vos resultará incrible!, que entrou na Historia en 1816 grazas aos ensaios dun tal Nicéphore Niepce…, pero deseguida vos daremos a cara para parrafear un anaco con todos vos, que nolo tedes merecido, entre outras cousas porque datades as orixes do noso Castroverde.

Pois, si, que dese Val Verde vos quero falar; concretamente dun fito histórico, outro: ¡Por fin, temos piscinas! E con elas, con este adianto, periclitouse aquel refrán tan prudente de que, “Non se pode nadar e garda-la roupa”. ¡Agora si, avoíños; agora si! En cabinas, nada menos.

Iso de non saber nadar custoulles a vida a moitos galegos, sinaladamente aos do interior deste país, en particular aos pescadores, aos que se enrolaron en barcos de pesca sen máis sabenza que a de recoñece-lo seu prurito estomacal. E nas guerras, tamén, ¡tamén! Nas batallas da Independencia de América, na do Ebro, no afundimento do Cruceiro Baleares… ¡Incontables! Certo é que tiñamos os ríos; entre outros de menor caudal, o Azúmara, o Chamoso, o Tordea… Si, certo, pero de augas frías, atrozmente frías, aptas para lavar os pés, e pouco máis. Eu, e coma min, miles, despois da chapuzada fluvial, despois de apertar unas cantas oucas para retirar da circulación unha ganchada de troitas…, ¡veña correr polos prados, cen metros lisos, como mínimo, en pelota picada, para que o sol nos fixese de toalla!

De paso, no noso Castroverde acabáronse as “Catarinas”. Así lles chamaban na costa de Lugo ás mozas do interior…, ¡porque se bañaban descalciñas do pé e da perna, e para iso, tan só ata os xeonllos! Avoíños, se agora, no voso roldar de ultratumba, asomades pola nosa Veiga do Olmo, e vedes unhas cantas raparigas coas mazarocas ao ar, non vos escandalicedes, que esas son simplemente as “catarinas” que veñen do século XX, pois as do XXI, polas trazas, darán un paso máis, que xa practicarán o nudismo integral. ¡Meigas fóra!

¿Decatádesvos de que a civilización, en Castroverde, ¡tamén en Castroverde!, comezou con vosoutros, nesa, para nós, sacrosanta, Cova de Valiña, e ten de presente as Piscinas da Veiga do Olmo? A alguén pareceralle pouco tramo, pouco recorrido, pero eu estou abraiado destes avances. E gústanme; o único que me desgusta é que os eucaliptais invadan as nosas carballeiras; mirade cal non será a progresión xeométrica destes avances, que xa nin case quedan prados, nin prados nin hortas! En limpeza si que estamos gañando: Para os catarros, bafos de eucalipto; e para o demáis…, para o demais os peregrinos do noso Camiño, do Primitivo, xa poden face-las súas ablucións en Castroverde, sen ter que deterse á chegada de Santiago niso que era, e que chamamos… ¡Lava-c…!

Xosé María Gómez Vilabella