Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

27 julio, 2008

Seriais literarios

¿Pódese pasar?


-XIV-


Novela satírica

de

Gómez Vilabella


-o0o-


De proxecto en proxecto, ¿cal é o de máis proveito?



Nunha daquelas cintas anímicas atopáronse coa escena que se reproduce neste capítulo por ser unha das seleccionadas polos Fisgas da Fiscalía Celeste:

-...

-Querido Manuel, temos que afinar os métodos, que estes paisanos están aburríndose do franquismo; do franquismo, e das nosas maneiras tan..., ¡paternalistas, que non paternais! Nesta conxuntura histórica, de vésperas, deterse é perde-lo tren, así que hai que meterlles os pelotazos antes de que remate o xogo, a nosa partida, e para iso cómpre dedicarse con preferencia aos proxectos de máis rédito, aos máis rendibles. ¿Séguesme?



Manuel tiña outras razóns, sen decatarse de que tamén converxía no mesmo espectro, no aureliano:

-¡Que se aguanten, que non lles vai mal connosco, co noso goberno, que desde que ti asesoras, co brandengue que es, non mandei a ninguén ao cárcere, que aquí todo se arranxa en cartos! O que non estea a gusto, poño por caso coa contribución aos gastos, digamos, municipais, daquela que se largue para Alemaña, que aló hai Mercedes, a esgalla, coma o meu, que tódolos plebeos desta bisbarra volven con eles, ¡fardando coma próceres!

Aurelio, no seu papel de moderador daquel fidalgo vido a menos; ou a máis, que iso sería discutible:

-É certo, pero, ultimamente, baixamos a categoría municipal, que nos exceden outras Vilas do entorno; lémbrate cánto traballo nos deu poñe-lo padrón en vinte e un mil catrocentas trece almas; ¡iso, entre almas e ánimas!

-¡Si, ho, foi unha obra de enxeñeiros, que ata tivemos que resucitar algún que outro, algún deses que di o propio Arcipreste que de seguro está no inferno! Eses milagres que fas coa Estatística..., ¡cousa seria! ¡Aínda máis có noso Cura cos seus responsos, que o que é a el, desa parte do mundo non lle volven..., que eu saiba!

O Secretario esbozoulle un secreto, outro máis, que aquel monstro tan enxeñoso, aquel monstro dos enxeños, concibía os plans en serie, tanto os oficiais coma os particulares, a milleiros, enleados coma as ovas das troitas:

-Estes días acariñei un proxecto..., ¡coido que agarimoso!

Aló dentro bulíanlle os celos ao Salmonte, por tragadeiras que tivese e por moito que subordinase a súa dignidade aos cartos:

-¡Mentres acariñes proxectos, e nada máis que proxectos, vainos ben!

Pero o cínico non se deu por aludido:

-Un proxecto que che dará imaxe...; iso, como Alcalde, pero facíanos falta un padriño, concretamente en Madrid, con categoría de Director Xeral, ou aproximada.

Manuel, presuntuoso, sen vacilar, co pasado esquecido:

-¡Témolo: meu padriño de pías, o Xeneral Valcarce!

Aurelio denegou coa cabeza:

-Non; non serve, que se trata do Ministerio de Educación y Ciencia, que é onde temos que facer a xestión.

O Alcalde, carraspeando aquelas queimuras, entre nicotínicas e alcólicas:

-¡Vale, ho, vale; o mesmo, que cho digo eu, que en Madrid mandan todos, e todos se deben favores, enchufes de toda clase, como daquela da Masonería, que niso recuamos! Con isto sabido, ¿cal é ese proxecto tan agarimoso?

-Pasa que nesta Vila, se a comparamos con outras, precísase unha obra monumental; eu diría faraónica. Aínda que non sexa práctica, que iso, en política, sempre é o de menos: ¡Hai que facela por unha cuestión de imaxe, para que a veciñanza opine que temos un Alcalde que os ten coma o cabalo de Santiago, ou coma ese da Coruña, aquel Molina...!

-Aurelio, deixando fóra as túas metades; ¿que coño queres dicir?

-Pois, que o señor Alcalde, ti, don Manuel, fas milagres, que es un gran conseguidor. Consegues máis, moito máis, do que teñen as Vilas do teu redor...; ¡menos, se acaso, na cousa antedita, niso da multiplicación demográfica! Poño por caso, un Grupo, un Grupo Escolar, de vinte ou de trinta unidades, que teña as mellores instalacións deportivas que se coñezan en cinco leguas á redonda. ¡Tería que ser tan grande e tan bo, monumental de todo, coma calquera dos mellores de Galicia! ¿Víche-la Laboral de Gijón? ¡Algo así!

O Salmonte, aceso, blasfemou, coa xactancia habitual, coa euforia soprada, inferida:

-¡Iso está feito, Camarada! Ti redacta os Informes do caso, que eu consígoche as trinta unidades, en..., ¡en tres días, que seica foi o tempo que lle levou a Cristo!

Nin hai que dicir que tanto Frei Marcos coma os Fisgas estaban, seguían, escandalizados, ¡pese a súa experiencia! Aurelio, un bo domador, esporas e freo, a doses, por veces, segundo conviña:

-Querido Manuel, tampouco é así que eses días precisounos Cristo..., ¡porque era Deus! Neste caso, para que se vexa, para que se palpe o difícil que foi conseguir unha obra desa magnitude, ningún Alcalde estaría en Madrid..., ¡menos de quince! ¡Cos gastos pagados, por suposto! Mentres, xa coidarei da túa imaxe; e de inmediato, sen dicir ao que vas, lanzarei a nova de que o señor Alcalde vainos sorprender co froito dunhas xestións que os teus predecesores nesta Alcaldía nunca se atreveron a soñar, ¡e menos a pedir!

Atende, para que non haxa contradicións entre nós: Lévate ao Concelleiro máis golfo deste Concello...; si, de veras, que así, amén de testemuña do teu éxito, teralo trincado, pola súa complicidade bordelesa. Mentres vos desafogades con esas damas de compañía, coa Cibeles e demais amigas, non se che ocorra chamar por teléfono aquí a Churiz, de ningunha maneira, que esa Telefonista ten as orellas grandes de máis. Xa comunicarei contigo, a ser posible desde a Capital, desde o meu bufete, cada dous ou tres días, de tarde en tarde, que ben sei o que son as noites de Gaviria..., e ti precisas repoñer o teu repocho cunhas boas sestas..., ¡para non defraudar ás seguintes! ¿Vas informado? ¡Daquela obedéceme, en todo, que é polo teu ben!

Manuel, apagados os celos con aquelas perspectivas da substitución, lambíase de gusto, que ata se lle secaron os beizos de tanto abri-la boca, e deu en tusir. De recuperado:

-¡Aurelio, ti es o meu anxo, que agora entendo esa cousa, esa comparanza do cabalo! Daquela, se tes alguén diante, cerca do teléfono, non se che ocorra preguntarme polas bailarinas, que esa Mabel, da outra vez, soubo das miñas andainas nos Madriles, e sempre mo está repetindo, de chantaxe: que son un puteiro, que son un mouro, un egoísta, e que a ela non a deixo falar..., nin cos mellores amigos!

-Manolete, mentres andes de seareiro, por Castela adiante, á túa Mabel sóbranlle leas cos desafiuzamentos desas casas que herdou na Capital, así que non lle quedará tempo para botarte en falta; a maiores, tamén precisa olla-las obras da nosa barriada, que xa ves o adiantadas que as temos. Se o ollo do amo engorda ao cabalo, ¡que non engordarán os da ama! Ás obras, me refiro, que como ti es un Muza, ¡daquela igual entendes ao revés!

-Chacho, agora que o mencionas, esa obra, esa urbanización, tamén é faraónica. ¡Hame facer inmortal; e eu que tiña para min que esas leiras de xunta ao río non servían nin para botarlles toxo!

-Manuel, non te emociones antes tempo; ti goza en Madrid, canto podas, para ti só, con disimulo, para que esta veciñanza pense que estás ao tanto das obras públicas, ¡e non só das túas!

¿Péscalas?

-¡As nosas ben públicas son, que estamos vendendo os pisos sobre do plano, ao primeiro que chega, sen miramentos nin reservas para as amizades, que por algo son de prezo fixo, séxase, públicas! ¿É, ou non é?

Aurelio pasáballe por alto algunha que outra animalada, pero todas, non; ¡espora e freo, alternativamente, para mantelo desnortado, despersonalizado, sen control de si mesmo! O seu sistema ante o Rexedor era coma aquel do pescantín coa nai das troitas: ¡canto máis tires, máis sedela che dou..., de momento! No seu credo, adoutrinar tamén era ridiculizar, meterlle complexo:

-Manuel, iso chámase, popular; o de "público" é outra cousa. En canto ao prezo fixo...; ¡fixo é, pero levan un recargo do cincuenta por sobre do que nos autorizaron no Ministerio! Por certo, hai que recordarlle á Mabel, de cando en vez para que non o esqueza, para que non faga excepcións, que non cobre esas primas con cheques nominativos, que nos pode saír algún listete que os retrate; ou que consiga unha certificación do seu Banco. ¿Estamos?

-¿Que, qué é iso das primas? ¿Volves ás metás fóra?

-¡Manuel, qué pouco te fixas! Primas, sobretaxas, son eses cartos, ese cincuenta por cen que lles poñemos aos pisos por riba da cantidade que lles marcou Vivenda nas Cédulas respectivas, nas Provisionais; ¡que por algo se chaman Protexidas!

A cousa ía ben, e Salmonte celebrouno pegándolle lume ao enésino vegueiro:

-¡Este Secretario, unha marabilla! Chacho, estás en todo, e non o vello, o anterior, que o único que sabía don Ramiro ao respecto das primas era aquilo de que, ¡Canto máis prima..., máis se lle arrima! Meu pobre: cunhas primas que dicía ter aló na Capital, colleu un sifilazo do demo. ¡Foi providencial, que en seis meses, vacante: a túa! Pero ti sabes escollelas, do mellor, que conservas a saúde.

-Algún defecto tiña que ter, ¿non si, Manuel? -E volveu a soltarlle sedela.

-...

Rematou aquel episodio co asentimento compracido do Alcalde. Fisga Nove manipulou outra cinta, para a secuencia seguinte, e deulle ao "intro" daquel Relembro Anímico da Fiscalía. De primeiras apareceu en pantalla aquel suntuoso despacho da Secretaría, na Consistorial de Churiz, tres veces máis grande e de mellor moblaxe có do propio Rexedor, nota explícita, elocuente, de quen viña mandando, realmente, no Concello; quen mandaba en realidade de verdade.

-...

-¡Oh; qué grata sorpresa; non te esperaba, polo menos tan de mañá! ¡Vou pechar por dentro, que está aí o Xaquín, na oficina!

-Manuel marchouse de cedo, no seu Mercedes, polo Camiño Ancho adiante, el e mais un Concelleiro, que nin sei cómo se chama; ese solteirón, ese barrigudo, ¿sabes?, o das canteiras. Non me quixo dicir a qué van a Madrid; tan só que é un secreto de Estado, unha cousa boísima para Churiz. Con tanto misterio, que se me fai que ese Concelleiro nin sabe a onde o levan, pero tampouco lle importa, seguro que non, que ese trangalleiro, con tal de pasear...! ¿Oes, non será que os chamasen de Gobernación, por estas conspiracións dos nosos solares, por iso de que non respectamos as leis?

-Muller, en absoluto; ti tranquila, que iso da urbanización é unha das cousas que nos van de perlas, miña socia tan querida; ¡tan querida e tan admirada! O teu Manuel non volverá en dúas semanas, que leva varios asuntos na carteira, moitos; ¡ademais dun galano para o seu primo; á conta, previo! ¿Ti tes que ir á Capital, non si? -Chiscoulle un ollo. -Daquela dille á criada, a esa de máis confianza, que se ocupe dos nenos, e que non te espere en dous ou en tres días, que debes arranxar cousas, aló, na cidade... ¡Para disimular, dille que é diso das casas! Despois agardas por min, xa sabes onde, que esta noite, miña rula, durmimos e soñamos, ámbolos dous, nese Parador tan..., axeitado!

Mabel deu en danzar, castañolando cos dedos:

-¡Xa fun, xa fun, a Portomarín, / que fun, que fun, / requenta-lo meu amorín!

Aurelio colleuna polo van e seguiulle aquela danza tola, improvisada, marcando os puntos:

-¡Xa fun, xa fun, a Portomarín, / e co meu amor entre as pernas / durmín!

Mabel, soltándose daquelas apertas interminables, sedentas, fogosas, con retorzóns de cadela enlazada:

-¡Estamos tolos, Aurelio; mira que se chega a saberse..., agora que temos os negocios en sociedade!

Aurelio tranquilizouna sentándoa nos seus xeonllos, ás carranchas, encarados, e prodigoulle todo tipo de caricias:

-¡Tolos de amor, Mabeliña; meu sol; ninfa do Miño! ¿Ti, a cotío, nesas manazas que non te merecen, que de seguro nin saben acariciar esta pel de pexego suave, máis apetitosa cás mazás do Paraíso?

Mabel, despois da febre, do éxtase, daquela vacilación, recuperou algo de apromo, colgándoselle do colo ao seu amantísimo Secretario:

-¿Sabes que che digo con respecto ao meu panzudo? ¡Por min, que lle dean bailarinas, a pasto, onde diaños estea, onde queira que vaia, que eu voume contigo, agora mesmo, ao inferno que sexa...! ¡Ao noso Portomarín, que Mallorca pilla lonxe, que se non...! ¡Tra-la-ri-ro...! ¡Imos maza-lo leite co teu mazaroco, que é noviño, e tan desaproveitado que o tes, que o está necesitando a miña chocolateira, moitísimo! ¿Sabes unha cousa? ¡A do Manuel, nestas ocasións, nunca pasa do nove! ¿De canto me dixeches que é a túa, do vinte? ¡Daquela verás qué festa che dou, que xa me sae a humidade..., a callón!

Os Fisgas, nin que dicir ten que estaban abraiados, escandalizados de tanta impudicia nunha xente que encabezaba a vida oficial daquel Municipio. Un deles estivera repasando as etiquetas dos vídeos anímicos e deu cunha biografía relacionada, paralela, daquelas de Churiz, que tiña que ver co Litis. ¡Co Litis, non, co seu diaño! Rebobinou ata poñela coincidente, sincrónica; e con ese axuste viuse unha baiuca daquelas da estrema de Churiz, escurísima, na que conspiraba un fato de rapaces:

-...

-¿Entón, hoxe, ás oito, no sitio de costume? -Preguntou un dos mozos, tan rapado, tanto, que ben se lle notaba que estivera, ou que seguía estando, no Exército, na mili.

-¡Non, ho! Penso que é mellor cambialo, que como non están na praza, nin Manuel nin o seu alter ego, eses Gardas andan soltos, de cuncas chupadas, e daquela poden notar o noso remexo.

-¿Por qué non na túa, Xaquín? ¡De ti, por agora, non desconfían, que ben que te arrimas aos oligarcas! -Apuntou un deles, un de traxe de pana, labrego ao cento por cen a xulgar pola anchura e polos calos das súas mans.

-¡É perigoso, que me están afagando moito; iso evidencia que xa me teñen por inimigo! Pero hoxe temos outra oportunidade: Como coincide ese enterro, o do pai do Veterinario... Daquela coido que é mellor ir por aló, e así quedármonos a cear polo camiño, lonxe de Churiz; ¡tal que en Sarria!

Contestoulle un rapaz que era roibo coma unha mazaroca, celta puro:

-Non é mala idea, que este Xaquín coñece os bois cos que ara, pero, ¿e se alguén avisa á Garda Civil?

Resultaba evidente, no ámbito local, aquel dirixismo do Xaquín:

-Para estes riscos xa sabedes a consigna: Non precipitarse en pasa-lo recado, para non dar tempo a que ninguén dos iniciados se vaia do pico, e que cada quen, desde ese intre, vixíe os pasos do seu contactado, do seguinte, de un en un. ¿Advertidos?

Como eran moitos, moitas foron as opinións tácticas daqueles subversivos de barrelo. Un dos que estaban aló atrás levantou a man para que lle atendesen:

-Na miña opinión os máis perigosos son eses do Tercio, séxase, do Sindical e do Familiar, que eses, ¡nin que fosen xudeus conversos! Deses non me fío, nin un pelo, e menos aínda desde que don Manuel se meteu a empresario..., que os pode comprar de mil maneiras!

Xaquín era doutra:

-Eu do Familiar menos que de ningún, que eses fedellóns adoitan ter moitos fillos, ¡e cantos máis fillos, menos ideais!

O máis animoso deles, unha especie de alter-ego do Xaquín que non se lle apartaba un centímetro, corifeou:

-Como di o noso Xaquín, hai que correr o risco, que ese Mataquintos do Pardo está a caer..., ¡e precisamente por culpa destes levantamentos dos universitarios! Daquela temos que estar organizados, ipso facto; para iso, para aproveitar ese baleiro do poder constituído, e haberá que facelo sen vacilación, que para entón farémonos cos Axuntamentos, ¡sexa á forza, ou presentándonos ás eleccións, segundo se terce, que hai que ser pragmáticos, e iso dependerá de moitos factores!

O omnipresente Xaquín, centro de tódalas miradas alí onde fose, que de cando en vez amosaba á porta da taberna, seguramente para espreitar se había xente ao redor, intrigounos de mala maneira co que lles estaba insinuando:

-Teño novas, fresquiñas, do trinque, ao respecto de todo iso, que volas darei no seu momento.

Despois daquel funeral de tapadeira, de cobertura, de facerse ver, asinar e marcharse, nunha abacería da estrada. A xulgar pola vexetación, no Val de Sarria:

-...

-A ver, Xaquín, ¿cal é o motivo desta xuntanza, desta plataforma con xente de tan diversas opinións?

O aludido, nin curto nin preguiceiro; sempre sobranceiro:

-Imos deixar sentado, de primeiras, que somos demócratas, e que nos responsabilizamos dos nosos actos. Por conseguinte, se algún dos presentes non é demócrata, daquela non poderá sentirse a gusto cos demais, así que lle pregamos que se decida a irse, ¡xa! Que pague o escote da cea, e que se largue, ¡así sexa ao Cuartel dos Civileiros!

-...

-¿Que, ninguén se vai? Daquela, se pasa algo, xa sabemos que houbo traidores postreiros. Dependerá dos outros desenmascaralos e purgalos, tal e como merezan. ¡Lei do Talión, que se di!

Adiantouse o roibo e dixo:

-¡Xaquín, non sei qué vas dicir pero debe quedar claro que ser demócrata non significa ser comunista, como seica es ti; ¡ou viceversa! ¿Estamos? Entendo que aquí, nesta convocatoria, o denominador común é a cousa de ser demócrata, que de momento vai ser no único que conformemos. ¡Farruco dixi!

Un dos que aínda non falara:

-Opino coma este das J.O.C., que así somos os sindicalistas, que sempre damos a cara, a cotío, enfrontándonos aos burgueses, aos empresarios, mentres outros, tal que estes labregos, moito queixarse do Réxime, de que lles muxan na teixa, pero seguen dándolle ao dente, aproveitándose desas becas tan demagóxicas, ¡co aquel de que teñen a propiedade a nome dos vellos!, e de paso aprovéitanse de cantas subvencións pillan. Nese, Si, señor, escravista, tan seu e tan crónico, por suposto!

O do traxe de pana, picándose, alzou a voz:

-¡Tamén hai sindicalistas do si señor, deses que dobran os gonzos por aí adiante, en tódalas Empresas, que o Vertical, de tal, só ten o nome!

Algo lle musitou daquela Xaquín, pero saíu inaudible no estéreo; a quen se lle oíu perfectamente foi ao seu incondicional:

-Rapaz, non te metas co Xaquín, nin cos obreiros, e déixate de bromas que ben sabes, sábelo perfectamente, que no Vertical, moitos de nós, estamos asentando os canteiros; ¡si, os canteiros; os do pórtico grande, os da liberación! Iso aínda que sexa a modiño, dous pasos adiante e un para atrás, como dixo Lenin. ¿Ou logo, cómo é aquilo de que, chi va piano va lontano? ¡Nós, paseniño, ou correndo, segundo as oportunidades, xa conseguimos certas cousas, certas liberdades, de interese xeral; e ti sábelo perfectamente!

Aquel campesiño medrouse, temperou, ante a agresividade do verticalista:

-¡Seino; pero aquí, a tal momento, nin piano nin gaitas do fol, que só hai bordes! E se non, mirade as horas que vos fan traballar eses centurións da Urbanizadora, que nin que vos tivesen nas obras da muralla de Lugo. Moito de Limitada, pero o que é no traballo, e no risco das estadas, maldito cousa; mentres, os descendentes daqueles Condes do Monte Salvo, veña fumar Montecristos, ¡que ese foi outro, outro Conde!

Xaquín aplaudiuno, con calor:

-¡Así se fala, rapaz, que iso dos Montecristos é un signo externo das ditaduras; ou máis propiamente, dos ditadores. Para máis inri, evocando o nome daquel martelo dos tiranos! Este oligarca, este gomo panzudo dos Salmontes, mentres fuma nos habanos ben que se embolsa as plusvalías, ¡as vosas, as do voso traballo! Por certo, ¿de quen son as plusvalías; sabédelo? ¡Outra que esquecedes, a miúdo!

Interveu aquel mozo do pelo ao cerapio:

-A ver, Xaquín, déixate de Cristos e de Montecristos que aquí estamos para falar das accións, das resistencias; con accións e con resistencias foi como ese Fidel acabou cos oligarcas, cos de Vuelta Abajo, e tamén cos de Vuelta Arriba, todos eles lacaios do seu Tío Sam. Aquí suponse que es o moderador desta Xuntanza pero non se oe nadiña que sexa verdadeiramente revolucionario; nada que haxa que moderar, que ninguén se define. Provoquémolos, un pouquiño: ¿Cae ou non cae don Paco? Se cae, ¿que plans tedes para o día seguinte; ou é que non tedes previsto un Día D, coa Hora H? Se non hai trazas diso, nós, entrementres, ¡mexar e á cama!

O Auxiliar do Concello, Xaquín, quixo aglutinar, eclecticamente por suposto, naqueles aguiachos, naqueles revolucionarios de vía estreita, de rueiro; dos de, por un patacón, cen:

-Tampouco se trata de definirse senón de sentar unha entente, o máis cordial posible. Si, iso, unha entente, nosa, con miras aos acontecementos, que desta vez poden ser inminentes. ¡Síntomas hai, en presenza! E como di o Bieito, ese Cura sábelotodo, ¡achaiar os camiños do Señor! Pero aquí trátase dos camiños plebícolas, dos da plebs, que as avenidas dos señores, ben que as achaian eles, eles mesmos..., aínda que só sexa para lucir eses bloques das súas pseudovivendas, esas que nos están vendendo de estraperlo, e sen ascensor!

O roibo era dos máis escudriñadores:

-Daquela, ¿ti sabes algo, algo máis, algo transcendente? ¿Que vos din eses infiltrados do KGB, esas amas de cría con botas de cosaco, eses que vos levan da man coa man..., coa man chea de ouro moscovita, daquel que depositou Negrín?

Picouse o aludido, reaccionando en consecuencia:

-¡Sen bromas, eh rapaz, que volo vou dicir en boa camaradería! Deses conflitos estudantís, deses que remaneceron na Central, respaldados por varios profesores ben coñecidos, espérase que podan conducir á folga xeral, provocando unha crise definitiva do Réxime, que traerá consigo, probablemente, a caída do franquismo, e con Franco irase esa pantomima, ese franquismo sociolóxico, que algúns empresarios xa amosan a súa intención de cambiar algo, unha parte, un case nada, para que non se lles cambie o todo, para non chegar a verse desbordados cunha ruptura violenta.

¡A burguesía, é sabido, sempre saca o paraugas antes da tormenta! ¡Enxérganas de lonxe de tanto cantar Cara ao Sol! Se isto se produce, o esencial é que esa ruptura non nos leve polo río abaixo, nunha das fervenzas que se producirán por culpa da vendetta que se vén incubando, ¡desde o 34! Que nos leve a unha guerra intestina entre as forzas políticas, acaso entre veciños, como pasou daquela, daquela no 36. ¿Estamos? Pois isto que parece tan inxel hai que cimentalo, a conciencia, con bos alicerces, con reunións heteroxéneas coma esta, que para xuramentarnos, maiormente para iso, aquí estamos. ¡Daquela hai que chegar a un equilibrio liberal, transixente, e nós tamén, tomando a verba liberal no senso filosófico, no da tolerancia intelixente! ¿Vale?

Estouvos invitando a uns acordos de mutuo respecto, que sería absurdo que despois de ter padecido unha ditadura ominosa, longa, eterna, interminable, do máis feroz caciquismo, no máis lucrativo dos amiguismos, corrompida con ese du ut des que restaurou o franquismo, despois diso, insisto, nós, estes demócratas de toda a vida, a flor e maila nata de Churiz e da súa bisbarra, estes que destacamos polo noso patriotismo e pola nosa intelixencia, non esteamos da mesma avinza, nin sequera para asenta-la convivencia, ¡politicamente falando! ¿Si ou non si, queridos amigos?

Aquel labreguiño do traxe de pana, ecléctico e prudente, coa moderación acugulada por tantas ducias de xeracións labregas reiteradamente asoballadas:

-¿E ti, na túa ideoloxía, nese rolo verbal, cres, sinceramente, que en España volveremos a ter o partido comunista, esa ideoloxía que pretende repartir tódalas vacas que pasen de dez? Querido Xaquín, coido que podes ir buscando acomodo noutra forza política, en calquera das que dimanen desta nova situación, ¡tal que aí polo medio da vagada, que é onde máis abrigado se está, se está e se estará!

-¡Mirade este carreta-xamóns, -bramou o aludido, -que non hai tanto que o cachei petando nas portas do Pazo Salmonte! Eu non dixen que o marxismo sexa unha exclusiva dos comunistas, mais teremos o marxismo sociolóxico, o ideolóxico, outra vez, ¡chámenlle o que lle chamen! O que dixen, o que seguirei dicindo, é que temos, ou teremos, que partir, todos, todos nós, tódolos españois de lei, dunha oposición ideolóxica conxuntada, temperada, aproximada, persoa a persoa, para mina-lo réxime ditatorial, para darlle, entre todos, unha unción extrema, coa untura posible, cunha untura que sexa compatible coa nosa dignidade, tanto persoal como colectiva, que agora está claro que eses oligarcas van pola rúa da amargura, ¡agónicos perdidos!

-...

Tanto os Fisgas como Frei Marcos estaban abraiados de tanta verborrea oca, lamentándose que a ditadura baleirase de contido ideolóxico, efectivo, dunha maneira ramplona, á xeración do esperado relevo democrático. Seguiron atentos para poder contextualizar as actuacións daqueles oligarcas, omnipotentes e omnipresentes, de Churiz, particularmente do inevitable, do imnombrable.

Nisto preguntou, outra volta, aquel rapaz do traxe de veludo:

-¿Como se estrutura, como se pode estruturar todo iso, esa estratexia social, na nosa bisbarra, no rural? Vosoutros falades con terminoloxía da industria, ou da minería, para o caso, que ao visto son os vosos mestres, pero as folgas, as sabotaxes, todo iso..., ¡aquí non teñen aplicación, non levan xeito entre os autónomos, entre os artesáns do rural, e xa non digamos para nos, para os simples labregos, ou máis exactamente, para os labregos simples!

Contestoulle Xaquín:

-Imos por partes, que na nosa bisbarra hai que empezar polo Concello; hai que producir unha unión, un estilo, unha oposición, fronte á oligarquía, para acabar co voso lacaísmo fronte a un stablishment que vos acolloa..., ¡tanto ou máis do que estiveron nosos pais!

Tomou a palabra outro dos asembleístas, un Concelleiro novato, metido de estranxis na última Corporación do Salmonte, se cadra para simular unha apertura progresiva que, de feito, na realidade dos muñimentos locais, non pintaba cousa; simplemente porque, de facto, non existía:

-¡Mira, Xaquín, vaite ao carajo con eses predicotes tan..., prematuros! ¿Como podemos facer oposición, nin sequera nós, os propios Concelleiros, os disidentes, se nin aos Plenos nos convocan?

-¿Ah, si; esas temos? Xa sei que non ides ás xuntanzas, pero, despois, cando vos chama don Aurelio, persoal e directamente, daquela ben que lle firmades as Actas, poña o que poña nelas, que niso de redactar, ¡niso tamén!, ese Secretario é un artista. Por algo podedes comezar, ¡digo eu! Non lle firmedes as dos Plenos que non se celebraron; nin as daqueles aos que algún Concelleiro non fose invitado en tempo e forma, que xa sei que adoita mandarvos as citacións ao día seguinte, pero con data retrotraída, que así quen leva as culpas é o pobre Carteiro!

Cabreouse aquel Edil ao verse cachado, ridiculizado:

-¡Mirade quen foi falar, este Auxilias do nabo! ¡E ti, a ver cando deixas de abrirlle a porta ao Secretario, que iso de ser lacaio e comunista, todo á vez, de consún, dá noxo!

Seguidamente falou aquel mozo rapado, parte interesada xa que, segundo comentou o Fisga Nove, fora rexeitado pola filla do Paco, do Almacenista:

-¿Pero, ti, qué dis? Este Xaquín, este cantamañás, non pode deixar de facelo, polo menos ata que seu sogro non inaugure esa gasolineira, a estación nova, a do Campo da Feira, que lle poden anular o permiso..., ¡tan pronto como alce os ollos do chan!

Xaquín, de zarabandado, defendeuse como puido:

-Compañeiros, a modiño, suai-suai, que di o mouro, que non estamos para bromas. Eu son, hoxe por hoxe, un asalariado, coma calquera de vosoutros, e teño que conservar o meu pan. Por certo, ben que vos pinta, ¡a moitos!, que eu estea dentro, coma os chourizos no pote das fabas, que así sabedes máis cousas por min que polo propio Alcalde; ¡e xa non digamos polos edís! Por exemplo, ¿a ver se este Concelleiro nos pode dicir onde están, arestora, os nosos xefes, ese chouriceiros do chourizo alzado?

-¿Iso, onde están? -Pediron varios, ao unísono.

Informounos o propio Xaquín ante o mutismo do aludido:

-Pois, o Alcalde na propia capital, en Madrid; e o Secretario, na da Provincia. ¡Sendas reunións! ¿Vedes o que vos dicía? Se poñemos estas ausencias, secretísimas, en relación coas circunstancias que coñecemos, das que xa falamos, con ese levantamento dos estudantes, daquela resultan indicios de que non soamente conspiramos nós senón de que tamén o fan os pseudofranquistas, ou máis ben, os tardofranquistas, que me dá igual. Seguro que se están armando, preparándose contra nós, ¡en vista da que lles vén encima.

Un universitario, que se atopaba de fin de semana:

-Tamén habería que falar doutro tema..., ¡se as cousas están maduras!

Nisto, Xaquín, moderando aos outros, aos que deran en barullar, para atende-lo universitario:

-A ver, chist, calade, que aquí o Xurxo, este aprendiz de leguleio, seguramente nos queira falar da súa teima daquel Estatuto, aquilo do 36, iso da primordialidade da súa recuperación. ¡Veña, home, atúfate!

-¡Pois, si! Sigo, e seguirei, que o temos aprobado, e ben aprobado, elevado a rango parlamentar polo noso Castelao, aló en Montserrat, nas postrimerías da República, pero dentro dunha Constitución que nunca foi derogada senón vilmente rachada polas baionetas dun Exército levantisco e infiel; ¡africano, en definitiva! Comigo non contedes para outras xuntanzas se a dialéctica, chegado o caso, vai ser o universalismo críptico destes comunistoides fronte aos valores da propia identidade, da nosa, da galega. Por iso quero que se defina este Xaquín, por extenso. ¡Dixen!

O aludido, un tanto coñón:

-¡Este Xurxo vai ter que cambiar de gafas! ¿Ti non ves que iso da U.R.S.S. quere dicir, Unión de Repúblicas? Os comunistas aceptamos as nacionalidades, incluso o federalismo; claro que si; ¡pero tan só as históricas, tal que a Galicia dos teus soños, querido Breogán!

Pero a especulación universitaria, insatisfeita, seguiu inquirindo:

-O caso é cómo as aceptades, pois, se é ao son de Moscú, nese caso as liberdades ao nabo de Lugo; ¡turulú chispúm!

O alter-ego xaquiniano, sempre fiel, de gardacostas permanente:

-¡Tranquilo, Xurxo, que daquela poñemos os compases da muiñeira! ¿Cal queres, a de Mosteiro, que ademais de pícara é melosiña?

Xurxo retirouse cun,

-¡Vaite ao carallo, que ti es máis sopragaitas có teu Xefe, que non o é pouco!

Pero sentenciou Xaquín, cortante, poñéndose en xerras:

-¡Ao carajo irémonos todos, sen tardanza, se non avanzamos nisto, nestes mínimos, nestes prolegómenos, en senta-las bases da convivencia democrática; da nosa, en definitiva! ¡Esa tronada...; mentira parece nun universitario! ¿Sabedes qué vos pasa? ¡Que con iso de estudar por apuntes, todo o reducides a simples fórmulas, H2O, auga; a política é a arte do posible, pero partindo do imposible, do que parecía imposible, séxase, un complexo, un complexo lóxico, pero no alén, fóra de toda síntese!

O universitario impacientouse e buscou a porta, resolto a irse, mais detívose ao ver que ía falar un compañeiro seu, un que non abrira a boca en toda a xuntanza:

-Pola miña parte entendo que a onde temos que ir, agora mesmo, é ás nosas casas, que quen nos vexa chegar tan tarde, tan tarde e todos xuntos, tódolos autos á vez, ¡Deus sabe o que pensará!

Xaquín, levantando a sesión:

-Veña, fóra de aquí, ímonos, que xa falou o Caladiño, ¡e foi bastante elocuente, que co seu broche fixo un retrato do voso medo e da vosa desunión! En vista diso, o que é por min, ¡viva a Pepa!

Un labreguiño, que non lle entendeu aquela alusión á Constitución de Cádiz, proclamada precisamente o día de San Xosé do ano 1.812:

-¡Que é iso de que viva a Pepa; que viva Mabel, esa tía tan tía, esa fulana tan fulana, tan estupenda e tan patriota que mentres fornica non estraperla pisos! ¡Deu-la bendiga!

Aplaudírono, particularmente aquel universitario, que se puxo a explicarlle ao labrego o significado daquilo da "Pepa". Xurxo, pola súa parte, repetiu o, ¡Ei Carballeira, viva Mabel! E Xaquín sinalouno co furabolos, para que todos se fixasen nel:

-¿E ti, Xurxiño, cómo é que dás vivas á señora Mabel; é que tes parte nas súas magras, admítete...?

-¿Eu? ¡Nin nas magras nin no magreo, sexa individual ou colectivo, pero algo dela gozo, que cando vén á nosa tenda deixa un recendo a Chanel, do bo, que mesmo marea; por iso me toca, algo..., aínda que só sexa o aroma! Pásame coma ao Xaquín, que lle toca sen tocarlle, ¡cando pasa por diante súa!

-¿A min? ¡A min o que me toca ese triángulo, que xa lle chaman dos equiláteros, son os..., os mesmísimos! -Lamentouse Xaquín, entre cabreado e divertido

-...

Aos poucos saíron daquela taberna tódolos conspiradores, xuntos, caladiños, levándose ben, que por encima da política sentíanse amigos e veciños; ¡amigos a pesar de ser veciños! Daquela repartíronse, apertáronse de novo, en boa camaradería, naqueles catro coches, tan desvencellados que xa parecían de segunda man.

A cinta seguinte resultou curta, así que a viron de seguida, dun tirón, sen recesos. O seu enfoque comprendía un cafeíño existente á saída do mesmo Churiz pola estrada do Campo da Feira. No mostrador, en solitario, que era cedo para a clientela habitual, Xaquín, acobado no mostrador e ollando cara á porta, ata que lle chegou a visita agardada:

-¡Boas! ¿Ti es Xaquín?

-¿E ti, forasteiro? ¡Preséntase o que chega; é o costume!

-Espero por un amigo..., por un amigo da infancia.

-¡Camarada, quedas identificado; e a ver se cambiades esa contrasinal, iso do amigo, que de tanto repetilo, igual lles cheira aos Civís! ¿Quen te mandou?

-Eu son das Comisións, de aí Lugo; mais, xa que tanto te preocupa a seguridade, coido que non deberiamos falar aquí, nesta adeguiña, que ten unhas ventás demasiado limpas, excesivamente claras...

-Eu vivo no primeiro andar do número once, aí mesmo, nesa Praza do Rolo, así que vou diante. Deixarei a porta entreaberta, para que non se decaten os veciños. Daquela espérote..., ¡para non saír xuntos!

Reunidos de novo, reencontrados na casa do Xaquín:

-¡Camarada, hai que dispoñerse, que nesta bisbarra sodes uns lambecús!

-¡Home, un respecto!

-¡Aos feitos me remito, que aquí non dades un paso sen pedirlle permiso ao outro, ao outro pé!

Xaquín era menos veloz:

-É que...; pouca labor se pode facer, que neste Distrito, cousa que comprendo, todos che son mancos; ¡a eito! Tiveron a guerra, moitos e deles con presidio, e con algún que outro morto na familia, así que todo por aquí quedamos, ou mutilados, ou mudos, ou castrados. Aínda que volvamos a ter eleccións, eleccións libres, vai ser un problema, que esta xente non sairá das casas..., nin para votar!

-Xa cambiarán..., ao día seguinte da folga!

-¿E se non se logra; e se Franco non abre a man, nin con esas?

-Xaquín, es un derrotista. Daquela..., ¡a seguir moendo; moendo e danzando, mentres a pedra aguante, que algún día se lles acabará ese trigo bobo aos franquistas, tan doado, que incluso llelo metemos nas propias tullas!

-Ben dis, pero cumpríronse trinta, ¡ao ditado!, cun Ditador que non o mata nin a súa flebite.

-¡Transitorio! Iso pásanos porque non se logrou afianza-la plataforma reivindicativa das distintas forzas, tanto das políticas como das sindicais, nesta oposición ao Réxime tan..., descafeinada!

-¡Será así, será! Pois, pola miña parte, farei canto poida con respecto desas consignas, pero ao de hoxe non estou libre de movementos, que o diabro nos trouxo un Secretario tan espreitón que ata coido que ten ollos na caluga. ¡Un cabrón!

-¿Ollos? ¡O que ten ese Secretario é unha femia de carallo, desas que fan ferve-lo leite, desde lonxe; qué non será de cerca!

-¡Confúndeste; este tío está solteiro!

O foráneo estrañouse:

-¿Solteiro, de verdade? ¿E logo, quen é a tipa que o acompaña?

-¿Que tipa? ¡Aclárate, que sempre falas coma se un estivese ao tanto de todo o que pasa neste país!

-Tivemos unha Xuntanza en Portomarín; e para disimula-la nosa presenza démonos unha voltiña polo Parador, en plan turista, ¿sabes? Alí, nun curro, estábanse sobando, a altas horas da noite, ¡ben sobados!, coma dous rolos en celo; ¡talmente en celo! Un dos nosos, que coñece ben a provincia porque é Viaxante, díxonos que se trataba do Secretario de Churiz, así que, polas trazas, a todos nos pareceron recén casados. ¡Igual pasa que non vola quere traer para aquí, para este vilorrio de poucas trazas!

Xaquín cheirouse de seguida a explicación lóxica:

-¿Non será unha roiba, desas do tinteiro, algo entrada en carnes e cunha espeteira que logo parecen dous medeiros emborcados; de máis idade có Secretario, e que adoita levar uns zarciños axitanados, deses de fantasía?

-Os aros non llos vin, que non estiven tan cerca deles; no resto, si, tal cal, aínda que iso da idade, tratándose de mulleres..., non é doado! O que che podo dicir é que unha femia coma esa non pasa desapercibida, nin no Parador! ¡Miúdo lote o que se deron naquel curro; estounos vendo: pornografía pura; ou máis ben, dura, que iso é contaxioso!

Naquela conspiración de vía estreita, Xaquín púxose a tramar:

-¿Temos alguén de confianza...; aló, en Portomarín?

Si que o temos, que o noso enlace é precisamente un camareiro do Parador, que por certo dispón dun dos mellores postos de espreita. ¡Un dos mellores deste país polo que se expraian tódolos xerifaltes do franquismo, os de Galicia e parte do estranxeiro, nesas enchedelas, un verdadeiro estabulo deste maldito stablisment!

Xaquín seguía barrenando, buscándolle o quinto pé ao gato:

-¿Ese camarada...; ese camarada poderase facer cunha copia; ou polo menos, cun apunte desa factura, da que lles pagou o meu Xefe?

O forasteiro asentiu, pero con reservas, con notables reservas:

-Coido que si; pero a ver qué uso fas desa información, que podemos perder un enlace boísimo, un observador de altura; ¡ata me poden sancionar por iso!

-Descoida, camarada, que non farei mal uso; o que quero é, simplemente, comprobarlle ao facha ese, ao Secretario, algunha das súas coartadas, ¡por se o collemos nun renuncio! É para neutralizarlle as accións que poda ter contra nós, ¿entendes?, por se nalgún momento chegamos a ter problemas con ese puteiro, ¡que de tanto manillar, polo que contas, ata lle manexa a muller ao Alcalde! Ela ten sona diso, de cobizosa, de que non lle chega cos cen quilos do Manuel, pero o que é co Secretario, co Aurelio, con ese esmirrado...; ¡o que nos faltaba!

-¿Que dis do Alcalde; era a muller do teu alcalde, do propio Alcalde? Ai, logo, sendo así, facturas ao canto, que a estes chanchulleiros..., ¡só coas facturas dos seus pecados!

Xaquín foi á cociña por unha botella, ¡para celebra-lo descubrimento, obviamente! Estaba radiante, moito:

-¿Decátaste da vitoria que imos ter se logramos que se escornen o Secretario e mailo Alcalde, tête-a-tête, e nós, por aí adiante, ensinando eses papeis? ¡Chacho, iso..., nin a caída do Zar!

Na despedida:

-Xa que te emperras, falarei con ese Camareiro; un día destes, pero xa sabes, se pasa algo..., ¡eu, á marxe!

Xaquín atusmou pola ventá para asegurarse de que non seguían ao seu amiguete; e desde que o perdeu de vista serviuse outro vaso, á vez que asubiaba o himno de Riego, aquel fillastro dunha enxebre muiñeira…, ¡por se chegaba o día grande, o de pasa-las facturas!


No hay comentarios: