Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

19 enero, 2014

RESUME DA VISITA AOS MUSEOS DA CIDADE DE A CORUÑA E PRESENTACIÓN DO GUÍA DA VISITA X.Mª GÓMEZ VILABELLA , SÁBADO, 18 DE XANEIRO DE 2014

Asistentes ás visitas aos museos da Coruña

Presentación

Polos seus froitos coñecerédelos! ¿E qué mellores froitos cós derivados de coidar do seu Patrimonio, do local, e por engado, estudar o do próximo, estea próximo ou non! Dos veciños tamén se aprende…, dicíase naquelas escolas antigas, nas que tan pouco material había para aprender, para estudar, para saber!

 Aquí os tedes, aquí os temos, no MACUF da Coruña, nada menos que diante dunha escultura de Paco Pestana. ¡A onde non cheguen os de Castroverde! Aínda así faltaban moitos, tal que o noso “Gaiteiro” titular, Pablo Castedo; e tamén, o que falta sempre non faltando nunca, José Enrique Villarino, ese home invisible que nos fai visibles, desde tempo inmemorial, no magnífico blog desta Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde. ¿Qué foi de Muñiz Besteiro, noso insigne, incansable, Presidente? ¡Outro invisible, pois as cámaras, aínda que tamén se poden manexar de programadas, non é igual!

O día era malo, invernío, pero esta Asociación non envellece: ¡é patrimonial, e por ende, patriarcal, dura e madura!

Patrimonio = Patrimonium = res patria = res familiaris = ¡O noso, lexitimamente herdado, lexitimamente adquirido, e por ende, conservado!

Coruña dinos moito aos de Castroverde, e non só nestas cuestións museísticas, actuais, da Arte Contemporánea. Arte, sumada con audacia, decisión, xenerosidade, tamén o foi, ¡in excelsis!, a daqueles artistas, nosos avós, que, abandonando as nosas, verdes, praderías, ata aquí viñeron, e non precisamente en cómodos buses, senón de mil maneiras, cada quen segundo puido, para embarcarse, pola Mar Tenebrorum adiante, dispostos a descubrir América, que para eles seguía inédita, sospeitada pero descoñecida, coa ilusión, co propósito, de volver ricos…, ou non volver! Aquilo tamén foi patrimonial pois a eles lles debemos, entre outros bens, a redención dos foros, que veu a ser a nosa liberación, fuxir do feudalismo para asomarnos ao modernismo actual. ¿Arte moderna? ¡Si, pero grazas aos artistas vellos, que souberon converter suor e bágoas en divisas, nesas divisas que nos levaron aos tractores actuais!

Xosé María Gómez Vilabella



Resume da visita

MUSEOS MACUF, MUNCIT e MUSEO DE BELAS ARTES

Boa noite! 

Neste sábado chuvioso visitamos estes tres museos.
Arredor das 11:00 h. comezamos visitando o MACUF (Museo de Arte Contemporánea) da man de Carmen, comenzando pola fotografía e escultura contemporánea onde salientarmos algunhas das obras, como poden ser as ondas do mar achegándonos diferentes pinturas de cadros, a fotografía dun parque ou a fotografía de Joan Fontcuberta que sobre un cadro de Munch realiza unha impresión cromoxénica sobre papel, e o que nos parece unha foto dunha paisaxe non tiña nada que ver  ou pouco coa realidade. Nesta primeira e ampla sala onde non aparecen persoas, senón sempre paisaxes diferentes. Nesta mesma sala mirando a un xardín aparecen tres ou catro esculturas de artistas contemporáneos onde salientaremos a do noso artista, socio e membro da xunta directiva, Paco Pestana, unha homenaxe á terra, concretamente ao cultivo da vide. Seguidamente pasamos á sala de pintura onde varios artistas por medio dos cambios de tonalidades das diferentes cores conseguen obras de arte, sexa sobre papel, madeira, ou coa pintura mesma… Seguidamente unha grande sala dedicada ás Mitoloxías de Manuel Vilariño.

Rematada esta visita trasladámonos ao MUNCYT- (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía). Antes de máis nada temos que agradecer ao Sr. Vilabella, Socio de Honor da asociación,  que nos acompañara na visita a estes dous museos e que tivese a amabilidade de convidarnos a un café ou viño e,  que nos serviu para coller forzas para a nova visita, grazas de verdade Xosé María. Como diciamos, ás 13:00 h. visitamos este interesante museo, con sete salas de exposición, e onde se pon en valor o noso patrimonio histórico, onde nos despertan o  noso interese polas ferramentas do progreso e futuro.Sala miscelánea, dous robots, dannos a benvida á sala “Nos esse quasi nanos, gigantium humeris insidentes”, para pasarmos á sala de pezas relevantes polas súas dimensións e importancia histórica, desde un alambique (S. XVIII), a lanterna da Torre de Hércules (mediados S. XIX), unha pianola, o primeiro acelerador de partículas en España (1957) ou o primeiro ordenador que chegou a España (1959) que ocupaba diversas plantas e que tiña menos memoria ca un teléfono móbil de hoxe en día. Sala de diversas etapas do século XX, pero sobre todo a sala Iberia, coa parte frontal do Jumbo Lope de Vega, que en 1981 trasladou, de Nova Iorque  a Madrid, o lenzo Guernica de Picasso. Visitamos o seu interior que ten 12 metros de altura, 7 de ancho e 14 de longo, repetimos, só a parte frontal. Explicación das diferentes partes dun avión, concretamente unha turbina do Boeing 747, un corte da á, un GPS, un radar, as caixas negras… Aínda que non deu tempo a ver todas as salas, recomendamos a visita, incluso con e para os escolares.

Pola tarde; no Museo de Belas Artes da Coruña  visita a varias esculturas de diferentes artistas, Acisclo Manzano, Cristino Mallo ou Paco Pestana, que nos fixo de guía e que agradecemos as súas explicacións. Visita a “Confluencias” de Xaime Quesada, pai e fillo; diversas salas con pinturas de diferentes séculos, ata a sala onde son de salientar artistas como Luís Seone, Colmeiro, Laxeiro, Isaac Díaz Pardo… para rematar coa visita aos gravados de Goya.

Saúde, Terra e Lingua.

Manolo


Nota ao pe da páxina:

Grazas Xosé Mª polas túas verbas tan cheas de cariño e amistade. Tes razón. Son o home invisible, máis cheo de honra de poder traballar neste blog da Asociación para Asociación e, aínda máis, de poder traballar polas persoas que compoñen esa familia castroverdense. Traballar no blog é traballar para que as terras de Castroverde sexan visibles polo mundo adiante. Grazas a todos por deixarme facelo mentras teña forza e por poder dar conta do amor que lle teño a esa terra, aos seus paisaxes, e o mellor, ao seu paisanaxe, ás súas boas xentes. Estou lonxe en kms, más hoxe os adiantos facen que poda estar cerca de vosoutros, cerca da terra. Saúdos a Pablo Castedo, colega da mili fai xa un bo feixe de anos.

Unha forte aperta para todos,
José Enrique Villarino Valdivielso.
__________________

VER REPORTAXE FOTOGRÁFICO:
https://picasaweb.google.com/amigosdopatrimoniodecastroverd/ViaxeAosMuseosDaCoruna18012014?authuser=0&feat=directlink

No hay comentarios: