Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

27 julio, 2008

Seriais literarios

¿Pódese pasar?


-XIV-


Novela satírica

de

Gómez Vilabella


-o0o-


De proxecto en proxecto, ¿cal é o de máis proveito?



Nunha daquelas cintas anímicas atopáronse coa escena que se reproduce neste capítulo por ser unha das seleccionadas polos Fisgas da Fiscalía Celeste:

-...

-Querido Manuel, temos que afinar os métodos, que estes paisanos están aburríndose do franquismo; do franquismo, e das nosas maneiras tan..., ¡paternalistas, que non paternais! Nesta conxuntura histórica, de vésperas, deterse é perde-lo tren, así que hai que meterlles os pelotazos antes de que remate o xogo, a nosa partida, e para iso cómpre dedicarse con preferencia aos proxectos de máis rédito, aos máis rendibles. ¿Séguesme?



Manuel tiña outras razóns, sen decatarse de que tamén converxía no mesmo espectro, no aureliano:

-¡Que se aguanten, que non lles vai mal connosco, co noso goberno, que desde que ti asesoras, co brandengue que es, non mandei a ninguén ao cárcere, que aquí todo se arranxa en cartos! O que non estea a gusto, poño por caso coa contribución aos gastos, digamos, municipais, daquela que se largue para Alemaña, que aló hai Mercedes, a esgalla, coma o meu, que tódolos plebeos desta bisbarra volven con eles, ¡fardando coma próceres!

Aurelio, no seu papel de moderador daquel fidalgo vido a menos; ou a máis, que iso sería discutible:

-É certo, pero, ultimamente, baixamos a categoría municipal, que nos exceden outras Vilas do entorno; lémbrate cánto traballo nos deu poñe-lo padrón en vinte e un mil catrocentas trece almas; ¡iso, entre almas e ánimas!

-¡Si, ho, foi unha obra de enxeñeiros, que ata tivemos que resucitar algún que outro, algún deses que di o propio Arcipreste que de seguro está no inferno! Eses milagres que fas coa Estatística..., ¡cousa seria! ¡Aínda máis có noso Cura cos seus responsos, que o que é a el, desa parte do mundo non lle volven..., que eu saiba!

O Secretario esbozoulle un secreto, outro máis, que aquel monstro tan enxeñoso, aquel monstro dos enxeños, concibía os plans en serie, tanto os oficiais coma os particulares, a milleiros, enleados coma as ovas das troitas:

-Estes días acariñei un proxecto..., ¡coido que agarimoso!

Aló dentro bulíanlle os celos ao Salmonte, por tragadeiras que tivese e por moito que subordinase a súa dignidade aos cartos:

-¡Mentres acariñes proxectos, e nada máis que proxectos, vainos ben!

Pero o cínico non se deu por aludido:

-Un proxecto que che dará imaxe...; iso, como Alcalde, pero facíanos falta un padriño, concretamente en Madrid, con categoría de Director Xeral, ou aproximada.

Manuel, presuntuoso, sen vacilar, co pasado esquecido:

-¡Témolo: meu padriño de pías, o Xeneral Valcarce!

Aurelio denegou coa cabeza:

-Non; non serve, que se trata do Ministerio de Educación y Ciencia, que é onde temos que facer a xestión.

O Alcalde, carraspeando aquelas queimuras, entre nicotínicas e alcólicas:

-¡Vale, ho, vale; o mesmo, que cho digo eu, que en Madrid mandan todos, e todos se deben favores, enchufes de toda clase, como daquela da Masonería, que niso recuamos! Con isto sabido, ¿cal é ese proxecto tan agarimoso?

-Pasa que nesta Vila, se a comparamos con outras, precísase unha obra monumental; eu diría faraónica. Aínda que non sexa práctica, que iso, en política, sempre é o de menos: ¡Hai que facela por unha cuestión de imaxe, para que a veciñanza opine que temos un Alcalde que os ten coma o cabalo de Santiago, ou coma ese da Coruña, aquel Molina...!

-Aurelio, deixando fóra as túas metades; ¿que coño queres dicir?

-Pois, que o señor Alcalde, ti, don Manuel, fas milagres, que es un gran conseguidor. Consegues máis, moito máis, do que teñen as Vilas do teu redor...; ¡menos, se acaso, na cousa antedita, niso da multiplicación demográfica! Poño por caso, un Grupo, un Grupo Escolar, de vinte ou de trinta unidades, que teña as mellores instalacións deportivas que se coñezan en cinco leguas á redonda. ¡Tería que ser tan grande e tan bo, monumental de todo, coma calquera dos mellores de Galicia! ¿Víche-la Laboral de Gijón? ¡Algo así!

O Salmonte, aceso, blasfemou, coa xactancia habitual, coa euforia soprada, inferida:

-¡Iso está feito, Camarada! Ti redacta os Informes do caso, que eu consígoche as trinta unidades, en..., ¡en tres días, que seica foi o tempo que lle levou a Cristo!

Nin hai que dicir que tanto Frei Marcos coma os Fisgas estaban, seguían, escandalizados, ¡pese a súa experiencia! Aurelio, un bo domador, esporas e freo, a doses, por veces, segundo conviña:

-Querido Manuel, tampouco é así que eses días precisounos Cristo..., ¡porque era Deus! Neste caso, para que se vexa, para que se palpe o difícil que foi conseguir unha obra desa magnitude, ningún Alcalde estaría en Madrid..., ¡menos de quince! ¡Cos gastos pagados, por suposto! Mentres, xa coidarei da túa imaxe; e de inmediato, sen dicir ao que vas, lanzarei a nova de que o señor Alcalde vainos sorprender co froito dunhas xestións que os teus predecesores nesta Alcaldía nunca se atreveron a soñar, ¡e menos a pedir!

Atende, para que non haxa contradicións entre nós: Lévate ao Concelleiro máis golfo deste Concello...; si, de veras, que así, amén de testemuña do teu éxito, teralo trincado, pola súa complicidade bordelesa. Mentres vos desafogades con esas damas de compañía, coa Cibeles e demais amigas, non se che ocorra chamar por teléfono aquí a Churiz, de ningunha maneira, que esa Telefonista ten as orellas grandes de máis. Xa comunicarei contigo, a ser posible desde a Capital, desde o meu bufete, cada dous ou tres días, de tarde en tarde, que ben sei o que son as noites de Gaviria..., e ti precisas repoñer o teu repocho cunhas boas sestas..., ¡para non defraudar ás seguintes! ¿Vas informado? ¡Daquela obedéceme, en todo, que é polo teu ben!

Manuel, apagados os celos con aquelas perspectivas da substitución, lambíase de gusto, que ata se lle secaron os beizos de tanto abri-la boca, e deu en tusir. De recuperado:

-¡Aurelio, ti es o meu anxo, que agora entendo esa cousa, esa comparanza do cabalo! Daquela, se tes alguén diante, cerca do teléfono, non se che ocorra preguntarme polas bailarinas, que esa Mabel, da outra vez, soubo das miñas andainas nos Madriles, e sempre mo está repetindo, de chantaxe: que son un puteiro, que son un mouro, un egoísta, e que a ela non a deixo falar..., nin cos mellores amigos!

-Manolete, mentres andes de seareiro, por Castela adiante, á túa Mabel sóbranlle leas cos desafiuzamentos desas casas que herdou na Capital, así que non lle quedará tempo para botarte en falta; a maiores, tamén precisa olla-las obras da nosa barriada, que xa ves o adiantadas que as temos. Se o ollo do amo engorda ao cabalo, ¡que non engordarán os da ama! Ás obras, me refiro, que como ti es un Muza, ¡daquela igual entendes ao revés!

-Chacho, agora que o mencionas, esa obra, esa urbanización, tamén é faraónica. ¡Hame facer inmortal; e eu que tiña para min que esas leiras de xunta ao río non servían nin para botarlles toxo!

-Manuel, non te emociones antes tempo; ti goza en Madrid, canto podas, para ti só, con disimulo, para que esta veciñanza pense que estás ao tanto das obras públicas, ¡e non só das túas!

¿Péscalas?

-¡As nosas ben públicas son, que estamos vendendo os pisos sobre do plano, ao primeiro que chega, sen miramentos nin reservas para as amizades, que por algo son de prezo fixo, séxase, públicas! ¿É, ou non é?

Aurelio pasáballe por alto algunha que outra animalada, pero todas, non; ¡espora e freo, alternativamente, para mantelo desnortado, despersonalizado, sen control de si mesmo! O seu sistema ante o Rexedor era coma aquel do pescantín coa nai das troitas: ¡canto máis tires, máis sedela che dou..., de momento! No seu credo, adoutrinar tamén era ridiculizar, meterlle complexo:

-Manuel, iso chámase, popular; o de "público" é outra cousa. En canto ao prezo fixo...; ¡fixo é, pero levan un recargo do cincuenta por sobre do que nos autorizaron no Ministerio! Por certo, hai que recordarlle á Mabel, de cando en vez para que non o esqueza, para que non faga excepcións, que non cobre esas primas con cheques nominativos, que nos pode saír algún listete que os retrate; ou que consiga unha certificación do seu Banco. ¿Estamos?

-¿Que, qué é iso das primas? ¿Volves ás metás fóra?

-¡Manuel, qué pouco te fixas! Primas, sobretaxas, son eses cartos, ese cincuenta por cen que lles poñemos aos pisos por riba da cantidade que lles marcou Vivenda nas Cédulas respectivas, nas Provisionais; ¡que por algo se chaman Protexidas!

A cousa ía ben, e Salmonte celebrouno pegándolle lume ao enésino vegueiro:

-¡Este Secretario, unha marabilla! Chacho, estás en todo, e non o vello, o anterior, que o único que sabía don Ramiro ao respecto das primas era aquilo de que, ¡Canto máis prima..., máis se lle arrima! Meu pobre: cunhas primas que dicía ter aló na Capital, colleu un sifilazo do demo. ¡Foi providencial, que en seis meses, vacante: a túa! Pero ti sabes escollelas, do mellor, que conservas a saúde.

-Algún defecto tiña que ter, ¿non si, Manuel? -E volveu a soltarlle sedela.

-...

Rematou aquel episodio co asentimento compracido do Alcalde. Fisga Nove manipulou outra cinta, para a secuencia seguinte, e deulle ao "intro" daquel Relembro Anímico da Fiscalía. De primeiras apareceu en pantalla aquel suntuoso despacho da Secretaría, na Consistorial de Churiz, tres veces máis grande e de mellor moblaxe có do propio Rexedor, nota explícita, elocuente, de quen viña mandando, realmente, no Concello; quen mandaba en realidade de verdade.

-...

-¡Oh; qué grata sorpresa; non te esperaba, polo menos tan de mañá! ¡Vou pechar por dentro, que está aí o Xaquín, na oficina!

-Manuel marchouse de cedo, no seu Mercedes, polo Camiño Ancho adiante, el e mais un Concelleiro, que nin sei cómo se chama; ese solteirón, ese barrigudo, ¿sabes?, o das canteiras. Non me quixo dicir a qué van a Madrid; tan só que é un secreto de Estado, unha cousa boísima para Churiz. Con tanto misterio, que se me fai que ese Concelleiro nin sabe a onde o levan, pero tampouco lle importa, seguro que non, que ese trangalleiro, con tal de pasear...! ¿Oes, non será que os chamasen de Gobernación, por estas conspiracións dos nosos solares, por iso de que non respectamos as leis?

-Muller, en absoluto; ti tranquila, que iso da urbanización é unha das cousas que nos van de perlas, miña socia tan querida; ¡tan querida e tan admirada! O teu Manuel non volverá en dúas semanas, que leva varios asuntos na carteira, moitos; ¡ademais dun galano para o seu primo; á conta, previo! ¿Ti tes que ir á Capital, non si? -Chiscoulle un ollo. -Daquela dille á criada, a esa de máis confianza, que se ocupe dos nenos, e que non te espere en dous ou en tres días, que debes arranxar cousas, aló, na cidade... ¡Para disimular, dille que é diso das casas! Despois agardas por min, xa sabes onde, que esta noite, miña rula, durmimos e soñamos, ámbolos dous, nese Parador tan..., axeitado!

Mabel deu en danzar, castañolando cos dedos:

-¡Xa fun, xa fun, a Portomarín, / que fun, que fun, / requenta-lo meu amorín!

Aurelio colleuna polo van e seguiulle aquela danza tola, improvisada, marcando os puntos:

-¡Xa fun, xa fun, a Portomarín, / e co meu amor entre as pernas / durmín!

Mabel, soltándose daquelas apertas interminables, sedentas, fogosas, con retorzóns de cadela enlazada:

-¡Estamos tolos, Aurelio; mira que se chega a saberse..., agora que temos os negocios en sociedade!

Aurelio tranquilizouna sentándoa nos seus xeonllos, ás carranchas, encarados, e prodigoulle todo tipo de caricias:

-¡Tolos de amor, Mabeliña; meu sol; ninfa do Miño! ¿Ti, a cotío, nesas manazas que non te merecen, que de seguro nin saben acariciar esta pel de pexego suave, máis apetitosa cás mazás do Paraíso?

Mabel, despois da febre, do éxtase, daquela vacilación, recuperou algo de apromo, colgándoselle do colo ao seu amantísimo Secretario:

-¿Sabes que che digo con respecto ao meu panzudo? ¡Por min, que lle dean bailarinas, a pasto, onde diaños estea, onde queira que vaia, que eu voume contigo, agora mesmo, ao inferno que sexa...! ¡Ao noso Portomarín, que Mallorca pilla lonxe, que se non...! ¡Tra-la-ri-ro...! ¡Imos maza-lo leite co teu mazaroco, que é noviño, e tan desaproveitado que o tes, que o está necesitando a miña chocolateira, moitísimo! ¿Sabes unha cousa? ¡A do Manuel, nestas ocasións, nunca pasa do nove! ¿De canto me dixeches que é a túa, do vinte? ¡Daquela verás qué festa che dou, que xa me sae a humidade..., a callón!

Os Fisgas, nin que dicir ten que estaban abraiados, escandalizados de tanta impudicia nunha xente que encabezaba a vida oficial daquel Municipio. Un deles estivera repasando as etiquetas dos vídeos anímicos e deu cunha biografía relacionada, paralela, daquelas de Churiz, que tiña que ver co Litis. ¡Co Litis, non, co seu diaño! Rebobinou ata poñela coincidente, sincrónica; e con ese axuste viuse unha baiuca daquelas da estrema de Churiz, escurísima, na que conspiraba un fato de rapaces:

-...

-¿Entón, hoxe, ás oito, no sitio de costume? -Preguntou un dos mozos, tan rapado, tanto, que ben se lle notaba que estivera, ou que seguía estando, no Exército, na mili.

-¡Non, ho! Penso que é mellor cambialo, que como non están na praza, nin Manuel nin o seu alter ego, eses Gardas andan soltos, de cuncas chupadas, e daquela poden notar o noso remexo.

-¿Por qué non na túa, Xaquín? ¡De ti, por agora, non desconfían, que ben que te arrimas aos oligarcas! -Apuntou un deles, un de traxe de pana, labrego ao cento por cen a xulgar pola anchura e polos calos das súas mans.

-¡É perigoso, que me están afagando moito; iso evidencia que xa me teñen por inimigo! Pero hoxe temos outra oportunidade: Como coincide ese enterro, o do pai do Veterinario... Daquela coido que é mellor ir por aló, e así quedármonos a cear polo camiño, lonxe de Churiz; ¡tal que en Sarria!

Contestoulle un rapaz que era roibo coma unha mazaroca, celta puro:

-Non é mala idea, que este Xaquín coñece os bois cos que ara, pero, ¿e se alguén avisa á Garda Civil?

Resultaba evidente, no ámbito local, aquel dirixismo do Xaquín:

-Para estes riscos xa sabedes a consigna: Non precipitarse en pasa-lo recado, para non dar tempo a que ninguén dos iniciados se vaia do pico, e que cada quen, desde ese intre, vixíe os pasos do seu contactado, do seguinte, de un en un. ¿Advertidos?

Como eran moitos, moitas foron as opinións tácticas daqueles subversivos de barrelo. Un dos que estaban aló atrás levantou a man para que lle atendesen:

-Na miña opinión os máis perigosos son eses do Tercio, séxase, do Sindical e do Familiar, que eses, ¡nin que fosen xudeus conversos! Deses non me fío, nin un pelo, e menos aínda desde que don Manuel se meteu a empresario..., que os pode comprar de mil maneiras!

Xaquín era doutra:

-Eu do Familiar menos que de ningún, que eses fedellóns adoitan ter moitos fillos, ¡e cantos máis fillos, menos ideais!

O máis animoso deles, unha especie de alter-ego do Xaquín que non se lle apartaba un centímetro, corifeou:

-Como di o noso Xaquín, hai que correr o risco, que ese Mataquintos do Pardo está a caer..., ¡e precisamente por culpa destes levantamentos dos universitarios! Daquela temos que estar organizados, ipso facto; para iso, para aproveitar ese baleiro do poder constituído, e haberá que facelo sen vacilación, que para entón farémonos cos Axuntamentos, ¡sexa á forza, ou presentándonos ás eleccións, segundo se terce, que hai que ser pragmáticos, e iso dependerá de moitos factores!

O omnipresente Xaquín, centro de tódalas miradas alí onde fose, que de cando en vez amosaba á porta da taberna, seguramente para espreitar se había xente ao redor, intrigounos de mala maneira co que lles estaba insinuando:

-Teño novas, fresquiñas, do trinque, ao respecto de todo iso, que volas darei no seu momento.

Despois daquel funeral de tapadeira, de cobertura, de facerse ver, asinar e marcharse, nunha abacería da estrada. A xulgar pola vexetación, no Val de Sarria:

-...

-A ver, Xaquín, ¿cal é o motivo desta xuntanza, desta plataforma con xente de tan diversas opinións?

O aludido, nin curto nin preguiceiro; sempre sobranceiro:

-Imos deixar sentado, de primeiras, que somos demócratas, e que nos responsabilizamos dos nosos actos. Por conseguinte, se algún dos presentes non é demócrata, daquela non poderá sentirse a gusto cos demais, así que lle pregamos que se decida a irse, ¡xa! Que pague o escote da cea, e que se largue, ¡así sexa ao Cuartel dos Civileiros!

-...

-¿Que, ninguén se vai? Daquela, se pasa algo, xa sabemos que houbo traidores postreiros. Dependerá dos outros desenmascaralos e purgalos, tal e como merezan. ¡Lei do Talión, que se di!

Adiantouse o roibo e dixo:

-¡Xaquín, non sei qué vas dicir pero debe quedar claro que ser demócrata non significa ser comunista, como seica es ti; ¡ou viceversa! ¿Estamos? Entendo que aquí, nesta convocatoria, o denominador común é a cousa de ser demócrata, que de momento vai ser no único que conformemos. ¡Farruco dixi!

Un dos que aínda non falara:

-Opino coma este das J.O.C., que así somos os sindicalistas, que sempre damos a cara, a cotío, enfrontándonos aos burgueses, aos empresarios, mentres outros, tal que estes labregos, moito queixarse do Réxime, de que lles muxan na teixa, pero seguen dándolle ao dente, aproveitándose desas becas tan demagóxicas, ¡co aquel de que teñen a propiedade a nome dos vellos!, e de paso aprovéitanse de cantas subvencións pillan. Nese, Si, señor, escravista, tan seu e tan crónico, por suposto!

O do traxe de pana, picándose, alzou a voz:

-¡Tamén hai sindicalistas do si señor, deses que dobran os gonzos por aí adiante, en tódalas Empresas, que o Vertical, de tal, só ten o nome!

Algo lle musitou daquela Xaquín, pero saíu inaudible no estéreo; a quen se lle oíu perfectamente foi ao seu incondicional:

-Rapaz, non te metas co Xaquín, nin cos obreiros, e déixate de bromas que ben sabes, sábelo perfectamente, que no Vertical, moitos de nós, estamos asentando os canteiros; ¡si, os canteiros; os do pórtico grande, os da liberación! Iso aínda que sexa a modiño, dous pasos adiante e un para atrás, como dixo Lenin. ¿Ou logo, cómo é aquilo de que, chi va piano va lontano? ¡Nós, paseniño, ou correndo, segundo as oportunidades, xa conseguimos certas cousas, certas liberdades, de interese xeral; e ti sábelo perfectamente!

Aquel campesiño medrouse, temperou, ante a agresividade do verticalista:

-¡Seino; pero aquí, a tal momento, nin piano nin gaitas do fol, que só hai bordes! E se non, mirade as horas que vos fan traballar eses centurións da Urbanizadora, que nin que vos tivesen nas obras da muralla de Lugo. Moito de Limitada, pero o que é no traballo, e no risco das estadas, maldito cousa; mentres, os descendentes daqueles Condes do Monte Salvo, veña fumar Montecristos, ¡que ese foi outro, outro Conde!

Xaquín aplaudiuno, con calor:

-¡Así se fala, rapaz, que iso dos Montecristos é un signo externo das ditaduras; ou máis propiamente, dos ditadores. Para máis inri, evocando o nome daquel martelo dos tiranos! Este oligarca, este gomo panzudo dos Salmontes, mentres fuma nos habanos ben que se embolsa as plusvalías, ¡as vosas, as do voso traballo! Por certo, ¿de quen son as plusvalías; sabédelo? ¡Outra que esquecedes, a miúdo!

Interveu aquel mozo do pelo ao cerapio:

-A ver, Xaquín, déixate de Cristos e de Montecristos que aquí estamos para falar das accións, das resistencias; con accións e con resistencias foi como ese Fidel acabou cos oligarcas, cos de Vuelta Abajo, e tamén cos de Vuelta Arriba, todos eles lacaios do seu Tío Sam. Aquí suponse que es o moderador desta Xuntanza pero non se oe nadiña que sexa verdadeiramente revolucionario; nada que haxa que moderar, que ninguén se define. Provoquémolos, un pouquiño: ¿Cae ou non cae don Paco? Se cae, ¿que plans tedes para o día seguinte; ou é que non tedes previsto un Día D, coa Hora H? Se non hai trazas diso, nós, entrementres, ¡mexar e á cama!

O Auxiliar do Concello, Xaquín, quixo aglutinar, eclecticamente por suposto, naqueles aguiachos, naqueles revolucionarios de vía estreita, de rueiro; dos de, por un patacón, cen:

-Tampouco se trata de definirse senón de sentar unha entente, o máis cordial posible. Si, iso, unha entente, nosa, con miras aos acontecementos, que desta vez poden ser inminentes. ¡Síntomas hai, en presenza! E como di o Bieito, ese Cura sábelotodo, ¡achaiar os camiños do Señor! Pero aquí trátase dos camiños plebícolas, dos da plebs, que as avenidas dos señores, ben que as achaian eles, eles mesmos..., aínda que só sexa para lucir eses bloques das súas pseudovivendas, esas que nos están vendendo de estraperlo, e sen ascensor!

O roibo era dos máis escudriñadores:

-Daquela, ¿ti sabes algo, algo máis, algo transcendente? ¿Que vos din eses infiltrados do KGB, esas amas de cría con botas de cosaco, eses que vos levan da man coa man..., coa man chea de ouro moscovita, daquel que depositou Negrín?

Picouse o aludido, reaccionando en consecuencia:

-¡Sen bromas, eh rapaz, que volo vou dicir en boa camaradería! Deses conflitos estudantís, deses que remaneceron na Central, respaldados por varios profesores ben coñecidos, espérase que podan conducir á folga xeral, provocando unha crise definitiva do Réxime, que traerá consigo, probablemente, a caída do franquismo, e con Franco irase esa pantomima, ese franquismo sociolóxico, que algúns empresarios xa amosan a súa intención de cambiar algo, unha parte, un case nada, para que non se lles cambie o todo, para non chegar a verse desbordados cunha ruptura violenta.

¡A burguesía, é sabido, sempre saca o paraugas antes da tormenta! ¡Enxérganas de lonxe de tanto cantar Cara ao Sol! Se isto se produce, o esencial é que esa ruptura non nos leve polo río abaixo, nunha das fervenzas que se producirán por culpa da vendetta que se vén incubando, ¡desde o 34! Que nos leve a unha guerra intestina entre as forzas políticas, acaso entre veciños, como pasou daquela, daquela no 36. ¿Estamos? Pois isto que parece tan inxel hai que cimentalo, a conciencia, con bos alicerces, con reunións heteroxéneas coma esta, que para xuramentarnos, maiormente para iso, aquí estamos. ¡Daquela hai que chegar a un equilibrio liberal, transixente, e nós tamén, tomando a verba liberal no senso filosófico, no da tolerancia intelixente! ¿Vale?

Estouvos invitando a uns acordos de mutuo respecto, que sería absurdo que despois de ter padecido unha ditadura ominosa, longa, eterna, interminable, do máis feroz caciquismo, no máis lucrativo dos amiguismos, corrompida con ese du ut des que restaurou o franquismo, despois diso, insisto, nós, estes demócratas de toda a vida, a flor e maila nata de Churiz e da súa bisbarra, estes que destacamos polo noso patriotismo e pola nosa intelixencia, non esteamos da mesma avinza, nin sequera para asenta-la convivencia, ¡politicamente falando! ¿Si ou non si, queridos amigos?

Aquel labreguiño do traxe de pana, ecléctico e prudente, coa moderación acugulada por tantas ducias de xeracións labregas reiteradamente asoballadas:

-¿E ti, na túa ideoloxía, nese rolo verbal, cres, sinceramente, que en España volveremos a ter o partido comunista, esa ideoloxía que pretende repartir tódalas vacas que pasen de dez? Querido Xaquín, coido que podes ir buscando acomodo noutra forza política, en calquera das que dimanen desta nova situación, ¡tal que aí polo medio da vagada, que é onde máis abrigado se está, se está e se estará!

-¡Mirade este carreta-xamóns, -bramou o aludido, -que non hai tanto que o cachei petando nas portas do Pazo Salmonte! Eu non dixen que o marxismo sexa unha exclusiva dos comunistas, mais teremos o marxismo sociolóxico, o ideolóxico, outra vez, ¡chámenlle o que lle chamen! O que dixen, o que seguirei dicindo, é que temos, ou teremos, que partir, todos, todos nós, tódolos españois de lei, dunha oposición ideolóxica conxuntada, temperada, aproximada, persoa a persoa, para mina-lo réxime ditatorial, para darlle, entre todos, unha unción extrema, coa untura posible, cunha untura que sexa compatible coa nosa dignidade, tanto persoal como colectiva, que agora está claro que eses oligarcas van pola rúa da amargura, ¡agónicos perdidos!

-...

Tanto os Fisgas como Frei Marcos estaban abraiados de tanta verborrea oca, lamentándose que a ditadura baleirase de contido ideolóxico, efectivo, dunha maneira ramplona, á xeración do esperado relevo democrático. Seguiron atentos para poder contextualizar as actuacións daqueles oligarcas, omnipotentes e omnipresentes, de Churiz, particularmente do inevitable, do imnombrable.

Nisto preguntou, outra volta, aquel rapaz do traxe de veludo:

-¿Como se estrutura, como se pode estruturar todo iso, esa estratexia social, na nosa bisbarra, no rural? Vosoutros falades con terminoloxía da industria, ou da minería, para o caso, que ao visto son os vosos mestres, pero as folgas, as sabotaxes, todo iso..., ¡aquí non teñen aplicación, non levan xeito entre os autónomos, entre os artesáns do rural, e xa non digamos para nos, para os simples labregos, ou máis exactamente, para os labregos simples!

Contestoulle Xaquín:

-Imos por partes, que na nosa bisbarra hai que empezar polo Concello; hai que producir unha unión, un estilo, unha oposición, fronte á oligarquía, para acabar co voso lacaísmo fronte a un stablishment que vos acolloa..., ¡tanto ou máis do que estiveron nosos pais!

Tomou a palabra outro dos asembleístas, un Concelleiro novato, metido de estranxis na última Corporación do Salmonte, se cadra para simular unha apertura progresiva que, de feito, na realidade dos muñimentos locais, non pintaba cousa; simplemente porque, de facto, non existía:

-¡Mira, Xaquín, vaite ao carajo con eses predicotes tan..., prematuros! ¿Como podemos facer oposición, nin sequera nós, os propios Concelleiros, os disidentes, se nin aos Plenos nos convocan?

-¿Ah, si; esas temos? Xa sei que non ides ás xuntanzas, pero, despois, cando vos chama don Aurelio, persoal e directamente, daquela ben que lle firmades as Actas, poña o que poña nelas, que niso de redactar, ¡niso tamén!, ese Secretario é un artista. Por algo podedes comezar, ¡digo eu! Non lle firmedes as dos Plenos que non se celebraron; nin as daqueles aos que algún Concelleiro non fose invitado en tempo e forma, que xa sei que adoita mandarvos as citacións ao día seguinte, pero con data retrotraída, que así quen leva as culpas é o pobre Carteiro!

Cabreouse aquel Edil ao verse cachado, ridiculizado:

-¡Mirade quen foi falar, este Auxilias do nabo! ¡E ti, a ver cando deixas de abrirlle a porta ao Secretario, que iso de ser lacaio e comunista, todo á vez, de consún, dá noxo!

Seguidamente falou aquel mozo rapado, parte interesada xa que, segundo comentou o Fisga Nove, fora rexeitado pola filla do Paco, do Almacenista:

-¿Pero, ti, qué dis? Este Xaquín, este cantamañás, non pode deixar de facelo, polo menos ata que seu sogro non inaugure esa gasolineira, a estación nova, a do Campo da Feira, que lle poden anular o permiso..., ¡tan pronto como alce os ollos do chan!

Xaquín, de zarabandado, defendeuse como puido:

-Compañeiros, a modiño, suai-suai, que di o mouro, que non estamos para bromas. Eu son, hoxe por hoxe, un asalariado, coma calquera de vosoutros, e teño que conservar o meu pan. Por certo, ben que vos pinta, ¡a moitos!, que eu estea dentro, coma os chourizos no pote das fabas, que así sabedes máis cousas por min que polo propio Alcalde; ¡e xa non digamos polos edís! Por exemplo, ¿a ver se este Concelleiro nos pode dicir onde están, arestora, os nosos xefes, ese chouriceiros do chourizo alzado?

-¿Iso, onde están? -Pediron varios, ao unísono.

Informounos o propio Xaquín ante o mutismo do aludido:

-Pois, o Alcalde na propia capital, en Madrid; e o Secretario, na da Provincia. ¡Sendas reunións! ¿Vedes o que vos dicía? Se poñemos estas ausencias, secretísimas, en relación coas circunstancias que coñecemos, das que xa falamos, con ese levantamento dos estudantes, daquela resultan indicios de que non soamente conspiramos nós senón de que tamén o fan os pseudofranquistas, ou máis ben, os tardofranquistas, que me dá igual. Seguro que se están armando, preparándose contra nós, ¡en vista da que lles vén encima.

Un universitario, que se atopaba de fin de semana:

-Tamén habería que falar doutro tema..., ¡se as cousas están maduras!

Nisto, Xaquín, moderando aos outros, aos que deran en barullar, para atende-lo universitario:

-A ver, chist, calade, que aquí o Xurxo, este aprendiz de leguleio, seguramente nos queira falar da súa teima daquel Estatuto, aquilo do 36, iso da primordialidade da súa recuperación. ¡Veña, home, atúfate!

-¡Pois, si! Sigo, e seguirei, que o temos aprobado, e ben aprobado, elevado a rango parlamentar polo noso Castelao, aló en Montserrat, nas postrimerías da República, pero dentro dunha Constitución que nunca foi derogada senón vilmente rachada polas baionetas dun Exército levantisco e infiel; ¡africano, en definitiva! Comigo non contedes para outras xuntanzas se a dialéctica, chegado o caso, vai ser o universalismo críptico destes comunistoides fronte aos valores da propia identidade, da nosa, da galega. Por iso quero que se defina este Xaquín, por extenso. ¡Dixen!

O aludido, un tanto coñón:

-¡Este Xurxo vai ter que cambiar de gafas! ¿Ti non ves que iso da U.R.S.S. quere dicir, Unión de Repúblicas? Os comunistas aceptamos as nacionalidades, incluso o federalismo; claro que si; ¡pero tan só as históricas, tal que a Galicia dos teus soños, querido Breogán!

Pero a especulación universitaria, insatisfeita, seguiu inquirindo:

-O caso é cómo as aceptades, pois, se é ao son de Moscú, nese caso as liberdades ao nabo de Lugo; ¡turulú chispúm!

O alter-ego xaquiniano, sempre fiel, de gardacostas permanente:

-¡Tranquilo, Xurxo, que daquela poñemos os compases da muiñeira! ¿Cal queres, a de Mosteiro, que ademais de pícara é melosiña?

Xurxo retirouse cun,

-¡Vaite ao carallo, que ti es máis sopragaitas có teu Xefe, que non o é pouco!

Pero sentenciou Xaquín, cortante, poñéndose en xerras:

-¡Ao carajo irémonos todos, sen tardanza, se non avanzamos nisto, nestes mínimos, nestes prolegómenos, en senta-las bases da convivencia democrática; da nosa, en definitiva! ¡Esa tronada...; mentira parece nun universitario! ¿Sabedes qué vos pasa? ¡Que con iso de estudar por apuntes, todo o reducides a simples fórmulas, H2O, auga; a política é a arte do posible, pero partindo do imposible, do que parecía imposible, séxase, un complexo, un complexo lóxico, pero no alén, fóra de toda síntese!

O universitario impacientouse e buscou a porta, resolto a irse, mais detívose ao ver que ía falar un compañeiro seu, un que non abrira a boca en toda a xuntanza:

-Pola miña parte entendo que a onde temos que ir, agora mesmo, é ás nosas casas, que quen nos vexa chegar tan tarde, tan tarde e todos xuntos, tódolos autos á vez, ¡Deus sabe o que pensará!

Xaquín, levantando a sesión:

-Veña, fóra de aquí, ímonos, que xa falou o Caladiño, ¡e foi bastante elocuente, que co seu broche fixo un retrato do voso medo e da vosa desunión! En vista diso, o que é por min, ¡viva a Pepa!

Un labreguiño, que non lle entendeu aquela alusión á Constitución de Cádiz, proclamada precisamente o día de San Xosé do ano 1.812:

-¡Que é iso de que viva a Pepa; que viva Mabel, esa tía tan tía, esa fulana tan fulana, tan estupenda e tan patriota que mentres fornica non estraperla pisos! ¡Deu-la bendiga!

Aplaudírono, particularmente aquel universitario, que se puxo a explicarlle ao labrego o significado daquilo da "Pepa". Xurxo, pola súa parte, repetiu o, ¡Ei Carballeira, viva Mabel! E Xaquín sinalouno co furabolos, para que todos se fixasen nel:

-¿E ti, Xurxiño, cómo é que dás vivas á señora Mabel; é que tes parte nas súas magras, admítete...?

-¿Eu? ¡Nin nas magras nin no magreo, sexa individual ou colectivo, pero algo dela gozo, que cando vén á nosa tenda deixa un recendo a Chanel, do bo, que mesmo marea; por iso me toca, algo..., aínda que só sexa o aroma! Pásame coma ao Xaquín, que lle toca sen tocarlle, ¡cando pasa por diante súa!

-¿A min? ¡A min o que me toca ese triángulo, que xa lle chaman dos equiláteros, son os..., os mesmísimos! -Lamentouse Xaquín, entre cabreado e divertido

-...

Aos poucos saíron daquela taberna tódolos conspiradores, xuntos, caladiños, levándose ben, que por encima da política sentíanse amigos e veciños; ¡amigos a pesar de ser veciños! Daquela repartíronse, apertáronse de novo, en boa camaradería, naqueles catro coches, tan desvencellados que xa parecían de segunda man.

A cinta seguinte resultou curta, así que a viron de seguida, dun tirón, sen recesos. O seu enfoque comprendía un cafeíño existente á saída do mesmo Churiz pola estrada do Campo da Feira. No mostrador, en solitario, que era cedo para a clientela habitual, Xaquín, acobado no mostrador e ollando cara á porta, ata que lle chegou a visita agardada:

-¡Boas! ¿Ti es Xaquín?

-¿E ti, forasteiro? ¡Preséntase o que chega; é o costume!

-Espero por un amigo..., por un amigo da infancia.

-¡Camarada, quedas identificado; e a ver se cambiades esa contrasinal, iso do amigo, que de tanto repetilo, igual lles cheira aos Civís! ¿Quen te mandou?

-Eu son das Comisións, de aí Lugo; mais, xa que tanto te preocupa a seguridade, coido que non deberiamos falar aquí, nesta adeguiña, que ten unhas ventás demasiado limpas, excesivamente claras...

-Eu vivo no primeiro andar do número once, aí mesmo, nesa Praza do Rolo, así que vou diante. Deixarei a porta entreaberta, para que non se decaten os veciños. Daquela espérote..., ¡para non saír xuntos!

Reunidos de novo, reencontrados na casa do Xaquín:

-¡Camarada, hai que dispoñerse, que nesta bisbarra sodes uns lambecús!

-¡Home, un respecto!

-¡Aos feitos me remito, que aquí non dades un paso sen pedirlle permiso ao outro, ao outro pé!

Xaquín era menos veloz:

-É que...; pouca labor se pode facer, que neste Distrito, cousa que comprendo, todos che son mancos; ¡a eito! Tiveron a guerra, moitos e deles con presidio, e con algún que outro morto na familia, así que todo por aquí quedamos, ou mutilados, ou mudos, ou castrados. Aínda que volvamos a ter eleccións, eleccións libres, vai ser un problema, que esta xente non sairá das casas..., nin para votar!

-Xa cambiarán..., ao día seguinte da folga!

-¿E se non se logra; e se Franco non abre a man, nin con esas?

-Xaquín, es un derrotista. Daquela..., ¡a seguir moendo; moendo e danzando, mentres a pedra aguante, que algún día se lles acabará ese trigo bobo aos franquistas, tan doado, que incluso llelo metemos nas propias tullas!

-Ben dis, pero cumpríronse trinta, ¡ao ditado!, cun Ditador que non o mata nin a súa flebite.

-¡Transitorio! Iso pásanos porque non se logrou afianza-la plataforma reivindicativa das distintas forzas, tanto das políticas como das sindicais, nesta oposición ao Réxime tan..., descafeinada!

-¡Será así, será! Pois, pola miña parte, farei canto poida con respecto desas consignas, pero ao de hoxe non estou libre de movementos, que o diabro nos trouxo un Secretario tan espreitón que ata coido que ten ollos na caluga. ¡Un cabrón!

-¿Ollos? ¡O que ten ese Secretario é unha femia de carallo, desas que fan ferve-lo leite, desde lonxe; qué non será de cerca!

-¡Confúndeste; este tío está solteiro!

O foráneo estrañouse:

-¿Solteiro, de verdade? ¿E logo, quen é a tipa que o acompaña?

-¿Que tipa? ¡Aclárate, que sempre falas coma se un estivese ao tanto de todo o que pasa neste país!

-Tivemos unha Xuntanza en Portomarín; e para disimula-la nosa presenza démonos unha voltiña polo Parador, en plan turista, ¿sabes? Alí, nun curro, estábanse sobando, a altas horas da noite, ¡ben sobados!, coma dous rolos en celo; ¡talmente en celo! Un dos nosos, que coñece ben a provincia porque é Viaxante, díxonos que se trataba do Secretario de Churiz, así que, polas trazas, a todos nos pareceron recén casados. ¡Igual pasa que non vola quere traer para aquí, para este vilorrio de poucas trazas!

Xaquín cheirouse de seguida a explicación lóxica:

-¿Non será unha roiba, desas do tinteiro, algo entrada en carnes e cunha espeteira que logo parecen dous medeiros emborcados; de máis idade có Secretario, e que adoita levar uns zarciños axitanados, deses de fantasía?

-Os aros non llos vin, que non estiven tan cerca deles; no resto, si, tal cal, aínda que iso da idade, tratándose de mulleres..., non é doado! O que che podo dicir é que unha femia coma esa non pasa desapercibida, nin no Parador! ¡Miúdo lote o que se deron naquel curro; estounos vendo: pornografía pura; ou máis ben, dura, que iso é contaxioso!

Naquela conspiración de vía estreita, Xaquín púxose a tramar:

-¿Temos alguén de confianza...; aló, en Portomarín?

Si que o temos, que o noso enlace é precisamente un camareiro do Parador, que por certo dispón dun dos mellores postos de espreita. ¡Un dos mellores deste país polo que se expraian tódolos xerifaltes do franquismo, os de Galicia e parte do estranxeiro, nesas enchedelas, un verdadeiro estabulo deste maldito stablisment!

Xaquín seguía barrenando, buscándolle o quinto pé ao gato:

-¿Ese camarada...; ese camarada poderase facer cunha copia; ou polo menos, cun apunte desa factura, da que lles pagou o meu Xefe?

O forasteiro asentiu, pero con reservas, con notables reservas:

-Coido que si; pero a ver qué uso fas desa información, que podemos perder un enlace boísimo, un observador de altura; ¡ata me poden sancionar por iso!

-Descoida, camarada, que non farei mal uso; o que quero é, simplemente, comprobarlle ao facha ese, ao Secretario, algunha das súas coartadas, ¡por se o collemos nun renuncio! É para neutralizarlle as accións que poda ter contra nós, ¿entendes?, por se nalgún momento chegamos a ter problemas con ese puteiro, ¡que de tanto manillar, polo que contas, ata lle manexa a muller ao Alcalde! Ela ten sona diso, de cobizosa, de que non lle chega cos cen quilos do Manuel, pero o que é co Secretario, co Aurelio, con ese esmirrado...; ¡o que nos faltaba!

-¿Que dis do Alcalde; era a muller do teu alcalde, do propio Alcalde? Ai, logo, sendo así, facturas ao canto, que a estes chanchulleiros..., ¡só coas facturas dos seus pecados!

Xaquín foi á cociña por unha botella, ¡para celebra-lo descubrimento, obviamente! Estaba radiante, moito:

-¿Decátaste da vitoria que imos ter se logramos que se escornen o Secretario e mailo Alcalde, tête-a-tête, e nós, por aí adiante, ensinando eses papeis? ¡Chacho, iso..., nin a caída do Zar!

Na despedida:

-Xa que te emperras, falarei con ese Camareiro; un día destes, pero xa sabes, se pasa algo..., ¡eu, á marxe!

Xaquín atusmou pola ventá para asegurarse de que non seguían ao seu amiguete; e desde que o perdeu de vista serviuse outro vaso, á vez que asubiaba o himno de Riego, aquel fillastro dunha enxebre muiñeira…, ¡por se chegaba o día grande, o de pasa-las facturas!


14 julio, 2008

Seriais Literarios


¿Pódese pasar?


-XIII-


Novela satírica

de

Gómez Vilabella

-o0o-

Na terra dos cegos o que ten un ollo...


Aquela Revisión ía lenta porque a análise anímica do Litis, dado o seu polifacetismo, por outra parte tan arrevesado, mesturábase coas visitas, in situ, de tódolos lugares onde actuara ou repercutiran as súas compoñendas, as súas manipulacións, os seus chanchullos. Aínda que aqueles Inquisidores pasasen con celeridade por certas pasaxes, as outras eran de detención obrigada para ponderalas axeitadamente, con rectitude crítica á luz da verdade, pero buscando posibles atenuantes, piadosas atenuantes, comprensións e tolerancias paternalistas. Nun daqueles episodios:


-¡Eh, rapaces; parade ese proxector e dádelle á reversa!

-¿Que pasa, Tío Marcos; hai algo divertido, eses galaicos contaron algún chiste? ¡Nos non nos decatamos...!

-¡Chiste o teu, querido Fisga, que non estamos para bromas! Pareceume enxergar que podemos ter, nesas secuencias, nas últimas, unha testemuña das de cargo, perfectamente válida; iso á parte e ademais de que se trata dun tipo simpático, un rara avis, que en Churiz, coa desfeita que teñen, tipos así xa non quedan.

O que hai nesta Vila, ¡o que había, en pretérito!, é unha temerona de espanto; ¡cantidade! Para empezar, o Bieito ese, que lles promete o inferno, un inferno seguro, eterno, se non cumpren con rigor o xaxún da Coresma, ¡así estean cavando na bouza! E logo está ese Aurelio, que pasa nun tris, mutatis mutandis, dos seus camelos xurídicos ás ameazas máis onerosas, ¡e tan teso!

-¿Ameazas onerosas, tipo cazo? ¡Nunca tal oín, pero tampouco me estraña, acostumados como estamos ás grazas celestiais, gratis datis! -Afirmou Fisga Nove.


-Onerosas, si, que eu entendo aos galegos, perfectamente, así falen en castelán; ¡mellor que vosoutros, por fisgas que sexades! Resulta que este Cubano, ese do Café, empezou a notar que lle deran instrucións, ¡verticais!, ao Cabo da Garda, ao Municipal, para multa-los autos que aparcasen alí abaixo, nas inmediacións do seu “Centro”. De entrada coidei que as "dignísimas autoridades" querían ter un vao, un reservado permanente, gratis, para os seus vehículos, pero como, daquela en Cuba, tamén se lle deran casos similares coa xente do Batista, nada, que ensaiou a perdoárlle-la minuta das consumicións; receita eficaz pois a partires daquel día o Cabo tivo outras consignas: No sucesivo dedicáronse a molesta-la clientela das outras rúas, devolvéndolle os favores ao Cubano. ¡O que non se lle ocorra ao mangante, ao Litis...; nin que estivésemos en Chicago, daquela da Lei Seca!

-Frei Marcos, ben sei que o encoraxan as estrapuxas prevaricatorias pero faga o favor de calar por un intre con iso do Cubano, que volve a saír en pantalla aquel rapaz do Pelo Pincho, o Simpático. Arestora pregunta polo señor Alcalde...

-¡Atentos, que esta escena promete; promete e vai cumprir, coido que si!

-...

-¿Pódese...? ¡Oia, escoite; díxenlle que se podo entrar! É para falar co señor Alcalde, ¡en persoa!

-¿De qué lle quere falar? -Preguntou Ramonciño, medio levantando a vista duns papeis; un tanto avinagrado, feito un Ramonzón desde que seu compadre deu en mandarlle daqueles xamóns, dos sobrantes, dos rancios, á vez que lle retiraban o despacho directo das visitas paganas; ¡das pagadas en efectivo, séxase, clientais!

-¿Pero qué de que...; qué pregunta? ¿Oia, é que vostede fai de San Pedro neste vilorrio de Churiz? Xa lle direi ao Xefe o que teña que dicirlle, pero eu mesmo, directamente, en persoa, que non preciso tradutores..., por máis que veño da Alemaña, que alí élle outra xente, outra lingua, outra honradez, outra eficacia!

Ramón refungou ante a coraxe daquel emigrante:

-¿Ten hora, ten cita...; pediuna?

O Simpático deixou de lado aquela simpatía habitual que o caracterizaba para poñerse ao nivel das circunstancias locais:

-¡Non; nin a teño nin é preciso, que non estou na consulta do Médico!

Ramón volveu a farfallar en vista de que o Emigrante, xa desafeito daqueles abusos caciquís, rurais, seguía sen mete-la man no peto das corruptelas, séxase, no das moedas, ¡máis ben en papel, en billetes do B.E.!

-Daquela preguntareille ao señor Secretario se pode, ou se o quere, recibir..., ¡pero non se pase!

O Simpático peiteábase para atrás; diso xa facía tempo:

-¿Ti es funcionario, funcionas, páganche por funcionar?


-¡Oia, un respecto, que eu son Oficial, Oficial Maior deste Axuntamento, o que se di unha Autoridade, así que non se propase, lle repito!

-¿Axuntamento? ¡Agora falaches, que trazas diso hai: un axuntamento homoxéneo, ben axuntado e ben conxuntado, tan recadador coma a pá dun croupier! Mire, eu sonlle un cidadán honrado, que saín polo mundo, descantiá, e traio tódolos meus aforros para este país tan rico e tan miserento, á vez, asemade; ¡polo mal administrado que o tedes! Daquela coido que non sobran as miñas remesas... ¿Vai entendendo, ou prefire que lle fale en alemán? Sprechen Sie Deutsch? ¡O que queira, mais, se tampouco entende o noso, o galego, daquela dáme igual, que lle podo parlar en italiano, nun italiano fresquísimo; ou nese franchute dos diplomáticos...! No que prefira, que eu, aquí onde me ve, antes de ir para Alemaña, estívenlle en Suíza, en varios Cantóns, e non precisamente para esconde-los cartos senón para gañalos, ¡honradamente, co meu esforzo! Nacinlle nunha parroquia deste Churiz..., ¡que non é gran cousa, pero algo máis sería se estes parasitos non mamasen dos lugareños!

Outra cousa: ¡sígolle empadroado, aquí, aquí mesmo, e as miñas leiras pagan contribución! Con isto dito, tócalle falar a vostede; e deixe de ollarme con esas laparadas, que lle estou vacinado, ¡que a min non me hipnotizan vostedes!

¿Qué; non chegan estes títulos de cidadanía, os meus, para que me reciba o propio Salmonte?

Ramón achicouse ante a dignidade daquel Simpático; en consecuencia, reencarnouse no corpo do Ramonciño, no de costume, pero só a medias:

-Mire, paisano, déixese de bravatas, que tan mal están nun súbdito. Don Manuel ten as súas funcións, e non está para recibir aos ninguéns. En canto ao Secretario, que don Aurelio se chama, ese recibirao con gusto, que recibe a tododeus, mais iso será tan pronto llo pida eu, ¡se é que llo pido! Mire, con insolencias, aquí en España, o único que vai conseguir, vostede, si, vostede, é un pasaporte..., ¡para ese Tribunal de Orden Público! ¿Sóalle?

Aquel emigrante, tan batido en tantos países, volvérase correúdo:


-¿Insolencias; que me insolento, eu? En calquera caso está ben, señorito folgazán, señorito funcionario. ¡Vale! Fareino doutra maneira, que por tres pesetas dunha póliza, desas que venden no estanco, non deixarei de dicirlle ao propio Alcalde a queixa que ten este cidadán; ¡e que conste que son honrado, que honra non é a que vostedes me dean, senón a propia, a que merezo! Vou facer unha instancia, xa mesmo, e daquela volvo, de seguida, con ela na man; unha instancia con copia, ¡na que precisarei un cuño e maila data!

Ramonzón, ou Ramonciño, ou a mestura dos dous, volveuse TNT a punto de ignición, a punto de estourar:

-¡Váiase..., a onde queira, e como queira, pero ao lonxe!, que mentres o fai, mentres fai de ventre, asegúrolle que avisarei aos Gardas; ¡de momento, aos Municipais! Cando regrese, e procure volver limpo, xa veremos se fala co Alcalde, ou se o Cabo fala con vostede, pero, ¡coa porra na man!

Despois dun breve lapso de tempo, aló dentro, na Secretaría:

-Don Aurelio, ese home non me fai caso, que xa lle expliquei o incidente, de pé a pá. ¿Que fago, que fago eu, agora? Pondere que ese emigrante quedou de volver, ¡cunha instancia na man! ¡Élle de malas pulgas!

-¡Que volva, que xa se recibirá..., iso, a instancia! Outra cuestión é contestarlla. ¿Contestar unha instancia...? Para iso terá que esperar tres campañas, desas de dous anos...; ¡ata que o xubilen nas dúas Alemanias, nas dúas á vez, quere dicirse, ad calendas graecas!

Ramonciño víase atrapado, como nunha vagada, entre dous fogos e cos lobos fuxindo polo foxo, de par súa, que tal estivera no verán último, daquela que axudou a apaga-lo lume, porque perigaba unha chousa propia, unha daquelas herdadas de seu tío, que noutro caso..., ¡un Oficial é un Oficial!

-Don Aurelio, teño que insistir, ¿que lle parece que pode pasar se non lle rexistro esa copia; coido que virá cun Notario? ¡Se vise en que plan se me puxo...!¡Lapeaba!

-¿Ramonciño, ti es un home ou un coello? Por selar que non quede; e se non se larga, á présa, daquela poslle un cuño..., ¡dous, pero no traseiro, con esas botas, coas túas, rexas, de Monforte, ! ¡Emigrantes, a min..., plin!

Momentos despois:

-...

-¿Qué; non veu ese Alcalde? -Preguntou, outra volta, aquel Simpático, de pé diante do mostrador e coa flegma dun home de mundo.

O Oficial, cun aceno significativo, engurrando o cello:

-Vir, veu, pero coma se non, que está reunido co Secretario.

-Entón esperarei; mesmo aquí, xa que non me manda pasar. Pero déixeme unha cadeira desas, que todas están dese lado do seu valado.


-Como non o faga no chan..., que estas cadeiras son da Oficina; mais aforra de sentarse, que perde o tempo, que xa lle dixen que sen cita previa aquí non se recibe aos ninguéns; ¡ningún dos dous!

-Pois, neste caso..., pon aquí eses cuños do teu Rexistro. No teu, non; aquí, na copia, na miña, que xa me contestarán, ¡pola conta que lles ten! E que me dean as grazas por non facerlles a instancia en alemán, que con este pasaporte resgárdame o país que mo fixo. ¡Auf wiedersehen!

Na Secretaría: Aurelio, sentado, e o Salmonte, en pé. Daquela entra o Oficial, mostrándolles a instancia do Simpático:

-...

-Ramonciño, ¿que di ese tunante, nesta petición?

-Pois..., reclama a reposición ao estado primitivo da finca invadida. Trátase dese camiño público que lle deixaron incorporar ao Lucas do Barreiro, ese amigo do meu compadre...

O señor da vara, algo nervioso por aquela instancia insólita:

-Aurelio, ¿lémbraste de cómo trangallamos iso, esa reparcelación do Barreiro? ¡Van tantas, que me confundo!

Tranquilizouno Aurelio. Aquel deus, aquel Xúpiter, manexaba os raios perfectamente, con boa memoria, que é a principal arma dos mentireiros; tanto para fulminar como para disolve-las chispas no seu puño ensortellado:

-¿Manuel, ti, outra vez acolloado? Este caso é un chisco de borralla, unha pabea, que todo se fixo, absolutamente todo, en boa xustiza municipal, conforme ao noso dereito, ao noso! Lémbrate de que entre a Extensión Agraria e mailo Concello argallamos aquela pista, en boa pragmática, dándolle carácter de camiño agrícola..., ¡que o é porque permite chegar cos cadáveres dos labregos directamente ao cemiterio parroquial! E para que iso quedase axeitado, de paso borrámo-la corredoira, rechea coa pedra das paredes contiguas. ¿Lémbraste agora? ¡Aquí, nós, ordenamos e mandamos, e das leis facemos regulamentos, que para iso estamos..., ámbolos dous!

O Salmonte, algo cohibido, ou menos satanizado, ¡aínda!

-¿Pero, chacho, ese camiño, o de mete-los mortos no cemiterio, é ou non é agrícola?


-¡Manolón, naturalmente que é agrícola, ao cento por cen! ¿Ou é que os mortos desa parroquia non son labregos? Ese camiño está feito, e ben feito, para cento un anos, pero fíxose con ese rapaciño ausente, que estaba na Alemaña, ¡do que ninguén lle tivo culpa! Certo é que houbo que meterse, aínda ben, no seu horto, para que non levase curvas, que o Párroco quixo que se puidese chegar ao cemiterio en liña recta, desde a propia igrexa, ¡para que non se lle esparexese antes de tempo esa xente, eses que adoitan afrouxa-los responsos! Como ves, todo é unha cuestión económica, ¡de economía pura!

-¡Sendo así...! -Manuel, ás veces, remiso á lóxica do Secretario, pero acababa entregándoselle, sempre, indefectiblemente. -¿A qué vén iso de que reclame? Se eu estivese aquí, daquela resolvíallo, de seguida: ¡Mira, ho, o que vai a Castela..., que se foda! ¡Quéreno todo: queren emigrar, forrarse coas divisas, chegar a ter un Mercedes, así sexa de segunda..., e mentres, que lles coide eu, Perito e Alcalde, todo á vez, das súas leiras; que lles mire polos propios intereses...! ¡Queren a lúa!

-A cuestión de fondo, querido Manuel, é que reclama o por qué lle consentiches ao Lucas desemparedar o camiño vello, o que non se utilizaba desde que se alcatreou esa pista. Nisto, que veu o tal Lucas, oportunamente, aproveitándose da ausencia do alemán, e daquela meteu na horta, na súa, o terreo resultante; o antigo e mailas folganzas do vial, ¡que todo se lle facía pouco!

Manuel, alterado polo incidente, bravo cos débiles e manteigoso cos audaces, pedía papas; ¡de árnica que fosen!

-Aurelio, ti estiveches conforme con todo iso, que incluso me falaras da súa legalidade; lémbrome agora, perfectamente, así que, ¡esa mosca átala ti!

-Non é fácil, que este non saíu tarugo coma os outros, que puxo na instancia que dispón dunha fotografía aérea, que lla deixaron reproducir no Catastro, pola que demostra que a súa finca foi a única prexudicada, a única diminuída, a que soportou enteiramente ese camiño, esa pista. Alega que houbo unha prevaricación, unha ocupación sen previa expropiación, e que encima diso non o foi por causa de utilidade pública. Reclama que se lle compensen esas superficies, amén dun longo etcétera. Non hai dúbidas de que ese tío é valente, coma un lobo da Serra. Ou é que está aconsellado por un bo asesor; un bo asesor, ou da parte de arriba, se cadra de moi arriba..., ¡que igual ten parentes en Madrid!

-¡Cómame nunca o diaño! ¿Secretario, daquela, qué facemos?


-Esíxenos unha certificación do Concello na que se concrete se lle demos ese camiño, o vello, definitivamente, ao Lucas; ou se, do contrario, ese Lucas se apropiou de bens municipais...; ¡todo iso para enfoca-la súa defensa! Non te vou enganar, que o dilema non é cativo. Para que o entendas: Se lle contestamos que si, que se lle deron ao Lucas esas folganzas, graciosamente, ¿qué defensa fixemos, nós, do patrimonio municipal? Daquela, contencioso ao Concello por..., por alleación indebida, malversación de caudais públicos...; ¡cousas así! Pola contra, se lle certificamos que foi un asunto privativo do Lucas, de propicia iniciativa, co leite tan agre que se gasta ese Lucas, ¿como o defendo, eu, ou cómo nos libramos da súa caxata, da do Lucas, co bruto que é, e co que lle mangamos daquela, de extranxis, para consentirlle que ampliase a súa horta á conta dese veciño? Por parte, ti non queres leas cos emigrantes, ¡que son os mellores clientes da nosa urbanización...!

Salmonte quedouse reflexivo, retendo o aire nos pulmóns e brandindo os puños, coma enfrontado a un sparring só para el visible. Desde que se serenou un tanto:

-Vai ser cousa de que me achegue ao Barreiro, eu e mailo Cabo, a ver se consigo poñe-lo Lucas en razón propoñéndolle que reparta co alemán esa adición de terras, ¡en boa veciñanza! Do que non, se temos que devolverlle aquel donativo, aquelas pesetas..., ¡máis se perdeu en Cuba!

Aurelio animouno, que se había caxatas, Manuel tiña o lombo de albarda, ancho e seboso:

-¡Debes ir, en efecto, que ti, mio caro Salmonte, cando queres sabes face-las cousas! Pero vai prevido; e mellor aínda se te fas anunciar coa parella dos Municipais..., para amolenta-lo Emigrante, que esta xentiña segue teméndolle ao qué dirán!

Manolón, a pesares daqueles alentos, co Aurelio si, pero na súa retagarda; vacilou:

-Non che quero leva-la contraria, pero..., ¡igual se encirra! Ese alemán, se é de tantas pelotas, igual nos espera coa de retratar..., ¡e llelo conta, despois, á volta, cando pase por Francia, aos da Radio Pirenaica! Lémbrate que falaron de min en certa ocasión, que me chamaron cacique, cacique cornudo...; ¡e cousas inda peores!

-Daquela leva contigo ao Cabo, que o tes de man. E que teñas sorte, meu Alcalde, que che fará falta; pero ti, impávido, sempre, que os caudillos fórxanse nas batallas, ¡pisando cadáveres! Corta e racha, por onde vexas, por onde podas, así haxa que soltarlle cartos ao Lucas, que na túa caixa, na B, ¡aínda que lle restes unha propina...!

Os da Fiscalía estaban atónitos con aquel Alcalde, tan gordo e tan lixeiro, un auténtico monicreque nas poutas do Aurelio, pero desta vez puido máis o medo que lle pillara ao Emigrante, que se fixo anunciar polos Gardas, segundo lle suxerira o seu Litis.

...

-¿Que, qué facedes, aquí, ao Barreiro; vídesme prender, ou queredes restaura-las lindes do meu horto? ¿Ides repoñe-las estremas? ¡Nese caso, mellor có fusil, unha legoña!

-¡Antón, que nos coñezamos desde nenos, iso non che permite faltarnos ao respecto! Defendeuse un daqueles Gardas.

-¿Respecto? O respecto perdínvolo eu, ¡desde que estades de criados, de mandados, de esbirros desa xentiña! Veña, rapaces, a emigrar, que tal fixen eu, que iso é de homes. De servir a alguén, mellor aos alemáns, que alí traballan todos; os caciques máis que ninguén, para por exemplo!

Aquel Garda, mancado na súa dignidade, revirouse:

-¡Eu non son un criado; e aquí o Aduardo, tampouco! Somos dous Municipais, ¡a moita honra!

O Simpático, Antón para os Gardas, non lles resultou tan simpático, a eles, como lles parecera aos da Fiscalía de Don Pedro. Plantado, escarranchado, retador, coas mans nas illargas:

-Rapaces, honra sería se estivésedes no papel correcto, no propio dos Gardas, pero iso non é cubrírlle-las costas a catro mangantes; a dous, neste caso; sabendo como sabedes que lles mangan aos veciños canto poden... ¡Menos a pernada, que xa non se estila; ou se cadra, si, tamén, tamén iso!

Eduardo, Aduardo para o outro Garda, rompeu a falar nun ton algo máis suave, pero que non deixaba de ser autoritario:

-Mira, Antón, déixate de lerios e date por citado para esta tarde, ¡ás cinco!, que vai vir unha Vista do Axuntamento para arranxar isto do camiño, esta pista de aquí por xunto do cemiterio...

Co Simpático daban en ferro; puntualizoulles:

-Este camiño arránxase desfacendo a parede que puxeron polo medio da horta, ¡da miña! E para vistas do Concello, chega coas da muller do Alcalde, esa tal Mabel..., ¡que ten máis ubre cá teixa do Lucas! ¡Vaca de moita ubre..., malo! Ademais, nin na terra dos cafres se cita á xente da mañá para a tarde, pero, se queren vir, aló eles, que veñan, que eu estarei aquí, na miña casa...; ou mellor aínda, aquí fóra, nesta pista, na arroubada, pero mañá, ¿eh? Ás cinco da tarde, ¡nin un segundo antes! ¿Anotádelo?

-Polo teu ben procura estar razoable, que che dou un consello de amigo, -matizoulle o chamado Eduardo, -que daquela volveremos co Xefe Local. ¡Eh; outro aviso! ¡Por un se acaso, traeremos as esposas!

Antón riuse con ganas; seguía completamente tranquilo, relaxado:

-Mentres non traiades á propia muller dese Alcalde, dese barrigudo, que así se explica que non se lle poda achegar, e que ela busque outros, máis delgados, máis flexibles, con outros empalmes... As outras, esoutras esposas, non me interesan, pero esa fulana, esa roiba do tinteiro, nin para vosoutros olla, que seguro que vos poñedes de cu cando parrafea co Secretario, que nestes lugarciños sábese todo, e non precisamente pola radio!

Eduardo, aquel Garda, non estaba acostumado ás insubmisións:

-¡Antonciño, non te porpases! Se nos provocas, a Vista vala ter ti..., ¡pero no calabozo! Daquela xa veremos o teu riso... Quedas avisado; ¡en tempo e forma!

O Emigrante fixo un estraño, como espantando nas moscas:

-¡Boh; ídevos por aí adiante..., á bragueta dos burros, que é o voso sitio, que aínda quedan máis de catro, sen ir máis lonxe, na propia bisbarra!

Ao outro día, encabezando a vista, presentouse Litis, que non o Alcalde, no lugar previsto, no mesmo daquel avasalamento expropiatorio. Sacou do seu almario o mellor dos sorrisos; quere dicirse, o máis cínico:

-¿Así que vostede é ese Antón do que me teñen falado, un home que está moito polo progreso, polas infraestruturas? Seica veu de vacacións, nun Mercedes...; ¡pois iso é posible grazas a que en España temos as pistas asfaltadas, algunhas, tal que neste rueiro, por obra e por graza de don Manuel, que é un benfeitor do Municipio! ¡A miña noraboa! ¡Vostede seica é un fillo ilustre do Concello, outro, un home comprensivo, culto...!

Antón tomoulle as medidas, de arriba-abaixo e de abaixo-arriba, caixa toráxica incluída, e por fin detivo os ollos cravándollos ao Aurelio directamente, nas pupilas, sosténdolle a mirada, cousa que desconcertou ao Secretario que non estaba afeito a esas dignidades tratándose dun campesiño, ¡por emigrante que fose! Daquela espetoulle, coma un escopetazo:

-¡Noramala, señor Secretario, que a vostede nada se lle perde neste asunto! ¿Ou si; houbo reparto? ¿Onde está o Alcalde; escóndese tras súa, como fan os nenos mecosos con súa nai...?

Talmente parecían dous galos tenteándose ás portas dun galiñeiro. Aurelio soltoulle unha finta de boa dialéctica, da súa, da habitual:

-O señor Alcalde, don Manuel, polas súas ocupacións delegou en min; ¡que por iso vin, e aquí estou, ao seu dispor!

-¿Tampouco veu..., ningún representante; digamos, un Concelleiro?

-¿Para que? Viñeron ese Cabo e mailos Gardas..., ¡por si se producen desacatos á Autoridade!

Antón, irredutible, saturado de dignidade persoal, a mais de ben asesorado:

-¿Vostede..., autoridade? ¡Non me faga rir! Tardei anos, moitos, mais agora seille distinguir as funcións dun Secretario, dun funcionario, por distinguido que sexa, das que corresponden á Corporación, á Corporación ou a cada un dos seus membros, directamente ou por delegación. Esas funcións coñézoas ben, así que o tomo por un recadeiro do Salmonte, que é a única representación que lle admito. Vaia soltando ese recado, se tal quere, que as miñas vacacións son curtas, e non coma as súas, que xa sei que ás horas de oficina tanto pode estar na Consistorial coma no Café do Centro, ou nesas obras salmonteñas, ou na casa de ben sei quen... Mais, ¿para que vou referi-los seus pecados, se os coñece perfectamente, xa que os vive; ou é que non os vive?

Aurelio, a pesares de que traía a súa estratexia ben perfilada e ben matinada, premeditada, de propia marca, investido daquela sona obtida coa complicidade, coa reciprocidade, do propio Alcalde-Xefe Local do Movemento, atopouse nunha batalla complexa, imprevista, de táctica inédita:

-Tíveno a vostede por máis listo do que está demostrando, así que, polo seu ben, suxírolle que cambie de ton. Por certo, ¿que fan eses señores que están aí, aí atrás, nese auto? ¡Non os coñezo...; nin vostede mos presentou!

-Non é preciso; son tres amigos, da Capital, que esperan por min, por se quero ir con eles..., ¡a unha cea!

-¡Ah, ben; aquí, se vostede razoa, terminamos pronto, de seguida! Como lle ía dicindo, falemos en paz e concordia, que así cómpre entre amigos...

-¿Eu; falar, eu? ¡Fale vostede, se é que trae ese recado de falar comigo!

-Ben, vale; que isto faise de contado: o señor Alcalde, sempre conciliador, servidor dos seus súbditos...

-¡Perdón, Secretario; non sei se lle oiría ben! Quixo dicir, cidadáns; ¿non si?

Aurelio tragou aquel sapo, e sen inmutarse:

-¡É unha simple cuestión semántica, pola que non imos discutir! Sigamos: Aquí o Lucas... Don Lucas, por favor, achéguese... -Aquel veciño estivera atusmando, de lonxe, entre os couceiros, pero ao verse cachado quitouse a pucha e aproximouse, con tódalas precaucións do caso, con timidez cazurra. Daquela proseguiu o Secretario: -Aquí don Lucas pediu unha concesión gracial das folganzas deste camiño, do vello, e desde a Consistorial non percibimos, na distancia, que puidese resultar lesivo para terceiros...; ¡son folganzas, e por ende, municipais, ab origine!

Lucas entendeu por onde lle doía, ao seu xeito, sen distingos conceptuais:

-De glacial, nada, meu señor; quentiña de todo, que llela paguei eu, eu mesmo, a vostedes, ben pagada! ¿Xa non se lembra daqueles billetes, ben noviños por certo, do trinque, que así mos deron no Banco? ¡Ben mo dixo Manuel, que de cheque, nada, nin falar; que fose eu, eu mesmo, por aquela cantidade da idenización, en billetes!

Aurelio, polas ganas, houbéseo fulminado cos seus ollos felinos, chispeantes; pero no seu cálculo, calculadamente conciliador, optou por facerlle un guicho:

-¡Lucas, que te confundes; o que pagaches ti, daquela..., foron..., arbitrios! Uns arbitrios atrasados; por certo que sen recargo, que nos debes ese favor, esa tolerancia. ¡Está visto que facer ben sen mirar a quen...! Xa o di ese refrán: ¡Non lles fagas dano aos labregos, que non cho merecen; nin lles fagas ben..., que non cho agradecen!

Antón, que se espelira polo mundo adiante, ademais da súa intelixencia natural, non estaba para sofismas caciquís:

-¡Un momento, Secretario; que ben se ve que vostedes ao que xogan é ao tute, ao subhastado, que iso de chisca-lo ollo dáselles mal! Non lle fai falta darlle a sinal do tres ao Lucas para que se esqueza de certos amaños, que resulta que este home, este matón, é soamente un bocazas. Testemuñas hai, ¡varias!, do que dixo, en certo lugar, sobre certo pago, ou comisión, por xe pesetas, en efectivo; ¡que quede claro! Ora ben, se teñen interese en discuti-lo tema, advírtolles que eses do coche son o meu Avogado e mais un Notario, da propia Capital, co seu Escribente, que os puxen aí, á espera, para que levanten acta, ¡do que sexa preciso! Pero como son máis honrado do que todos vostedes xuntos, daquela non lle chisco o ollo a ninguén, que lle ensino a vostede, señor Secretario, ¡de antemán!, as miñas cartas...; ¡algunha!

Aurelio baixou a voz, que os do auto apeáranse e xa paseaban polas inmediacións, atentos ao terceto:

-Mire, Antón, aquí viñemos como amigos, buscando unha solución satisfactoria; e vostede pasouse traendo esta xente da Notaría a onde non facía falta..., ¡que estamos entre iguais!

Antón, sen inmutarse:

-¡Máis se pasou vostede traendo aos Gardas, cos seus ferrollos, cando o ladrón é outro, que diso tamén se levantará acta..., se é preciso! E ti, Lucas, mira o que dis, ¡que non te enxurren estes caciquiños de terceira, da terceira rural, iso, cos pecados alleos!

Pero aquel Lucas estaba superado por tantos imprevistos; só marmexou:

-Pois..., o que é pola miña parte, este camiño non o devolvo; nin cos Gardas nin co Notario! Se non mo podiades dar, daquela é asunto voso esa idenización..., aquí ao veciño..., que tampouco teño por qué preitear con este home, ¡dúas casas que sempre se levaron! ¿Non si, Antón?

Mefistófeles seguía de parte do Secretario:

-Queridos amigos, e bos veciños, ámbolos dous, non se alporicen, que todo ten arranxo. Teño atribucións para propoñerlle, aquí ó Antón...

O aludido cortouno, en seco:

-¿Atribucións? ¡O que se di atribucións, non; nada, en absoluto! Vostede quererá dicir, recado; recado da Súa Ilustrísima, dese Salmonte, unha familia que se abaixou do castelo porque entre as xoldas e mailas obras non o daban sostido; agora mangonean un Concello, este, o noso, o mesmísimo feudo de entón, pero cunha diferenza, ¡que teñen unha pata no Pazo e outra na Consistorial, escarranchados, que é a mellor forma de mexar polos cidadáns, desde arriba, ao cirichón!

Naquelas tesituras, ante aquel arriscamento do Simpático, Aurelio flexionou, mesmo coma se fose de vimbio:

-¡Querido Antón, recado sexa; o que mande, o que vostede queira, que non imos discutir por cuestións semánticas, que aquí o que se ventila é un tego de terra; como moito, dous; ¡simplemente iso! Para tan pouco, ¡que máis dá! A miña proposta é que o Concello lle urbanice, a vostede, ese camiño que pasa por diante da casa, da súa, poñéndolle un farol, o que sexa, canto precise, ¡do alumado público! Con iso, de ben calculado, vostede aínda sae ganancioso...; ¡polo menos con respecto ao Lucas!

-¿Señor Secretario, pódolle preguntar unha cousa? -Antón, de falsete, flegmático.

-¡Adiante!

-¿Cando foi o último Pleno; cando acordaron...; iso, iso que me propón?

-Pois..., ¡o mes pasado! ¿Pero iso, a qué vén?

-Non, nada, axustes meus, que por algo son axustador, ¡na Alemaña! Só quero relacionar datas, actuacións, ¡con respecto á miña instancia!

O Secretario pasou por alto aquela puntualización; tiña présa por cerra-la súa proposta:

-A ver, Antón, e vostede tamén, señor Lucas, démonos a man, os tres, como se fose na feira, que este trato está feito, rematado, e saen con ben desta operación...; ámbolos dous, que o perdedor neste caso é o Axuntamento, tan escasos que andamos...; ¡diso, de Presuposto! O meu estilo é facer paces...; ¡xa me viron, aquí, neste asuntiño!

Antón tiña en mente certos prolegómenos:

-Secretario, espere un momento, que falta enroscar unha peza. E ti, Lucas, atende; deixa de mirar para os señores dese auto. Non che viría mal que che sacasen ese trollo que tes aí fóra, no camiño do curral; ¿non é?

O interesado aluspouse con aquela suxestión:

-¡Ai, ho, casual; estaba matinando no mesmo, que ti, neste lio, saes mellorado!

-Lucas, mira ti por onde, como tamén te aprecio, e como vives neste vilar, a cotío, é mellor que che fagan, por conta do Concello, de paso, unhas boas beiravías, que todo isto, alcatrearche o curral, empedra-los pasos, repoñe-las paredes dese horto..., con cartos públicos. ¿Tres obras da maneira sería moito pedir; ou non, señor Secretario?

Aurelio foise ao anzol, ¡que onde haxa un cazurro listo...!

-¿Tres obras en beneficio exclusivamente privado? ¡Por suposto que non; non hai capítulo...!

Antón chegara, por fin, á súa meta:

-Daquela, amigo Lucas, ti, que sempre fuches un bo canteiro, que paredas ben, volve a murar o meu horto, de propia man, por onde sempre estivo, que así o camiño vello quedará no meu, compensándome un chisco do que me quitou ese Párroco para face-la súa Avenida dos Reponsos. Deste xeito, a ti, en vez de currada, vaiche quedar unha praciña elegante, que cando as túas nenas sexan mozas daquela servirá para que os rapaces chas veñan ver, ¡en auto! Con estes pactos, coas augas devoltas ao río, o que é por min, señor Secretario, podemos dárno-la man.

Aurelio respirou; fondo, aliviado:

-¡Farase todo, absolutamente todo, segundo propón! Voume, ¡e a mandar!, que alí me teñen, no Consistorio, ¡ao seu dispor!

Antón retívolle a man:

-¡Un momento, Funcionario, que aquí falta unha función; ¡cousa de nada! -Dirixíndose ao seu Avogado: -Don Luís, ¿pode achegarse co señor Notario, que imos deixar constancia, fehaciente, ou como se diga, de que este veciño, Lucas, vaime facer, nova, a parede do meu horto, metendo coa mesma, ou sexa, para dentro, o camiño que desapareceu daquela, daquela cando a pista do cemiterio?

Aurelio tentou de largarse, sibilinamente:

-Está ben así, en efecto, pero eu voume, que isto é cousa súa, dos dous; e logo que teño présa, que me esperan no Concello...; ¡unha xuntanza oficial!

Antón reforzou a voz, imperativo:

-¡Señor Secretario, que de Actas entende, e aquí estivemos falando, ou negociando, tres partes interesadas; tres! Non me fará ese desprezo, que teño encargada unha merenda, boísima, para todos nós, para os seis, aí na taberna, no reservado. O que si, se vostede non ten medo para volver á Vila, -engadiulle, burleiro, -os que se poden ir, agora mesmo, ¡a cen!, son estes Gardas, que para eles...; ¡voullo dicir: eu non contaba con xente armada, e por iso non lles encarguei viático!

O Aurelio viuse nun compromiso, ineludible en boa diplomacia:

-¿É certo que encargou unha merenda, con antelación? ¿Vostede é adiviño, ou qué?

Antón riuse, con ganas, a fondo:

-Non; nada diso: son galego, simplemente galego; ¡a moita honra, que se di!

No Ceo, naquela revisión anímica do Secretario, non daban creto ao que estiveran oíndo: ¡unha derrota do Litis! A primeira reacción foi de Don Valentín, que coñecía as artes, as artes e mailas artimañas dos seus paisanos:

-¡A ver, Fisgas, un receso! Cortade aí, nese proxector, que a escena principal rematou. ¿Que vos parece? ¡Se nos meus tempos fosen así, así de espelidos, aqueles emigrantes non terían que irse ás Américas!

-Certo é, que ese rapaz, o Antón, non se deixou envolver polo Litis. -Comentou Fisga Seis.

Fisga Nove, asentindo:

-Ese parece máis esperto cós outros... Coido que nos pode servir para testemuña de cargo; ¡máis que esoutros, máis que eses que saíron nos outros vídeos, nos anteriores!

-¡É un esperto, a mais de experto; que os durmidos foron aqueles portugueses, aqueles que...!

-¿De qué falas, Fisga Seis? -Preguntou Frei Marcos, un tanto fóra de contexto.

-Logo..., ¿non sabe o que pasou?

-¡Afellas que non; será que fisgo pouco...; mortal, en definitiva!

Fisga Seis referiulle aquel contratempo:

-Cando volvía para Alemaña, recuperada a súa hortiña, enteira, resultou que entre Valladolid e Palencia aquel Antón cruzouse cunha furgoneta de portugueses, que os pobres durmíranse circulando, ¡coas ansias de volver pronto ao seu país! Daquela, ¡case nada, todo, definitivo, que se deron unha chucha, un chuchado fraterno, co Antón!

Frei Marcos persignouse:

-Para min, como me trouxeron ao Ceo daquela, que aínda estabamos na era bestial, na das bestas quero dicir; todo o que pase dun cabalo de potencia xa me parece cousa do diaño. Oes, agora que me fixo nesa circunstancia: ¡neste caso, felices, que xa o temos aquí, dispoñible, na propia Eternidade!

-Si que o temos, Tío Marcos, pero hai que pasarlle unha citación, que está soterrado no Campo Santo dos portugueses. Por certo, que o teñen a corpo de rei, en desagravio. ¡Para xustos, eses portugueses; con poucas excepcións!

Frei Marcos asentiu:

-¡Desde logo, desde logo; eses irmáns, eses galaicos sureños, hai qué ver cómo son, sempre tan cumpridos! Daquela, ti mesmo, Fisga Nove, que ve-las cousas de arriba-abaixo, pásalle razón, con tempo, de que igual ten que depoñer en contra do Litis. Dille, de paso, en broma por suposto, que vaia buscando outro Notario, como fixo daquela; ¡faralle graza recordar o seu episodio!

Fisga nove, con satisfacción:

-Seguro que lle presta, que xa recuperou medio horto, e agora vai recibir, aquí na Gloria, o cento por un, ¡que merece todo iso, e aínda máis!

Frei Marcos corroborou:

-¡Para máis chiste, sen pólizas na instancia, que na Eternidade non as precisamos!

Como estaban no tempo de entoar o Angelus Dómini, que en Churiz a tal intre xa repicaban as doce solares, apagaron o proxector para seguir coa Vista despois da Hora Santa. Sentíanse fatigados, fatigados e anoxados, que as malicias, de sempre e para sempre, ¡ata no Ceo causan violencia!