:: QUERIDO MUNDO ::
CARLOS G. REIGOSA
Aldeas (*)
Temos moitas aldeas fermosas, mais estamos deixando que morran. E algún día botarémolas de menos. Tan certo que isto xa non terá remedio. Seguiremos no noso mundo de cidades cada vez meirandes, enchéndonos de atascos e de pensamentos únicos ( porque os pensamentos únicos son varios sen deixar de ser únicos). Ata o día que comecemos a notar que nos falta algo e nos invada o desacougo polo ben perdido. Entón miraremos arredor e probablemente descubriremos paisaxes recoñecibles e vellas casas de pedra aínda de pé. Mais faltará a alma de todo isto: a sabiduría que só se aprende nun diálogo ininterrumpido coa natureza e a extraordinaria diversidade cultural dos seus habitantes. Hoxe pasamos ao seu lado sen decatarnos de que xa non falamos o seu idioma da alma nin compartimos os seus saberes. Aínda cremos que somos iguais porque nacemos nas mesmas terras, pero eles xa non viven nesa mentira. “ Este mundo acábase”, dinme algúns veciños da Pastoriza(Lugo), e eu aínda sei o que queren dicir: que as miles de cousas que eles souberon facer -como auténticos titáns e mestres- xa non lle interesa a ninguén. Toda a súa enorme ciencia da vida morre en cada enterro ao que asisten, e asisten con moita frecuencia. Eles poderían dicir coma Terencio que cada humano lles é alleo, pero que é agora o humano? Ese “petimetre” cego que chega no verán orgulloso das súas vacacións e saúda a todos con agarimo, mais sen escoitalos ninn entendelos? Hai 33 anos, o economista Ernst Friedrich Schumacher publicou O pequeno e fermoso. Defendía un equilibrio que non leve ás cidades a un engorde atrofiante nin condene ao pequeno a súa extinción. Mais nin siquera el foi capaz de descubrir o que se perde cando enmudece, cando cala unha aldea, toda esa desfeita do profundo e fermoso!
(*) Orixinal publicado en castelán
No hay comentarios:
Publicar un comentario