Toponimia de Castroverde
Boa veciñanza
Xosé María Gómez Vilabella
Que o noso Castroverde, cabeceira do antigo Condado de Flammoso, é un retallo daquel paraíso bíblico, aínda non atopei a ninguén que o negase. Nese suposto, o seu circundo tampouco nos pode ser alleo; nin malo nin descoñecido.
Pero á vez que se dá, que existe, unha afinidade xeomorfolóxica, e por ende as liñas divisorias, sexan dos municipios ou das parroquias, son máis xeopolíticas que outra cousa, existe, deuse, ó longo da Historia, unha ósmose parental que entendo merecería unha profunda reflexión.
¿Onde temos unha parroquia, por illada que resulte das colindantes, -montes, ríos, e demais dificultades para o tránsito-, que poda xactarse da súa pureza endogámica? ¡E menos mal que así foi, pois, do contrario, as Leis de Mendel xa a terían eliminada do mundo civilizado!
Se nos remontamos ós castros, aí si que é probable que os intercambios fosen mínimos, pero nunca inexistentes, pois a endogamia absoluta, se nos atemos literalmente ó Xénese, só se deu entre os fillos e mailas fillas de Eva. A romanización, como exército masculino operativo, xuvenil, que era e que estaba, en fase de expansión, non só conquistou terras senón “sabinas”, ¡polas boas ou polas malas! Déronse terras ós combatentes como premio de xubilación; xurdiron as villae; predicou Santiago... ¡E naceron as parroquias!
Naceron as parroquias, efectivamente, consolidándose cos suevos; as terras foron collendo forma; os homes deron en paredar, en delimita-las súas pertenzas, pero..., ¡ou porque non houbese mozas suficientes no lugar, ou porque as veciñas ofrecesen máis atractivo, quen non traspasou as “fronteiras” do seu lugar para explora-lo circundo, para “importar” sabinas? Sabemos, pola tradición dos nosos vellos, que os paus nas feiras e nas festas adoitaban ter como causa remota a defensa da propiedade..., ¡mozas do lugar incluídas! Pero as dificultades vencéronse, superáronse, ¡e casaron! Mellor capital adoitaban conseguir os que casaban coa veciña da porta, pois, ademais da cómoda e das roupas de cama, sempre había a posibilidade de incorporar á lexítima a leira tal ou a chousa cal. Posiblemente veña diso aquel refrán de que... ¡Quen lonxe vai casar, ou tacha leva ou a vai buscar!
Este mínimo preámbulo, estas reflexións elementais, lévannos ó estudo, igualmente superficial, mínimo, dos nomes e das particularidades dos nosos veciños, que máis ben habería que dicir veciños-parentes, pero como por moito que simplifiquemos e/ou abreviemos, a suma de referentes ocupará moito tempo e moito espazo, entendo que e mellor familiarizarnos, de momento, co mapa do noso entorno, que para o resto, para os comentarios definitorios, témo-lo 2.007 apenas estreado. ¡E logo que tamén haberá que facerlle caso ó Henry Fayol naquilo de que a división do traballo sempre é rendible!
No hay comentarios:
Publicar un comentario