Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

28 enero, 2007

Toponimia de Castroverde

Vicisitudes do Marquesado de Tarrío

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Debuxo de A.Trillo

A traxectoria final do noso Marquesado ten a súa verdura, pero como estamos en Castroverde, e logo que corren días de Carnaval, se vos fixades máis ben no seu aspecto dramático..., ¡igual se pode contar! Un título que empezou na verdura deses prados, con augas nacentes do Tórdea, en augas tiña que rematar! ¡Son recovaxes da Historia Humana!

En Maio do 57 tiven vacacións no Banco; ¡”colonial” lle chamaban naquelas provincias da A.O.E.! Así que viñemos a Castroverde nun De Soto de 20 HP... Mellor dito, no que quedou daquel De Soto pois aló en Safí, que deixara de ser Marrocos Francés meses antes, os guerrilleiros do Istiqlal (unha especie de ETA) atacáronnos de fronte cun camión Berliet: tres voltas de campá, feridas, o auto ó chapista, etc. Pero iso é outra historia, que o relato que intento referir consiste en que a miña dona, reposta das súas feridas, quixo que a levase ó Incio, onde tivera a súa segunda escola, deixando alí uns nenos moi queridos, amén da pousada...

Merendando opiparamente naquela casa, entrou unha tal Aelia, cunha sella de auga, que me chamou a atención polos seus aros, brillantes coma os chorros do ouro. A sella relucía, pero o que é a señora tiña un cariz de tristeza crónica, que daba mágoa. A miña dona chiscoume un ollo, pero nada dixo..., ¡de momento! Outra vez no coche, xa en dirección a Montecubeiro-Castroverde, o primeiro que fixen foi preguntarlle pola tal Aelia.

-Esa señora debe ser unha das poucas viúvas sinceramente tristes que levo coñecido...

-¿Viúva? ¡É unha virxe! Eu limiteime a chiscarche o ollo porque esa rapaza, que a teñen de criada nesa casa onde parei eu, ten unha historia que nin case se pode contar... E se algún día ousas referila, tes que dicir iso de, díxomo un paxariño do papo roibo, deses que pían con sinceridade, e non o cuco, que sempre o buscamos onde non está!

Con esta filosofía, a mais da súa man, tapoume a boca, e fun discreto, pero como, de vivir, a tal Aelia hoxe tería máis dun século, coido que non é difamación pasar ó papel semellante..., drama?

Fórase para Coruña cunha Marquesa que estivo no Incio, nas augas..., que a contratou como doncela...

Aquela Marquesa, en efecto, era da Coruña, ¡que é de onde son a maior parte delas!, e tanto lle preocupaban as engurras, maiormente as do ventre baixo, as de debaixo das enaguas, que deu en tomar tódalas augas de Galicia, ¡a eito!, que lle dixeron que nada coma iso para estira-la pel, ¡tódalas peles! ¡Mellor que facelo co ferro da roupa!

Tantas tomou, alcalinas, ferruxinosas, líticas, sulfurosas..., que chegou ó Incio, bebendo os sete beberes. Alí, en Ferreira, parou na casa do Bértalo, que tiña unha filla, a Elia, aquela que se confesaba tódolos domingos... ¡Un sol de criatura, tan fermosa como inxenua, e tan relixiosa que adoraba ó seu cura máis do que ós evanxeos, que o crego falaba coma Deus, ¡en latín!, e os evanxeos había que lelos para entendelos! ¿Seguídesme? ¡Pois eu non, que teño para min que o Fillo de Deus o que falaba era arameo, que así lle chamaban daquela ó galego da súa Galilea!

A todo isto, a miña dona do que tampouco está certa é de se aquela moza do Incio, ¡moza entón!, se chamaba realmente, Aelia, ou a Elia, que a xente dicíalle das dúas maneiras. A miña opinión, nesas trécolas, foi esta:

-Se trae ese nome copiado, plaxiado, da muller de Teodosio o Grande, aquela paisana era coñecida como Aelia Flacila Augusta... ¿Oes, agora que me decato, iso de Flacila, non che soa a fláccida, xa que ese era o problema daquela Marquesa? Á Teodosia chamábanlle así os nosos paisanos cando lle ían pedir recomenda para que os seus fillos fosen ó Servizo... ¿Capiscas? ¡Mira que pedir unha recomenda para irlle ás guerras ó seu Emperador, mentres o tal Teodosio facía na media...!

¿Sabedes que me contestou, ela, a miña, a miña dona?

-Se ti soubeses tanta Historia como presumes, daquela non ignorarías que ós nove meses de cada guerra producíase unha multiplicación partenoxénica do inimigo; quere dicirse, sen pais, de tódalas vencidas, de modo e maneira que cada guerra producía para o inimigo o cento por un: ¡cen nenos, en substitución de cada milite, de cada guerreiro morto! ¿Sabíalo, ou non?

O que me estrañou foi que o soubese ela. Aquelas profesoras da súa Normal de Lugo, tan sabidas e tan ensaiadas, ¡tan ensinantes!, pero coa saia longa..., ¡canto padecerían no seu subconsciente! Pero volvendo á historia da boa señora:

Foi o caso que a rapaciña, Aelia..., (¡quen diría que aquela pobre muller, corcovada debaixo dunha sella, foi, nos seus días, unha moza garrida, como tódalas do Incio, que de aí lles vén ese cognomen, de que valen para inzar!)..., que tan ben coidou na hóspede, naquela Marquesa da Coruña, que a gran señora quedou prendada, seducida, dunha serva tan servil, unha auténtica doncela, en toda a extensión do termo, e con iso deulle palabra ó Bértalo, ó pai da rapaza, de facela herdeira se lla deixaba levar consigo para ensinarlle maneiras..., e coas maneiras, "la ciudad herculina, con sus Cantones y su Casino".

Amañaron a viaxe de volta ós poucos días, que resulta que as augas do Incio tampouco desengurraron á Marquesa, que para iso, e para máis, xa tiña os Baños de Arteijo!

A rapaza viaxou todo o tempo no pescante do carromato, co Colás, que era o mozo daquelas mulas, pois aínda que o asento era duro, e con pouco forro, aquel Colás resultaba máis falangueiro e de mellor compañía cá Marquesa, que a boa da señora, se cadra de tantas augas, e coas bochas na estrada, deu en airearse, con estrondo e con cheirume, asemade, ¡coma un volcán, coma unha fervenza de xofre!

Parando e bebendo polo camiño, onde fixo falta, fosen termais ou non, amén dos frecuentes chocolates, que xa se sabe que ás marquesas, desde que tal produto se coñece, con iso do chocolate sáenlles patas de galo, ¡pero o que é engurras na barriga, maldito cousa!, foron chegando á Ponte vedreira, esa que din da Pasaxe..., porque cobraban!

A vella, xa desde Betanzos, todo se lle volvía preguntar ós do pescante que se vían o mar.

-Señora Marquesa, ¿que lle pasa co mar, que tanto lle tarda por velo? ¿Ten algunha débeda con vostede, ou é que lle chama mar ó seu Mar-qués? -A rapaciña do Incio non andaba mal de lóxica, pero ignoraba a viuvez daquela dama dos sete corsés, ¡que por algo os usaba! Aquela inxenuidade custoulle unha reprimenda de órdago:

-¡Estúpida! O Mar é unha bañeira..., ¡máis grande cás do Balneario do voso Incio!

A rapaza entrou en prudencia, pola conta que lle tiña, así que, oíu e calou, pero cando alcanzaron a ve-la "bañeira", algo máis adiante, desde a Ponte Vella, abriu a boca, canto lle deu de si, deste xeito, "¡Canta augaaa ...!", e non a cerrou ata que entraron nas cocheiras da señora Marquesa, que tiña o pazo na mesmísima Coruña, no Ensanche, por xunto das hortas dos Garaxes, que os vellos ben saben onde é/onde era, iso, así que, preguntádelles!

A pobre Aelia non puido descansar, de preocupada que se sentiu, ¡nin co mallada que chegou!, así que aló á media noite espertouse co pesadelo de que se lle baleiraba a bañeira, e daquela a súa señora, a súa protectora, a súa Marquesa, emperrábase en que lla enchese, ¡a baldes!, sacando auga do pozo dunha horta, nos mesmos Garaxes.

Presa daquelas inquietudes, sen conseguir pega-los ollos, decidiuse, e púxose aqueles carpíns de la branca que levara do Incio, ¡por se as friaxes coruñesas...! Coa mesma, foise á casiña terreira do portalón, que era onde vira a cama do cocheiro, aquela que descargaron da equipaxe, pero..., ¡o rapaz non estaba, nin na cama nin nos arredores!

Rilando nos dentes, de tanto medo acugulado naquelas experiencias atroces, volveuse ó pazo, ó edificio principal, central, á gran mansión, e daquela decidiuse a esperta-la Marquesa para que a sacase de dúbidas, que se ía ser herdeira súa, iso algún dereito, algunha confianza, lle daba. En calquera dos casos, Aelia non estaba disposta a herda-la bañeira da Coruña, que lle collera un medo de infinitude, tanto se a tiña que reencher coma se por un descoido afogaba nela, antes da herdanza!

Entrou decidida, pero tamén algo temerosa, naquela cámara dos cortinóns cor púrpura que tanto arrepío lle causaran cando lle axudou á Marquesa, que ben sabía daquel sitio posto que a tivo que espir de arriba abaixo, corsé incluído, e a máis diso, darlle fregas, cunha augardente alcanforada que cheiraba peor cás meigas! Iso á parte de lavarlle os pés con auga quente e sal, que todo naquela muller era a base de auga, fose fría ou ardente. ¡Fíxoa boa, que resultou que a Marquesa, a tal hora, tamén debía ter medo, pois estaba, na súa cama, na monumental, ensortellada, abrazada, co Cocheiro, coma dous ourizos; tan apiñados, tan arrecunchados coma as dúas tapas dunha cuncha, que non podía ser máis!

Nin que dicir ten que a mucama sobresaltouse, máis do que xa estaba, que nunca tan vira..., salvo nas cadelas!

-¡Naiciña do Ceo! ¿Que fai vostede, así, co Colás, tan apertada, feita un novelo? ¿Quere que a estalique para enderezala, para volvela ó seu natural?

Pero a vella, tan impasible e tan natural coma sempre!

-¿Muller, qué lle vou facer? ¡Veuse comigo, á miña cama, para defenderme de cerca...; maiormente por se entran os ladróns, agora de noite, que nas casas ricas, xa se sabe! ¡Este criado éche así, tan fiel coma se poda ser! ¡Nunca outro tiven desta valía!

-¿Ai, si? ¡Daquela os meus parabéns, señora Marquesa! Iso está ben, afellas que si..., por se a arrouban, que nese caso a miña herdanza iría a menos!

Neste punto do relato eu preguntáralle á miña dona que cómo explicaba a tal Aelia aquilo de volverse para o Incio..., sendo herdeira dunha Marquesa tan afectuosa, tan afectuosa e tan rica!

-Espera, rapaz, ten paciencia, que aínda non pasámo-lo Oural... ¡Precisamente, por non ter paciencia, a pobre Aelia nunca chegou a ser Marquesa!

-¡Pouca xente hai de palabra! -Presumín, dándome de iniciado, de home de mundo, máxime co acomplexado que andaba eu coa miña esposa, que por algo era a miña Mestra! Seguín elucubrando: -Iso da nobreza herdada, iso de que os méritos persoais dos próceres pasen ós fillos, e por aí adiante, fai que ás veces saia un herdeiro...; ¡pois iso, que non sexan nobres, que non sexan de palabra! -Atordeime de tal xeito que...; ¡ben, para qué explicalo, que xa se sabe que os rapaces poñémonos presumidos e nerviosos cando parrafeamos coas mozas!

-Non, non é así, que a Marquesa da Coruña, de palabra, era; ó parecer; pero esta muller do Incio era unha fuguiñas, e non soubo esperar... ¿Entendes?

-¡Veña, avanza, que a este paso, cando acabes de contarme esa historia tan curiosa, xa estaremos en Castroverde...; e para daquela ti serás vella, con patas de galo, coma a señora da sella!

A rapaza non se me enfadou, pero seguiu ó seu ritmo, ou máis ben, ó ralentí, como para intrigarme máis, ou para facerme rabiar:

-Foi o caso que cando espertou Elia, pola mañá, oíu uns timbrazos na casoa, no pazo quero dicir, tan alarmantes que mesmo saltou da cama, dun brinco; entón, sen pensalo dúas veces, agarrou coas dúas mans a súa mesiña de noite, un moble de nogueira que pesaba lo menos unha arroba, e aló se foi, ben armada, ó camarín da Marquesa..., disposta a defende-la súa herdanza! Pero alí, naquela peza, o único ladrón visible era o Cocheiro, que seguía na cama coa Marquesa, enroscado e fachendoso coma sempre.

-¡A ver, Elia, -dixo entón o Colás, cunha voz autoritaria que a puxo máis nerviosa aínda, e daquela soltóuselle a mesiña, -faille o chocolate á señora Marquesa; e de paso, deixa o meu na cociña, que baixo agora mesmo, a prepara-lo coche, que saímos para Arteixo, todos, ós baños! ¡Veña, espílete, e deixa de mirar para nós, que xa sabes de qué vai a cousa, ou queres participar na festa?

Cando levaban un mes, seguido, con aquel trasfego da Marquesa, de noite ben gardada polo seu Cocheiro, que aquilo si que era defendela co seu propio corpo, que outro tanto non fan eses Gardas de Corps, e mais chámanlles así, e polo día, de baño en baño, que cando non tocaba Arteixo íanse ó de Carballo, na mesma tartana, Elia decatouse de que sen durmir polas noites..., ¡nin tódalas augas do mundo lle quitarían as engurras á súa madriña, á súa protectora! Así que, ¡por fin!, atreveuse a dicirllo:

-Señora Marquesa, coido que me tería que facer ese testamento, que vostede vai a peor, que con iso de durmir e non durmir, co Colás de xustillo, sempre de garda ó redor seu, o medo ós ladróns quitaráselle, pero o que é as súas olleiras..., ¡xa me preocupan!

-Ten paciencia, muller, -contestoulle a señora-, que cando veña o verán, daquela deixo de ir ós balnearios e quédome na Coruña para bañarme no mar, en Riazor. Será entón cando teña tempo de ir ó Notario para recoñecerte por filla, que se tal non fago non poderás herda-lo título de Marquesa! ¿Entendes? ¡Cousas da Lei!

O verán en Galicia xa se sabe que tarda en chegar, e de chegado, varía moito, que igual cae en martes, ou en mércores, ou en venres..., pero sempre con r de rápido, que ó domingo cústalle chegar, así que a nosa Elia develutríase de mala maneira naquela espera.

Quen seguía rexo e forte, coma un buxo, cadora máis, era o cocheiro, o Colás, e iso que tamén durmía pouco, case que nada, con aqueles socorros, con aquelas gardas tan íntimas, tan nobres, tan fieis...! Se cadra facíao de día, o gran pillín, nos asentos do coche, mentres a Marquesa trasfegaba nas augas, ¡que nin enaguas se poñía, para non mollalas!

Pasaran dúas ou tres semanas, sempre naqueles trotes, naquelas viaxes, ¡pero, do verán, nin trazas, que xa se sabe que quen espera, desespera! Entón a Elia volveu á carga coa protectora, que aínda non a recoñecera, e por iso só a podía chamar "Madriña".

-Señora Marquesa, miña Madriña...; perdoe o atrevemento, pero estiven matinando que se casa comigo Colás, daquela podía durmir comigo, el, legalmente, nunha habitación de par da súa, que así tamén lle facía, a vostede, esa garda persoal, desde cerca, pero, iso si, sen quitarlle o sono, que vostede, desa maneira, co Colás tan pegadiño, e con eses sobresaltos, noite tras noite, vai a peor. ¡Pobriña, estase quedando coma un xunco!

Contou Elia no seu Incio que a Marquesa non lle aceptou aquela proposta tan razoable, alegando que na outra cama o Colás igual se durmía, pero que na súa tiña ela bo coidado de que tal cousa non pasase. Naquela disxuntiva, Elia desesperouse e..., ¡nada, que tirou de billete de tren, e volveuse para o Incio, disposta a inzar con tal de que os homes a quixesen, e de paso, a pasear naquelas sellas da auga, coma unha veciña calquera! ¡Adeus Coruña, adeus título, adeus Marquesado!

-¿Non lle preguntaches o por qué, o motivo real, que iso que conta non é convincente, pois o verán, tarde ou cedo, pero volve, volve tódolos anos, así que esa Elia non tería tanto que esperar polo recoñecemento prometido, ou sexa, pola súa adopción? Con algo máis de paciencia, co recoñecemento notarial, chegaría a ter un marquesado histórico, ¡que a historia da Grandeza de España non se fixo nun mes!

-Ti ben falas, rapaz; pero o que non comprendes é o medo que tiña esa Elia de que a Marquesa se fose ás augas..., do Purgatorio, sen testar, que cada día, a pobre, engurrábase máis e máis, ¡e o verán, aquel ano, estaba de punto, igual que facemos no Maxisterio!

Quedei meditando para ver se atopaba unha explicación lóxica, que a poucos vin tira-la casa pola súa propia ventá:

-¿Non sería que esa Aelia, ou Elia, ou como diaño se diga, daquela tivese medo, ela soa, no seu cuarto, coa de cousas que pasarán na Coruña...? ¡Xa sabes, un porto de mar é un festín de bruxas da piratería, tan apetecible que ata se prendou da nosa Coruña un tal Sir Francis Drake!

-Nada me dixo, pero, agora que o mencionas..., puido ser! -Conformou.

-Vaslle preguntar á túa patroa, cando volvas a vela, ou lle telefonees, polo nome daquel cocheiro, que me gustaría seguirlle a pista...

-Ben cho dixen; ¡Colás! E non sexas reiterativo...

-¡Os apelidos, muller; os apelidos! -Maticeille.

-¿Iso, para qué, que agora ese negocio, esa herdanza, non ten remedio? ¿Quéreste ofrecer de Asesor Fiscal dun negocio crebado...?

-Muller, non, que para iso será tarde. Trátase de curiosidade intelectual, que teño o presentimento de que un home tan resistente, e tan cuco, aínda estará vivo, así que, cando vaiamos destinados á Coruña, daquela teño que buscalo, para que me conte, ó detalle, cómo e de qué maneira chegou a Marqués, que en vista da defección da Elia, outra herdeira..., imposible!

-¡A Marqués só se chega por herdanza, que as Marcas que ti dominas son..., comerciais!

-¡Diso non teñas dúbidas! E non só chegaría a Marqués un cocheiro tan..., fiel, senón que incluso casaría, ben casado, e hoxe será o tronco dunha familia moi, pero que moi, aseñorada. ¡Seguro! Igual teño aí unha historia das boas, das verídicas, para ameniza-las miñas Memorias...

-¡Estás peor cá Elia! -E fíxome o aceno de barrenar na sen.

-Rite canto queiras, pero cando che diga, aló na Coruña, apuntando co dedo, "Mira, ese señor, ese das luvas, é aquel Marqués, o de marras, aquel que foi auriga dunha dama engurrada...", daquela vasme dar crédito!

Tempo adiante, moito, que xa levabamos media vida na Coruña, lembreime do caso e deume por preguntar no Casino, que é un sitio axeitado: ¿Un Marqués que foi cocheiro dunha Marquesa...? Pero todos se rían de min, a cachón, que as grandes cunas non admiten canetas de trobo, ata que un día topei, no propio vestíbulo, cun rapaz que me dixo:

-Temos que falar..., para que deixe en paz ós meus entregos!

-Empeza ti, xa que me interpelas!

-¡Trátase de evitar unha difamación! Mire, os marqueses, igual có resto da nobreza, vimos de grandes guerreiros, de homes rexos, condutores de pobos, ¡mais, para entender iso, hai que ser nobre!

Aquel..., ¿señor?, era elocuente, en efecto; claro que eu tamén lle souben responder:

-O Marqués que busco era rexo, por suposto que si; e tan baril..., ¡tanto, que gastou unha Marquesa, enteiriña, en cuestión de meses, e deixouna tan escorrida coma os farrapos dunha gaita! ¡Un tío pistonudo, dos de dez estalos..., seguidos! ¡Vostede recórdamo..., de verdade! ¡Así, no seu porte, na afouteza, nesa seguranza...!

O señorón das luvas, e digo "señorón" pola súa categoría, que de idade ben novo era, quedouse mirando ó infinito, con máis asombro pola miña parte que se daquela se baleirase, de súpeto, a badía da Coruña. Levoume a un reservado, deses de xoga-los cartos, no mesmo Casino, para dicirme, con toda sinceridade e con toda nobreza, que tal era a súa!

-¡Pobre vella e pobre avó, cántos traballos pasaron, insomnes, a cotío, naquelas noites interminables, trémulas: ela, para deixa-lo seu título asegurado, para non decepciona-lo seu Cupido; e meu avó, aquel gardián das febres senís da boa señora, que tivo que ser recoñecido de fillo nos rexistros dunha nobreza pacata, para herdar aqueles brasóns...! ¡Cousas da vida, que sen fatiga, e sen méritos, nada se ten!

-¿Logo, vostede...; non me equivoquei? -E coa mesma permitinme unha palmada no seu ombreiro, que xa foi ousadía, ¡un vilán fronte a un Marqués!

-¿Para qué nega-la evidencia? Xa que vostede é un investigador tan obstinado, terei que dicirllo: eu son fillo daquel Marqués que non era fillo da Marquesa, senón outra cousa, ¿entende?, mais, para herdala, tivo que ser recoñecido por tal, ¡in artículo mortis! Meu pai era tan listo, e tan armante, que despois de despacha-la Marquesa, con todo luxo de satisfaccións iso si, ¡casou coa filla dun armador de barcos!

-¡Que armante...!

-¿Quererá dicir, qué amador; un amador profesional, que iso foi, non si? ¡Érao, en efecto! ¡Un artista! O caso foi que aquel amador, ou armadanzas, ou gardacostas, sempre a velas vir, sempre ad utrúmque paratos, disposto a todo, chegou a armador-consorte, e co seu prestixio, a flota de seu sogro saíu a flote, que meu avó materno era unha potencia en cartos pero algo descoidado niso da administración. Xa sabe, iso do ciclo da fortuna, os ciclos económicos... Dese xeito chegamos a ser Marqueses..., ¡por terra, mar e aire, que eu sonlle piloto, piloto de caza! ¡Cousas da Historia...!

Despedinme daquel Marqués tan amarquesado, ¡nada menos que de Tarrío, Marqués de Tarrío!, lembrándome e compadecéndome daquela servente do Incio, ¡unha mucama que cobraba en promesas!

Cando lle contei este desenlace á miña dona non mo creu. ¡E así estamos: Eu, que non creo que Elia referise aquela historia con rigor histórico; e a miña muller, que non hai quen a quite de que tódolos títulos teñen unha grandeza orixinal; ou máis exactamente, sen pecado orixinal! ¡A xente arrastra consigo cada historia, que se fosen ben contadas...! ¿Incrible, ou non? ¡Pois, se vos fixades, o difícil non está en cre-las historias senón en lograr un mundo de xente nobre..., con historias limpas! Como di unha Socióloga que coñezo eu: ¡Ben cho digo, pero non entendes!

O curioso lector preguntarase qué foi dese título, dese marquesado, tan rico en pradería...! ¡Outro drama: aló en Terranova, probando as máquinas dun bacallaeiro...! Como dixo meu avó, o outro, aquel da Taberna, -que estivera en Madrid, casualmente de sumiller doutro marqués, do de Salamanca-, ó quedarse sen clientela por un erro de dosificación: “¡A auga deume unha fortuna, pero..., ese Rego dos Corzos está demasiado cerca!”.

No hay comentarios: