Texto da intervención do autor
na presentación do libro
As feiras de Castroverde no século XX
na presentación do libro
As feiras de Castroverde no século XX
Entendo que falar das feiras é un tópico, así que incluso pode ser aburrido porque é tratar de algo cotián, de algo inherente á propia civilización, a tódalas civilizacións, habidas e por haber. Entendo que as feiras arrancan do Paraíso Terreal, ¡se é que o houbo! ¿Por qué Eva lle deu aquela mazá, que seica estaba prohibida, ao seu home? ¿Non sería un coqueteo, unha escena de puro márketing; en definitiva, un troco, o primeiro deles, o primeiro dos intercambios? ¡Douche esta mazá se me dás unha aperta, se me dás un bico, se me fas un fillo..., ao que chamaremos Caín! O tal Caín, pola súa parte, foi o primeiro dos especuladores: Ofrecíalle a Deus ó peor das súas colleitas, na súa soberbia de morgado, e tíñalle envexa ao irmán, ao Abel, porque o segundo, en vez de trocarlle as primicias dos seus rabaños por unas cantas espigas de trigo, ¡sacrificaba aquelas reses ao Señor! Pero non parou aí a cousa, pois detrás de Caín, detrás daqueles labregos, un fillo de Caín, que se chamaba Henoc, segundo a Biblia, meteuse a Construtor, que así empezou iso de venderlles aquelas chozas de pallabarro, de adobes, aos pastores, aos descendentes de Abel, propiciándolles unhas concentracións multitudinarias, tipo Torre de Babel.
A ciencia do troco recollérona, explicárona, elocuentemente, os romanos, tan pragmáticos eles, con só tres palabriñas, e para iso curtas, pero significativas: Do ut des! ¡Douche para que me deas!
Como vemos, isto da división do traballo, isto da complementariedade, por moito que teorizase o economista Henry Fayol sobre organización racional e científica, tempos mortos, camiños críticos, optimización de esforzos, minimización dos insumos, coordinación de funcións, e demais técnicas e perfeccionismos do mundo económico, é tan só unha formulación para estudantes, pois, todo iso, absolutamente todo, xa se vén facendo desde as orixes da humanidade. Con máis ou con menos acerto, con máis ou con menos picardía, con moita ou con pouca efectividade, pero a produción, os trocos, as feiras, a oferta e maila demanda, traémolos nos xenes, desde as mesmas orixes da civilización.
Daquela cómpre deducir que non será tanta vulgaridade falar das feiras xa que, facéndoo, do que realmente estaremos tratando é da propia Historia da Civilización. Por certo, ¿que tiveron de común, todas elas, tódalas civilizacións, e máis concretamente as antigas; para nós, as orientais? ¡Pois, o transporte, as caravanas! Os nosos avós aínda coñeceron aquelas recuas dos maragatos...; e apelidos típicos da Maragatería, por Castroverde quedan uns cantos. Hoxe podemos mercar a distancia, sen presenza física e sen diñeiro físico, mesmo por Internet. Conectados, contactados, entre as redes electrónicas e mailas empresas de transporte, mándannos, recibimos, de todo, ¡a domicilio! ¡De todo, e de tódolos Continentes!
Con estes adiantos, en presenza desta revolución galopante, tanto no industrial coma no mercantil, haberá que engadir un novo capítulo ao Tema das Idades Históricas: Á Media poderá seguir chamándoselle así, pero a Moderna deixou de ser tal, e iso de “Contemporánea” hai que trasladalo ao século XXI, ao presente. O século XX, no que temos que situar o cumio das feiras clásicas, xa é pretérito, ¡pasou á Historia! Trátase dun onte, próximo no tempo, pero afastado en canto á evolución económica, á presente, á do noso mundo cultural, actual.
Neste campo dos relevos, nesta transmisión do facho olímpico, o castelo de Castroverde segue sendo un símbolo, o máis concreto que temos, e por ende, o máis significativo, pero a súa torre da homenaxe quedouse niso, ¡nunha homenaxe aos nosos devanceiros! Hoxe en día tiranizan outras torres; en certo modo, outro feudalismo: ¡As torres de transmisión por ondas! A susodita Internet, a telefonía sen fíos, etcétera. Ordes, consignas, acatamentos e supeditamentos autenticamente mercantís, que nos pasa unha xente, uns axentes, descoñecidos, invisibles, pero que teñen imperio, pois actúan en funcións de ordeno e mando xa que dirixen, informan, forman ou deforman, as nosas vidas, as nosas apetencias, o noso traballo; ¡en definitiva, o noso futuro! A súa auctoritas é real, aínda que invisible; actúan case que por suxestión telepática, pero resulta, en moitos casos, en múltiples situacións, dunha forza indiscutible, meirande cá que nunca tiveron o feudalismo e maila Igrexa xuntos.
Volvendo ao pretérito, e concretándonos á bisbarra de Castroverde, a vitalidade destas terras quedou reforzada, fomentada, con aquela Vía romana que unía Lucus Augusti coa Gigia ástur, devida no século IX en Camiño de Santiago. A primeira etapa, como sabemos, apoiábase no Campamento de Romeán, pasando polo Castrum de Vallis Viridis, hoxe Castroverde, para subir despois á Vacariza, que non “vaquería”, por suposto, onde “vacaban”, onde repousaban, aqueles milites, e con toda seguridade, permutaban os cabalos, soltando os seus naqueles pasteiros e levándose os que lles tivesen preparados, os de refresco.
Cando os suevos estableceron aquela división territorial dos 11 condados, o noso, o de Castroverde, colleu, ou xa tiña, o nome da zona: Campo de Flammosos, polas ondas do cereal; e de aí, o río, de igual nome, que se vai formando con tódolos regatos da parte de Bolaño, daquel Bolannio, que foi probablemente o Castroverde primitivo, xa que a Bolaño pertencen as terras de Valverde, séxase, o Vallis Viridis. O que hoxe nomeamos Castroverde Vello, ao sopé do castelo, non é máis que un burgo iniciado, habitado, polos serventes, polos servos da propia fortaleza.
Esta situación dunhas terras singularmente produtivas, tronzadas polo Camiño Primitivo, e por tanto acollidas á protección reguenga do mesmo, ademais da xurisdición feudal, obviamente xeraron, tiveron que xerar, un trasfego enorme, que nos levou ás importantísimas feiras por nós coñecidas.
Non sei se vos decepcionará o que vou dicir seguidamente, aquí e agora, pois este libriño que me honro en presentarvos está titulado en pretérito pero a súa intencionalidade vai en futuro. ¡Si, si, en futuro! Trátase dunha xanela aberta ao pasado para que albisquemos pola mesma a claridade deste amencer do século XXI. Parece un paradigma, pero coido que é unha realidade. Quixen lembra-la feira vella para mostrarlles aos rapaces algo que sabemos os vellos, tan ben ou mellor cá eles: Que non só no universo material, senón, e tamén, no cultural, nada se perde, nada esvaece: ¡simplemente, transfórmase!
As feiras pasaron, están pasando, subindo que non caendo, do plural ao singular. ¡Así de sinxelo, e así de complexo! Empezaron con aqueles trocos do home primitivo, e desde que houbo camiños, tal que pasou en Castroverde coa Vía romana, á que hoxe chamamos Camiño Primitivo de Santiago, por iso, porque o é, fíxose posible transporta-los produtos ata onde houbese unha concentración humana que os precisase, ou apetecese, tal que un castro, e tras dos castros, as villae romanas, os castelos, os burgos, etc. Por suposto que nesta evolución, para pasar do troco, da permuta, á compra - venda, xurdiu a moeda, e tras da moeda, sucesivamente, para facilitar a translación, o transporte cómodo e seguro dos contravalores, inventouse a letra de cambio, o cheque, a tarxeta electrónica..., ¡e mailo que veña tras de nós, se é que algo queda por inventar!
Para abreviar, que este tema, con todo ser singular, abarca un mundo, o noso, o universal: ¡Que das feiras, en plural, das comarcais, pasamos, estamos pasando, á feira individual, singular, persoal, que é tanto como dicir, á feira global, ou globalizante! Todos, dun xeito ou doutro, estamos en plena produción, directa ou indirecta, desde a caneta ó ataúde; pero tamén en pleno consumo. ¡Daquela, a vida é unha feira, convertémola nunha feira, nun tráfico, nun intercambio, nunha interdependencia, global, conxunta, e todo iso con un ritmo de progresión xeométrica! Se nos paramos en puntualizacións, a feira actual xa comeza antes do natalicio: aparatos de observación, médicos, medicinas, etc., para continuar con iso mesmo, amén das neneiras, das garderías infantís, e por aí adiante.
Para darnos unha idea do que consumimos, dicíndoo en expresión vulgar, abonda con darse unha volta polas vilas e cidades, á noitiña, e dete-los ollos nesas reas de containers que tanto nos estorba para aparca-los autos. Asegúrovos que diso estou impresionado, pois a materia prima, obviamente, é limitada, e o día que rematemos coa explotación do terceiro mundo, cando baleiremos a produción deses países subdesenvolvidos, ¿que nos levaremos á boca, con qué nos abrigaremos, de qué serán as camas, prescindiremos do papel...? ¡Ese será, ese pode ser, o remate das feiras! A única saída, e non a prazo longo, estará na reciclaxe e na moderación consumista, ademais da agricultura e da inventiva, por suposto, salvo que emigremos para un planeta habitable, ¡se é que os hai!
Aínda están recentes aquelas utopías de certos teóricos que daban por periclitado o sector primario, propoñendo un transvase urxente ao sector dos servizos. A profecía saíulles bastante ben grazas a esa piratería que se está facendo coa materia prima deses países aos que chamamos Terceiro Mundo, pero, ¿e mañá...? ¡Mañá será preciso volver ao rego, aos cultivos ecolóxicos, igual que se volveu ao millo, desenganados desa prestidixitación da química irresponsable!
Antes aludín ao Camiño de Santiago como Vía de Cultura e de Prosperidade. ¿Pero sabedes onde me teño lembrado del, onde profundei na súa transcendencia? Foi polos anos Sesenta, nada máis e nada menos que no Aaiún, vendo e conversando con aqueles tuaregs das caravanas, que baixaban ata o Congo e retornaban por Mauritania, uns; e outros collían cara ó nordés, chegando a Alxer e a Tunicia. De volta viñan cargados de billetes, mesturados no fondo dun saco, que daban un bo traballo para clasificalos, para aplicarlles o contravalor, e remitirllos ó que entón se chamaba Instituto Español de Moneda Extranjera. ¡Iso, exactamente iso, era/foi, o Camiño de Santiago, que así comezou o Mercado Común Europeo: Uns, cara a Roma, e outros, cara a Santiago! Cargadiños de mercancía e de moedas, levando e traendo, deténdose nas feiras, e moi especialmente na de Castroverde, que tan á man lles caía. ¡Claro que tamén rezaban, algúns, pero do que ninguén se libraba era da feira, das feiras, traer e levar, falar, intercambiar, e por suposto, cazar, cazar e asar, que iso contribuíu moitísimo ao auxe do Primitivo, que casualmente tronza o país por terras de gran riqueza cinexética, particularidade que non podemos esquecer para entender aqueles desprazamentos a tan longa distancia!
¿Que podemos ver, qué temos que ver, por esta xanela aberta ao pretérito? Partindo de que o presente non existe, e menos coa velocidade vivencial deste intre que estamos vivindo, no que pasan as cousas tal que unha paisaxe vista desde un tren AVE, repito que só nos queda mirar ao futuro. E só hai un xeito de facelo: ¡preparándonos para o relevo do facho, de xeración en xeración! Preparación individual, por suposto, que toda capacitación será pouca dada a competencia estudantil que teñen, e que lles espera, aos nosos fillos, e aos fillos dos fillos, e así sucesivamente, que isto tamén vai en progresión xeométrica! Pero, referíndonos a unha zona concreta, a unha bisbarra do noso entorno, como poda ser o caso de Castroverde, hai, haberá, que especializarse en algo no que por certo estamos bastante atrasados: ¡o cooperativismo, a asociación, a concentración de capitais...! Tanto para producir como para vender. ¡Este é o gran reto se non queremos perde-lo tren da prosperidade!
Con isto dito, se este libriño non leva aos rapaces a este raciocinio, a esta mentalización, daquela é que perdín o tempo, sexa porque non me souben expresar, sexa porque non me saiban ler, ou entender! Xa quedou anticuado aquel dito de que falamos da feira segundo e como nos foi nela; no sucesivo será máis certo, máis actual, falar da feira ¡segundo e como actuemos nela!
¡Pois iso, e nada máis por hoxe: preparémonos e actuemos, que o futuro xa está aquí, e non se presenta doado, nin dado nin doado! Tampouco o foi aquel pretérito, pero temos que agradecérllelo aos nosos devanceiros xa que, daqueles traballos seus, daqueles esforzos, daquela xenerosidade, chegamos ao que chegamos.
Pero aínda me queda unha importante evocación, de tipo patrimonial, se me permitides expresala coas propias verbas dunha paisana miña, a Mestra Enriqueta Otero, que deixou dito: ¡Moito é o que temos recibido..., así que moito estamos obrigados a conservar, a perfeccionar e a transmitir!
Grazas, moitas grazas, a vosoutros, pero tamén aos nosos vellos, aos nosos devanceiros, a todos aqueles que fixeron posibles as feiras, en particular a nosa, a de Castroverde.
Lugo, 15 de Marzo do ano 2.007
Xosé María Gómez Vilabella
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario