Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

25 marzo, 2007


Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde

Corridas do galo e Tribunais da Pascua

-VII-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

A Corrida da Meda (Continuación)

Avisan á 2ª testemuña

Dios nos dea boas tardes. – O saludiño, primeiro.
Figura que están fortes – pola panza que lles vexo.

A teima das fames: ver unha persoa gorda, que se supoñía ben mantida, era a envexa total. ¡Deus, como cambian os tempos, e cos tempos, as mentalidades!

O Xuíz

Dígame usted, buen señor, - si es casado o es soltero,
y si tiene ocupación, - y en donde tiene su pueblo.

Non sei se me pasarei de suspicaz, pero aquí vexo unha alusión á Garda Civil pois, nos seus recorridos, sempre coa firma dalgún veciño da súa confianza, preguntaba e repreguntaba, incluso ós cativos, ou máis ben ós cativos. Tiñan o hábito arraigado de ver sospeitosos, fuxidos, en tódalas corredoiras, que por algo se dividían nelas pasándose ós cómaros paralelos. O sospeitoso deixaba de selo se os invitaba á súa casa, e mellor aínda se tiña cociña “económica”, proba de que o señor pertencía ás “forzas vivas”.

Testemuña

Eu son veciño do galo, - e compadre do granxeiro;
de oficio afiador, - e por desgracia, solteiro.

Ocupación, teño, teño. - ¡Ojalá non a tivera!

Traballando de contínuo - e sin ver unha cadela.

Aquí tamén amosa a lectura do “Catecismo do Labrego”.

Mais deixemos estas cousas, - que eu véñolle a declarar;
téñolle tanto que decir, - que non sei por onde empezar.

Háille que ter coidadiño – que o galo non lle é bobo;

porque lle empeza a saltar – i o menos pícalle un ollo.

Mire que iste pillabán – háille que atalo cortiño;

que non lle está un tranquilo – nin siquera no camiño.

Galeóulle unha poliñas, - das do pescozo pelado;
das picotadas que lles deu, - as polas iban sangrando.

As pitas vellas que había – él non as quixo atender,

i a consecuencia de ésto – quixeron adoecer.

I hasta unha destas vellas – que lle fixo tanto daño,

ós poucos días andáballe – cantando coma o galo.

Era o cacarexo das pitas vellas e cebonas: as únicas que o labrego se permitía o luxo de matar cando o visitaban seus compadres, volvían os fillos do Servicio ou de América, na festa do Patrón ou cando había parida na casa.

I había outra patrona – que non sei que lle pasou,
que logo deu en cansar – i ós poucos días marchóu.

O caso é que o perillán – tráille o pueblo en vilo;

foille unha boa limpeza – o traelo aquí detenido.

I hasta os sembrados dos pueblos, -todo botaba a perder;

nin siquera unha mala cebola – se lle podía recoller.

Na casa dunha señora, - vusté xa sabe que entróu;

tíñalle un pouquiño de arroz – y en seguida llo papóu.

Dígolle, señor Xuéz, - vostede mire pro que está,

porque se lle pon o mundo – feito unha calamidá.

“Mire pro que está” era a rabexa contra os funcionarios porque habitualmente non atendían o seu cometido, ¡e menos sen levarlles o pernil!

Vostedes que son da xusticia – e teñen cara de serios,
poñan as cousas en forma – pra que se acaben os lerios.

Porque a metá destas cousas, - se eu lle fora quen mandara,

con esta xardola que traigo – algunha estaba arreglada.

A política de “pau e tente teso” chegara a ser un síndrome; case, case, unha hipnótica apetencia.

Sei que aínda lle dou gusto, - que non me manda calar;
pois traballéille bastante – pro que me han de pagar.

Fai mutis brandendo a caxata, e crúzase coa 3ª testemuña, que saúda:

Hai boas tardes pra todos, - aquí lle vou meu amigo;
eu véñolle a declarar, - ó visto sonlle un testigo.

Xuíz

Dígame como es su gracia, - y en donde tiene su pueblo,
y si tiene parentesco – con la familia del reo.

Testemuña

Se me quixera falar – un pouquiño máis en galego,
porque eu neso do castrapo – casi nadiña lle entendo.

Aquí temos outro desiderátum: dicir isto en público, nun Tribunal, por moi de comedia que fose, no 1.948, e que non se decatase ou reaccionase a Garda Civil é incrible. Ou beberan abondo, ou se dixeron: “Son cosas de la burramia de estos paisanos, que no saben lo que dicen”.

Vivo detrás de aquil monte, - aí cara a Lugo mirando;
gracia pouquiña lle teño, - pero voume arreglando.

Eu da familia do reo – non lle son nada nin quero;

tampouco llo conocín – hasta que chegou ó pueblo.

O día que chegóu, vino. -¡Ojalá que non chegara,

que fixo cada faena – que inda da noxo contala!

Entraba nos galiñeiros – como se fora o amo;

comíalle o que encontraba – i a picotazos co galo.

Na casa dunha patrona, - alí entrou hasta a despensa;

coméulle canto tiña, - i hasta se lle ensuciou na mesa.

Tiña a patrona guisantes – que os quería sembrar.
¡Nin siquera deixou un – que se poidese aproveitar!

Non lle galeaba as vellas – porque estaban desplumadas;

pois il tamén ha de ser vello – se non morre nas andadas.

I hasta lle matóu un galo – porque galeaba a feito;

que lle foi lástima dil – que non era mal sujeto.

Alí a unha veciña – foille escalar ó hórreo;
cando ela se déu conta – tíñao descuberto todo;

e mire se foi desgracia, - que nestes medios choveu;

molláronselle os queixos, - e algún hasta podrecéu.

Pra castigar estas cousas, - fíxese ben no que digo,

que se eu sigo declarando – levántaseme o xuicio.

Poñan as cousas en forma, - e aten cortiños os negocios,

que estes novatos d´agora – queren mandar máis que todos.

As novas xeracións empezaban a esixir cartos, liberdade, etc., e iso rompía coas tradicións patruciais: ¡os vellos poñíanse en garda!

Quero que fagan xusticia, - e que non pasen por riba,
porque senón este mundo – ponse feito unha tortilla.

Termino de declarar – e xa non digo máis nada,

porque se me poño cego – teño para toda a semana.

Quere dicir, máis ou menos: “Se me poño cego..., se dou solta sen prudencia á carraxe que me motiva este reo..., porque cometeu delitos dabondo como para declarar durante unha semana”.

As testemuñas baixaban a modiño, saudando e xesticulando graciosamente, do palco – tribunal. Cerquiña montaran un chiquiteiro a onde os acompañaban os “picapleitos”, con porte e ademáns de señoritos, fachendándose para celebrar por adiantado o éxito da querela. Comen e beben soezmente, chamando a atención, por exemplo, agarrando coas dúas mans restras de chourizos, xerras de viño, etc.

Despois dun descanso para que o público gozase daquelas bromas, ordes dos fareleiros, etc., arriba, na tribuna, tocaban os sinos anunciando a continuidade do xuízo.

Os avogados, con togas e todo iso, dispúñanse para intervir,

pero iso verémolo no capítulo -VIII-

No hay comentarios: