Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

04 abril, 2007

Na Pena Branca de Barredo no concello de Castroverde está prevista unha canteira e unha desfeita semellante


O COUREL
As canteiras a ceo aberto : unha vergoña para Galiza

Por
Adela Figueroa Panisse
Presidenta de ADEGA

Nestes tempos que vivimos a explotación de canteiras a ceo aberto non é comprensible nen aceptable. É propio só de países terceiromundistas, dependentes economicamente e colonizados polo capitalismo máis feroz.

Para ceder a explotación dunha canteira, segundo a lei de minas, esíxese que a empresa, a quen se lle concede a explotación, deposite unha fianza que debería de cubrir economicamente os gastos derivados da recuperación ambiental do terreo despois que terminasen os traballos extractivos. Isto, ademais de ser imposible na realidade , nunca se cumpre. Ou a empresa da falencia, ou muda de nome , ou o que é máis común, realiza a explotación sen permiso legal. A inmensa maioría das canteiras, en Galiza , están a traballar sen licenza. Se xa incumpren a primeira das premisas, como van cumprir a derradeira que implica a restauración ambiental unha vez abandonada a explotación?. Alguén coñece algún caso, na Galiza, en que isto se cumprise? Sería un exemplo.

No Courel , non só as canteiras están a traballar sen permiso, senón que a mais agresiva delas a da Campa, da empresa Cupire Padesa ten unha orde legal de peche .

Ademais a canteira continúa a traballar desfacendo a montaña, pondo barrenos perto das casas dos veciños, e desbotando os seus entullos ao río. O Río Quiroga xa está perdido, e agora o Lor comeza a estalo tamén. A canteira aproveita apenas o 1-5% o resto e deitado ao medio.

Os entullos das canteiras provocan alteracións físicas no entorno por formar unha escombreira de pedras rotas, invadiren cursos de auga, modificaren o terreo, e tamém alteracións de tipo químico, polos contidos en diferentes minerais que as rochas agochaban na sua estrutura e que agora son tirados ao medio. Xofre, Ferro, Molibdeno, Antimonio, Arsénico, etc, acaban por envelenar as augas dos ríos das montañas, os que outrora eran limpos e ricos en pesca e vida . A única riqueza que deixan as canteiras a ceo aberto, son os poucos postos de traballo que duran o tempo da explotación. Tras de si, as canteiras so deixan destrución e “mal país”.

As palabras Desenvolvimento Sustentable, as figuras de Protección do medio como LIC (Lugar de Interés Comunitario) Rede Natura 2000, Parque Natural, Reserva da Biosfera, parecen non contar para o noso ben mais preciado :

As Montañas do Courel. Onde se da-até agora- a maior biodiversidade e xeodiversidade de Galiza, onde existen sinais de poboamentos desde a máis recuada prehistoria.

Hoxe canteiras que traballan sen licenza, e mesmo con prohibición de actuación están a destruír os seus montes “dos tesos cumes”.

Desde ADEGA queremos facer un chamamento xeral a toda a poboación, de Galiza e do mundo para que esta desfeita pare. As persoas que traballan nesas industrias extractivas deberían seren compensadas. Nós pedimos desde a nosa Asociación que se arbitren subsidios e prexubilacións para os poucos traballadores que as canteiras empregan.

Pedimos tamén que se faga un plan de desenvolvimento integral do Courel, en que a carne de calidade, as castañas seleccionadas,a madeira e o mel alí producido, sexan comercializados con denominación de orixe. O Courel aínda vende. É coñecido pola maiora da intelectualidade internacional. Mais , se a destrución continúa isto xa non sería posible.

Daríalle máis ingresos ao Courel a promoción dos seus fillos senlleiros ( por exemplo, o noso benquerido, Uxio Novo Neira ) que a destrución irreversible das súas montañas , que so benefician aos poucos explotadores das minas.

Esiximos , por tanto, un Plan de Desenvolvimento integral do Courel que ten que envolver as diferentes Consellarias:

Medio Ambiente, Educación, Industria, Cultura, Medio Rural, Sanidade ,Vicepresidencia, e Presidencia da Xunta.

O Courel é a nosa riqueza. É a Terra Matria, e está en perigo de desaparecer irreversiblemente. Temos un Goberno Galego que , despois de tantos anos de actuar de costas viradas ao País, agora nos dá algo de esperanza no futuro.

Pedimos , como habitantes desta Terra, que exerza como tal.

No hay comentarios: