Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

06 abril, 2007

Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde

Corridas do Galo e Tribunais da Pascua

-X-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

“SERMÓN” DOS PREDICADORES

O dramatismo das Sentenzas, fosen do Galo ou da Pascua, esixía poñer en escena, complementar, un intermezzo relaxante, divertido. Cumprían este efectismo, á perfección, a parella dos Predicadores. Dous homes; un deles vestido de muller, e finxindo, atiplando, a voz. Como a xente estaba pendente da súa chegada, da súa aparición no Campo Real, aguilloábanlles os facos, amén doutras picardías. Os Predicadores compoñíanse, saían disfrazados, dunha das casas máis próximas ao Campo, escoltados, protexidos, polos Fareleiros, que zorregaban á xente cun saco de farelo, ou de cinsa, atado na lanza dun malle ou dun pau daqueles tisnados, dos de escaravella-lo forno.

Caracterización dos Predicadores: Buscábase provocar a xocosidade, a hilaridade do público, comezando co atondo, coa xesticulación e co mesmo disfrace. Adoitaban levar caretas, ou polo menos, unha maquillaxe; gafas escuras, panos e sombreiros esaxerados, bufandas..., que impedisen a identificación da parella. Esta identificación complicábase co relato da súa orixe ou da súa residencia, e tamén coas mencións ou alusións dos lugares do recorrido; aquela desorientación implicaba a referencia a un itinerario contraditorio e absurdo. A xente buscaba entre os asistentes á Corrida ás persoas que sospeitaba puidesen sen Predicadores, tratando de identificalos. Ensaiaban por separado da xente do Tribunal; quere dicirse, dos que ían facer a súa representación sen enmascaramento. Ás veces eran mozos doutras parroquias, precisamente para asegurar a súa imposible identificación, cousa na que se poñía o máximo interese.

Nunca houbo un secreto mellor gardado polos organizadores das corridas. Ata onde sei, e algo investiguei, o papel feminino nesta bisbarra sempre o fixo un home, convenientemente vestido, e atiplando a voz, segundo queda dito; supoño que non ían mulleres non porque non as houbese decididas e competentes para interpreta-lo papel senón para non involucralas, para non comprometelas, na ridiculez e nas molestias daquela vestimenta esfarrapada, de espantallo, a mais da picaresca dos propios predicotes, ou predicanzainas, que tamén se lles chamaba.

Temática: A teima de meterse cos oficios e cos tendeiros - taberneiros foi unha constante destes sermóns. Situémonos na época: O conflito con respecto á xente de industria, como entón se dicía, era meirande, máis apreciable, aínda, có que puidese haber en contra dos caciques. Os oficiais estaban máis preto, e precisábase deles continuamente. Estes servizos esgotaban as miserentas economías do labrego. Empezábase a sentir por entón a necesidade dunha mellor vestimenta (do comercio), novos apeiros, mobiliario para o fogar... A pugna por atender estas apetencias e/ou necesidades emerxentes foi tan perentoria coma a que tivemos na miña xeración, nas décadas seguintes, cos electrodomésticos e co auto. Por outra banda, ao cacique tíñaselle máis medo que vergoña; só polos anos 30 a xente da nosa bisbarra atreveuse a falar publicamente, abertamente, do caciquismo local, das súas presións e da súa politiqueiría, pero tamén da usura, tan estendida entón que aínda se levaban aqueles préstamos leoninos, instrumentados como "ventas con pacto de retro".

Unha pequena antoloxía daqueles sermóns

Empezaremos polo seguinte, botado na Meda (Castroverde) polo Entroido de 1.928. Este fragmento, ademais de ser un clásico como sátira de veciñanza, é de antoloxía por ser dos máis antigos de Galicia, entre os poucos que se conservan. Foi recollido e publicado por Vicente Risco.

...

Non extrañedes, rapaces, - que, anque son vello e mal feito,

queira poñer en compase - o que hoxe me sinte o peito.

Obrigado a decir algo - nesta festa feiticeira,

pareceume muy do caso - contar cousas da lareira.

Pra espricarvos, pois, en prata - y-entendáis o que vos digo

vinde conmigo á cociña - y-escoitai pol-o postigo

d'unha casa das da aldea, - anque sea a do tío Mingos.

Escoitai de boa gana - e mirai pol-o zorrollo,

cómo conta a tía Froilana - moitas cousas do mal de ollo.

Mais Mingos non lle fai caso, - qu'está tirando a caldeira,

e de veces, entre tanto, - chámalle faranfuleira.

Mais vén logo a tía Xuana,- pra facer algo de cena,

y-en seguida irse á cama - en arreglando a facenda.

Chega Farruco do monte, - empeza a baragundiar,

bota os cachelos na fonte: - "(Caramba, quero cenar!"

Sale Mingos: "(Ay, Farruco! - Eu de ti non cho creía

que tomases tanto a pulso - o quedar sin a morcilla.

Has de saber, meu Farruco,- que mentras un beba e viva

non faltará n-esta casa - bon chourizo e boa morcilla.

Porque na nosa pobreza, - que non fago ben dicilo,

nunca nos faltou na mesa - caldo bon, pan e touciño.

E xa nos meus antepasados- n-esta casa así viviron,

ben fartos e ben honrados, - respetados dos veciños.

Desde Xan hasta o tío Mingos, - e si non foran as pagas,

tantos dotes y-as muanicas, - esta casa iría arriba,

desempeñada das trampas".-

- Está Xuana ben sentada

tras do lume, n-un mesote, - facendo grandes novelos

pra unha saya de picote. - Sepre foi idea d'ela

marmular de todo o mundo,- pero agora que vai vella

non deixa de man o fuso. - Moito fía, moito fala,

moito reñe cos pequenos, - que se toman a porfía

de marmular os temperos. - Non marmula a condenada

cando rezan o rosario, - pro sempre está topeneando,

sentada xunta o andameo. - Pero é tan aforradora

que alabala non é moito, - pois sempre lle chega a carne

desde a matanza hasta o entroido.-

- Pasaremos a outra cousa,

xa é tempo de acabar, - porque o tío Mingos rebouca

y-o rosario vai rezar. - Pro como está costipado,

limpa os mocos ó saleiro - e logo qu'está ben sonado,

bota mau ó tabaqueiro. - Funga ben, funga, tu Roque,

todos debemos fungar, - porque o rapé pol-a noite

éche manteiga de azar. - Ponse mentres ca rodilla

arrimada ó trafugueiro, - pra sacar pronto da almilla

o rosario y-o mecheiro. -

- Rezan todos o rosario,

unhos mal e outros de gana - y-enseguida que se reza,

vaise todo o mundo á cama.

...

Nótase que o autor non quere conflitos de veciñanza, e por iso fai unha sátira sutil, metafórica, indirecta, respectuosa. Rise, certamente, pero faino con mesura, de certos veciños, aos que lles dá un nome, certo ou figurado, que neste último suposto ben que o entendería o respectable. Seguro que predicou con algún tipo de máscara, ou maquillado, que era o usual; acenando comicamente e incluso simulando outra voz.

Este tipo de diversión, entre pícaro e inxenuo, de boomerang, ¡onde as dan, tómanas!, era un bo revulsivo, propicio para unha convivencia festeira, resignada, concordante. Unha fórmula eficaz, acaso a mellor que tiñan, para quitarlles tensión aos preitos veciñais, para dicirlle ao Cura que non todo ía ser inferno, para axota-las malas lembranzas: Aqueles fillos emigrados, outros nas guerras de África... O trono, que acaso lles podrecera a herba do verán precedente; ou a pedra, tan a miúdo esmagadora das colleitas; a nacida das vacas, o mal roxo dos porcos...¡Tantas sombras, todas negras e rotundas! E logo diso, de par diso, unha vez redimidos os foros, quedáralles a agonía dos réditos, aquelas vendas con pacto de retro, nas que nunca, ou case nunca, se atopaba ao acredor, de propósito ausente, ou oportunamente en paradoiro descoñecido; e de estar, un “Volva mañá...” ¡Un mañá fóra de prazo! Sempre a humillante escravitude baixo, debaixo, do cacique de quenda, do señor da casa grande... O reparto, sempre inxusto, sen excepción, daqueles “consumos”, ¡sempre atribuídos a quen menos podía consumir!

O autor deste da Meda está claro que non tocou o tema relixioso de pura casualidade, non: Na fonda e inxenua cristiandade daquela xente, ¡onte!, topenear ou toquenear mentres se rezaba o rosario en familia, ou asistindo ao culto público, era tido por sinal de que o diaño andaba cerca, tenta que te tentarás, e por ende, neste caso, aquela vella podía ser tida por meiga, por bruxa ou embruxada: ¡casus belli!, ¡anatema!

¡Seguiremos “predicando”, salvo que o lector se canse de tanta prédica!

No hay comentarios: