Escolantes e escolas de ferrado
Edicións Xerais de Galicia, S.A., Vigo, 2001, 425 páxinas
Lic. en Xeografía e Historia e profesor de Secundaria
Vigo, maio de 2002
Hai tempo que coñecía a preocupación e a ocupación do profesor da Universidade da Coruña, Narciso de Gabriel, polo tema que dá título a esta publicación.
Ademais dos lazos de veciñanza e de amizade compartía con Narciso curiosidade pola materia da súa investigación. O autor achégase ó tema tanto como investigador e estudioso da educación en Galicia como por fidelidade e afectividade á nosa terra e, en especial, ás terras luguesas de Baleira das que ambos somos fillos e onde este tipo de mestres foron o principal vehículo escolar deica tempos ben recentes. Narciso non foi alumno destas escolas, pero no meu caso, foi case a única escola á que asistín e nela adquirín os coñecementos básicos que permitían acceder ó exame de ingreso no Seminario ou no Instituto da capital.
Ó longo de dez capítulos analiza e achégase dende abaixo á cultura popular. Hai que ter en conta que durante séculos a inmensa maioría das fontes culturais do mundo rural foron a predicación, os sermóns e estas escolas rexentadas por persoas que posuían unha mínima bagaxe de coñecementos. Nalgunhas partes de Asturias estes mestres eran coñecidos por “adelantados”e a existencia desta modalidade está constatada en toda España, mesmo a Lei Moyano admite que para ser mestre de escolas incompletas e temporais non se requiría ningún título, unicamente certificado de aptitude e moralidade, expedido por unha xunta local.
Nos diversos capítulos da obra , o profesor de Gabriel vai debullando con precisión e claridade os aspectos máis interesantes deste ensino: o pagamento, que consistía nun ferrado de centeo, trigo ou millo por neno ou nena e tempada, de aí o nome. Aínda que o pagamento en especie foi substituído progresivamente por cartos segundo unha cota acordada co escolante. A maioría dos escolantes non tiñan ningunha formación específica, os máis cualificados eran exseminaristas e, en ocasións, os mesmos párrocos realizaban este labor. (1)
Espacio, tempo, materias, son aspectos que describe polo miúdo o profesor Narciso de Gabriel e que coincide cos recordos que conservo daquela escola, en especial dun escolante repetidamente citado na obra, José Rancaño, a quen aproveito a ocasión para renderlle gratitude polo esforzo que facía e polo entusiasmo que era capaz de espertar en nós. Naquela escola todo era moi pobre e limitado: pizarra, encerado, uns mapas (propiedade do mestre), a Enciclopedia, El Manuscrito, “cartilla” do P.Astete,La Infancia, moitas contas, análise gramatical, luz de carburo ou gas, así era a escola a que asistín ata os dez anos alá polos anos 40. Todo moi memorístico, aínda que igual acontecía en centros oficiais e regrados. Lembro que a Gramática de Miranda Podadera dicía do verbo ser que era un “mero enlace”, nunca souben que significaba tal cousa, ou no catecismo que ó falar do exame de conciencia dicía”ocupaciones que uno ha tenido o parajes por donde uno ha andado”. Isto de parajes traíame descolocado, porque o único que coñecía era un lugar próximo a Meira que se chamaba “Parajes” e do que se falaba na casa por mor duns parentes que alí vivían, pero eu nunca alí chegara e devecía por ir.
No capítulo IX tira o autor unha conclusión que soamente por ela os escolantes son merecedores deste interesante e orixinal estudio e tamén de gratitude, afirma Narciso de Gabriel:”daquela Galicia débelle aos seus escolantes o feito de non ocupar os derradeiros banzos nas estatísticas estatais, e mesmo superar sempre a media española da alfabetización masculina".(2)
Segundo afirma o autor, “Lugo era a provincia peor dotada de escolas públicas, circunstancia que se manterá ata 1921”. Malia esta eiva, entre 1860 e 1950, a taxa de alfabetización masculina supera case sempre a media galega e española, feito que en 1924 resalta o inspector, Gerardo Álvarez Limeses, comparando o 80% de analfabetismo da provincia de Jaén co 50% de Lugo. O que non quere dicir que a situación fose satisfactoria. Así en dous partidos xudiciaiais, que poden resultar bastante representativos, Chantada e Becerreá, contaba, o primeiro, con 19 escolas, todas de nenos e soamente dous dos mestres eran titulados e non había ningunha en Antas, Monterroso e Palas; en Becerreá a situación era extremadamente mala, pois a única escola existente lacalizábase en Cervantes e estaba dirixida por un mestre sen titulación.
Pódese concluír que as escolas de ferrado cumpriron un papel moi importante e que foron posible gracias ó interese e ó esforzo das familias que, carecendo de case todo, prescindían do traballo dos rapaces, sacrificaban tempo e aforros para destinalos á educación dos rapaces e rapazas, porque intuían que o camiño liberador por excelencia pasa polo acceso á cultura.
O anexo II recolle un episodio tan tráxico e desgraciado que calquera dos veciños de Baleira dos últimos 70 anos dariamos o posible e o imposible porque non tivera acontecido. O asasinato dun home tan bo que ninguén se explica cómo puido cometerse tamaña barbaridade. O resumo que pode tirarse despois de oír falar de Argimiro Rico é evanxélico:viviu facendo ben. Como veciño, como persoa e como mestre, gozaba do máximo prestixio, tiña verdadeira “autoritas”, pero os demoños tribais da irracionalidade superaron todo o imaxinable.
Como moi ben di o catedrático Narciso de Gabriel “a importancia de Arximiro Rico Trabada non radica na súa morte senón na súa vida...unha vida dedicada ao ensino, á promoción social das persoas, á mellora das condicións de vida da súa xente”.
Obras desta categoría, coma do profesor de Gabriel, contribúen a rescatar o noso pasado, a espertar gratitude e autoestima da nosa historia e do esforzo colectivo dun pobo que sempre quixo ser de seu e dono dos seus destinos.
(1) En Vilachá de Salvadur ( A Proba de Brollón), o párroco, D. Pedro Varela , natural de Marrube- Saviñao (+ 1905) deixou por testamento uns eidos para beneficio dos seus sucesores coa coa condición de impartiren escola durante algúns meses. En Vilamor do Courel, na década dos 50, na casa rectoral, xuntábanse os mozos co crego, e ademais de xogar as cartas, lían novelas históricas, facían contas, exercicios de gramática e mesmo se preparaban para o ingreso na Garda Civil.
(2)No concello de Baleira (Lugo), entre os anos 1860 e 1865, cunha poboación próxima ós 5.000 habitantes e unha extensión de 168,8 km2 existían 4 escolas, tres eran incompletas e unha completa. A isto hai que engadir a dispersión da poboación deste concello da montaña luguesa. O Diccionario de Madoz (1845) di que na Esperela “hay escuela de instrucción primaria bastante concurrida” , en Fonteo e na Fontaneira “hay una escuela de primera educación costeada por los padres” e en Librán “hay una escuela de primera educación, temporal e indotada”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario