Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

30 junio, 2007

Breve resume do roteiro por terras das parroquias de Furís e Páramo


No día 23 de xuño fixemos o roteiro saíndo desde a Casa de Cantiz en Furís de Abaixo, subimos camiño de Páramo, contemplando os lugares desta parroquia, aldeas como a de Laurentín. No linde entre as parroquias de Furís e Páramo, nunhas folganzas, no lugar chamado A Paleira ou O Chao, encontramos un carballo cunhas medidas nada despreciables: uns 3,30 metros de perímetro, altura duns 9 metros e cunha copa 20 metros.

A seguir baixamos á aldea de Porcín, na parroquia de Páramo, onde puidemos ver un castiñeiro que consideramos dos máis grandes, e sobre todo, mellor conservados do Concello de Castroverde. O castiñeiro de Gabriel, ten unhas medidas de: perímetro arredor de 8,50 metros, cuns 7 potentes pólos, sendo de pouca altura, uns 4 metros, e cun diámetro de copa duns 25 metros, como mínimo. Un verdadeiro monumento, que xunto co de Soutomerille, no Camiño Primitivo, o de Riazor en Bolaño, o do Vilar, en Furís de Abaixo, son dos meirandes do Concello. Logo seguimos pola aldea da Arrubial camiño de Augalevada, nos lindes entre o Concello de Baralla e Castroverde, continuamos polo Carballal de Furís, por medio dunha plantación de piñeiros dos anos sesenta, na zona máis baixa encóntrase hoxe o que queda do Carballal, unhas 40 hectáreas de Carballos, mais no seu conxunto orixinario podería compararse en extensión coa Marronda.

Seguimos ata Murias, onde repuxemos forzas. Logo pola tarde continuamos ata a Pena Grande, no comenzo da baixada, camiño da Azureira, desde onde se poden ver as terras de Baleira e o resto de parte do territorio de Castroverde. Dicir que desde Augalevada ata Pena Grande, pódese ter unha vista que chega máis alá da cidade de Lugo, O Picato e ata as terras do repetidor do Páramo, por suposto que vimos Pena Branca de Barredo, onde de abrir unha canteira o impacto sería tremendo, tamén puidemos observar o pico do Pradairo.

Xa na Azureira, logo de ser agasallados na casa do Sr. Pepe da casa de Eugenio, baixamos á Aldea da Abelleira. Aquí visitamos a fermosa capela, e ao lado desta temos que salientar outro monumento vivente, o carballo da Casa da Abelleira do Sr. Manuel Álvarez, cunhas medidas de: perímetro, arredor de 5,30 metros, altura duns catro metros, con dous pólos grandes, e cun diámetro de copa de 20 metros. Dásmolle as grazas ao Sr. Manuel da casa da Abelleira. Logo seguimos camiño da aldea de Pereira, onde volvemos visitar a pequena capela, co seu fermoso cruceiro. Desde aquí baixamos polo fermoso val que vai desde Pereira a Furís, visitando os muíños do Castelo, a Croíña e Croa de Furís. Fermoso día de víspera de S. Xoán.

Saúdos e saúde.


No hay comentarios: