Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

28 junio, 2007


de catro a catro

S.O.S. Courel I.

O Problema

24.06.2007

XOSÉ MANUEL BEIRAS

Tiña razón Novoneyra: non hai outro templo máis vasto. Un templo. Esactamente iso. A ollada do poeta é sempre a máis furadora. A imaxe poética, cando é tal, e non simples artificio literario -ía escribir retórico- é a visión máis certeira do que os simples mortais adoitamos chamar realidade, a que trascende a aparencia visual das formas, a que revela o seu trasunto profundo para amostrarnos o seu siñificado oculto, aquil que dota de sentido ás emocións e fantasías que suscita en nós a sua contemplación. Un templo. O Courel é un templo, o "templo máis vasto" do imaxinario panteista que latexa no inconsciente colectivo dun povo ancestralmente labrego coma o noso, dunha cultura formada dende os tempos máis remotos en radical simbiose cunha natureza tan exuberante e proteiforme como foi -e, malia todo, inda segue a ser- a do noso país. Mesmo por iso, para o paisano courelán que foi Uxío Novoneyra de por vida, amáis de non haber outro templo máis vasto ca O Courel, tampouco non había "outro credo que este silencio". Ese silenzo que non é ausencia de son. Ese silenzo que se escoita, como nos intervalos mudos das grandes obras musicais, como nos interiores sonoros das nosas grandes catedrais románicas. O silenzo que no Courel se escoita dende o alto do Couto, dende o chao das fontes no cimo da debesa da Rugueira, dende o cume do Taro Branco, e tamén en sentido inverso, abaixo, nos fondais, en Moreda, en Froxán, na Ferreiría Vella, na Parada do Uxío e da María Mariño. Un templo labiríntico, cercado polos "tesos cumes" do macizo courelán, onde a nave axial segue o curso do Lor que ata unha urda enguedellada de vales, outeiros, caviancas e caborcos, coas abóvedas formadas polas frondas sen fin dos soutos e as debesas, e cúpula de ceo aberto que se cerra cando se entolda e desce cando as nebras engulen os cumes e o cobertor gris abriga, amantiño, a paisaxe humanizada de embaixo. Esa obra magna de arquiteitura natural modelada na sua tona polas pegadas do home ao longo dos séculos, ese templo do Uxío noso é, arestora, un templo profanado e ameazado de ruína. Entrou nel a couza da estulticia hipócrita dos escribas e da cobiza depredadora dos mercaderes -e non houbo cristo até agora que os botase fóra a uns nen outros. Brada, irado, o espectro de Novoneyra. Só Manoel-Antonio lle contesta. Crúzanse mensaxes cifradas. Nestas, mozos e mozas coureláns dan en descifralas. Nos cumes de Formigueiros, un faro cintilea "no morse -clave Orión- das estrelas": S.O.S. Courel.

* * * * *

Os mercaderes, primeiro. O sochán do Courel, na maor parte, é de xisto. Baixo o vizoso manto vexetal agóchanse formacións de ardósia, ou lousa, que a miúdo afloran á vista salferindo a paisaxe nas lombas dos outeiros e as quebradas. En tempos xa remotos, agochábase o ouro: espoliárono os romanos -só fican as profundas feridas cicatrizadas de minas como a da Toca, nas caeiras sobre o alto Lor, ou do monte Barreiro, a carón do Taro Branco. O ferro, tamén: país antano de ferreiros e ferreirías, con pegadas que inda duran na toponimia, explorouse o mineral con máis intensidade no século antepasado -e foise logo sen deixar rastro nen bens. Agora tócalle á lousa. A ardósia extraíuse e traballouse sempre -de xeito artesanal, claro é. E de sempre mesmo houbo louseiras -disque unha das máis antigas é a de Mercurin. Mais agora non é iso. Agora éntrase a saco e sen reparos. Non é un aproveitamento racional nen razoábel: é pura e simples depredación espoliadora. Dinme que só nas bisbarras dantre Pacios da Serra e Vilarbacú, e no treito do río Selmo que desce de Visuña e a Seara cara o Bierzo -por terras que outrora foran do concello courelán- hai unha ducia comprida de macro-canteiras de lousa que "traballan" sen ningunha medida cautelar meioambiental. O río de Quiroga seica é, xa, un río morto.

O conflito xurde, como sempre, antre o interese particular e o interese xeral, antre o lucro privado e o benestar social. Compre concilialos, a poder ser. Mais, cando irremediábelmente colisionan, a cousa non ten volta: prevalece o interese xeral, a función social. E non por opción ideolóxica miña. Non é que o diga eu: é que así o establece a Constitución. A española, que seica nos obriga aos galegos tamén, empresarios ou non. O prodixioso patrimonio natural que é o Courel é o único "capital social básico" que posúen os coureláns recibido en herdanza da sua propria história. Produto combinado da natureza e do traballo de centos de xeracións humáns sucesivas, patrimonio natural e cultural acumulado ao longo dos tempos mesmamente porque os habitantes desas terras deron en arrequecelo, no canto de destragáreno ou destruíreno. Ninguén ten dereito a derramalo nen destruilo agora. Non sería só un atentado contra unha obra impar da natureza e da cultura. Sería tamén un roubo, un espolio patrimonial do común cidadán do Courel actual. Unha mostra exemplar do esbullo máis brutal e indecente, só imaxinábel e factíbel en coordenadas de espoliación colonial paradigmática. Da caste da consumada co asolagamento das terras labregas máis ricaces nos tempos do franquismo para fartura das hidroeléctricas e fame da xente paisana abocada a emigrar. Cando non tiñamos democracia, non si?

No entanto -reparade ben- vai para vinte anos que O Courel foi declarado Espazo Natural, en 1989, e incluído na Rede Natura no 2000. É dicir: a depredación está a operar nun Espazo Natural da Rede Natura. Dá gosto. Claro que as declaracións institucionais non contan para a cobiza mercantil neo-feudal -e non hai contradición nos termos, pesia o que poida parecer. E que ningún espazo natural se protexeu nunca cunha simples declaración institucional, nen sequer verquida en normas: compre a acción do poder público que as faga efectivas, que as aplique e sancione o seu incumplimento. Mais, qué está a facer o poder? E, hai ou non alternativa?

No hay comentarios: