Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

15 julio, 2007

Historias intra da bisbarra

-V-

A trafulca do Rei Silo

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Moito me deu que pensar aquel descubrimento que veño de referir no capítulo anterior, pero coido que lle atopei, que lle collín, a punta: ¡Galegos e asturianos non somos primos, senón irmáns; mellor ou peor avidos, pero, irmáns!

O malo do caso foi que aquel señor do Souto das Torres falaba, e falaba, pero non escribía, que me dixo, cando lle preguei que me puxese por escrito aquelas historias oídas, e lembradas, dos seus avós, que no de escribir andaba mal, que daquela outras escolas cás de “a ferrado” por Castroverde non se coñecían. O que tivo foi boa memoria, moita retentiva, así que se lle pegaran ao cerebro aqueles relatos da lareira familiar. Eu tampouco anotei, pois daquela xa tiña esquecida a taquigrafía, ¡e as gravadoras aínda estaban no Xapón! Pensándoo hoxe, mellor que non fose á escola, pois así castrapizaba menos, e non perdera aqueles termos ástur - galaicos, que foron os que me deron esta confirmación histórica.

Cun esforzo de memoria, vou tentar reconstruír aquela conversa, ou polo menos, a súa parte esencial:

-Como nestis casos, -empezou dicíndome-, sempre hai algún veciño que avise do lume, seica veu a Castroverde un veciño da Fonsagrada, que levara a muller de por aquí, ¡que ata rebentou un cabalo!, para avisar ao Conde que tiñamos daquela, que aló en Burón quedaba un tal Silo, con xente de armas, dándolles aos bollus preñaus e afiando nas espadas. Polo que lles oíra, viñan contra o parente de Chamoso porque lles negaba a súa axuda para ir contra os mouros...

-E facía ben, porque, segundo teño lido, precisamente en Asturias, ao tal Silo nomeouno a xente, os seus amiguetes, de Oviedo, sen contar para iso co noso Conde, nin cos outros dez da Gallaecia, que daquela a coroa era electiva...

O señor comprendeuno:

-Pois ata terás razón, que o Fulano esi o que pretendía, ao parecer, era un pretexto para esmagarnos, e así facer herdo daquel reino, tal e como seica fora en tempos o mando visigodo... Volvendo ao caso: Os de aquí xuntaron cantas eguas e cantas armas atoparon, desde Gomeán a Luaces, e afiáronas, en particular as fouces e mailas gadañas, que daquela xa as tiñan aceiradas... Botáronse polo Camiño vello adiante, escondéndose nese monte que hai do outro lado da serra, ao parecer coa intención de que cando asomasen os ástures, deixarlles baixar ao chan, ao val, e caer sobre eles, pero..., ¡os outros tampouco eran mancos, e logo que viñan adestrados de loitar cos mouros, aló pola parte de León!

Os do Silo, de noite, mandaran exploradores, diante, para tentear o terreo, e como os nosos, os desta parte de Castroverde, sempre fomos barulleiros, pois, ¡nada!, que os oíron. O tal Silo, nin curto nin preguizoso, deu a orde de pegarlle lume ao monte, que así morreron esturruxados a meirande parte dos nosos.

-¡Si, si, o Campo da Matanza, da parte de arriba de onde teñen agora o seu cemiterio eses do Cádavo...!

-¡Oes, e ti logo coñeces tanto coma min daquela guerra! ¿Sabes porque lle quedou iso do Cádavo?

-Un cádavo é un tizón, un toxo ou unha xesta queimados...

-¡Quili-quá, rapaz! Dicía meu avó que os dese Cádavo tiñan pouca memoria porque se emperraban en contar que nese Campo houbera unha matanza de mouros... ¡De brancos, burros! O que pasou é que os do país, cando asomaron por alí só viron cadáveres, cadáveres mouros... ¡Mouros, non, negros, chamuscados do lume, queimados! ¡Os nosos, que pasaran do verde ao mouro! Sendo eu un guage, levoume meu pai, para que coñecese o sitio, pero daquela xa nin ósos quedaban!

-Teño entendido que todos, o que se di todos, alí non morreron...

-¡Non, ho, que algún escapou, fuxindo polo que é hoxe a Pradeda! Pero bo peixe era o tal Silo, pois, como dos de aquí xa quedaban poucos, e os de Silo vivían case que todos, lanzáronse tras dos fuxitivos, e deron con eles aí nese lugar que chaman o Cepo do Mundo, Cepomundín... Pilláronos bebendo nunha fonte, de cansos e sedentos que viñan, e alí mesmo remataron con eles; con todos, menos co Conde, que ese, por ir diante, deulle tempo para baixar ao seu Castro, á Fortaleza, onde lle quedara algún criado, cos que non puido Silo porque tiñan comida de reserva, e tamén unha boa cisterna, con auga en abundancia.

-Cando vostede queira, lévoo no meu coche para ensinarlle o Rego dos Ósos, que precisamente iníciase nesa fonte de Matahomes, en Cepomundín...

-Hoxe, non, que teño que irme para gadañar un carru de yerba, pero..., ¡outro día! Cando queiras, vesme buscar, que agora xa sabes da miña casa, mais terá que ser un día no que les guages teñan punto..., ¡para levalos connosco, á fonte e tamén ao rego, que estas cousas non llelas ensinan na escola...! ¡Será porque os mestres veñen de fóra, como foi o caso daquela mestra do Pombal, aquela que non quería ensinar a prontitud!

O polbo estaba bo, pero aquel retallo da nosa Historia aínda me soubo mellor. ¡E qué razón tivo aquel señor do Souto das Torres en que os mestres vidos de fóra debían empezar por coñecer o noso país, polo menos desde a Cova da Valiña ata a Fonte de Matahomes..., sequera fose pola dignidade dos nenos, para que lle collan ao noso país o aprecio que se merece, que eles pensan que veñen da nada, e que o seu, o noso, é un simple curral de vacas!

¡Entre aquela queima dos papeis do Concello, e que xa non hai relatos nas lareiras, estamos criando nenos orfos, que ata pensarán que veñen dunha probeta, e que les inxectamos un feixe de diferenciais e de integrais, cando o certo é que aquí por Castroverde tivemos un pasado historicamente grandioso, humano e humanizante, que nos dá unha certa personalidade!

¿Si, ou non si, que xa me estou cansando de que ninguén contradiga as miñas historias, e iso que aínda vivo neste mundo tan contraditorio?

Xosé María

No hay comentarios: