Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

06 agosto, 2007

Miscelánea

Carballos da miña carballeira



Que sempre estivestes na miña retina,
onde queira que desterrado andei:
Primeiro nas areas daquel deserto
onde os meus carballos se volveron espiñosos,
cactos,
punzándome a alma cada vez que vos lembraba.
¡Deus, que diferente foi o daquelas andoriñas
que comigo emigraron
pois elas precisaban calor
físico
para os seus corpos aterecidos,
pero a min, coa secura africana,
íaseme o zume da alma galaica,
criada na verdura dun castro verde;
tanto,
que se me quedou erma, sen bagoas e sen poesía!
Outro desterro tiven,
despois,
cando menos o esperaba,
daquela que me esfargallaron o niño,
pero grazas ao señor “Ford”,
nesta ocasión podía ir, e volver, e volver a ir,
a miúdo;
achegarme ao berce,
e chorar sobre o verde do meu contorno
natal
coa esperanza de que das miñas bágoas,
das de agora,
cal fluxo de araña,
algún día,
esta andoriña,
o seu niño reconstruiría,
¡así tivese que manterme de landras!
Carballos da miña carballeira,
xa podo ve-lo amencer cabe vosa,
á vosa sombra,
así que estou seguro de que as miñas cinsas,
algún día,
resucitarán nun corpo glorioso,
tanto,
que incluso formarei parte
desas follas vizosas.
¡Grazas, Señor, pola carballeira,
e tamén polo niño,
por este castro dos meus entregos
ao que me permitiches volver,
por fin,
libre e definitivo!

Xosé María Gómez Vilabella


No hay comentarios: