PREGÓN
de
Xosé María Gómez Vilabella
na
II Feira de Artesanía e Produtos Gastronómicos de Castroverde
celebrada o pasado día 26 de Agosto.
O LIGUE NAS FEIRAS
¿Que vos pode dicir este avó, este patriarca, qué podo lembrar das feiras tradicionais do noso Castroverde, agora que todo é feira, do Norte ao Sur, e do Leste ao Poñente; agora que no hai rural e que desapareceron aquelas limitacións do rural?
¡Pero algo queda, si señor: Quedou a descendencia, a consecuencia daquelas feiras, daquelas reunións periódicas, tan anheladas e tan necesarias, metade lúdicas, folclóricas e festeiras, e a outra metade económicas!
Empecemos por diferenciar a feira da mañá, a propiamente mercantil, a do gando, a do artesanado, da feira da tarde, que era a festiva, a da mocidade. Retornados os vellos, viñan, achegábanse á feira, os mozos, a segunda xeración, a da futura substitución. ¡Achegábanse, dixen! ¡E tanto que se achegaban, que se tal non fixesen, Castroverde, sen aqueles xuntoiros, acabaría deserto; non existiría!
As parroquias, coa súa Misa dominical, servían para confesarse pero non para pecar, salvo que fose por omisión. E despois da Misa, por moitos anos o preceptivo foi cantar o Cara al Sol, brazo en alto, así como pregoar os bandos do todopoderoso Sr. Alcalde. Recollíase o correo, ¡e para a casiña, atizarlle ao caldo, e pensa-lo gando, para te-la tarde libre por se viñan os mozos axudarlles as rapazas do lugar a levanta-la sella, pois os outros levantes quedaban para despois de lidas as amoestacións!
Os domingos de feira eran outra cousa: Coñecíase a xente de fóra da parroquia, había presentacións, dábanse referencias, interviñan os chufóns... ¡Ai aqueles chufóns, aqueles esculcadores, canto ben facían, canto unían; pero a veces tamén desunían, tronzando, desviando, amores infantís...! ¡Total, por uns calzóns de baeta colorada! Iso si, de perneira longa, e cunha abertura suficiente para cirichar ao lonxe por tras dos carballos do Campo da Feira.
O chufón presentaba e refería; despois, se a esculca preaba, discutiríase a dote, no seu momento, pois, ademais da súa contía, era preciso convencer ao patrucio receptor do xenro, ou da nora, de que aqueles cartos, aqueles reás, ademais da cómoda, ou da hucha, cheíñas de roupa de cama, da tea, tiñan que ser recoñecidos na horta de xunto da casa, ou no prado da fouciña, que era a forma leguleia de rebordar os terzos do mellorado.
Feitas as presentacións, viña o paseo por entre as reas destes pendellos, pois, mentres os tendeiros recollían, os rapaces platicaban, parrafeaban:
-¿É certo que non tes palabra doutro rapaz? ¡Mira que se a tes, o noso deixámolo para outro día, que eu son pacífico, e non me gustaría partirlle a cara ao teu mozo!
-Hoxe non a teño, pero se che intereso vaime dicindo as túas intencións, que aos meus anos non estou para perde-lo tempo, ¡e menos cun descoñecido!
-¿Descoñecido? ¡Non, muller, que ben coñeces a categoría do home que che deu as miñas referencias!
-¿Daquela, por qué che intereso?
-¡Muller, quen sementa en mala terra, malos fillos lle esperan!
-O meu receo é que din que o que lonxe vai casar, tacha leva ou a vai buscar...
-Pois eu, o que vexo en ti, é unha muller sa e ben feita, que mellores non as temos na miña parroquia... E xa que todo empeza ao dereito, ¿podo collerte de ganchete?
¡Así, máis ou menos así, comezaban os ligues, e remataban as feiras, as mercantís! Pero aínda quedaba algo por facer: ¡Aquela litrona, coa que se celebraban os encontros! Iso da litrona vén de vello: Agrupados os rapaces por vínculos de amizade ou parroquiais, era preceptivo achegarse á rosquilleira: Os mozos, ocupábanse do viño espumoso, do cava, da champaña, imitación que se lograba engadíndolle a cada neto de tintorro unha botelliña de gasosa, que en ocasións, para que a mona fose máis redonda, completábase cunhas copas de augardente do país, ou incluso de “Anís del Mono”.
Nas festas parroquiais as oportunidades eran escasas, maiormente porque as clausuraba a Garda Civil mesmo ao solpor. Pero, ¿o retorno das feiras? A camiñada era longa, e daba para todo. Algún que outro rapaz chegara a ter un foco, unha lanterna de pilas, que non sempre conviña acender.
-Muller, é que estas pilas duran tan pouco...!
-¡Pois víñanos ben nesta corredoira tan escura e tan lameira!
-¡Por iso non te preocupes, que nos pasamos ao atallo, ao carreiro!
Atallar sempre daba resultado pois permitía algún que outro desvío; ¡caritativo, iso si! A mirada lánguida da moza, e os brazos forzudos do rapaz facían o resto, así que ela, ¡miña xoia!, de agradecida e de perdidos nestes montes do traxecto, ¡que menos que darse un bico, e tras do bico permitirse unha aperta, así fose en pleno monte de Venus!
Dos bicos pasábase ao namoro..., ¡e daqueles namoros viñan os fillos bravos, que por algo brotaran do monte! Se o rapaz era de lei, e tiña o servizo militar cumprido, a inmediata era acudir ao Cura para encargarlle as amoestacións, ¡previa petición de man, por suposto! Pero tamén podía ocorrer aquilo de que,
Unha noite na eira do trigo
unha moza choraba
polos desdéns que lle fixo
aquel ingrato galán.
Que a festa non remataba en voda? ¡Tampouco era unha desgraza, que desas había moitas; e logo que as irmás descarreiradas resultaban axeitadas e aproveitables para gardarlle ao morgado a facenda miúda!
Xa sei que todo isto é simplemente un esbozo, catro raias, pois a pintura do último século no noso rural está en branco: Os que a viviron, non sabían redactar; e os que sabían redactar, fixérono desde a cidade, convertidos ao castelán, ou esquecida a súa infancia. A súa óptica é irreal, ou superficial, ou afectada, así que o mundo rural, en particular o dos nosos avós, e incluso o dos nosos pais, quedou esquecido, sen pena nin gloria, cando non falseado.
¿Que podemos salvar deste patrimonio? ¡Lamentablemente, pouco, e iso que habería moito que dicir, moito que analizar, moito de que falar! Se os rapaces quixesen escoitar aos vellos, non sería difícil organizar parladoiros, tal que semanais, para que os novos preguntasen e os vellos respondesen. Aqueles contos da lareira xa non son posibles, entre outras circunstancias, porque non quedan lareiras, pero os parladoiros, si. Algo leva feito a nosa tele con programas de investigación rural, pero iso de preparar aos vellos, e poñerlles garabata para que saían maquillados en pantalla, guapos e sorrindo, incluso cando relatan traxedias, iso é artificioso, ¡non é verídico!
Eu empezaría preguntándolles aos rapaces: ¿Interésavos coñecer a realidade, os divertimentos, pero tamén as traxedias, do noso antonte? ¿Sabedes de certo de onde vides? ¡Aquel que ignora as súas raizames que non presuma de culto, que non diga que é de Castroverde! ¡De Castroverde é todo aquel que, cando se mira nun espello, recoñece e acepta a herdanza recibida, a saiba do seu sangue, saturado de clorofila!
Os pendellos, e cos pendellos a feira nova, xa están oficialmente inaugurados, reactivados; o que falta agora é restaurar as tradicións. Collámonos, pois, de ganchete, e iniciemos un paseo por esta rea dos tendeiros, que con iso renderemos un tributo de admiración, de respecto e de agradecemento aos nosos proxenitores. Pero conste que non é unha figura retórica, pois, se o Señor Alcalde nolo permite, tan pronto como remate con este rollo, precedidos polo noso meritísimo Zuncurrundullo, que recolleron e honran o mellor zume desde Castro Verde, imos dar unhas voltas, arriba e abaixo, collidos de ganchete, digo, novos e vellos, polo mesmo recinto, sagrado recinto onde se namoraron os nosos devanceiros, sen os cales, ¿que seríamos hoxe? ¡Nada! ¡Un baleiro, un deserto, un inculto!
¡Viva e reviva Castroverde, berce de tantas familias hoxe esparexidas polos cinco Continentes! ¡Viva a mocidade, continuadora e conservadora deste gran Patrimonio, tanto económico como cultural!
Xosé María Gómez Vilabella
26-08-2.007
No hay comentarios:
Publicar un comentario