Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

24 noviembre, 2007

Comunicado de ADEGA-Lugo

CINISMO DO ALCALDE DE MURAS


O Sr. Alcalde de Muras vén de presentar un contencioso administrativo contra da Xunta de Galiza polas restriccións que “sofren” os veciños a causa de estaren ubicados dentro dun espazo da Rede Natura. Ante este contencioso anunciado polo Sr. Alcalde dende ADEGA creemos necesario aclarar ante os veciños e veciñas do concello de Muras o seguinte:

É moi de agradecer que un Alcalde se preocupe polo benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas. Pero a pouco que revisase a lexislación sobre a Rede Natura, -tanto a lexislación Europea, como a Estatal como a nosa lexislación autonómica (Lei 9/2001, de conservación da Natureza; Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural, e Decreto 72/2004, polo que se declaran determinados espazos da Rede Natura como zonas de especial protección dos valores naturais), acabaría sabendo que nestes espazos da Rede Natura non se limita en nada o uso tradicional do solo: só se limitan aquelas actividades que poidan afectar aos valores naturais que se intentan protexer coa declaración de espazo protexido.

Non nos parece, pois, certo o que manifesta o Sr. Alcalde de que Medio Ambiente (nin antes co goberno do Partido Popular, nin agora co goberno bipartito) “non deixe explotar as terras de acordo aos usos aos que foron sometidos tradicionalmente”. O único certo é que o Sr. Alcalde estaba afeito a que, durante o goberno do Partido Popular, -incumprindo claramente as Directivas Europeas de protección de avaliación de impacto ambiental e de creación e protección da Rede Europea Natura 2000-, tal protección non tiña outro valor que a de ser un trámite administrativo máis co que negociar tratos de favor a beneficios duns ou doutros amigos. A este respecto, sabe ben o Sr. Alcalde e todos os veciños de Muras con que facilidade se ten permitido a instalación de canteiras (nada que ver coa actividade tradicional) como a da familia do ex-Alcalde de Ortigueira ou con que facilidade se puideron instalar algúns parques eólicos (nada que ver tampouco coa actividade tradicional), mentres algúns veciños de Muras non puideron legalizar aínda a súa explotación agro-gandeira. Mais esta forma de actuar da administración nada ten que ver coa lexislación sobre conservación e protección dos espazos da rede natura senón co sentido de propiedade con que o anterior goberno exercía o poder.

Certo, pois, que pode haber, -intencionadamente ou non-, unha mala aplicación da lexislación sobre a Rede Natura; certo que pode haber abusos de Lei e/ou tratos de favor. Pero, dende logo, un alcalde que ten unha causa xudicial penal no xulgado de Vilalba por abrir, -a beneficio dos parques eólicos de ACCIONA que non dos veciños de Muras-, unha estrada afectando a hábitats da Rede Natura considerados prioritarios pola Comisión Europea, sen contar, para elo, con autorización de ningún tipo, non é o máis indicado para denunciar ante o Xulgado ou ante a opinión pública que Medio Ambiente non deixa “explotar as terras de acordo co uso tradicional”, pois os parques eólicos de ACCIONA nada teñen que ver coa actividade tradicional que realizan os labregos de Muras. Tal contencioso sen futuro só pode entenderse como un intento do Sr. Alcalde de trasladar ao concello a responsabilidade penal na que el puidera ter incorrido por esta actuación: un exercicio, por tanto, de inaceptable cinismo.

En lugar, pois, de emprender este contencioso (a conta, ademais, do herario público) mellor faría o Sr. Alcalde en reclamar os incentivos e compesacións económicas e sociais previstos na lexislación para poñer en valor a protección destes espazos da Rede Natura. Nesta reclamación, veciños e veciñas de Muras saben que poden contar con todo o apoio desta Asociación, coa seguridade de que esta é ademais a maneira de converter a protección do noso patrimonio natural nunha oportunidade máis para o desenvolvemento económico e para a mellora da calidade de vida de cantos conviven a diario sobre estes espazos protexidos.


No hay comentarios: