Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

21 diciembre, 2007


Miscelánea
A NOITE VELLA DOS HÓRREOS

Achegas de


Xosé María Gómez Vilabella


Nestes días de Nadal, por moito que o queiramos disfrazar, quen máis quen menos ponse a parir: ¡a parir nostalxias!
Servían para todo: Para recolle-la leña de acende-lo lume, abeirábanse os galos, ben alleos á mortaldade que lles esperaba precisamente por culpa daquelas festas, ¡a falta de pavos! Estaban fresquiñas as patacas, as castañas, as mazás, as noces… ¡Foron a nosa verdadeira árbore navideña, pois, para decoración vexetal, xa tiñamos, e gozabamos, do plantío natural, máis ou menos achegado ás casas, ¡e con colgaduras así mesmo naturais! Gotas da choiva, xeralmente carambos de xeo, que perlas máis brillantes non as tiñan, ou non as ensinaban, os da capital. No alto, as estrelas: ¡Todas, a de Belén incluída!
Debaixo do hórreo tamén era costume reuni-la veciñanza, ¡para ensaia-las panxoliñas! ¿Que aldea de máis dunha casa non ensaiou, e gozou, con aquelas rimas, xeralmente redactadas polos frades de cada convento, de centos deles, pois os curas eran máis dados aos responsos, quere dicirse, ao futuro anímico.
E logo estaba a emigración, abeirada por onde podía, sempre morriñosa, recordando, evocando, aquela fartura do hórreo dos seus entregos, mentres eles bagoaban, suspirando polo retorno, ¡a ser posible con cartos, pois o fracaso migratorio sempre foi terrorífico en terra de cristiáns!
Se nalgunha casa houbese mala recepción aos cantadores dos Reis, a despedida era doada de memorizar:

Canteiche os Reis, guedellos de cabra;
canteiche os Reis, e non me deches nada!


Pero como tampouco é cousa de poñerse morriñosos a estas alturas do século XXI, tan feliz e tan próspero que nos será a xulgar polos vaticinios dos nosos políticos, ¡merquemos frigoríficos e tiremos cos hórreos, pois, nesta abundancia global, as economías sobran, incluso esas que chaman de escala!

Nesta confianza, nesta esperanza, ¡Felicidades, particularmente aos ricos, xa que cabe esperar que se sintan cadora máis felices moderando as súas apetencias, que aquilo de sentar un pobre á mesa polo Nadal, afortunadamente está superado! ¡Daquela, parabéns, tanto aos da dereita como aos da esquerda, aos de arriba coma aos de abaixo!

No hay comentarios: