Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

15 febrero, 2008

Miscelánea

Aqueles mestres…


Achegas de



Xosé María Gómez Vilabella





Esta “Achega” non está inédita xa que foi publicada en SARMIENTO, Anuario Galego de Historia da Educación. Número 5, 2001. Servizo de Publicacións Universidade de Vigo, impreso en AROPRINT, S.L.- Vilagarcía de Arousa – Pontevedra, pero envíanola o Autor por entender que o tema é realmente patrimonial, e por tanto incorporable a este blog de divulgación cultural da Asociación de Amigos do Patrimonio de CASTROVERDE.

-o0o-

Se non fun o último dos mestres de “a ferrado”, o penúltimo igual si, e por esa circunstancia coido que me toca asumir esta responsabilidade, a de firma-la acta da feliz/infeliz extinción dun gremio tardiamente periclitado. ¡Por culpa daquela guerra incivil, obviamente!

Ben veces me teño preguntado pola causa remota da do 36: Aquela progresión xeométrica de creación de escolas, aquela serie de mestres do Plan Calleja...; ou acaso aquela espiña das derrotas, dos erros, de Cavite e de Santiago de Cuba, o desastre de Annual; unha ditadura estrelada...; elevadas de potencia pola Lei Azaña? Os historiadores adoitan ocuparse das datas, das datas e das últimas consecuencias, tan só diso, así que as grandes causas, as causas remotas, quédanlles no tinteiro as máis das veces, e hoxe en día demoran neses bits aos que non chega o dedo maimiño.

Caído, metido neste exame de conciencia, compre cangar cos remorsos, xa que tamén cos méritos, daquela audacia maxistral. Si, audacia, como mínimo audacia, que tal foi aquela pretensión nosa de ensinar sen ser ensinados; e como non creo na ciencia infusa, que outra cousa puido ser se non foi ousadía e/ou temeridade?

No outro prato da balanza espero que se nos admitirá un certo apostolado, unha forza tractora, un certo amor para co próximo, tan inopio, ou máis, cós seus mestres ocasionais.

Isto en canto á nosa responsabilidade, ao noso mérito/demérito como ensinantes, como escolantes, como receptores daquel ferrado..., non sempre de trigo! O oficio alternativo, complementario, era aquela arte das zocas, que tiña o seu contrapunto, unha certa intelectualidade, pois, dun “pizarriño” a un “repenico” pouca mutación vai.

As zocas vendíanse no inverno, maiormente no inverno, -domingos de Meira alternando cos de Castroverde-, así que a súa tempada, de facelas, de curalas, encaixaba, complementaba, coma o testo do pote. Falo por min de paso que evoco, que brindo, as lembranzas dos meus antecesores, dos meus mestres.

Se non fose por culpa da incivil eu non houbese chegado a ¿mestre?, que daquela haberíaos a ferrado, e non precisamente cobrando en ferrados senón das arcas dunha Instrución Pública ben formada e ben pagada. O meu houbese sido un enchufe en Madrid, igual que o tiñan outros parentes, maiormente por obra e graza de meu tío - avó Nicolás Salmerón y García, fillo daquel home tan home, Salmerón y Alonso. Si, aquel que tivo a gallardía de abolir a pena de morte por si e ante si, ao prezo, nada máis e nada menos, dunha Presidencia maiúscula, apenas estreada.

Nacín en Agosto do 30, pero de Augusto, nada, que estaban os de Sila petando ás portas de Gobernación, preparándose para aquel abrideiro 14 de Abril do 31. Iso, preparándose, pero a oposición puido con eles, con aquela elite de catro utópicos, que os demais eran máis, moitos, niso de tirar da corda. Uns, que non soltaban o pote das talladas; e os outros, a turbamulta, arredeus que querían facerse co cazo, ¡antes de ferve-las verzas, de socato!

O meu recordo lúcido, a miña lembranza máis remota, foi a daquela tricolor ondeando no rabizo dun malle, ¡que a saber onde puxeran a moca! Alí no corredor da Casa de Córneas, sede da Unión de Labregos do meu Montecubeiro. Dentro, arriba, no sobrado, teatro de afeccionados dirixido por aquel Mestre de Mestres, ¡con título oficial!, Rico do San Bernabé[1]. Corría o ano 1.935... ¡Deus, como corría, cantas cousas pasaron e cantos sinais me deixaron! Teatro, o que é teatro-teatro, na bisbarra só volvería a habelo en 1.995, en Mosteiro, daquela que estreei, cos mozos da Terceira Idade, a miña comedia, ¡Se eu mandase, ai daquela...!, introducida polo meu entremés, Para mozas de prol..., as de Pol! En Fraialde, tamén de Pol, tamén raiando coa Terra Chá, polos 50, representou un tal Rivas...; un antecesor, outro mestre, outro zoqueiro, outro colega, outra obriña. Foi a excepción que confirma a regra, un conato de renacemento local, pero daquela a xente tiña máis ganas de comer, e por tanto de emigrar, que de rirse das farsas alleas.

Volvendo ao da tricolor: A nosa Unión dispoñía, -cartos de Cuba e da Arxentina-, xa naquel entón, dunha biblioteca circulante, tesouro rural, ¡verdadeiramente astral para o 35! Isto merece un monumento, ou, polo menos, unha lauda sepulcral. ¿Que foi daquel tesouro? Aqueles conservadores, que tanto se esforzaron por conservar aquel podre conservadorismo dos caciques do meu lugar, non tiveron dó dun misto, ¡e como o papel arde tan ben...! A tela, o drapeau, igual o utilizaron aqueles miñatos miñotos para limparse os mocos... Con dicir que ata lle queimaron un devocionario, un libro de oracións, ¡iso si, de tapas roxas!, á madrasta de Bonifacio Sarille, un dos promotores -mecenas da susodita biblioteca! O resto, ¡no coment!

Falando de onde vimos, que sen raizames non hai árbores, ¡Montecubeiro, couto do Monte Cubeiro! Cubos, cubos con árbores, árbores e algún que outro bastardo, léase eucalipto, que non hai paraíso sen serpes! Nada podemos historiar sen situarnos no colo daqueles frades; dominicos, e por tanto, listos, preparados, todos eles, incluso aqueles da granxa de San Cibrao, que colectaban para os de igual sotana de San Domingos de Lugo. ¿No colo? Pois si, con todo dereito, incluído o de pernada. Eu mesmo, por veces, sinto un rebulir místico, aló por dentro, que o hábito non fai ó monxe, que igual me vén, directamente, dunha paternidade ancestral, monacal. Non tería nada de particular, máxime dándose a circunstancia de que as mulleres de Montecubeiro tiñan sona de xentís; ben formadas, esculturais, ¡de tanta ximnasia como facían/como fixeron, subindo e baixando ó convento por aquelas costas agrestes, montesías! Iso antes de aparece-los autos e mailos tractores, que da desamortización para acó pouco tardaron en vir. Subindo/baixando, naquelas rodelas de fentos, as grandes cestadas do compango cotián: Ovos, leite, queixos e manteiga da vaca marela... Despois diso, caer rendidas nos brazos dun daqueles santos logo tiña máis de virtude que de vicio. ¡Miñas xoias!

Veñamos ou non dos frades, certo é que os de Montecubeiro tiñamos sona de listos, ¡case que frades! E como tales, actuamos, no teatro da cultura, amaestrando, (si, está ben dito), á inxente prole de tan prolífica bisbarra. Con aquela instrución, con aquela visión do mundo exterior, a falta de baúis mundo os nosos conterráneos cargaban na besta, do seu pai ou dun veciño da porta, unha sacadiña de roupa, -saco de liño, calzóns de liño, camisa de liño-, a aló que se ían, ao Novo Mundo, despedíndose do Vello en Lugo, que a Coruña era porto de mar, ¡outro mundo!

...

Situados naquel tempo e naquel espazo, compre ir ao fondo da cuestión, á xeración macrura, ¡máis que crúa! A comezos do XX os nenos do rural nacían con tres sambenitos ao lombo. ¡Tres! As quintas, a emigración e redimi-los foros. Como denominador común, o de sempre, ¡os cartiños!

Para iso das quintas, ¡das quintas dos ricos!, estableceuse en Lugo o Banco Aragonés de Seguros y Crédito, que se anunciaba así no núm. 1 de El Progreso: “Quintas de 1.909.- Este Banco constituído especialmente para la redención del servicio militar activo de las armas, mediante el depósito de la prima única antes del sorteo de cada año, de 825 pesetas (o sean 3.300 reales), o a plazos, se les deja libre, a todos los mozos aun cuando fuesen llamados posteriormente de señalado el cupo...” O anuncio é longo, irritante, así que o cortarei aquí engadindo tan só o meu ¡no coment! ¿Cabe mellor retrato dun país e dunha época?

Da emigración xeneralizada, transoceánica, ¿que bágoas podería retratar eu, aquí, se xa están cristalizadas, descantiá? ¡Diamante puro!

Dos foros, maiormente co diñeiro americano, -a escravitude galega, pouco, pero algo cobraba, única diferenza con aquela negritude da que o accionariado chegou ata a propia María Cristina-, os nosos entregos fóronse librando; cousa que non lles ocorría coas quintas, que niso ían a peor.

Falando outra volta das quintas: No desastre de Annual, 21 de Xullo do 21, con 21.000 mortos, para mellor fixa-la cita mnemotécnica, aquel asilvestrado Xeneral Silvestre, de motu proprio ou empurrado desde o máis alto do Estado, que esa sospeita quedou tralo Expediente Picasso, empurrou definitivamente ao interior do Rif un número inxente de galegos, do que non quedou unha estatística fiable pero é de supoñer que foron moitos dado que todo por aquí só eran “cotas” catro fidalguiños e dez burgueses. Lamentablemente, a ese prezo, a única avantaxe foi para os morgados, ¡que se libraron de pagar unhas cantas lexítimas!

Do lado positivo estaban as mentes, co fogar de Breogán en plena cocción: ¡954 sociedades agrarias rexistradas en Galicia a finais do 1.923! Particularmente aquí por Lugo poderiamos citar, na década dos 20, unha morea de indicadores económicos, mais, en razón de brevidade, optarei por estes catro:

-No ano 1925 acudiron ás feiras/festas do San Froilán, ¡seis casas de maquinaria agrícola! Para que non todo fose prosaico, a Asociación da Prensa organizou unha Festa da Poesía Gallega.

-Tamén en Lugo, pero no 26, a Casa Ajuria anunciábase así: “Rechace los arados de fábrica extranjera...” ¡Logo é que os había, que se ofertaban, conxuntura que tardaría trinta anos en repetirse! Enésimo e decisivo Decreto da Redención Foral, decretado polo Ditador, que algo de bo ía ter!

-1.927.- Os nosos lugueses ergueron a cabeza, por riba do sacho e dos malles, para asombrarse co voo rasante de catro avións. ¡Catro! Visitaron Lugo procedentes do aeródromo de Gamonal (Burgos)

-1.928.- A prosperidade xeneralizouse. E as nosas paisaniñas deron en levar á Misa zapatos de tacón; iso si, ben gardados nunha fardela da tea, alternando coas zocas, que non ían atrochar polas trochas cos seus zapatos de tafilete!

Do 29 mellor non falemos pois o Crac da Bolsa de Valores levou á ruína a moitos emigrantes, directa ou indirectamente, maiormente aos cubanos, pero como non hai mal que por ben non veña, tiveron que retornar ao país, co seu mundo cheo de ideas, ¡a falta de dólares! Convertéronse nunha pléiade de Mestres polifacéticos, aos que nunca lles agradeceremos bastante aquel pulo que lle imprimiron ao mundo rural.

No 1.930 naceu este servidor, así que vin/viñemos nun rexurdimento eclipsado, tanto, que quince anos despois aínda quedaban escoliñas particulares, resucitadas; malles de pau e arados do ferreiro. ¡Arados de chatarra, e chatarra houbese!

...

Chegado a este punto, e para mellor revivi-las miñas lembranzas, tirei cara a Lugo, máis concretamente para a “Escuela Nacional Mixta de Sagaruje”. Iso da forza irresistible que magnetiza, que fai volver ao lugar do crime debe ser certo. Foi unha de tantas escolas creada, e neste caso dotada, pola República. Tiveron a idea tres pais de familia: o señor Evaristo de Candal de Maxide, o meu propio pai -coñecido por José María de Cas Gómez de Berlán-, e de terceiro un tal Tellado de Sagaruxe (Trashorras). Acordaran que Evaristo, recentemente chegado de La Habana, poría un cuarto provisional, -un dos da súa vivenda-, no entanto encargaba a construción dun amplo local, ad hoc, exento, dando ás propias curradas. O Trashorras encargouse de redacta-la instancia, e tal o fixo que cando se reuniron de novo en Maxide para firmala, ¡constaba Sagaruxe como lugar proposto! Evaristo non tiña papel de barba, e meu pai non o levara. Trashorras, máis pícaro e máis dialéctico, convenceunos de que fora cousa de inercia, hábito, e que se decatou ao repasa-lo escrito, pero, ¡acabáraselle o papel, que non a barba! Para non demora-la ocasión, o pacto quedou en cursar aquel documento, cun pacto entre cabaleiros de que a escola seguiría construíndose, dotándoa, en Maxide. ¡Pero a placa veu para Sagaruje, que en Madrid nunca adiviños foron!

O meu coche avanzou sen empapuzar, ¡adeus currais de zurro, adeus alfombra de toxos, de codesos ou de xestas!, ao pé mesmo do escenario das miñas xestas infantís. De apeado, obviamente, asaltei de dous en dous os chanzos da escaleira pétrea, exterior, ¡pero a porta estaba pechada, definitivamente fechada por obra e graza da Agrupación Escolar de Castroverde!

Por un intre quedei apampado, cego, desnortado. E chorei; suposto que ninguén me vía naquela soidade sobrevida, chorei. Un intre despois, desasosegado aínda, senteime nas propias, frías, escaleiras, e recei pola ánima do meu mestre, don Jesús Rojo López, un home sapiente, toco e borrachón. ¡Nembargante, mullereiro!

Don Jesús era de Corcubión, ou da súa bisbarra. Pola parálise infantil da súa man esquerda non lles serviu para manexar un fusil. ¡Burros, que houbese dado un bo oficial, coa pistola na dereita! Chegou a Maxide, cando a Guerra, expatriado, desterrado da súa bisbarra por obra e graza de certas acusacións dereitistas. ¡Sorte para os da miña, que sabido é que o que un non desexa outros o cobizan. Nembargante a súa xorda, física e moral, aprendeu o Cara al Sol, e tamén algo de instrución militar, que o disimulo, o medo, tamén son formativos; neste caso, deformativos. ¡Miúdo castigo, duplo, me custou moquearme, descaradamente, na escola de Maxide, cun paniño de seda, coa bandeira tricolor e coa efixie, estampada, de Salmerón, en rebeldía porque o señor “Maestro” me fixo corear o seu ditoso Cara al Sol![2]

Don Jesús coidou que naquela ditadura tiña que emular aos ditadores, así que practicou comigo o seu complexo de Estocolmo, cousa que non lle censuro, ¡meu pobre! Outro dos seus disimulos/enmascaramentos foi namorarse da Carmiña do Pombal, filla do falanxista máis significado da parroquia, pero neste caso gábolle o gusto/o xesto pois afellas que tal moza merecíao. Ningunha daquelas representacións/ficcións o librou dunha nova/definitiva depuración, evidentemente inxusta e tardía, por causa da cal lles tocou aquela lotería aos nenos de Santa Eulalia de Oscos (Asturias), deixándonos orfos, orfos da súa sapiencia, indixentes da súa pedagoxía. Nunca me apartei da súa devoción, e confeso que cando saíu o meu primeiro libro, Castroverde. Bosquejo histórico-geográfico, no ano 51, escribiume a Madrid, maxistralmente, alentándome para que profundase na obra de Valle Inclán, segundo el, “… un gallego con ideas claras y concretas, y que además sabía expresarlas”

Con tan pouca escola, pero menos tiveron noutras parroquias, os de Montecubeiro pasamos de enfermeiros a doutores. (Neste mundo, que tan complexo nos parece, causas similares producen efectos análogos: No 56 vivín/padecín, con ocasión da turrada dun camión do Istiqlal contra o meu IF-420, algo parecido: zurciu á miña dona, dos efectos de tres voltas de campá, en Safí-Marrocos, un Practicante elevado a Médico polos méritos dunha independencia prematura; e menos mal que os franciscanos de Safí tiñan boas relacións cun doutor holandés, que aínda non levantara a súa clínica, que zurciu aquela desfeita dos terroristas magrebíes). Co ensino, daquela, na posguerra, en todo o rural, pasou algo parecido.

...

As laxes da escaleira estaban frías, outonías, pero o meu maxín fervía, así que, ¡mal sentado pero ben asentado!, “Mi mamá me mima”, e por aí adiante: Catón, Rayas, Lecciones de Cosas... E cando facía bo, ¡ao horto de Evaristo! Don Jesús ensinounos a contar contando couceiros..., ata que un bo día/un mal día, que non se puido saír ao cómaro, ocorréuselle encargarnos zonchos, pero de madeira viciosa, deses do pé das castiñeiras. Prometeu un premio o que máis lle levase, con tal que fosen do tamaño dun ovo de carrizo. Miña avoa deixoume un pano seu, dos da cabeza..., que o enchín, e levei o premio: ¡un contiño de Calleja, tan minúsculo que se chega a ser unha galleta pápoo! Con aquelas boliñas, de ben lixadas e redondeadas, ¡tódolos cativos da miña escola eramos uns navalleiros empedernidos!, encargoulle un ábaco de 10 x 10 ao carpinteiro de Vilabella de Vilar. ¡Aquel ordenador, aquel ábaco, impresionounos bastante máis que un PC nas mans dun neno actual!

Esa falta de medios, esa carencia de instrumentos, cun Director de orquestra como era o noso Mestre, fixo milagres: Desarrollamos a memoria á forza de repetir o que nos escribía no encerado; e despois de lida, relida e comentada, sempre pedía voluntarios para borrar e..., reproducir! Aí, precisamente nesas, ganei a inimiga do 96 por cento da clase pois, de cincuenta alumnos, só saïamos voluntarios a Manoliña de Candal (hoxe dona Manuela, Catedrática, xubilada, de Química) e ¡servidor!

Amais da retentiva, ¡oh peripatéticos!, entre o colexio e mailos cómaros, ¡canto non nos fixo discorrer con aquelas proposicións! Un día comentounos que existía un dicionario de peto (un Iter), e que sería bo que nolo mercasen nosos pais en vista das dificultades que tiñamos para entende-lo seu (obrigatorio) castelán. Non foi meu pai senón un parente que mo conseguiu na Coruña, ¡pero...! Como os demais nenos non o pediron, ou non o conseguiron, non era cousa de levalo á escola, que bastante zuna me tiñan por culpa daquela soberbia de saír voluntario á pizarra, sempre, ou case sempre, así que me dediquei ó “Iter” os xoves e mailos domingos pola tarde, maiormente cando me mandaban alindar unha vaca, ou dúas, polos arrós da nosa cativa propiedade. ¡Aquilo foi o maná do Ceo!

Creo recordar que non rematou o curso sen que eu rematase con aquel cativo dicionario, ¡de memoria! Para incrementa-la zuna dos meus colegas, remedio eficaz: Din en falar “de dicionario”, talmente coma un papagaio, así que incluso cheguei a entender o catecismo, castelán por suposto, do P. Astete, ¡e con iso outro desgusto! Veu á parroquia un franciscano, e erre que erre que me tiña que levar para Herbón... A pouco me zurra meu pai: “Non ves que ti es o morgado; e logo está que os frades, igual cós curas, non se poden casar...” En vista diso, cara ao San Froilán, presentouse o noso Párroco, un tal don Benito, que era máis testán que San Pedro, e díxolle moi serio ao meu pai que me levaba consigo a Lugo, que aquel ano había seis becas no Instituto... Para as seis só nos presentamos as xemelgas Hermida López e mais eu, ¡así que, por sapiencia ou por un baleiro material, don Delio Mendaña non tivo outra opción que aprobarnos! Pero a min leváronme para a casa, aos poucos días, que para fonda facíanselles curtos os cartos da ditosa beca...

Canto máis se me negaba a comida intelectual, máis fame dela me entraba. Na casa había poucos libros, que os metera meu pai no forno de coce-lo pan, daquela que o perseguiron, no 36; fosen ou non de política, que para os do “cuartel” de San Cibrao política érao todo, maiormente a táboa de dividir, a de repartir. En tal conxuntura din en pedi-los periódicos vellos, os atrasados, ao señor Severino do Ferreiro, que así foi como fixen o meu master do ensino primario. Entre aqueles periódicos habíaos arxentinos, que llelos mandara seu irmán Eduardo vía Nova York. ¡Con esas, lin e vin a Castelao, e chorei coa Negra Sombra, cando ninguén da miña xeración tal cousa vira, nin, se cadra, tal oíra!

Meu avó, o cuñado de Salmerón, era albeitar, e sabía de botánica, -medicina natural-, tanto ou máis có propio Linneo. Pero o meu non ía por aí, que con só verlle tirar dunha cría, paría eu outro tanto coma a vaca, ¡miñas pobres, e todo iso para a feira, coma os sacos das patacas! Así que optei polas zocas, oficio que meu pai compatibilizaba coas escolas de “a ferrado”, nos seus entreactos, de estación a estación.

Xúrovos que facer zocas, si se lles bota arte, é/era apaixonante; un parto indoloro, gratificante. Dicir que dun toro de bidueiro ou de amieiro, a medio curar, simplemente cun equipo de bros, aixola, trades, alegres, coitela e repenico, se pode modelar externamente un peíño tan anxelical como eran os daquelas mociñas coas que compartín pupitres en Maxide, -¡eu estaba namorado de case todas!-, iso era de semideuses. Onde un cabaleiro diría, “Beso sus piés, señora”, eu, un descendente daqueles fidalguiños da Olga, outro Gómez de Neira, permitíame o luxo de acariñárllelos, para mellor calzalas, para medírllelos; en definitiva, para libralas dunha catarreira acaso mortal.

No ripeiro tanto como á aixola dinlle ao maxín imaxinando, entre outras cousas e inventos, o feliz que debía ser a tal momento aquela Manoliña de Candal, xa en Lugo, no seu Bacharelato. Tamén mira que era mala pata, por dous motivos: Eu non puidera pasar do meu “Iter” mentres que ela estudaba, entre outras cousas guapas, latín, así que ía chegar a saber tanto ou máis có señor Cura. E logo estaban os seus zapatiños de charón, que así os levaba naquela ocasión en que, estando de vacacións, mandouna súa nai a levarnos un cartucho de melindres de non sei que voda. Se aquel día non me tragou a terra é que nunca me papa, nin de vivo nin de morto. ¡Deus, que vergoña pasei! Aqueles peíños de tan grácil andar xa nunca zocas calzarían; e despois, que me falou en castelán, ¡como cumpría a unha estudante daqueles tempos!

Como non hai mal que por ben non veña, aquel nefasto/fasto día fíxenme a min mesmo, diante da cruz da aixola, o máis solemne dos xuramentos: ¡Eu tamén estudaría, de neno ou de mozo, de solteiro ou de casado, aínda que para iso tivese que ir ao cárcere! Ao cárcere non fun, pero ao cuartel, si: tres anos de voluntariado, aos dezaoito, en Madrid, no Ministerio do Ejército. E con iso, e cunha beca da Acción Católica, rompín a estudar coa fame do mendigo. Sempre con fame, incluso física, que é como mellor se aprende. Dos dezaoito aos setenta, que agora, nestas alturas da vida, si que prefiro ler natureza, extasiarme coas árbores da miña carballeira, aló na Veiga do Azúmara, na miña finca das “Andoriñas”.

...

As zocas, no outono, eran artigo de primeira necesidade. Eu tiña pedra habitual na feira de Castroverde, xunto das dúas que ocupaba o “Pintor” de Luaces. Era unha cuestión, intuitiva, de simbiose: aquel señor facía moitas, pero menos anatómicas cás miñas; e vendía barato. Eu, ao seu lado, tiña poucas, pero, ¡zapatos! Non era competencia senón complementariedade, ¡e iso que eu, daquela, aínda non estudara Comercio!

Acertou a vir por alí o señor Domínguez de Catatrigo, gran amigo de meu pai, que por certo leváramos dous sacos, el as de home e eu as de muller, as lixeiras:

-¿E logo, este rapaz, o teu fillo, fillo dun mestre, non estuda?

-Xa o fixo, xa, que arestora sabe máis cá min!

-¿Máis cá ti? ¡Ai logo...; ai logo, quen mo dera para mestre dos meus fillos; e de paso, dos meus sobriños!

-Nese caso teríaslle que pagar outro tanto como me pagan a min na Braña, ou en Millares...

Houbo acordo, sen regateo algún, así que, do domingo ao luns, aquel zoqueiriño converteuse en mestre, ¡en mestre de a pesetas, que xa non se levaba aquilo do ferrado!

Aqueles rapaces, de cinco a vinte anos, escoitáronme con tanta fame de sabenza, ou máis, da que eu tiña. O malo do caso, -tardei anos en tomar conciencia diso-, foi que eu sabía moito, xa demasiado, para ser alumno de primaria, pero menos do desexable para ser Mestre, así fose dos de minúsculas. ¿Que lles ensinei? ¡Pois, de todo; de canto tiña dentro, sen reserva algunha, tal cal que se baleirase o meu saco das zocas, desde ben cediño ata o punto de pedirlle ao señor Domínguez unha luz de carburo para mellor aproveita-la xornada. O mestriño moito non sabía, pero retorceu na súa cabeza tal e coma se un limón fose. Lémbrome que de noite, -longas noites da invernía montesía-, iamos á rúa, alí na Pereira, para a casa dun señor que lle daba ben á gaita do fol, pero a min, fose polo meu cansazo, fose polo mal oído musical, tíñanme que espertar a cotío para que os acompañase á casa onde me tocase pasa-la noite.

Iso de afanarme quedoume por hábito, que así o fixen cando cheguei a ser directivo de Banca, ben á contra de como o fixeran comigo cando eu era un simple oficial; e nalgún centro de estudios, tamén. Aló en Madrid, naqueles anos de trota-academias, díxome o Profesor señor Gallego, castelán por certo: “Si quieres sobresalir tres normas has de seguir: Que te tengan por listo los superiores y por necio los iguales. Segunda, que nunca elijas subordinados que te puedan eclipsar. Y tercera, que cuando enseñar proceda, imita a las mujeres, que nunca pasan de la media pierna..., salvo que les convenga! Aquel señor sabía ese refrán pero el, afortunadamente, comigo non o practicou, que o teño nesa pléiade dos que me fixeron gozar dese pracer de ser alumno permanente. E se hoxe alguén me preguntase ao respecto, o meu dito sería rabioso: Non hai peor animal que aquel humano que ensina a retroceder no mundo civilizado.

Con estas divagacións aínda non dixen cal era, cal foi, o meu programa: Se cadra un cóctel de todo aquilo que oíra ou lera, maiormente na Escuela Nacional, Mixta, de “Sagaruje”, pero con fogaxe, con presas, que aqueles nenos/mozos de Librán, de Tras da Serra (da Serra do Miradoiro) criáranse na Guerra de Liberación, pero da súa ignorancia, tan atroz coma a propia guerra, ninguén os liberara..., ¡aínda! Por “malos” que fosen aqueles mestres depurados, tan abundantes, ¡canto os precisaba a Nova España para deixar de ser vella, para saír daquelas cavernas a onde nos retornaron uns milleiros de cavernícolas empedernidos! ¡Que ben traído aquel emblema do xugo e mailas frechas! Tras das frechas, tras da guerra, o xugo: ¡Ei vaca, ei, volve ao rego!

Os curas, para daquela, á diferenza dos frades de Montecubeiro, o que mellor se lles deu foi denunciar aos “Maestros particulares”. ¿Que querían? ¡Mestres do Estado, un por cada catro parroquias, e para iso, con catro enchufes paralelos! O que abundaban, ou escaseaban menos, eran as substitutas, ás que non faltou quen denominase “prostitutas” por aquilo de que se abaixaban a todo, e a tódolos lugares, mentres os señoritos e mailas señoritas “normales” lle daban ao seu enchufe, fose na capitalidade da provincia ou na municipal. Aquela desfeita, aquela “depuración”, dos mestres titulares foi un crime de lesa patria, pero ninguén lle pasou a factura a ninguén. ¡Lagoas da Historia!

En canto aos rapaces de Librán, con só un ano de estudios, ¡intensivos, por suposto!, déronse por doutorados, así que, ao inverno seguinte, ficháronme os de Piñeiro (Adai), onde tamén cumprín o mellor que souben e puiden.

No outono do 1.948 aceptáronme a instancia para o Batallón de Infantería del Ministerio del Ejército, Palacio de Buenavista, ¡exterior, que o que é a interior...! Tres aniños de nada, con fonda pagada, que iso si que foi unha beca abondosa..., ¡en lentellas! De “mestre” pasei, retornei, á fase de alumno, ¡un alumno vitalicio! Pero iso é outro cantar, outra epopea, que casualmente coincidiu, a Deus grazas, coa desaparición daquel gremio dos “mestres de a ferrado”, que se pouco cobramos menos ensinamos, pero, ¡iso si!, fixémolo con toda a alma, con toda profesionalidade, con toda xenerosidade, que outra tanta vontade, e outra tanta superación, a partires de tan pouco, non son doadas de achar. ¡Nunca o foron!

_____

-o0o-


[1]Ver “Arximiro Rico, luz dos humildes”, por Xosé Manuel Sarille. Sarmiento. Nº 4. Ano 2000

[2] Nuevas e inesperadas revelaciones acerca de la presencia de Nicolás Salmerón en Galicia, por José Antonio Durán. La Voz de Galicia, 29-11-1.987

1 comentario:

Anónimo dijo...

See here.