Autobombo
Xosé María Gómez Vilabella
¡Xa que a montaña non baixa a Mahoma, terá que ser Mahoma quen suba á montaña! Vén isto a conto de que, como modesta achega, como homenaxe aos 200 mortos, 100 desaparecidos (mortos non atopados, e por tanto non recollidos, non apuntados no libro dos ídem), amén duns 500 feridos, que nos custou aquela Guerra de Ifni, do 1.957/58, CINCUENTENARIO por conseguinte, deume por sacar tres libros sobre a mesma, que os atopará o internauta embarcándose no foguete
http://josemariagomezvilabella.blogspot.com
Estes libros, por orden de aparición en escena, son:
CACERÍA DE CICLÓSTOMOS EN IFNI
(Os “ciclóstomos” son peixes, tipo lamprea, así que, o de cazalos, xa pode darlle ao lector unha idea aproximada de cómo era, de cómo sufría e gozaba, o noso mundo colonial)
OPERACIÓN: CUÑADA
(Dado o illamento, e co illamento a masculinización do Territorio, o mercado das “cuñadas” era máis evidente có das “hurís”, así que nin case preciso explicalo)
IFNADA
(Ante o Tribunal da Historia, con 50 anos de perspectiva, xúlganse/ preténdense xulgar, as trapisondas daquela descolonización tan trapalleira)
Encabecei con iso do “Autobombo”, pero a verdade absoluta é que se trata dunha penitencia: ¡Unha penitencia que dedico aos mortos, e tamén aos feridos, pois, grazas a eles, eu quedei vivo para contar, para relatar, esta síntese histórica! Certo é que algo axudei/axudamos, que aquí tedes o gallardete daquel “Somatén” formado por civís, que contribuímos á defensa da cidade de Sidi Ifni, pero todo fixo falta, pois o paternalismo do noso paisano, a súa confianza e maila súa, suposta, astucia, tivéronos co cu ao ar. Non nos chegou a experiencia de Filipinas, Cuba, Annual, etcétera, que seguimos de quijotes pola vida, ¡meténdonos en aventuras para as que non estabamos preparados!
Por último, pido perdón por ter que pasar estes tres libros ao castelán, con todo ser un infante ao lado do noso galego, ¡que nós fomos reino desde os tempos de Hermerico, no ano 410, se mal non me lembro!, pero nesta homenaxe aos ¿caídos? (¡caídos, non, tiroteados, paqueados, con metralletas Thompson nada menos!), era preciso usar unha lingua ampla, xeral, para que podan entende-lo follón de Ifni os fillos, os sobriños, os netos, os veciños, etcétera, daqueles heroes aos que lles debo a vida, xa que procedían dos catro puntos cardinais das Españas.
O que sinto é que xa non viva o Padre Pais (un franciscano que morreu en Lugo, de Parkinson), que tanto fixo pola miña dona e polo meu fillo cando nos atacaron, cando nos feriron, cando arremeteron contra o meu De Soto co seu camión Berliet, aqueles exaltados do Istiqlal, na recta de Safí (antigo Marrocos francés).
Isto do gato na azotea merece unha explicación: Un compañeiro do Somatén sentiu saltos? na azotea da súa casa, e coidando que eran os do Istiqlal lanzándose en paracaídas, tirou de pistola…, pero o gato escapou! ¡Meu pobre, o único que pretendía aquel felino era alcanzar unha pella de bacallau posta a secar na corda de tende-la roupa!
Como vedes, isto do “autobombo” foi un simple reclamo publicitario. ¡Perdón, pois, pola chanza, polo abuso de confianza! Saúdos de Xosé María
No hay comentarios:
Publicar un comentario