Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

02 mayo, 2008

Seriais Literarios


¿Pódese pasar?

-VII-


Novela satírica

de

Gómez Vilabella

Naquela montaxe dos perfís biográficos que os Fisgas seleccionaron como probas, se non definitivas si definidoras, das actuacións do inefable Litis e dos seus coadxuvantes, pasaron sen máis á seguinte secuencia. A retentiva daquelas cámaras enfocou a tal momento para o Café Central, un centro típico de faladoiros, tamén coñecido por "A Xestoría", de tantos asuntos como alí se cocían e/ou ventilaban, segundo os casos. Isto é o que se percibiu:

-...

-¡Boa noite, don Bieito! ¿Que, qué tal? ¿Non se achega aos pecadores…, nin sequera para saudarnos? ¡Pois aquí non está a muller adúltera, aquela dos Evanxeos, así que connosco non peca! -Con estas verbas disparatadas, provocativas, o Alcalde convidouno á súa Alcaldía-bis, á segunda mesa, aquela do fondo do Café, ¡de poder a poder!

O Crego, feito un Capelán do señor Conde:

-¡Deus nolas dea boas, que falla fará; iso sempre! Pois si que me achego, si, que cara a vostedes viña; ¡en son de paz, por suposto, que non é para menos! Pero ese cualificativo non lles corresponde en exclusiva, pois na fraga do pecado todos temos parte: ¡Coido que é o terzo de libre disposición, xa que somos libres de caer no pecado, absolutamente! Ben o dicía un profesor que tiven eu, daquela, en Mondoñedo. Aquel santo preceptor, ademais de sabio era humilde; tan santiño, que el mesmo sachaba os repolos da súa horta..., ¡e iso que nos temos ofrecido para retiralo daquel labor!

-E logo, señor Cura, ¿que se lle ofrece? ¡Igual nos acompaña neste dominó…, agora que somos catro! ¿Ou é que non lle gusta dominar?

-¡Ai don Manuel, don Manuel, vostede sempre con ese carácter, con ese humor; e que Deus llo conserve por moitos anos, que máis vale o coñecido...! ¿Así que trouxeron ao Técnico, ao señor Secretario...? ¡De seguro que foi para inicialo nestes pecados do café!

O aludido, que xa levaba tempo en pé, coa man disposta, pero máis ben de lonxe, que era dos que acostuman dar a punta dos dedos:

-Aurelio; Aurelio é o meu nome; para servilo! Como se dicía daquela da miña crianza, para servir a Dios y a usted. ¿Mais, pódese saber cómo é que me recoñeceu..., así, de súpeto, sen ser presentados?

-Iso élle fácil, que o dixo o propio Xesús: ¡Polo seus froitos…! Aquí, ben acompañado como está do señor Médico, e do propio Alcalde, as forzas vivas máis vivas desta bisbarra... ¡Que digo de vivas, vivificantes!, só podía estar o señor Secretario, pois, para ser outro deses amiguetes que veñen á troula, hoxe non é día troiteiro!


-¡Moi perspicaz, si señor! Pero séntese, aquí, connosco, don Bieito, que eu achégome ao Xefe, ao señor Alcalde. ¡De cuios son a sombra, que por algo lle oficio de Secretario!

-Sentarei, si; pero aquí, nestoutra cadeira, cabe do Médico, que casualmente...; ¡vaia, vouno dicir, que eu viña de consulta!

-E logo, señor Abade, ¿vai confesa-lo noso Matasáns? Non me estrañaría, que levamos unha tempada con poucos enterros nesta bisbarra. Se non fose polos que emigran para esa Europa, co que aquí se fornica non habería pisos abondo; non chegaban; ¡polo menos aquí, na Vila!

Aquel Cura, ademais de pacífico e de pacificador, algo pailán si que era. Pobriño, un pailán naquel ambiente de lagartos...; ¡lagarto, lagarto!

-¡Cando eu digo que o humor de don Manuel é cousa seria...! Mais, xa que imos pola beiravía, vou ser franco...

-¡Anda este! ¿Don Bieito, e non será un milagre, moito, ser todo iso sen deixar de ser quen é? ¡Un Arcipreste coa capa pluvial, pase, que ata lle senta ben, pero, un bieito baixo palio, tal que Franco...!

Aquel Crego, de latíns, si, algo, pero de anfiboloxías, pouco:

-¡De franqueza, señor Alcalde; quero dicir, e dixen, de franqueza, que quen me dera te-la santa ira que lle entrou ao Noso Señor, daquela, daquela que fustrigou aos chaláns do templo!

Manuel seguía teimudo, de poder a poder:

-¿Que dixo de que non ten ira…? ¡Ai logo non sei quen é ese que toca os sinos cando demoramos un minuto, aí no adro, nada máis que para saudar aos veciños, ás mesmísimas portas da igrexa! Pero non acabou de contarnos: ¿Qué precisa do Médico? ¡Señor Cura, se ten algunha enfermidade desas, das secretas, daquela, nós, á barra…, para deixalos en confesión recíproca, e que lles preste!

-¡Don Manuel, temo que si, pero non é secreto, que ultimamente ando frouxo da memoria!

Salmonte aproveitou aquela suposta "frouxidade" para meterse co Crego, outra volta, co mesmo pracer de sempre:

-¡Mentres non sexa do ventre...! Que lle fraquee a memoria ao Abade é unha cousa boa, que así esquécese do que sabe de nós...; ¡toda esa porcallada do confesionario! Por certo, xa sei que os microbios bulen, pero nunca lles preguntei aos Curas se os pecados morren instantáneos, no mesmo confesionario, ou se permanecen vivos por algún tempo, tal que infestando os arredores. ¡Ja, jaa, ja! -Riuse Manuel, el só, da súa propia, suposta, broma; e menos mal que o Párroco non llo tomou en consideración.


-Por aí vai ben, señor Alcalde, que o meu fallo de memoria, neste intre, consiste en que perdín a conta das semanas que levo sen poder dicir aquilo, por outra banda tan grato, de "Dignísimas autoridades, queridos fieles..."

O "dignísimo alcalde" pregouse, débil aos afagos, e á vez tolerante cos outros poderes:

-Sendo así, tereille que ir á Misa, mañá mesmo, que é domingo. Fareino por dúas motivacións: por caridade, e tamén por unha cuestión de orde pública, que non é cousa de deixalo só, cun cento de beatas ao seu redor, adorándolle nas saias. ¡Iso é moito perfume para un par de narices! ¿Ten voto de castidade, non si?

-Esas beatiñas, -subliñou o Párroco, por excepción bastante agre, -sonlle unhas señoras moi honorables; ¡á carta cabal, do mellorciño de Churiz! Cumpren cos seus deberes, cos públicos e cos domésticos. Mire como é a cousa, que indo á Vespertina, non por iso deixan de volver, ao día seguinte, á Maior. Fano por piedade, desde logo, pero tamén para luci-la igrexa, para darlles exemplo aos..., ¡digamos que, aos desleigados! ¡Que Deus llelo pague, miñas santas!

O Médico, Lucas, atento a mante-lo seu rol de forza viva actuante, se ben nunha posición laxa, discreta, de franco tirador, non perdía ocasión de facer luvas co Salmonte:

-¡Manoliño, Manolón, vaia trebón que che caeu enriba..., pola túa incontinencia! Á verbal me refiro, que da outra, como di o Párroco, ¡polos seus froitos...! ¡Que si, home, que si, que aos Curas non se lles pode falar de mulleres; materia tabú, polo pouco, para un século, ou para século e medio, que iso calculo que tardarán en deixalos casar..., pola Igrexa! ¡Ja, jaa, ja! Coas túas, puxeches nervioso ao San Bieito, e arestora, coas farmacias pechadas... ¿Que, qué opinas dos dramas eróticos destes eunucos, querido Secretario; faste o ídem, ou qué?

O aludido, novato era, pero nalgunha parte aprendera, xa, aquilo de bañarse e garda-la roupa, todo á vez:

-Aínda non coñezo os costumes, que acabo de incorporarme ao Concello…; nembargante, suxírolles que hoxe busquémo-la paz, e mañá a gloria, con ou sen célibes, que iso de eunucos..., ¡non o creo! ¿Non me preguntan o cómo? Pois, por exemplo, xogándolle ao Párroco algo que sexa...; ¡algo importante!

-¿Máis importante, máis aínda, que esa tila que lle receito eu, precisamente para calmalo polo que sufre este mártir por culpa dos pecados alleos? -Provocounos o Médico, que por ser o máis vello, e á vez o máis antigo dos do Municipio, actuaba con ínfulas de decano.


-¡Máis! Pola miña parte xógolle aos puntos a promesa de quedarme aquí, sen ir á Capital, tódolos domingos que coincida feira. Así ireille á Misa, como desagravio...; digamos que polos pecados alleos, polos desa chusma que pasa por aí, a miúdo, por diante da súa igrexa, e que nin para ela miran; sequera é bastante monumental, demasiado, que noutras circunstancias, se eu mandase...; ¡velaí un bo espazo para amplia-la Praza de España, que hoxe non ten, entalada como está, a grandeza que corresponde a tal denominación!

Aquel Médico non acougaba; tomoulle as pulsacións ao Aurelio:

-¿Non será máis certo, señor Secretario, que nestes domingos de feira estes paisanos da pucha, estes labregos da bisbarra, adoitan cobra-lo seu xato, e daquela...; daquela, de paso, páganche eses asesoramentos que lles quitan o sono; eses do, "¡Descoide, amigo, que ese asunto está en boas mans, nas miñas!"? ¡Ah, pillín, que te coñezo; pero a nosa diferenza está en que eu veño das cociñas, pásolles polas cociñas, ademais de frade, e xa vos anticipo a miña pretensión de acaba-los meus días de Alcalde...; calquera día, tal vez polo próximo San Martiño, ou ao outro día!

Aquela indirecta, máis ben grotesca, improvisada, pero acaso profética, pasoulle desapercibida ao Salmonte, que só lles temía aos relevos ordenados desde o Goberno Civil. Pola súa parte, o beato, o Bieito, debía mediar e mediou, que en definitiva aquel rife-rafe ás tres bandas algo tiña que ver co seu ministerio:

-Doutor, prégolle que non semente microbios, que aquí don Aurelio non esta vacinado para estas bromas tan...; ¡déixeme chamarlles, heterodoxas! Ese xesto agradéceselle, no que vale, pero, se perdo eu, ¿cal será a miña prenda, que aínda que non fixen votos de pobreza, rico non son?

-Sairalle barato: ¡toma-la tila do Galeno; canta lle receite!

O Párroco conformou, encantado, que non lle conviña que os fregueses notasen ningún tipo de desavinzas co resto das Forzas Vivas, suposta flor e nata daquel catolicismo, mandante, que non reinante, pese ás aparencias, aos fastos e ás fasquías:

-¡Por min, acepto, pero mellor xoguémo-los catro! ¿Imos a individuais ou por parellas? Pola miña parte propoño que decida este Doutor, xa que é o máis xefe de todos, ¡suposto que témo-las nosas vidas nas súas mans!

Tornou o Médico a polos seus foros, cachondeos á parte:


-Facelas cos Curas non me parece ben, que iso das "parellas" é cousa da Garda Civil. Por outra banda, aquí nada se dixo da aposta, da definitiva, pero, o que é por min, señor Alcalde, conformo co ditame do Secretario: ¡Eu serei o bruxo desta tribo, pero o supostamente legal é don Aurelio, por máis que, Salus pópuli suprema lex est!

Aquel Alcalde-Presidente quería dici-la última palabra; de sempre e para sempre:

-Iso do Secretario...; pero por min acéptolle-la proposta, que aínda que leva poucos días connosco xa puiden contestar que é un home; si, si, un home de ben; o que se di, un home!

-Don Manuel, non sei se caería nun lapsus linguae... -Besbellou o señor Cura, timidamente, beatificamente.

O aludido, cunha ollada de rinoceronte, listo para turrar:

-¡Hai que ver cómo nos envolven estes Cregos coa broma do seu latín! ¿Onde pequei, ou en qué, se pode saberse?

-Don Manuel, vostede dixo "contestar", e se cadra quería dicir "constatar". Pero iso non é importante, que foi tan só unha broma das miñas…, para imitar en algo o seu bo carácter, ese humor seu, habitual, cotián; e que Deus llo conserve!

-Daquela..., ¿daquela sabe que lle digo, señor Cura? ¡O mesmo que a don Aurelio! Que a miña función, amais dese humor que di, é poñe-las ideas sobre da mesa, que para poñe-las andrómenas, tal que as gramaticais, xa teño un bo Secretario, ¡destes do Corpo Nacional!

Percibíase, a xulgar por aquelas escenas, que Aurelio nadaba a pracer naquelas augas chocas, chocas e choscas, do seu Distrito de Churiz:

-Desde logo, don Manuel, desde logo; tan compracido que estou de atoparme ás súas ordes neste Gran Churiz, nesta Vila de tanto señorío, tan rica en criadas, encoifadas e manteladas, con tanta caza, de tan bo pelaxe...; ¡tanto, que aquí, con tantos animais, coido que a virtude está na cinexética!

O Alcalde, que xa o coñecemos, tiña un coeficiente ínfimo, así que, fóra das rutinas coloquiais, cero!

-¡Ai, ho, o que é por min, caza e pesca, ás dúas mans, canto poidas, que por bechos, aquí, á esgalla!

-¿Daquela, podo...; incluso nos coutos, no seu vedado? ¡Olle, Xefe, que hai testemuñas, e adoito prevalerme delas!

Tal obxección pareceulle ociosa ao Salmonte:

-¿Ti pensas que ese chifre, ese Gardarríos, ousa atreverse co señor Alcalde, comigo? ¡Tes a miña licenza, con testemuñas ou sen elas!

Cada un ía ao seu; e o Médico tamén, pero ese tiña os ollares máis utópicos:


-Pois eu, como Doutor, e como futuro Alcalde..., para cando veña a Democracia quero dicir, ditamino que nin o noso señorío, nin as riquezas naturais deste Churiz, abondan como para reanima-la xente. Toda a forza se nos vai en cartuchos de salva, ¡de salva sexa esa parte! A verdade, falando en serio, é que precisariamos algunha industria, desas de choque, para remedia-lo noso paro, que o temos atroz, pero encóbreo isto da emigración..., ¡se non forzada, si fomentada!

O Secretario, tamén ao seu; insinuando, que non dicindo:

-¿Doutor, queres industrias? ¡Pois por iso non te preocupes, que xa lle axudarei, eu, ao señor Alcalde, a crealas, que esas intencións traio, e nelas ando..., dacabalo delas!

O señor Cura, que oíra falar dos Polos do Desenrolo, viu cae-lo maná para os seus fregueses:

-¡Dá gloria falar con estas autoridades, mesmo providenciais; tanta iniciativa que teñen, tan doídos do próximo, tan ocorrentes...!

Salmonte, feito o que realmente era, un pavo real:

-¿Ve como é a cousa, señor Cura? ¡E despois di que non lle vou á Misa! Pois, mentres vostede reza, eu doulle ao mazo...; ¡ao da industria, por suposto!

Escapábaselle pola tanxente con aquel argumento, así que lle botou un lazo dialéctico:

-¡Home, tampouco é así, que aínda que Deus ande polo Consistorio facendo extras, ou mesmo aquí, neste Café, o sitio propio para rezar é a nosa igrexa, particularmente a Parroquial! Por outra banda, que dea gloria falar con vostedes tampouco lles outorga, ou preconiza, unha certa santidade; ¡digo eu!

Ao outro día houbo milagres, en efecto, que esa impresión tivo o Párroco desde o altar, así que centrou a súa prédica nun discurso Nacional-Católico do máis clásico por aqueles tempos:


-¡Dignísimas autoridades e queridos fregueses! Hoxe, nesta homilía, observarán que vou empregar, por vez primeira, a lingua do pobo raso, séxase, o galego. Non se trata de que chochee, ¡aínda non, grazas a Deus!, nin de que volva aos falares dos nenos, iso que chaman lingua materna... Non, non é por aí, meus irmáns ben queridos. Trátase dun ensaio de pastoral que, segundo as miñas novas, ¡que non instrucións!, acaba de recomendar ese Vaticano II na súa Acta número...; coido que é na sesenta e tres, onde di que se utilicen liturxicamente, paulatinamente, as linguas vernáculas. Ben; pois non me deteño en explica-las vernáculas, nin tampouco os Comunicantes, pois para estes casos xa os ten a Santa Igrexa... Isto é para que non se lles faga tarde aos que queiran darse unha volta pola feira para defende-los seus intereses, naturalmente, ¡cousa que sempre é lícita!

Empecei como de costume, con este saúdiño de "dignísimas autoridades e queridos fregueses", pero tamén sería verdade se lle dese a volta, pois, entre estas queridas autoridades hoxe témo-la satisfacción de vernos honrados coa exemplar presenza do señor Secretario. Dámoslle, pois, a nosa benvida máis cordial a esta asemblea de veciños. Tamén percibimos, e celebramos, que don Aurelio tivese a amabilidade de sentarse no banco dianteiro, aquí mesmo, por xunto do altar, cousa que moito di da súa intelixencia, que así evítalles aos fregueses que teñan que volve-la cabeza a ceacú, para atrás, por esa natural curiosidade de fixarse nunha autoridade tan nova, tanto, que aínda non tivo tempo de perverterse nas tabernas desta Vila tan...; ¡terei que dicilo, por moito que me doa: pecadenta!

Xa saben que non adoito falar desde este púlpito das cousas profanas, que para iso está o adro, mais pareceume que non é profano darlle unha calorosa benvida a quen tanto lucirá, a quen tanto nos honrará coa súa presenza, maiormente nos actos litúrxicos.

Ben, ¡iso xa está! Agora, falando deste púlpito, do púlpito mesmo, teño que dicirlles, para ser sincero, que neste arrasamento do Concilio, este Vaticano II, ¡que mais que vaticar, batuca!, propuxéronse abaixarnos aos Presbíteros para subliña-la humildade do Pastor, que iso din! A min dáme igual, que por moito que me abaixen, de presbítero non me abaixan, pero vosoutros algo perderedes; ¡moito! Desde aquí arriba, como témo-lo púlpito no medio da igrexa, óenme mellor eses dos bancos fondeiros, pero con este anovamento gañarán os distraídos, que así poderán falar máis comodamente cos veciños do seu asento, ¡e menos mal que as veciñas reclínanse do outro lado!, sen que eu lles poda botar unha ollada…; ¡iso, de advertencia e de reflexión! ¡Neste mundo, a sorte, a astucia, sempre é dos pillastres!


Con estas novidades non me vai quedar tempo para explicárvo-lo Evanxeo en condicións, ¡segundo está mandado! ¡Vaia por Deus! Este Concilio, en vez de conciliar, revólveo todo, ¡vaia por Deus!, que polo visto tamén quere recomendar que a Santa Biblia se lea, ¡nas casas! ¡Que vos parece, nas casas, coma os protestantes, que nunca tal cousa esperei! A Biblia Católica, por suposto, ¡faltaría máis! Así que terei que recomendar que a vaiades mercando, sequera os Evanxeos, que despois, aquí na igrexa, teremos que facervos como nas escolas, ¡toma-la lección! De interpretacións, nas vosas casas, ¡nada, en absoluto, que non sabedes facelo! Iso sempre vai de conta nosa: Doutores ten a Igrexa, como di o Astete, que volo sabemos explicar; ¡perfectamente, por suposto!

Observade, queridos irmáns no Noso Señor, que xa chegamos ao primeiro domingo de Novembro. Pasámo-los Santos, e detrás quedan os Defuntos, así que estamos de camiño para o Advento. Tempo de reflexión, meus irmáns; de preparación e de arrepentimento. Esta é a ocasión de facer algo polas ánimas dos defuntiños; axudarlles a pasa-la ponte do seu Purgatorio, coma quen lles axuda aos cegos para chegar á feira, onde reciben a caridade dun refresco longamente esperado; ¡quere dicirse, un socorro salvífico!

Pois precisamente por culpa destes socorros, para facilitárvolos, estarei aquí, ao pé deste altar, despois da Santa Misa, sacrificando a miña polbada para axudarvos a libera-las vosas ánimas; ¡cantas máis, mellor! Baratiños os responsos; os meus, coma sempre, incluso os repenicados, que volos estipendio ao prezo deste último ano, para que non vos queixedes do voso Párroco, ¡inda que suban os becerros!

Credo in unum Deum...



No hay comentarios: