-XV-
Novela satírica
de
Gómez Vilabella
-o0o-
A cuestión principal é diversificar os ovos
Tantas cousas estaban ocorrendo naqueles vídeos que os da Fiscalía Celestial xa nin sabían cal escoller ou preferir. Nun deles saíu, de fondo, unha muralla romana, cerca da que se detiveron aqueles ínclitos, entrando nun dos cafés inmediatos:
-...
-¿Que, qué foi dese Concelleiro, o que ía contigo a Madrid?
-Deixeino quedar aló, por uns días, que ten un cuñado taxista, e aínda non se cansara de acanealo polos arredores; viven nun daqueles arrabaldes... ¿E por aquí, qué tal?
-Estou esperándote porque vendeu Mabel, nestes días da túa ausencia, ¡oito pisos!, dos da nosa Promotora, mesmo sobre do plano, e non é prudente ingresar todo ese diñeiro nas contas do noso Churiz. Xa sabes o que din estes paisanos, que non convén poñe-los ovos xuntos, no mesmo cesto..., ¡por se hai tropezóns! Daquela terás que firmar aperturas, aquí, na Capital, en dous Bancos, ou en tres...
-Aurelio, o que queiras, que diso entendes ti, a barullo. Pero do que sabes pouco é das miñas influencias en Madrid…; por certo, fuches un burro niso de face-los Informes para vinte Unidades, que ese Grupo Escolar mesmo mo daban de trinta; ¡de trinta, ou do que fose!
-¿E logo, sóbranlles os cartos?
-Pois..., mira ti, maldito se o sei, pero díxome o parente que fun na mellor das épocas, por culpa deses estudantes levantiscos, ¿sabes?, que aló arriba apetécelles poñer nos periódicos que funciona o Ministerio. Tan só lles hai que facer unha cesión de terreos municipais, xunto coa Certificación da Acta onde o Pleno aprobe iso, iso da cesión. Mira, non sei se cho estou explicando ao dereito, pero metín nesta carteira tódolos papeis que terás que amañar, que iso é cousa túa. Seguidamente, ¡canteiros á obra, xa neste ano! Na cantidade fuches curto, niso que falamos das trinta, ¿lémbraste?, pero o que é na ocorrencia..., ¡niso, nin que cho soprase o diaño!
Aurelio riuse, con aquela media risa súa, sardónica, de coello, sempre regañando o dente, entre anxelical e mefistotélica:
-¡Soproumo, si, que ademais da miña mestría, innata se supón, para iso dos Informes teño certo pauto..., secreto!
-¡Terás, ho, pero ándate con coidado, que che pode custar a alma!
Litis denegou coa cabeza, reafirmándose:
-Manuel, iso do diaño era antes da guerra, que agora só temos, de inimigo malo, aos comunistas...; ¡e tamén aos Concelleiros do Tercio Familiar!
-¿Como? ¿Torcéuseche algún, estes días...? ¡Debinche deixa-la vara!
-¡Ata non sei se serían todos, que non quixeron firmar a última Acta; ningún! ¡Están hostís, e tan soliviantados que logo parecen mineiros!
-¿Iso? ¡Boh, daquela firmo eu, eu só, e ben chega!
A erudición do Litis, sempre a punto para as súas manipulacións:
-Si que o podes facer, conforme á Lei de Réxime Local, texto refundido do 24 de xuño do ano 1.955, pero, precisamente nesta ocasión, convíñanos que firmase algún deles, que puxen que se che asignan cartos para a túa viaxe a Madrid, a razón de quince días; ¿e sabes qué me dixo un deses compadritos teus, dos da túa amizade, dos da túa confianza?
Manuel soltou unha buxatadas das súas:
-¡Que vou saber; teño moitas cousas ao meu favor, pero o que é pauto co demo, coma ti..., non, iso non; aínda non!
-Pois dixo que está conforme en que cobres os cartos..., ¡se presentas unha factura detallada diso, dos bordeis e das bailarinas!
-¡Xa sei quen foi: é compadre meu, en efecto! Oes, ímolo ter que botar á rúa, por reincidente, que daquela da outra viaxe, supoño que coa envexa, andou contando o que non debía, o que ningún home refire..., pola honra das súas mulleres!
-Coido que desta vez a cousa saíu da parte de dentro. Ese Ramonciño é un lixeiro da lingua, pero destas as miñas sospeitas andan tras do Xaquín, que lle pillei certos indicios, e logo que se está arrimando excesivamente aos Concelleiros electivos. Non quero tirar desa manta ata collelo nunha das gordas, pero xa se me ocorrerá algunha maneira de trincalo; ¡conta con iso!
Manuel dáballes aos beizos sen parar, coma se estivese remoendo papas, un tic característico nel nos momentos de ansiedade:
-Non sei, non sei; algo teremos que facer, que en Madrid, a carne, a boa, subiu, que hai por alí uns americanos que veñen ao filete das nosas bailarinas..., ¡agora que se lles fodeu a fodianga de Cuba! Chacho, ¡que cousas, que coxas; duras coma..., coma xamóns, de ben curados! Para a próxima lévote comigo, que hai para todos, ¡americanos incluídos, incluídos eses do Torrejón!
Aurelio resumiu:
-Manuel, deixa iso das dietas nas miñas mans, que son máis suaves cás túas..., para certos asuntos! Agora, mañá mesmo, vou convocar un Pleno, con tódalas da Lei! E ti, de momento, non digas que conseguiches o Grupo Escolar. Cando te presente, na próxima sesión, mesmo coma un Cid, e cando destapemos unhas cantas botellas, daquela verás cómo che firman, ¡así sexa no sombreiro!
A tal momento quitóuselle a preocupación, nun sopro, como sempre que Aurelio paría novas ideas, novas transgresións ou novas solucións.
-¡É-lo demo; ti, con pauto ou sen pauto, es o mesmísimo diaño!
Aurelio, que sempre adubaba aquelas ensaladas cunhas pingas de vinagre e moito azucre, ¡de pico!
-¡Non o sabes ben, querido socio!
Pero Manuel tomoullo a broma:
-¡Chacho, sen propasarte, que no Concello non somos socios, que sigo a ser o teu Alcalde..., mentres non me traballes ao Gobernador!
-Manuel, entre nos: Alí tamén somos socios, e ben que che vai nesta sociedade!
Veulle outro decaemento, unha depre desas que lle entreveraban a felicidade:
-Secretario, o malo é se veñen eses comunistas, que daquela a ver para onde escapo. ¡Aló en Madrid teñen medo deles, moitísimo; máis medo que vergoña, que cho digo eu!
-Peor será se che falto, querido Manuel, así que trátame segundo che convén; quere dicirse, do mellor, que a túa vara, a verdadeira, o teu apoio real, agora e despois, ben sabes que son eu: ¡amigo, socio e secretario, unha trindade perfecta!
O Patrón atreveuse a regatearlle, ¡por esta vez!
-Pois ti tampouco perdes comigo; ¿ou si?
-Manuel, déixate das cousas miúdas e apura ese whisky, que temos traballo, a lot of!
-Pero se aínda estou baixando do tren, despois de quince días dunhas xestións intensas...; ¡a tres diarios, que nin de mozo!
-¡Intensas, non, pero cameiras supoño que si, que comigo non che valen os farois! ¿Que, qué tal viaxaches?
-¡De primeira, chacho, que ata trouxen comigo, no coche-cama, unha corista daquelas, unha que é de Ponferrada! Inviteina a vir de vacacións, así que, meu Aurelio, ¡todo che son gastos!
-¿Igual coincides, con ela, outra vez, cando volvas a Madrid?
-¿Como que cando volva; a qué? ¡Non, ho, que xa estivo ben; deixarei descansar ao meu parente, ao Valcarce, unha tempada!
-Manuel, iso non poderá ser, que terás que bailar a peza enteira. Traio aquí, neste portafolios, a escritura dun piso que puxemos a nome do teu conseguidor, do teu parente, e desde que celebremos ese Pleno, volverás a Madrid..., ¡para que che firme a aceptación dunha doazón!
-¿Que dis? ¡Iso tamén se fai por Correos; por parte, está a miña Mabel, que igual se cela se fago tantas viaxes!
-Mabel é comprensiva, e quere os teus triunfos; ¡os triunfos e mailos trunfos! Estoutra viaxe terá de pretexto levar a escritura desa doazón, que así ven os Concelleiros que pagas, do propio peto, os favores que lle fixeron ao teu Municipio! Do que realmente se trata é de que nese Ministerio nos adxudiquen tódalas obras; as obras e maila moblaxe dese Grupo Escolar; á Urbanizadora Churiz, á nosa, que desa maneira todo para, todo queda, na propia familia, ¡sen escorras! ¿Entendes a manobra?
-¡Na familia, si, ho, que é bo descorrer do diaño! ¿Pero, non será moito compango regalarlle un piso ao meu primo, ao Conseguidor, tan caros que llos poñemos ao público?
-Modérate, Manuel, que iso é unha obriga tradicional, pagar os diezmos e mailas primicias á Igrexa de Deus; ¡neste caso, aos intercesores dos milagres!
-¿Á Igrexa de Deus, coas nosas trapisondas, enganando, de paso, ao Párroco? ¡Máis parece que tratásemos coa capela do diabo!
Deulle unha palmadiña no ombro, serenando nel, que xa ía pola enésima depre:
-Tranquilo, Manolón, que se fixese falla ir ao inferno, daquela sacareite eu, en liberdade, inmediatamente, que para algo son Avogado!
-Créocho, que es capaz diso; ¡diso, e de máis!
Fóronse do café máis felices que dous lobos rodeados dun cento de ovellas; ¡dun cento de ovellas sen pastores, sen oposición, sen criterio...; absolutamente medievais!
Na Fiscalía entresacaron un vídeo no que volvía a verse a muralla de Lugo, pero esta vez da parte dos cubos, da de fóra:
-...
-Quixera falar co Comisario Xefe, co da Social. ¡Son da familia...; Garda de Franco!
-...
-Pois si que temos a ficha dese Elemento. ¡Imos ver qué pon! ... Hai constancia dun delito común; e xa está posta a indicación de falar comigo se cae nalgunha redada, que este é un tío dos da miña reserva; ¡reserva especial!
-¿Qué delito; é común, realmente común; está probado, de cando?
O Comisario explicouse detidamente, que por algo estaba falando cun interlocutor afín, cun franquista acreditado:
-Non, non se chegou a probar, que por algo está libre; libre pero vixiado; ¡de cerca! Segundo esta nota, tres individuos apropiáronse dun coche que estaba aparcado aí mesmo, na Praza de España. O denunciante declarou que lle fixeron ao seu vehículo un número tal de quilómetros que coincide coa distancia de ir a Chantada e volver; e como, casualmente, naquela data eran as festas locais, tradicionais, contactouse coa Garda Civil, e confirmaron que, efectivamente, viran ese coche, no día de autos, no que se foron de alí, da festa, tres individuos de mala catadura, ¡con aparencia etílica!
-¿Aínda non os detiveron; por qué? ¡Son contaminantes...; moito!
-Non se pode facer, Secretario, que se a Garda Civil detivese a tódolos borrachos, daquela había que pechar a metade dos negocios deste país. Pero agarda, que vexo máis datos noutra ficha, nesta, que é a reservada, a miña, a confidencial. Aquí pon que... Confiando na túa discreción, por suposto, voucha ler, textualmente:
Detido un Fulano, alias Tal, etcétera, con ocasión das protestas dun Convenio que houbo na Empresa Z. Habilmente interrogado, declarou que, efectivamente, el ía no vehículo arriba indicado, pero que quen se presentou conducindo para recollelo, e dicindo que o mercara por aqueles días, foi estoutro compañeiro, un que non puido ser habido, que cando se efectuaron as pescudas pertinentes xa se largara para Suíza. Así mesmo declarou que o Terceiro, niso do vehículo, foi o Auxiliar do Concello de Churiz, e que, efectivamente, cría que o Tal era un elemento comunista, xa que lle ten dado instrucións e consignas diversas, maiormente sobre cómo preparar e/ou provocar paros laborais...
Non sigo, que isto de aquí abaixo son repreguntas, hábiles por suposto, pero de contraste físico, aplicadas con elementos nobres, séxase, coiro ou madeira... ¿Entendes?
Aurelio atopárase cun filón enorme, mena pura; e sentíase feliz, así que lle deu unha aperta ao Comisario.
-Non hai dúbidas: ese cretino é o meu revoltoso. Un imbécil capaz de sublevar todo un Municipio..., ¡e para máis gravidade, desde dentro da propia Consistorial!
-Sendo así, ¿formulas acusacións concretas? -Mais que preguntarlle, o Comisario propúxollo.
-De momento, non, pero pídoche que o fagas seguir; enténdese, cando veña por aquí, pola Capital. Acostuma subir nos coches da Liña, así que dáme un número destes, dos teus teléfonos, dos directos, dos confidenciais, para avisarvos cada vez que..., que se ausente! Desde logo, conta coa miña colaboración, que che axudarei a localiza-la súa camada, que este lobo non merodea só; ¡dígocho eu! ¡Ah, e procúrate unhas fotos con calquera deses sospeitosos, dos que se lle arriman..., para pilla-la banda enteira, ao completo!
-Neste caso, espera, agarda un intre, que che vou ensinar os ficheiros comunistoides, por se tes visto algún merodeador destes..., no teu Churiz!
Despois dunha minuciosa manipulación, mirando e remirando as fotos daqueles supostos sospeitosos:
-Non estou seguro, pero xuraría que este...; si, este, o mesmo, que o vin recentemente, na propia Vila. ¿Podo levar unha copia; deste, si, deste..., para que non se me esqueza a súa faciana?
-Ben, si; podes; ¡pero quedamos no falado, que a nichela hai que arrincala pronto, na primavera, antes de que grane!
-¡Naturalmente! Eu non sería o patriota que son se deixase medrar tales enxendros; e no meu Distrito...; ¡nunca, nunca dos xamais!
…
Na mesma cinta, no mesmo vídeo, os Fisgas empataron coa escena seguinte. Reflectía un cruce de rúas, bastante céntrico, no mesmo Churiz. Don Litis achegouse confiado ao forasteiro que acababa de entrar no Bar Alegre:
-Perdoe, pero non me lembro de se fomos presentados. Sonlle o Secretario deste Concello; e como levo pouco tempo, escasamente un ano, daquela aínda se me escapa algún que outro veciño. ¿Comprende?
O Forasteiro tentou de esquivalo, cortés pero secamente:
-¡Desculpe, pero non teño ese gusto!
Aurelio insistiu, cargante:
-¡Desde este intre xa o temos, amigo! ¿Vostede é de aquí, de aquí mesmo, desta Vila, ou dalgunha Parroquia do Concello?
-Sonlle..., son..., ¡Viaxante de Comercio!
-¡Ah, magnífico; pois, tanto gusto, igualmente! Mire, como non me gusta beber de pé, que iso é propio das vacas, ¿que lle parece se nos sentamos para conversar..., tal que nese curro? ¡Daquela invito eu!
-Grazas, señor, pero..., ¡téñolle présa!
O pero definitivo púxoo Aurelio, que o trabou dun brazo:
-¡Eh, non se escorra, que aínda non falou con ninguén! ¿Como se vai marchar un Viaxante de Comercio sen contactar cos seus clientes de Churiz? ¡Un desprezo! Eu, precisamente eu, pódolle facer unha boa oferta. Por conseguinte, insisto: ¿sentamos, para tomar un grolo?
Aquel Forasteiro non tiña escapatoria sen parecer sospeitoso, así que lle seguiu a conversa ao Secretario, que por certo non paraba de falar, feito un fonógrafo. De enredado, preguntoulle, como por simple cortesía:
-¿Logo, vostede, ten comercio? ¿Onde?
-¡Eu, coma o director da orquestra: todos, todos e ningún! Téñome por servidor, un bo servidor dos intereses xerais, privados e públicos; ¡neste distrito, por suposto! Ademais, para ser explícito, é un honor colaborar con este Alcalde. ¡Se soubese qué mecenas lle saíu ao Concello! Teremos que ir pensando en poñerlle unha estatua, poño por caso na Praza do Rollo, ou por xunto da Fonte. ¡Bronce puro, macizo! ¿Pero, é que non sabe a última? Acaban de premialo, en Madrid, nada menos que en Madrid, cun Grupo Escolar, de Vinte Unidades; un Centro que levará unhas instalacións deportivas anexas..., ¡que nin as teñen na Capital desta Provincia! ¡Tal e como llo digo! ¿Que, merece esa estatua? ¡Igual lla encargo ao Avalos, ese escultor do Val dos Caídos!
Aquel Forasteiro miraba a todas partes, como buscando verbas no aire, que no seu miolo esgotáranse:
-¿Ten..., que se ten, comercio..., ese Alcalde?
-¡Que va! ¿Un bo Alcalde..., comerciante? ¡Este ten dedicación plena, absoluta! E precisamente desa dedicación lle quería falar; si, eu, a vostede...
Acurralado, ¡nin verbas nin aire! Non atinaba a falar; nin a falar nin a rompe-la conversa. ¡Maldita arañeira!
-¿A min? ¡Pero se estou aquí..., de paso!
O Litis seguiu destilando, deitando pingo, case que babándose encima da cunca do outro:
-Hoxe pode que si, mais, co progreso que lle estamos infundindo á nosa Vila, vostede podería triunfar, aquí, aquí mesmo, neste sitio tan agradable para vivir. Si, ao completo; ¡seguro! ¿Nunca pensou en tirar as maletas ao lixo para establecerse como Deus manda, aquí, alí, onde fose, nunha Vila alegre, próspera, ben rexida...?
Aquel infeliz, aquel comunistiña de polas portas, naquela busca de argumentos evasivos, tan só se lle ocorreu este argumento:
-Señor Secretario, non sei cómo agradecerllo, pero..., non intente venderme nada, nadiña, que lle son un proletario, un simple proletario.
Pero o Litis, machacón, voando en círculo, sempre en círculo, coma un azor, para despois enzarzarse na vítima, tal que unha correola, enredándose no Forasteiro, toleándolle a súa alma candorosa:
-¡Pois eu tamén, amigo; eu tamén; menos que vostede, aínda menos, que lle son un funcionario, un humilde funcionario, case un franciscano! Pero fálolle por consignas do Alcalde; para promover a nosa Vila, ¿sabe? Vostede..., ¿que artigos representa?
Con isto logrou culminar o desespero daquel Viaxante metido nun bo labirinto, crispante, creóntico:
-Eu..., eu...; ¡ferraxería!
-¡Vaia casualidade: trátase do sector peor atendido...; si, aquí, aquí mesmo, en Churiz!
-Pois, non sei, que polo que vin..., non me parece exacto. -Non se atreveu nin a sinalar co dedo, pero alí enfronte estaban aqueles almacéns do Paco, tan saturados de mercadorías, ferraxería tamén, que incluso invadira, como exposición, a metade da beirarrúa fronteira.
-¡Si, si, é certo; o que eu lle diga, que fixemos estudios...! Aínda sen coñecer outras referencias, que por outra parte non as preciso, co que me prezo de psicólogo, que só hai que verlle esa cara, súa, de persoa honrada; e voulle facer unha oferta, por demais excelente: Dáse o casual de que o señor Alcalde dispón dun local axeitado, céntrico, de primeira, onde vostede podería montar unha boa ferraxería. ¡Nesta vida, todo o que sexa montar...! ¿Entende?
-¡Grazas, outra vez, mil veces, pero..., non teño cartos! -El a pecharse en si mesmo, coma un caracol asustado, e o Aurelio disposto a gaña-la súa vontade.
-¿Non ten alguén de por aquí..., iso, que dea referencias, súas? Dígame a quen coñece, aquí, en Churiz, que se o avalan, moralmente se entende, eu encárgome de que o propio Alcalde lle avale un empréstito..., para o seu circulante, que dos aprovisionamentos non haberá problema. Pode dar o meu nome, o nome e mailo cargo; ¡que me pregunten! Montar un negocio é unha simple cuestión de prestixio, que o que é cartos..., o que é cartos, en España, sobran...; ¡tendo amigos da miña categoría, por suposto!
Ante o carís daqueles ofrecementos tan xenerosos, ¡tan xenerosos e tan capciosos!, o Forasteiro acabou namorándose daquel Mefistófeles tan xeneroso, entrándolle un auténtico complexo de Estocolmo:
-Mire, señor, nin sei cómo darlle as grazas por tantas atencións, pero iso da ferraxería...; ¡terei que pensalo!
-¿Daquela dígolle ao Alcalde que lle reserve ese local, ese que ten dispoñible? -Nun bisbiseo, á orella: -O Alcalde, don Manuel, élle poderoso, moito; poderoso e magnánimo; o que é unha pena, aquí entre nós, é que sexa tan..., ¡tan falanxista! ¡Un Ataulfo! Mire, agora que ninguén nos oe, -seguiu pegado á orella do rapaz-, eu teño que moverme con discreción, debido a que, ¿sabe?, á miña ficha, na Social...; ¡un tropezón, un paso en falso, pode custarme a Secretaría! Vostede ten aspecto de home preocupado polas cuestións sociais... E tamén polo devir político, que desde que estamos falando véuseme aos ollos a súa cara, que nós témonos visto; non sei, por aí, nalgunha reunión...; ¡seguro que si, pero non consigo lembrarme onde foi!
O Forasteiro, a cada intre máis desconcertado, máis aínda:
-¡Pois..., non; non teño idea!
-Si, home, si, que xa faremos memoria. ¡Por algo me inspiraches confianza! Pero temos que ser prudentes, sobre todo cos de máis cerca, ¡para non cometer indiscrecións! Agora vou chama-lo Camareiro; ¿qué; seguimos co mesmo?
-Non, señor; grazas, que así estou ben; e coa mesma, voume, que se me fai tarde.
O outro, outro xordo de comenencia:
-Como che ía dicindo... ¿Atuámonos, non si?
-¡Por min, encantado! -O Viaxante, tan reservado pero claudicou; ¡que remedio!
-Os que temos un posto oficial, digamos, público, podemos ser utilísimos nestes momentos de, de..., ¡direino: preparación! Repito que coa debida prudencia. Eu mesmo, concretamente eu, teño o caso do Auxiliar...; si, do Xaquín, que nos entendemos perfectamente, pero non quero comprometelo..., por..., por si se descubre que eu veño operando con enlaces de alto nivel; así que, canto menos saiba dos meus pasos, mellor, mellor para el, que ese pobre rapaz está recén casado. Si, coa filla do Paco. Están arranxándolles un piso, aí mesmo, no terceiro andar deses Grandes Almacéns. A min, aínda que me pase..., ¡o que sexa, calquera cousa! ¡Nada, que estou solteiro! ¿Comprende o meu problema?
Custou tempo, tempo e labia, pero aquel forasteiro, aquel inocentiño, acabou picando, tal que unha troita!
-No teu caso eu non me preocuparía polo Xaquín, que é un tío san, un tío de fiar; ¡e mira que lle teñen zurrado na Comisaría, pero nunca lle quitaron unha verba das cousas do Partido!
Caída a troita, había que asala; Aurelio atizoulle coa labia, sen respiro, ¡que non había mellor braseiro en toda a bisbarra!
-¡Non, home, que eu quero dicir outra cousa! Xa sei, xa o sei, que é de fiar, mais é para que el, digo, el, non se vexa comprometido, ¡para que non o relacionen comigo! Por iso me vexo obrigado a terlle certas reservas, que ata me fan aparecer diante súa..., algo así como..., ¡reservado! ¡Case que un mal compañeiro!
O Forasteiro ofreceuse, xa totalmente entregado naquel lavatorio tan prolixo, tan calculado, tan cerebral:
-Se queres, daquela fálolle eu, eu mesmo; así, indirectamente, para que non se sinta violento contigo, para que teña unha referencia das túas circunstancias, da túa discreción.
O Litis sempre arteiro, maligno, previsor e precavido, seguiu engaiolando naquel alevín:
-Non, nada diso, que sería unha falta de confianza pola miña parte. Iso é responsabilidade miña: teño que dicirlle, algún día, que dependo de París; directamente de París, e que estou fondamente comprometido, pero que non pense mal de min se son discreto. ¡Discreto e distante! En canto a ti, ti non lle digas nada desta conversa; ¡nada, en absoluto, precisamente pola seguridade do propio Xaquín; diso, do que temos falado!
-Sendo así, como queiras, camarada; pero, casualmente, quedei con el, aquí, aquí mesmo, neste bar... ¡Está tardando!
-Daquela voume, que igual, se nos ve xuntos, non se acerca. ¡Ah, pero déixame un teléfono de contacto, o teu, que temos que seguir falando de negocios, que aquí en Churiz, cunha
ferraxería, ou no que sexa, teño que proporcionarche algún choio, un choio digno de ti! ¡Xa verás qué oportunidades co acelerón do noso Plan Urbano…! Pensa que sen cartos non poderemos levar á práctica esa idea revolucionaria…, ¡para competir con inimigos poderosos! Desde logo, conta comigo, ¡para calquera cousa! ¡Ah, con respecto ao Xaquín, e perdoa que insista, pero, diso, nada! ¡A el, nin media, que o facemos polo seu ben! Chamareite, claro que si…, por teléfono!
Aquí tes o meu número, e mailas señas..., ¡por se nos vemos na Capital! Agradecido por todo, moitísimo. A propósito, si se presenta a ocasión, daquela informa de min, nas alturas, que nisto das conexións estoume movendo bastante; quérocho dicir para que mo teñan presente, para cando chegue o momento...; ¡xa sabes, a creba do Sistema, que daquela haberá moita xente atusmándolles aos cargos!
Aurelio estaba radiante, triunfador:
-¡A mandar, chico; con toda confianza! Xa notara-las miñas influencias...; ¡daquela, cando chegue o Gran Día, na data dos axustes...!
O Forasteiro, pola súa parte, co anzol ben chantado nas súas guerlas:
-¡Igualmente, encantado! ¡Ah, outra cousa, por se queres ir á Xuntanza de Vegadeo, cos asturianos..., a contrasinal, para que che deixen entrar na Sancristía, é: Vengo al Cursillo de Cristiandad! ¡Vémonos!
Fíxoo cisco co que lle arrebolou seguidamente, de resposta definitiva:
-¿Que me dis? ¡Rapaz, comigo non presumas de informado, que ese contrasinal ordeneino eu; si, eu, eu mesmo, transmitindo consignas superiores, concretamente de París!
Tras daquel bautizo, veu a confirmación, o summus para aquel Forasteiro:
-¡Ah! ¿Logo é certo? ¡Saúde, Camarada; ás ordes, ás túas!
-Espera un intre, agarda por un recadiño: dilles aos de Vegadeo que mandarei..., tres ou catro Delegados... -O Litis detívose un intre para que lle fixese efecto aquela anestesia, aquela suxestión, aquel impacto. -Ti ordena que lles abran as portas, sen receo, aínda que cheguen tarde, que irán nun camión..., para disimular a súa viaxe! ¿Estamos? Dilles tamén, con discreción por suposto, que son ordes directas; de min para ti, que eu recíboas, directamente, de don Santiago Carrillo..., ¡outro Iago, outro matamouros! ¿Sabíalo?
Despedíronse engorde, con cerimonia; o Forasteiro aínda lle comentou, oufano:
-¡O que é a vida: Non me van crer cando lles conte que levo ordes persoais dun Alto Comisario...!
Litis deulle unha aperta. Cordial, o que se di cordial, non o era; ¡apertísima, si!
-Querido amigo, caíchesme ben..., ¡do mellor! Comigo terás o teu porvir asegurado... ¡Seguro; encadeado ao Ministeiro que mellor che apeteza! ¡Palabra de Autoridade!
…
Na Fiscalía, a pesares desa formalidade que rexe no Ceo, escacharráronse de risa coa inocencia daquel comunistiña tan incauto. Pasaron ao vídeo seguinte, e aos poucos:
-Fisga, detén ese proxector e preme o pause, que coido ter aquí outra testemuña, das nosas, das de cargo. Rapaces, ide tomando nota destas contradicións. ¡Deus, qué desfeita: catro policías, daqueles da Social, que entran nesa sancristía da Veiga...! Si, unha ducia de Civís que agardaban nese camión, baixo da lona, ¡coma raposos! ¿Infiltrados? ¡Si, si, iso, infiltrados! Isto... ¡Deus, nin daquela do Maquis!
Despois de identificar aos intrusos, os Fisgas reactivaron o seu proxector para reflectir as escenas interiores:
-Aí está o Viaxante; ¡o mesmo! Aí, entre os detidos nesa encerrona; é o tipo aquel que foi a Churiz. ¡Miña xoia, tan pasmón e tan inocente que é, ¡que era!, e mais chegou ao Parlamento Galego, tempo adiante, nas primeiras fornadas democráticas; ¡e para colmo, nun partido de dereitas! Agora dedícase a criar zorros, ¡zorros prateados, nada menos!, nunha chousa do Riotorto. ¡Se cadra faino con subvencións da Xunta...! -Comentou o Seis, fisgándolle o futuro ao ex-ferraxeiro.
-Querido Fisga, daquela sería por iso, que é máis fácil aperta-los botóns do marcador electrónico, no Hórreo, que venderlles cravos aos labregos de Churiz. ¡Pero qué papón, qué ollomol; morreu pola boca, e encima diso, deulle as grazas ao Secretario!
Fisga Nove, que estivera caladiño, atento á pantalla:
-¡Frei Marcos, ese tío non era ferraxeiro, que todo foi un disimulo, unha falsidade! Pero déixeme acelerar na proxección; ou démola por conclusa, que de aquí en diante son colateralidades.
Desa testemuña, dese rapaz, non se preocupe, que cando chegue o momento das deposicións, daquela arrebatámo-lo Viaxante, en soños, que nesa Ferreira Vella aínda que os deixemos de corpo presente, en coma profundo ou toqueneando, uns minutiños, nin se decatan: ¡están afeitos a velo así, adurmiñado nas tabernas!
-Entón dálle ao starter; non, ao outro, ao dese vídeo, ao persoal, ao aureliano, que teño curiosidade por ver actuar a ese maldito, polo divertido que é, e que Deus me perdoe! Un sofista divertido...; ¡que marabilla!
Aberta a pantalla, naquel intre apareceu outra escena da propia Secretaría:
-...
-Xaquín, séntate, que imos falar seriamente; ¡ti e mais eu!
O Auxiliar nin resollaba, de azorado. Custoulle un gran esforzo soster aquelas olladas do seu Superior:
-¡Eu sempre falo en serio, que a Casa do Concello, esta Domus cívica, para min é, ou debera ser, un sitio sagrado!
Nunca tal dixera, que o fulminou Aurelio, mal disimulada a carraxe que tiña encima; e daquela seguiulle falando, pero con voz baixa, case que inaudible, o que era, nel, un síntoma pésimo, máis perigoso canto máis musitaba:
-Desta vez, ademais de falar, terás que escribir; ¡e despois diso, firmar!
Xaquín percibiu que as furias andaban soltas, en tropel, aloucadas, virando ao seu redor:
-Se é que o di porque entrei tarde, daquela outras fago, digamos extras, ¡que nunca se me pagaron! Isto é un Concello; e como antes dixen, un santuario das tolerancias: aquí nunca se firmou, que iso non é de cabaleiros. Nesta Vila non firman á entrada nin sequera os empregados de meu sogro, ¡co cutre que é!
Se a mirada do Litis fose ácido sulfúrico, daquela, ¡adeus Xaquín! ¡Plomb!
-¡Ben, xa sabía eu, xa o sabía, que ademais de traidor, es un tarugo, un..., inconsciente!
O Auxiliar estaba nervioso, bastante; acovardado, non:
-¿Traidor, eu? ¡Señor Secretario, mida esas verbas!
Aurelio estirou o brazo por riba da mesa para colle-lo rapaz; fisicamente tamén, tamén fisicamente:
-¡Volve a sentar, que non acabei, que as miñas palabras están medidas; medidas, sopesadas e..., comedidas! ¿Ves este teléfono? Só teño que marcar un número, sinxelo, que o sei de memoria; e daquela, en menos dunha hora, preséntase a Social, os de Lugo..., ¡a por ti, que a tal hora estarán de volta de Vegadeo, que por algo che neguei, onte, ese permiso das vinte e catro horas, precisamente para salvarte do trullo!
-¿Quéee; qué dixo da Social, da Brigada? ¡Pasouse, dez lugares!
-¡Si, a Brigada Social; unha verba ben medida, medida e comedida! A malleira virá despois. Máis tarde, o cárcere, co descrédito conseguinte. E se sigo medindo nas verbas, detrás de todo iso quedas sen a gasolineira. ¡Daquela, se após recurso, o teu sogro quedarase sen xenro! ¿Sigo medindo; sopeso, ou..., ou fírma-la túa dimisión, inmediata, irrevogable?
Xaquín, encrespado, púxose de pé diante do Secretario, evaporada a maxia daquela presión. Intentouno:
-¿Aurelio, podo pedir unha graza? Nas execucións que ordenaban aqueles Condes, aí mesmo, na Praza do Rolo, nesa picota, seica as concedían..., e iso co animais que sempre foron os desa raza!
Aurelio, vitriólico, saíndolle a carraxe pola boca, case que nunha fervenza de escumas:
-¡Si, podes: auga, auga da billa, precisamente para afogarte nela!
Xaquín, que non perdera toda a serenidade, adoptou un acento provocativo, como para facer estourar ao dinamitas do Aurelio, que estivo a punto de deflagar:
-¡Secretario, pero, home, iso non está ben; nada ben, en absoluto! ¡Aquí, en confianza, eu pensaba pedirche whisky, whisky do bo, tal que dese que teñen no Parador! En Portomarín, ¿sabes? O que non serven aos turistas, min sequera de sobremesa, son femias, e menos aínda desas maduriñas, das regordetas, manteiga pura. Se non se teñen propias, obtidas pola Igrexa, daquela hai que levar as dos outros, tal que as dos propios cómplices, en préstamo ou arroubadas, tal que aproveitando as ausencias do Gordo...!
A tal momento, Aurelio nin pestanexaba; Xaquín tampouco, que lle tiña cravadas as pupilas:
-Se son roibas e adoneiradas, con pendentes de fantasía, fartas de cargar lastres de cen quilos por sobre da barriga, daquela..., ¡daquela mellor que mellor! Un pracer exquisito, pero, ¡caro! ¡Carísimo polas súas consecuencias! ¡A que se vai armar cando lles conte ás beatas deste Churiz tan pacato...; iso, eses detalles pornográficos, que aquí, neste país dos pasotas, pasan por todas, salvo que se cabree o Cura, ou que se lle alboroten as sobriñas!
Polo que respecta ao Xaquín aínda lle quedaba latixo en reserva, pero..., ¡Aurelio deflagrou, instantáneo, incapaz de resisti-la filípica!
-¡Traidor, comunista, mazagatos, insolente! -Desde que se calmou un tanto, virou: -¡Pero non tes probas do que dis, así que te fodes; fódeste a ti mesmo, maricón; e de paso, lárgaste, co saco ao lombo, como que me chamo Aurelio! ¡Merdeiro!
-¡Señor Secretario, a modiño, e fale ben! Tan só me falta unha foto da cama, pero, do demais, todo: días, horas, facturas, conferencias con Madrid co propio Salmonte, no propio Parador, diante da propia señora do propio Alcalde; ¡etcétera, etcétera, etcétera! ¡Vaia fregado para un home público...; iso, público, felón co seu propio Alcalde! ¡Canto non se vai divertir o noso Bispo desde que corran as augas, que seica é parente da Mabel, e tena na máis alta das estimas! Era o que che faltaba, Aurelio, topar coa Igrexa; ¡nin Franco se permite eses luxos, que lle ten pánico ao Tarancón desde que sabe que é amigo do Papa! ¡Que vergoña, qué escándalo! Eu tamén sento vergoña, ¡pero da allea...!
Aurelio transfigurouse: a tal momento ben que lle gustaría mutarse, de malvado en simple malvácea. Saíu de tras da mesa e púxolle unha man no ombro ao Xaquín, pero esta vez ao suave, conciliador, facendo, das súas tragadeiras, alma:
-¡Xaquín, pero Xaquín, meu caro Xaquín, non te facía tan cruel! ¡As cousas, as desavinzas, entre homes, entre compañeiros..., o mellor é falalas!
-Daquela, meu Aurelio, ¿facémo-las paces, definitivamente? ¡Considera este favor que che fago..., que non é cativo!
Aurelio seguía palmeándolle no ombro e o Xaquín deixábase querer:
-Home, Xaquín, que sempre te apreciei, pero iso de sublevarme aos concelleiros, toda a concellería; ¡todos, á vez...! Recoñece que iso foi unha putada..., ¡meirande cás miñas, moito máis! Fagámo-las paces, e atuémonos, ¡de por vida!
Xaquín volveuse á cadeira, que tamén era de coiro, e asentou as nádegas naquela especie de reconciliación pactada:
-O que é por min, fagamos un trato: Eu quedo ben diante dos Concelleiros, que se van enterar, que o teñen que saber, para que me collan algo de respecto, de que lles conseguín permiso, irrevogable, para algo tan importante como é o de poder asistir aos Plenos; a todos, de aquí en diante; pero ti, carísimo Mandamais, ándate con coidado se non queres que dentro de pouco pregunte por ti a Brigada Social, pero a outra, a Nova, a que poñan os meus, eses aos que ti chamas Comunistas, que están a chegar. Como dixo aquel poeta, ¡os tempos son chegados! Pensa que aquí, en España, coa de vendettas que hai pendentes, unha transición pacífica é pouco probable, ¡tal e como sómo-los españois para iso do péndulo! De producirse unha ruptura, xeral, política, comigo enfrontado, e co que sei dos teus chanchullos, das túas pelotas e dos teus pelotazos..., ¡daquela mal te vexo, Secretario!
Aurelio, maino coma unha gatiña, ¡pola forza das circunstancias!
-Nesta ocasión, e xa que estamos negociando entre homes, entre homes de pelo no peito, tamén poderei dicir algo; algo que...
-¡Adiante! -Animouno Xaquín, sentíndose forte, vencedor absoluto.
-Pois..., pídoche que non interfiras na miña clientela, na extraoficial, ¿entendes? Teño que vivir: preciso do respecto público, ¡coma ninguén! Máxime nun Réxime periclitado, nunha Ditadura periclitada, que niso concordei contigo, ¡desde o primeiro día!
-¿Na túa clientela? ¿En cal? ¡Tes tantas…! -Xaquín, facéndose o sueco.
-¡Si, ho, como di o Alcalde; que me refiro a esas consultas..., ás que ti chamas pseudoxurídicas. As que me fagan aquí, neste despacho da Secretaría, que todo iso pouco pedir é, unhas simples esmolas!
-¿Iso? ¡Adiante; por min, continúa, que me ten sen coidado, que mentres haxa ovellas, neste distrito..., alguén terá que rapalas! Se non es ti, daquela irán á Capital. Como di o Párroco, Por moito que lles rape Aurelio, aínda aforran catro guedellas. O que é por min, rapa e fode, canto queiras; pero comigo, o que é comigo, persoalmente, no sucesivo acabáronse os teus abusos, ¡xerárquicos ou non! ¿Estamos ou non estamos, meu señor don Aurelio?
Aurelio si que estaba, pero cos testículos e coa soberbia entripados, ¡literalmente castrado! O seu non era a contrición, pero, de atrición, naquel intre..., ¡todo!
...
Frei Marcos non sabía se rir ou chorar repasando aquelas miserias da súa xente; dos galaicos en xeral, e particularmente daquelas miñaxoias de Churiz. Despois dun receso e dalgún comentario entre eles:
-A ver, Fisgas, aceleremos, que aquí na Eternidade tamén avanzan os reloxos..., ¡e iso que son estrelados! ¿Traedes ao Inocencio? ¡Será cousa de incomunicalo, antes de que se picardée coa política democrática!
-Frei Marcos, suia, suia, como din os mouros; agarde un intre, só un intre, que nos falta outra escena. Pero, se o prefire, como estamos pillados de tempo, daquela cóntolla, ¡en dúas palabras!
-Nese caso será mellor que sintetices, canto poidas, que nos esperan no Tribunal de Don Pedro, ¡e aínda nos falta localiza-la terceira testemuña!
-Vai de seguido: Ocorreu que despois daquela sesión tan violenta, na propia Secretaría, o Xaquín deu en cavilar, e tamén en preguntarlles aos enlaces, chegando a descubrir certo encontro do Litis co outro rapaz, con aquel ao que chamamos Inocencio, ou Ferraxeiro, que foi un torpón e non soubo negociar. Despois de tres meses no cárcere da Coruña, á proposta da Social, aquel ferraxeiro quixo cobrarse, en especie, a zancada dun Secretario tan lioso.
Reuniu cinco compadres, entrenados nos piquetes da minería asturiana, daqueles que traballaban arreo na Camocha. Así resultou que unha noite escura, axeitada, o auto do Secretario, coa candonga de par súa, -que para daquela xa non ían fornicar ao Portomarín senón a certo hostal de Lugo, máis cerca e máis discreto, -tivo que frear en seco, nunha curva, por mor dunha árbore caída ao momento; quere dicirse, que a serraron polo pé, ata deixala a punto, en equilibrio inestable, e despois diso, provistos dun trelo que ía desde as súas canas ao outro lado da curva..., ¡carrataplum! Caeu a árbore, de traveso, no momento preciso, ¡dez metros por diante do coche, co derrape conseguinte!
Apeáronos, cortesmente pero sen sorrisos, que levaban unhas medias transparentes na cabeza; e despois de ladea-la árbore para deixa-la estrada expedita, co auto empuxado para a gabia, fixéronos pasar ao interior dunha carballeira próxima, ¡sen que ninguén chistase! Á roiba puxéronlle un esparadrapo, e ao Litis desarmárono; da do nove largo, que o que é a outra...; ¡a outra fóraselle cos mexos, desintegrada! Acto seguido atárono a un cerqueiro do fondo daquela chousa, e baixáronlle os calzóns, os de fóra, mesmo diante da súa Alcaldesa. ¡Cunha ducia de cintazos deixáronlle os de dentro tan pegadiños ao coiro como se de esparadrapo fosen! ¿Que, Frei Marcos, vaise divertindo?
O aludido, visiblemente impresionado:
-¿En..., en qué quedou a cousa? ¡Inconcibible; estou abraiado!
-A cousa, o incidente, foi rápido; tanto, que remataron en cinco minutos. Os comunistas, de contado, quitáronlle o vetillo á señora, deixándoa libre para que desatase seguidamente ao seu amor. Despois da dellada, nun tris, saltaron á estrada, para largarse no auto, no deles, que o tiñan por alí cerca, na estrada, pero algo máis adiante. Fóronse do sitio, do lugar do crime, coa conciencia tan tranquila, asubiando, ¡como se acabasen de vencer en Waterloo! Máis nada; tan só que o señor Secretario, por aqueles días, recibiu ás visitas, tódalas visitas, en pé, e non precisamente por cortesía senón por culpa daquelas chagas das súas asentadeiras! Tardou en curar: tiña a cara dura, pero o que é o traseiro..., puro flan!
Nisto, que alguén chamou á porta da Fiscalía; Frei Marcos:
-¡Chist; pode ser o propio San Pedro, e se nos colle a contos, daquela...! Abride a modiño, que levamos moito tempo nesta cámara escura, e con iso vainos cegar ese resplandor tan purísimo do Ceo.
Fisga Nove, apartando un cúmulo azuliño que facía de porta etérea, volveuse aos de dentro:
-É o Secretario de Don Pedro; vén alarmado, tremendamente alarmado, que me está dicindo que Don Litis segue facendo das súas, a cal máis espectacular.
Frei Marcos, con aquela amabilidade tan proverbial, inveterada:
-¡Dille que pase; ata o mesmo proxector, que así participa do noso divertimento! ¡Ola, rapaz! ¿Que, cómo van eses incidentes...; aí fóra, digo, no Adro Santo?
-¡Desesperados, Frei Marcos; desesperados! Tedes que abreviar esta Revisión, que ese tío, ese rei do ordeno e mando, imaxínase que está na propia Secretaría, na del, na de Churiz. ¡Está afumando o Ceo cos seus fumes! Calquera pode con ese saurio, ¡salvo que pidamos axuda do Altísimo! ¿Á que non sabedes en qué nova estrapucia se meteu?
Don Valentín, cos ollos coma pratos, intrigado:
-¡Coido que non será doado de acertar..., co inventivo que é ese tío!
-Non; non é fácil. Resulta que levamos unha racha de santificacións, das inxenuas...
Don Valentín, bromeando ao fío daquela nova:
-¡Así que si; e eu, aquí, confinado, sen gozar da gloria! A min sempre me tocaron as do cego, as negras, estas da Fiscalía; facer de Torquemada, ¡co distintos que somos! Pero, ao gran; ti conta, rapaz, que te interrompín sen querer; ¡sen querer e sen deber!
-Direille: ¡dá Gloria ve-la procesión destes días! Entre o Xubileu Compostelán, e mailo fervorín que desatou ese Vaticano, o II, ¡case tódolos galegos entran á primeira! E menos mal que aínda queda algún Crego daqueles remisos, deses que perdoan con fortes penitencias, que despois non se cumpren, que se non fose por iso, desta baleirábase o Purgatorio, maiormente o galaico! Pero, ao que ía: Como queira que, sobre todo ás mulleres, sóbranlles anos de perdón, aí fóra, ao don Litis, deulle por pedírllelos!
Don Valentín, Frei Marcos, ía de asombro en asombro; case que tatexou:
-¿Pero, cómo...? ¡Iso non pode ser: a Gloria é persoal, persoal e intransferible! ¡Está escrito nas Leis Fundamentais, nas propias da Creación!
O Secretario de Don Pedro espraiouse algo máis:
-¡Exactamente! Niso estabamos, toda a Corte Celestial, pero o Litis presentou unha alegatio onde di que en Nicea definiuse, non me lembro en qué Acta, que a Comuñón dos Santos tamén rexe de portas a fóra do Ceo; que é..., ¿como dixo? ¡Multidireccional! En consecuencia, como ese Fulano sabe latín, daquela interpreta as Actas á súa maneira; ¡puro sofisma!
Foi un dos Fisgas, que a tal intre máis que en caridade celestial ardía en curiosidade humana:
-¿Que...; qué fai agora, nese escritorio contrabandeado, nese facistol, nese aparello que se montou coas muletas dos eivados?
-¡Meu Fisga, qué coidas que vai facer semellante santiño! Púxose nun curro, ao discreto, tal que se fose un relicario de penitencia, e alzou unha cartela onde se le, Comunicantes. Mesmo coma esas petitorias que poñen as Damas da Cruz Vermella. Agora dedícase a impetra-las ánimas que desborden méritos, dicíndolles unha especie de sortilexio, con voz penosa, coma nun pranto: Credo no Espírito, na Igrexa Católica, na vosa Comuñón de tódolos Santos comigo, sempre comigo; e tamén, tamén, na vida Eterna da Democracia, no Sumatorio de tódalas súas virtudes... ¡Así sexa!
Despois desa salmodia mitinesca, pídelles o voto, con esta fórmula: ¡Irmáns, por caridade, deixádeme algo; simples excedentes, algo do que vos sobre, para que non se malogren en min as grazas divinas..., tan importantes que son!
Como vedes, con este novo invento logo ten conmutada a metade da pena que lle foi imposta; e se non vos dades présa en atopa-las testemuñas para reiterarlle eses cargos con probas irrefutables, o que é ese tío non só se libra do Purgatorio senón que é capaz de conseguir unha Secretaría Primada, ¡destas do Ceo!
Frei Marcos, xustificándose:
-Nós, o que é aquí, non perdemos o tempo, que estes Fisgas fóronme preparando o cuestionario das preguntas, e mailo das respostas, para as testemuñas que fomos localizando, pero haberá que seguir coa revisión deses secretos do tal Litis, ¡para ver se damos coa terceira, coa definitiva!
O Secretario de Don Pedro conformou:
-Si, desde logo; é imprescindible que sexan tres, unha acusación trinitaria, que se non, tan certo como que hai Deus, que este litigante alegará defecto de forma, ¡e incluso infracción do Credo! ¡Fará canto se lle ocorra, que ocorrencias sóbranlle! Aquí, no Ceo, xa sabedes que todo é trino, empezando por Deus e rematando polas Teologais, así que teredes que dar con outra testemuña, ¡como sexa! Ben, non vos entreteño máis. Vosoutros seguide fisgándolle a vida íntima..., ¡ata o mesmísimo forro dos seus cataplíns, dado que tamén pecou con eles, moito, demasiado, todo canto lle manaron, canto lle deron de si, a cano libre!
Os da Fiscalía, Frei Marcos e mailos Fisgas, reactivaron aqueles proxectores, tamén canto daban de si, ao máximo da súa impedancia, a cen grados, e de aí para arriba, que xa alampaban aqueles mecanismos, case tanto coma se fosen artiluxios avérnicos!
…
No hay comentarios:
Publicar un comentario