Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

27 noviembre, 2008

Miscelánea


Castroverde linda con Asturias

Cunqueiro, este lugués preclaro, que non é igual que dicir, “claro”, pois ademais da súa alma galaica tiña unha fantasía desbordada, sostivo que os camiños morren, tenden a morrer; pola miña parte, modestamente, e non por levarlle a contraria, penso que a realidade é que se refunden no seu constante perfeccionamento; o que importa, segundo o meu criterio, non é o itinerario, senón a orixe e maila meta, os puntos xeográficos do noso interese ou da nosa atracción.

Castroverde sempre interesou aos camiñantes, por diversos motivos, así que nunca illados estivemos, nin nos terán, porque non se pode ser un retallo do Paraíso e pasar desapercibidos. Por aquí pasaron os romanos, os máis deles andando, porque lles interesaba redondear a península, e para iso tiñan que bloquear aos cántabros, así que, uns pola Vacariza, (de vacatio), e outros desembarcando na que logo sería praia de San Lorenzo, despois de alumarse co faro herculino, fundaron a refulxente Gigia; pero tan sucios chegaron, ¡po do Camiño, suor das súas refregas coas nativas!, que desde a mesma toma de posesión, precisamente no actual Campo Valdés, encomendaron aos seus munitores a construción dunhas termas, ¡para iso, para lavarse! Aínda se conservan, e ben coidadas que as teñen os nosos curmáns.
Hoxe en día, de costas aos baños, Octavio Aurgusto, (a súa estatua evocadora), saúda a praia de desembarco dos seus milites cun ademán que parece indicar: “Agora que estades descansados e lavadiños, imos a polos cántabros, que nos agardan nesa dirección, pasado o río Sella, que non é ningún Letes…, pero que vaian diante os nosos exploratores, cos fondistas baleares, que eses pastores de aí adiante xa non son de Lugo pero seica lle dan á tirafonda de moito nabo!” Facendo Camiño, ¡que os camiños só se fan andando!, caemos na conta de que os hórreos orientais, os chamados ástures, son iguais cos de Castroverde, pero distintos dos da Terra Chá. ¡Claro, empezáronse a facer coa nosa palla, coa de Chamoso! ¿E, qué nos din eses hórreos? Un hórreo deste tipo sempre leva/levaba, de cubrición, palla, enrestrada con uces; ¡o que tiñamos en común! Isto en canto ao continente, pois o contido, tamén común, eran as colleitas, as castañas, os queixos, as balugas de manteiga… ¿Cómo se xerou a romanización?
Os adictos aos westerns imaxinarana en ondadas sucesivas: a caravana mata un cento de indios, e os colonos que integran a mesma fan unha usucapio das terras ¿liberadas? Pero no caso da romanización tiñan poucos cabalos para correr tras dos nativos, e tampouco dispoñían de winchesters, así que o seu era/foi rapinar, e de paso escravizar, aterrorizar, en correrías curtas, de espiga, coas lanzas por arganas. Para isto, o espiñazo das súas espigas foron os camiños, mellorados, perfeccionados, pois non tiñan forzas, inicialmente, como para esparexelas. (Algo que ignorou o Xeneral Silvestre cando quixo abarcar todo o Rif con só vinte e tantos mil homes, mal armados e peor mantidos)
A vía do Lucus Augusti, cos seus apoios iniciais en Romeán e Castroverde, foi dando uniformidade, homoxeneidade, ás terras e ás xentes lindeiras, que por outra parte xa tiñan, xa herdaran, grandes afinidades castrexas.
Xosé María Gómez Vilabella


No hay comentarios: