Efluvios
-I-
O Miño
Namorado dos ríos, maiormente dos ríos, pero tamén dos montes, que por algo nacín no monte, ¡nada menos que en Montecubeiro! Pero non son o primeiro en despedirme deles, que xa Rosalía lles volveu os seus ollos románticos e sentimentais na súa despedida entenrecedora. ¿Que o romanticismo está periclitado, pasado de moda? ¡Para min, non!
Fiel aos meus principios, tamén o debo ser aos meus fins; así que, nesta actitude insoslaiable diríxome desde aquí ao único porteiro que ninguén, nunca, lle meteu un gol:
Benquerido San Pedro, que se morro esta noite me sirva de confesión: ¡Por nada deste mundo quero que me deixes entrar no Ceo se aí non tedes ríos! ¡Deixádeme na terra, e concretamente na nosa Galicia, onde si os temos, incomparables!
Por se acaso, onte fun ao Pedregal da Irimia, e tiven un coloquio cordialísimo co pai de tódolos galegos. Esta foi a miña oración:
¡Oh, pai Miño, que naces rebuldeiro neste Pedregal, ensínamos a rir, que boa falta nos fai nestes tempos de crise globalizada! Ensínanos, tamén, de paso, a perdernos no mar, noese mar lonxano, coa conciencia tranquila dos prados verdes, e coa fertilidade da obra ben feita! Refírome á obra humana, pois a Opus Dei non é para humanos sinxelos coma min, pobres de espírito…, ¡e tamén de peto!
Sentado aquí, nestes croios brancos da Irimia meirega, pasarei as doas da túa ladaíña, unha ladaíña de toxos e de xestas, de ameneiros e de abrairas, de troitas bulideiras e de rulas namoradas. ¡Amén!
Nada máis chegar, vin e cheirei unha columna de fume que partía desas Pontes do señor García, enxurrando o ceo; daquela mesmo deron en tusir os lobos da serra de Meira, ¡meus pobres!
-¿Fai resío aquí, na Serra; non si, meus irmáns?
-¡Cala, home, que isto da civilización dos homes é cousa de lobos!
-¡Para alumar, precísase queimar!
-¡A nós alúmanos a lúa, e chéganos!
-¡Seica lle puxeron filtros ao fume, nesas chemineas; e logo que agora, por se fose pouco importar eucaliptais, están traendo carbón de Australia! Tedes que saber que o eucaliptol é un cosmético de primeira…, ademais de expectorante!
-¡Será, home, será; pero nosoutros seguimos tosendo…, que por iso deixamos de ouvearlle á lúa, e por iso emigran eses de aí abaixo, eses de San Martín de Lúa, aburridos da súa soidade!
Discutimos, moito, cousa de sete horas, sen poñernos de acordo: que se a civilización ten os seus gaxes; que se civilizar aos civilizados é posible ou é unha utopía, etcétera. ¡Algo de todo! En definitiva, que como nas serras non hai enxeñeiros, ninguén arbitrou nunha cuestión tan técnica de seu. Quedamos en táboas e, de cansados, botámonos a durmir. Xa se sabe, os lobos, ao abeiro dos toxos; e eu, que me dou de civilizado, fíxeno enriba dun xergón de fentos verdes, ¡pero por pouco collo un costado! Quen gañou a partida foi o sono, que non sempre está da parte dos cansos, ¡pero si daqueles que temos a conciencia tranquila!
Amenceu pouquiño a pouco, pois en Meira, ¡xa se sabe!, adoita facelo con meiras, iso espeso ao que os castrapos deron en denominar, meras. Con meiras ou sen elas, ¡Deus, qué cousa tan marabillosa é un amencer, no alto desta serra, ou en calquera delas, en calquera dos sitios onde a natureza sexa a raíña deste mundo! Daquela os lobos fóronse un pouco máis arriba, pola morena arriba, para ouvearlle ao amencer desde a pena que fai crista no punto máis alto, agora macelado con eses muíños, todos eles fillos espurios daqueles fantasmas que tanto irritaron ao noso paisano don Miguel. Isto foi o que dixeron, isto foi o que ouvearon, isto foi o que berraron, traducido á nosa lingua:
Oídenos, xente desta Galicia verde,
unha terra preñada de ingratos;
enxurradores da montaña e do val,
do río e das rías,
do ceo, da terra e do mar.
¡Escoitade aos lobos que vos ensinan a amar!
Está amencendo no alto da serra,
na terra e no mar,
así que, co resplandor deste sol abrideiro,
ollade por un intre a vosa desfeita:
¿Que, estades satisfeitos?
¡Daquela quen no o estea,
que se poña a varrer!
Para os satisfeitos,
¡mortalla teñades coa borralla que estades a facer!
E para os inquedos,
para os que gozan con este amencer,
¡que rindo vos colla a morte,
que vos colla rindo co pracer de vivir na limpeza
desta serra de Meira!
Río abaixo, xa na Pastoriza, están as lagoas da Fomiñá, onde o Miño se fai adulto e ponse a meditar: ¿Para qué vin a este mundo? ¿Non sería para Galicia fertilizar?
¡Deus, qué reflexión máis sensata! Pois con estas, por hoxe, voume, que a min tamén me cómpre meditar, rumiar…, ¡ou non sería galego! Tema levo, así que, ¡a por outro, por outro río!
-.-
O Azúmara
-II-
Non é difícil achegarse ás fontes do Azúmara, un dos afluentes máis verdes e máis simpáticos do Gran Miño; ¡o difícil é verllas! (Direino cunha paréntese: Houbo unha vez un enxeñeiro, secundado por un contratista de obras, que para aforrar unha ponte na DP1611 entullaron con entullo a metade das fontes do Azúmara, e, segundo os veciños do lugar, do lugar de Sarceda, non lles rezaron nin un mal responso!) En vista do visto, responsarei eu:
¡Oh, bendito Azúmara,
-que así te chamaron aqueles celtiñas
ao ver que eran douradas as túas areíñas-,
de qué che serviu o teu verdor,
encubridor daqueles dourados,
se polas pernas arriba
che subiron aqueles lagartos…,
romanos!
Os fillos da loba capitolina
arroubáronte para enxoiar as gorxas
das súas concubinas, das súas sabinas,
sabedores,
por obra e graza dalgún fenicio,
dalgún cabrito,
que se chibou das nosas
minas.
Pero eu devólvoche,
meu rei,
antes de que pases por Castro de Rei,
a falta de ouro un cento de roseiras
plantadas pola miña man,
¡para que cheires a rosas, para que cheires a mel,
para que volvas a sorrir
con risos de pracer!
¡Amén!
¡Xa me gustaría ser poeta para cantarlle tal e como se merece! Pero a culpa non é súa, nin do río nin do val, que entenrecen a calquera, salvo que sexamos de natureza, coma min, prosaicos! E mellor estaría, máis presentable e máis visible, se alguén, ¡unha autoridade competente!, tivese o acerto de meterlles unha escavadora río arriba, que retirase os derrames térreos e mailas árbores caídas, causantes dun, frecuente, empantanado illante e desagradable. De paso, polo lateral máis sólido, un simple carreiro peado, que nos permitise olla-lo río en extensión e profundidade. ¡Tamén o agradecerían as troitas, pois agora non teñen quen as admire, nin pescantíns cos que coquetear!
É certo que este Azúmara arrastra algunha impureza diso que os meus veciños chaman purín… ¡Impuros eles, cegos eles, que así o mortifican, cando tanto lle deben! Estes veciños dinlle “río das Lagas”, ¡desde que xa non o honran con elas, coas lagas do liño, preferindo vestirse de plásticos inmundos!
¡Oh, Azúmara, bendito Azúmara, canto zume che debo! O último que de ti recibín, o último que de ti saquei, foi unha vara de sanguiño, á que me arrimo na miña vellez para contempla-las ruínas que che inferiron os meus coetáneos. Precisamente cando baixei para colle-la vara, quedei absorto cunha música saltariqueira, que me invitaba a saltar, a marca-los puntos dun son entrañable; proviña das ruínas dos teus muíños, ¡un cento, desde Sarceda ao Miño! Pero xa sei o seu metro, a súa procedencia: ¡Eran aquelas muiñeiras de antano parrafeando cos mozos da bisbarra, namorándoos, sorríndolles, invitándoos a casar!
E logo a toponimia, outro cento, pero de lugares aos que deches auga e clareo para lava-los cueiros de milleiros de rapaces. ¡Rapaces e rapazas de, Sarceda, As Cavozas, Bergland, Veiga, Bascuas, O Mazo, Trasín, a Ribadauga, Mosteiro, Andión, Couto de Arriba, Castro do Rei…!
Nas túas augas refrescantes, purificadoras, a calzón quitado ben veces me quitaches as calores estivais…, ¡secándome, ás carreiras, en pelota picada, arriba e abaixo, por aqueles prados recén gadañados!
¿Con todo isto recibido, cómo poderei esquecerte, ausentarme? Non, nunca, meu adorado, meu adorable Azúmara: ¡Quero quedarme contigo, se non de vivo, xa que non son, coma ti, eterno, si en cinsas volto! ¿Verdade que me queres, verdade que me admites? ¡Xa me parecía que si! ¿Óelo, San Pedro? Ou o levas comigo, para o verxel celeste, ou non contes co meu pasamento, pois deste río nin Deus me separa, por Creador que sexa, que se El ten eses dereitos de creación, eu téñoos posesionais, longi temporis praescriptio…, de máis de setenta anos!
-.-
A chamada do Chamoso
-III-
Xa o sei, xa, que o teu nome non vén de chamar, senón da flamma, daquela flamma ou chama que presentaban os teus trigais, ¡flammosos!, aos ollos do depredador romano, pero…, ¡sen despreza-lo trigo, eu prefiro os teus reflexos, a ledicia narcisiana de verme fervido nas túas fervenzas!
Por se algo lles faltase ás terras deste vello condado de Flammoso, Deus, non sei se antes ou despois de crea-la Mesopotamia asiática, dotándoa dese par de ríos xemelgos que tanto a miman, o Tigris e mailo Éufrates, ollou para o seu Val Verde, e apoiando na nosa serra do Pradairo cinco dedos das súas mans divinas, saíronlle, así coma quen non quere a cousa, discretos, cinco regueiros pola esquerda, e outros tantos pola dereita, ¡a cal máis limpo, a cal máis puro!
Descoñecemos o nome que lles deu Adán a ese par de cincos, porque os nativos adoitan ser os máis desagradecidos da riqueza herdada, que non gañada, así que houbo que esperar polos romanos para que nomeasen ao río Chamoso, que o fixeron precisamente lembrando aquilo de que, ¡coñecerédelos polos seus froitos! En canto ao xemelgo, sen deixar de ter as súas virtudes saíu algo moceiro, un namorado dos prados e das flores, ¡aínda que as tivese que buscar nos lugares máis recónditos do seu val! De aí lle vén o seu alcume de Tordea…, ¡que tordea! Ben o di o dicionario: “Tordear é andar ou moverse coma un tordo, dun lado para outro”. Pero cómpreme pospoñelo pois a circulación neste país segue sendo pola dereita, así que debo acompañar, de primeiras, ao meu querido e nunca ben ponderado Chamoso.
Naqueles tempos nos que eu facía zocas para levalas á feira de Castroverde, ben veces me viches chegar suado, ofrecéndome, na túa ponte de Bolaño, un pousadoiro para o saco, e un refresco confortable para a miña gorxa. Agora, de vello, ando medio rouco, pero non podo volver a verte sen recitarche uns cantos latexos do meu corazón:
¡Ai, Chamoso, Chamoso, qué agradecido che estou!
O único que de ti me enfadaba,
o único de ti que me poñía nervioso,
era aquela nitidez coa que reflectías as caras
daquelas mozas de feiras e mercados
que aproveitaban para repasa-lo seu peiteado
facendo que agardaban
polo zoqueiro esmirrado.
¡Desagradecidas, que se rían aló por dentro,
pois eu ben que llelo notaba,
daquel pobre artesán
feito un burro de carga,
e total…, ¡para calzalas!
¡Desagradecidas, que sen as miñas zocas,
as miñas ou as do Pintor de Luaces,
os seus peíños anxelicais acabarían…,
¡enzoufados na lama!
¡Chamoso, xa que así te chamas,
non te esquezas de reclamarme,
non te esquezas de chamar
por min…,
cando pase por aquela ponte a carroza funeraria!
-.-
Meu querido Tórdea…
-IV-
Non por verte menos deixei de quererte. Tamén te levo no corazón, aínda que os meus ollos non poidan verte tanto e tantas veces como más pide o peito.
Xa sei, xa, que se meten contigo por iso de que imitas ao tordo… Eu son do partido das andoriñas, por tanto, de esquerdas, pero ti, con outras plumas, con outros trinos, a dereito tampouco andas! O que sinto de ti, que tamén me pasa co Chamoso, é que non desen os vosos nomes ata que, ámbolos dous, vos cargastes de auga, e por tanto, de razón. ¿Que é iso de que tanto o lugar de Chamoso coma o de Tordea estean situados augas abaixo, case a medio camiño da vosa vida? Non se vos respectou nin na nacenza nin na mocidade, e a voso curmán Azúmara pasoulle outro tanto, pois o lugar de Azúmara, de Sarceda ben lonxe queda, ¡pero eu xa sei o por qué! O home, e eu son un deles, así que, ¡mea culpa!, évos un desagradecido, que non recoñecemos os favores ata que os temos acugulados, multiplicados, e por veces, ¡nin así!
Para concluír cun amén, o gran favor que vos pido, aos tres, é:
Azúmara, Chamoso e Tordea,
ríos do meu sorriso,
favorecedores desta terra na que me criei,
cando cheguedes a xunto do Miño,
que tamén é meu,
cando lle deades de beber,
lembrádelle que non me quero ir
deste verxel!
-.-
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario