Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

16 marzo, 2009

Breve resume do roteiro do 14/03/2009

ROTEIRO DESDE SAN PAIO – O MESÓN DE FRAIÁS – NADELA – ENTRE AS ZARRAS – CASTIÑEIRO DO NETO – CROA DE SOUTOMERILLE- SOUTOMERILLE - VILAXURXO ATA PENA BRANCA.

Neste, segundo sábado de marzo, día 14, volvemos ter outro día de grande encanto, sobre todo nalgúns momentos do percorrido. Desde San Paio, lugar onde temos os sete cruceiros, marchamos ata O Mesón de Fraiás, no Camiño Primitivo, onde nos convidaban, mais o tempo cumpría e non nos detivemos, grazas á familia Ferreiro polo convite. Seguimos ata Nadela onde son de salientar a antigüidade destas dúas casas e a súa significación, xunto co cruceiro que hai entre estas casas. Marchamos logo camiño de ente as Zarras, por onde ía a antiga verea do Camiño de Santiago, subimos dereitiños ao castiñeiro do Neto, e desde aquí fomos á Croa de Soutomerille, onde puidemos disfrutar das vistas de Pena Branca e Pico do Outeiro, Vilaxurxo, Francelos, O Sabugueiro, polo norte, polo noreste, Serra da Vacariza e Rañadoiro polo Sur este, Paderne e terras do Corgo, e polo Oeste Gondar e Barredo, co val do río Racamonde, da Baranca ou da Pallota aos nosos pés.

Baixamos por medio dun souto, polo antigo trazado do Camiño Primitivo, dereitiños á Casa de Arriba de Soutomerille, onde nos encontramos con Carlos da Casa de Reixa de Barredo que nos ía conducir a Pena Branca, dámoslle desde aquí as grazas. Logo de visitar o que foi esta casa, hoxe catalogada ben de interese cultural, que ten a súa orixe nos anos 1200 e a súa última reforma é de 1590, seguimos polo trazado do Camiño pasando por diante do Cemiterio do lugar, e un pouco máis adiante deixamos a traza do Camiño para seguirmos camiño de Vilaxurxo. Aldea que gustamos, en xeral, o ben conservada que está. Aquí son de salientar os dous muíños que existen, aínda que en estado de abandono, como en moitos dos que hai no noso país. Finalmente subimos ata as tres Penas de Corte de Vacas e Pena Branca. Agora desde aquí, podemos contemplar a Parroquia da Meda Vilafrío, Soutomerille e todo o que viamos desde o mesmo Soutomerille, mais con moitas máis vistas, alcanzano ata vermos os Ancares, aínda con neve a día 14 de marzo.

Dicir que nestas impresionantes penas hai persoas que veñen facer boulder, deporte de subir ás rochas valéndose tan só dos propios pés e mans. Hoxe había dous mozos practicando o devandito deporte. Veñen persoas de Asturias e ata de Francia.
Desde aquí volvemos a Barredo, non podendo chegar, como pretendiamos, ir ata Vilarvente, para outra vez será.
Saúde e Terra. Manolo Muñiz

Ver imaxes



No hay comentarios: