A viaxe por terras de Ourense comezou coa visita ao Castro de San Cibrán de Las, para chegarmos alí, contamos coa axuda do profesor e investigador Sr. Colmenero, que nos estaba agardando en Cambeo e, a quen agradecemos sinceramente que nos acompañara ao longo de todo o día nas interesantes visitas realizadas.
O castro de San Cibrán de Las, é un dos máis grandes dimensións, á imaxe dos castros do sur de Galicia e norte de Portugal. O castro ten unhas impresionantes vistas, aínda que o día nubrado e chuvioso non deixaba percibir as fermosas vistas. Habitado desde o século II a.C. ata o século II d.C. Cunha superficie de máis de 95.000 metros cadrados.
Consta de varias murallas ata subir á croa, cunha ampla vía de subida. Nas excavacións realizas, podemos observar o cambio das edificacións redondas, ás cadradas.
Desde aquí baixamos a Celanova, onde visitamos, brevemente a vila, achegándonos ata a casa museo de Curros Enríquez e, seguidamente visitamos o convento de San Salvador de Celanova, onde salientamos a fachada, o claustro e a súa igrexa, co seu impresionante retábulo, coro e órgano. Sendo todo el importante e impresionante, temos que salientar a pequena capela de San Miguel, rematada no ano 942, que xunto coa de igrexa de Bande, tanto nos fai lembrar as nosas igrexas de Soutomerille ou Tórdea. Esta capela constitúe un exemplar único na Península Ibérica e un modelo indispensable para coñecermos e poder entender os tempos da repoboación cristiá, tanto en Galicia coma no norte da Península.
Logo pola tarde, despois de xantar na vila de Bande, seguimos camiño para chegar á Vía XVIII ou Vía Nova Romana e ao campamento. Se interesante foron as visitas da mañá, esta de Aquis Querquennis, a primeira visita da tarde, impresionounos especialmente, dicir que é, foi, a base militar dunha lexión romana que, durante algúns meses ao ano, queda mergullado pola suba do embalse hidroeléctrico das Conchas. Cando o volume do embalse baixa no verán, arqueólogos e turistas comezan a exploración do campamento romano máis grande de Galicia. Na actualidade, Aquis Querquennis conta cun centro de interpretación que explica o recinto e a vía romana ao carón da que naceu.
Ata hai ben poucos anos, os cimentos das estradas que comunicaban Galicia coa Meseta eran romanos. A civilización romana fíxose nos camiños: as coidadas e intelixentes vías que fixeron os conquistadores facilitaban o comercio e a extracción de recursos das zonas conquistadas. Galicia non foi allea á enxeñaría romana. Aí aparece Aquis Querquennis, un campamento romano ao carón da Vía XVIII,ou Vía Nova.
A estrutura do xacemento:
De que consta o xacemento? Antonio Rodríguez Colmenero, arqueólogo e director do grupo Larouco, que leva moitos anos investigando sobre o depósito, describe a situación: “hai un campamento militar romano e unha mansión viaria, con baños termais e unha pequena cidade ao carón”. O campamento militar estivo activo entre o 75 a.C. e o 30 d.C. e despois foi abandonado. Pero a mansión viaria, é dicir, a pousada oficial da época para viaxeiros e cambio de cabalgaduras, e a poboación que xurdiu ao seu redor sobreviviron ata a época medieval.
500 lexionarios romanos controlaban un amplo e rico territorio dende Aquis Querquennis, e posibelmente pertencían á lexión que tiña encomendado o control da Gallaecia, a Legio VII Gemina, aínda que se descoñece se era o corpo central da unidade, formada por cidadáns romanos, ou unha compañía auxiliar. Segundo Rodríguez Colmenero, “foron os enxeñeiros desta unidade os que con probabilidade deseñaron a vía romana”.
O campamento romano está moi pouco alterado e conta cunhas impresionantes dimensións de dúas hectáreas e media (máis de tres campos de fútbol). Aínda está por escavar máis da metade da superficie total do recinto, pero coñécese como será a estrutura do que aínda está baixo terra, xa que a edificación dos campamentos militares romanos era sempre moi similar e coñécese á perfección. Segundo Rodríguez Colmenero, “as estruturas son magníficas, das mellores aparecidas por aquela época. As portas do campamento eran monumentais”. O recinto militar deu de si nas escavacións importantes restos, coma o resto dunha estatua dun emperador en bronce dourado ou cerámicas de importación moi relevantes.
A 200 metros do campamento atópase un centro de interpretación. A mansión viaria non ten veleidades subacuáticas, pola contra. Pero conta cun valor excepcional. Estas pousadas distribuíanse ao longo da vía separadas por unha distancia equivalente ao que podía ser percorrida nun día polos viaxeiros. A mansión viaria de Aquis Querquennis era de luxo: contaba con instalacións termais para lecer de soldados e viaxeiros. Nela atopáronse moitas fíbulas –prendedores de capa- e moedas.
Para finalizar este percorrido, visitamos o Centro de Interpretación “Aquae Querquernae-Via Nova”. Centro onde se pode ver, na planta baixa unha exposición sobre a Vía Nova e na superior outra integrada no Museo da Querquernia. Desde este centro podemos ver o campamento romano.
Se foi impresionante a visita a Aquis Querquinnis, a seguinte visita da tarde; foi a igrexa de Santa Comba, non sabemos dicir cal é máis importante, esta é unha das igrexas ou a máis antiga de Galicia. Século VII, época visigótica. Parece que puido formar parte dun antigo cenobio ou mosteiro. A súa planta é de cruz grega. Salientar o arco de ferradura. Na ábsida conserva pinturas da segunda metade do século XVI. No interior da igexa hai; unha ara romana reutilizada como altar e un miliario romano. Tamén podemos ver un antigo sepulcro de mármore, onde se conta que estivo o corpo de San Torcuatro, antes de ser trasladado a Celanova.
Rematamos o día en Lobios, mais antes de descansar en Lobios, subimos a Portela do Home. Dicir que por aquí pasaron as lexións romanas á conquista da tribo dos callaici, ou sexa, dos galaicos. Daquela non existía raia ningunha e tardaría moito tempo en habela. Un mesmo río con dúas variantes. Limia para os galegos que o ven nacer nas fontes de Antela e Lima para os portugueses que o ven morrer en Viana do Castelo. Toda a zona está dominada polos cursos fluviais. Unha chea de afluentes acompaña o Limia que acolle dous grandes encoros: o das Conchas e o de Lindoso. Este último con presa en territorio portugués e a auga no galego.
Porén, esta é unha raia seca pois non son os ríos senón os montes os que, conforme nos imos acercando, acoutan o horizonte co seu perfil de serra. Son inconfundibles cos seus característicos picoutos coma castelos. Por altitude, conservan os circos glaciares máis baixos da Península Ibérica. De norte a sur, a serra do Laboreiro e maila de Queguas; os montes do Quinxo; o alto de Santa Eufemia, xa veciño do Xurés que ergue o punto máis alto do cordal no pico da Nevosa (1.539 m); máis ao oeste a serra do Pisco e aínda máis afastada a serra da Pena e as terras do Couto Mixto que en tempos non pertencían nin a España nin a Portugal.
As esgrevias penedas asistiron á caza do derradeiro oso destas latitudes e hoxe testemuñan o regreso da cabuxa do Xurés a través dun plan de reintroducción en liberdade da cabra montés. Para preservar toda a diversidade púxose en marcha unha das primeiras experiencias comunitarias de colaboración transfronteiriza. Por rango, o Parque Nacional de Peneda-Gerês (Portugal) xunto co Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés forman unha soa xoia natural desta vella e nova Gallaecia. A parte lusa conserva zonas moi vizosas con árbores de gran porte polo que antigamente eran empregadas para navegaren como travesas, cadernas e mastros de sona nos sete mares.
Ao día seguinte, voltamos subir a terras un pouco máis altas de Ourense, concretamente, a terras de Allariz. Aquí na vila, acompañounos, Vanesa, a quen agradecemos a súa amabilidade.
Comenzamos a visita ao Parque Etnográfico do Río Arnoia: Museo do Coiro “Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras”, onde nos explicou a recuperación do edificio, a súa historia, e a situación actual, onde só queda como artesanía o labor que fan unhas cantas persoas, mais a pel xa a traen doutros lugares, Pontevedra ou o Levante. Seguimos coas explicacións da historia de Allariz, ao longo da marxe do río Arnoia coas súas fermosas vistas. Cruzamos o río na ponte do século XII, que nos fixo lembrar a de Navia ou outros lugares, pasando ao pé da igrexa de San Pedro, por unha fermosa rúa construída cos muros do castelo. Cruzamos o centro da vila para baixarmos ver o Muíño do Burato, o Museo do Tecido “O Fiadeiro”. Todos eles son mostras moi representativas do que nun tempo significou o modo de vida e a economía desta zona, claramente ligada ao río Arnoia.
Logo volvemos subir cara ao Campo da Barreira, mais antes visitamos a igrexa de Santiago, praza do Concello, pasando polo Museo do Xoguete. Remantando, coa visita á vila, puidemos contemplar o exterior do convento de Santa Clara. Fundado en 1268 pola raíña Violante, dona de Afonso X, o Sabio e, a igrexa de San Bieito.
Para rematar a mañá visita ao Ecoespazo do Rexo. Onde uns pudieron visitar a pegada de Ibarrola na natureza daquela área, outros puidemos ver a explotación de ovellas e a fabricación de queixos, pechando dese xeito a produción do ciclo completo.
Na segunda tarde da viaxe por terras de Ourense, breve visita ás Burgas, rematando a viaxe coa visita a outro lugar emblemático, o mosteiro de Oseira. Que dicir del? O máis atractivo do edificio, ademais do seu enorme valor histórico e artístico, é o ámbito natural no que se sitúa. Nas súas orixes o lugar foi habitado por catro monxes, hoxe dezasete. No S. XII, o rei Alfonso VI comeza a facer doazóns e a partir deste momento o edificio alcanza unha gran riqueza chegando as súas posesións ata o Couto de Marín (Pontevedra) e a Zamora. Encravado nun val profundo, é un conxunto monacal formado por varios volumes pegados e de gran monumentalidade. A súa orixe é medieval e sufriu diversas restauracións e modificacións ao longo do Renacemento e Barroco. A igrexa, de época medieval xustaponse en ángulo recto coas outras edificacións. No S. XVII pegóuselle unha fachada barroca. Teriamos que falar dos Claustros, da Escaleira de Honra, O Museo de Pedra, a Sala Capitular con esas columnas de fustes torsos que se entrelazan ao chegar á bóveda en forma de palmeira, a Biblioteca (que non se pode visitar, mais eu vina nunha ocasión, e é impresionante). A igrexa á que xa aludimos, rematouse en 1239. Unha das partes máis interesante é a xirola, con retábulos de grande valor nas entradas, e unha imaxe pétrea da Virxe do Leite do Século XIII. Simplemente, impresionante, visíteno. Visiten esta e outras comarcas e Ourense.
Saúde e Terra.
Manolo Muñiz
Ver imaxes
No hay comentarios:
Publicar un comentario