O herdo:
Conservación, perfeccionamento e transmisión

Nestes días, que andei facendo unhas obriñas na miña/vosa finca “As Andoriñas” (Montecubeiro-Castroverde), tiven ocasión de reflexionar sobre a inxente cantidade de frases fondas e formativas que un vai recollendo e asimilando ao longo da vida, e coido que ningunha me impactou tanto coma a seguinte pronunciada polos beizos da nosa Enriqueta Otero: “É moito o que recibimos dos nosos entregos, e por tanto grande é a obriga que temos en conservar, perfeccionar e transmitir ese patrimonio, tanto no material coma no espiritual”. Grazas, Enriqueta; Deus cho pague.
A Historia, dun lugar, dun país, é tan só o relato daquilo que nos foi referido, ou que nós descubrimos, fose directa ou indirectamente, por escritos ou por indicios, acerca dunha evolución, dun transo secular, que no noso caso remóntase á Cova da Valiña, aí en Bolaño, nada máis e nada menos que do paleolítico superior; e comprendo que fai falta certa dose de humanidade, e de humildade, para recoñecer que o mundo, a civilización, non empezou en nós, con nós. O noso orgullo lévanos a presumir que canto había cando nacemos vale pouco ou nada, que a nosa prosperidade, e coa prosperidade, a nosa cultura, é coma a barba dos homes, que nos nace de rapaces, e por moito que a rapemos, que a maltratemos, non vai a menos. ¡Xa; pero non, non é así!
Para min, nesta bisbarra, non hai nada tan aleuto como contemplar unha das nosas casas; pero non as que fixemos nós, nin as feitas nin as restauradas, senón as primixenias, as herdadas: ¡Deus, canto traballo e canta ciencia acumulada, evidenciada, demostrada! O que nos falta é vela, querer vela. Invítovos a sentarvos diante dunha delas, de calquera, que non fai falta que sexa un pazo, e daquela, a pouco que meditemos, virásenos á imaxinación, coma se fose unha película, a Historia de Castroverde, ¡toda, enteiriña!
Levemos esa imaxinación á Cova da Valiña: ¡Meus pobres! Sobreviviron porque estaba de Deus que tiñan que perfeccionarse a si mesmos; comer do que atopasen polo seu Val Verde arriba e abaixo, defenderse das feras, abeirarse das xeadas, morrer de febres ou do que cadrase… Pero foron valentes, moito, xa que o seu Val, lento si, pero foi a máis: ¡Perfeccionaron aquelas armas de sílex, aprenderon a curti-las peles, construíron as primeiras chozas cubríndoas de xestas e de codesos, que xa era algo, ou máis ben, moito!
Cando se foron multiplicando, acadando unha convivencia social, de relación e de veciñanza pacífica, en aberta colaboración, elixiron os seus patriarcas, os seus políticos, para conduci-la tribo, para dirimir desavinzas, e incluso para organizarlles a defensa fronte aos seus inimigos, fosen tribos ou animais. Así xurdiu a idea, o proxecto, dos castros: amurallarse, pero non en calquera sitio nin de calquera maneira. Se nos detemos a contemplar analiticamente os nosos castros veremos que: ante todo buscaron uns altos naturais, doados de reforzar con pedras e con terra das inmediacións; estas situacións foron elixidas con asombrosa intelixencia porque nunca falta nelas un horizonte despexado, tanto para apercibirse da aproximación dos inimigos como para facerse, pasarse, ás castras veciñais, sinais de alerta, fose mediante fogueiras, toques de corno, e peles ou tecidos branqueados ou rechamantes que probablemente izasen a modo de bandeiras. Tamén era imprescindible ter cursos de auga ou fontes alcanzables, accesibles e suficientes.
Aqueles castros, así concibidos, eran imbatibles fronte aos inimigos tradicionais, aos internos do país, pero non o foron ante a enormidade, ante a potencia, ante a conxunción daquelas sintagmas dos romanos, apoiadas por unha cabalería que reforzaba e acudía con presteza aos puntos neurálxicos, e/ou abatidos. Os escudos romanos, compactados coma as cunchas dunha tartaruga xigante, resistían o lanzamento de pedras e de madeiras que recibisen dos asediados; e logo que o número de miles das falanxes atacantes, circundantes, multiplicando en número aos residentes, aos resistentes, era a mellor arma para infundirlles un pánico irresistible. ¡Por algo fuxiron, levando consigo o gando e demais provisións, para ese monte que hoxe coñecemos polo nome do seu atacante, o Mons Ciro, procedentes, con seguridade, de tódolos castros da rodeada! Neste Medullius, co pánico de verse escravos daqueles atacantes, daqueles romanos, unha vez que se lles esgotou a auga das dúas lagoas, optaron, segundo sabemos, por envelenarse co zume das teixeiras, daquela tan abundantes neste entorno, e non só en Teixeda!
Os romanos querían casas cadradas, ¡e así llelas tiveron que facer os nosos canteiros! Non pensedes que a muralla de Lugo foi obra de romanos; ¡nin a muralla, nin as casas! Eles mandaron, ordenaron…, pero o traballo, empezando pola canteira e seguindo polo transporte, elevación, colocación, etcétera, foi cousa do país, dos conquistados, dos sometidos.
Ao principio, nas casas labregas, tal e como ocorría nos Ancares ata fai pouco, o espazo era común: o gando na parte máis fría, para axudar a quenta-la casa! Tempo adiante o matrimonio novo subiu ao sobrado, ¡ao que sobraba!, buscando unha certa intimidade, e os vellos quedaron nas súas alcobas, nas dos seus entregos, por tras da lareira.
¡Oh, Deus, aquelas lareiras; templos auténticos e completos! Ademais da súa función de foro familiar, comezábase o día nelas atendéndolle ao pote das papas; e despois viña o do caldo, maiormente desde que os americanos trouxeron ese tubérculo, as patacas, que no entre tanto ao pote ían os nabos, os benditos nabos de Lugo, que moita fame levan quitado; xunto coas castañas, claro! A cea requiría dous potes, pois tamén existía o grande, o dos porcos, o da caldeada das vacas. ¿As vacas? ¡As vacas de Castroverde sempre foron os nosos ídolos máis prezados! Xunto cos porcos, unha divindade.
No Castro Verde de Portugal erixiron monumentos ás ovellas nos xardíns principais; nós somos máis desagradecidos, pois aínda non lle encargamos a ningún artista, e iso que temos a Pestana, uns esculturas axeitadas: ¡Da vaca, da cocha, das ovellas, das cabras, dos coellos, das pitas…! Non debera dicilo, pero as verdades escápanseme: ¡Somos un tanto desagradecidos!
Volvendo atrás: ¿É certo, ou non é certo, que a simple contemplación dunha casa, dunha eira, dun hórreo…, dinos máis, pode dicirnos máis, có mellor libro de Historia? ¿De propósito, sabedes por qué aos vinte anos escribín e publiquei o meu libro Bosquejo histórico-geográfico de Castroverde, dedicado ao meu avó paterno? Pois tamén volo vou dicir: Porque meu avó, aquel curandeiro - fistor de Berlán que sae tan chufado no primeiro número do periódico da Fonsagrada, “O Tío Pepe”, baixo o epígrafe, “O menciñeiro Verlán”, ensinoume a ollar con respecto e con admiración a obra, ¡as obras!, dos nosos entregos.
Pois isto é o que vos pido, o que vos propoño con este enésimo articulo da “Miscelánea”, que xa perdín a conta deles: ¡Que vos deteñades, sequera un anaco, a considerar os esforzos dos nosos entregos, que moito fixeron en proporción aos medios de que dispuxeron en cada época, e moito se afanaron para levarnos a onde estamos, sempre, ou case sempre, sometidos a unha vasalaxe, a señoríos, a pechos e a tributos abafantes! Grazas, unha vez máis, pola vosa atención,
Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios:
Publicar un comentario