Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

14 septiembre, 2009

QUEIMA DAS FACHAS DE CASTELO EN TABOADA 07/09/09


AS FACHAS DO FOLIÓN DE CASTELO

(Do libro “La Taboada precristiana...”)

Por
Jaime Delgado Gómez

As Fachas son unhas teas ou fachos grandes e moi altos, que revisten a maior parte dun alto pau cravado no chan. Este revestimento, de moi depurada técnica, faise con varios feixes duns combustibles arbustos que aquí se chaman “agucios”.
O “agucio” nace espontaneamente e con gran abundancia en carballeiras, castiñeiras, toxeiras... O seu tallo recto e liso, de alto como dun metro de altura e un centímetro de diámetro, arde coma palla ó secar durante o verán.
Permítanme narrar este feito costumista “das fachas” volvendo a aqueles nostálxicos tempos de neno. Pero dun neno que toma parte moi activa na que vai ser a súa facha.
O neno que xuntou os agucios e que vai cun dos seus irmáns maiores buscar un piñeiro apropiado, ou cortar “unha pola xeitosa de carballo” para o soporte da súa “facha”. O neno que axuda ó hábil irmán na correcta fabricación da facha e que o día sete -tan esperado- cárgaa sobre os ombros. O neno que, sacando forzas de Superman, a leva costa arriba ata a cima do castro. O neno que cun “pau de ferro” que por alí sempre aparecía, axuda a facer o burato e deixar nel a súa facha. O neno que se admira ó vela dereita e que se oufana crendo que a súa quizais sexa a mellor facha. O neno daquel confuso e estridente barullo cando un ramista empeza a poñer lume ás fachas, sempre ó son dos foguetes, dos fogos de luces e da música a todo bombo e prato.
As fachas, se cumpren as normas da súa correcta tipoloxía, veñen ser unha verdadeira obra de artesanía. Inícianse cuns poucos agucios ó redor do pau. Logo vaise engordando considerablemente ata facerlles –en argot facheiro- unha boa barriga no centro. Despois vai diminuíndo pouco a pouco ata rematar case en punta.
Este revestimento adoitaba ser non menor duns tres metros. Pero a técnica estaba en saber colocar ben os agucios. Estes debían quedar perfectamente enlazados e de maneira que ambos extremos dos agucios estivesen totalmente ocultos. Tan só podía ser visible o inicio dos tallos con que empezaba a facha e as cabezas daqueles que a remataban. Para asegurar os agucios ao pau, íanse atando con vimbios, que aquí se denominan “vimias”.
Os protagonistas en todo este folclore das fachas eramos tan só os nenos, pero sempre axudados por irmáns maiores, polos pais ou por calquera outro que se prestaba a colaborar.
O día nove, o último da festa, eramos recompensados monetariamente polos organizadores dos festexos ou ramistas. ¡Aquel pouquiño diñeiro era daquela para min unha fortuna... pero que non duraba máis que aquel último día de festa!.
Chamábanse ramistas os organizadores das festas porque no último día dos festexos do ano anterior comprometéranse a organizar os do ano seguinte. Pero este compromiso adquiríase ó bicar un ramo de flores do altar da Virxe. Era, pois, un compromiso inquebrantable coa Virxe.

As fachas

Facho, segundo o Diccionario Galego, defínese como: “Facho que se acendía nunha eminencia ou torre como sinal, ou para servir de guía”.
Non cabe dúbida de que, como os famosos ondeantes fumazos dos indios, tamén os fachos cumpriron nos castros importantes misivas telegráficas.
Sería unhas veces para alertar ós outros castros dalgún inminente perigo, quizais outras eran para anunciar certos acontecementos.
Tampouco é improbable que usasen fachos parecidos ás nosas fachas para así alumearse nas festas, ou en acontecementos nocturnos, celebrados colectivamente ó aire libre. Incluso é posible que a todo iso se sumasen tamén algúns actos rituais máxico-relixiosos. En todo caso rematarei dicindo que en Castelo parece terse parado o tempo.
E así aquel folclore primitivo, ou tal vez aqueles actos rituais máxico-relixiosos, seguiron repetíndose. Pero polo menos desde tempos xa inmemoriais, senón bautizadas solemnemente as fachas, si foron toleradas polo cristianismo que as inclúe como unha parte importante das festas que dedica á súa patroa.
Como un colofón a este capítulo das fachas, aquí queda escrito un chamamento ós do Castelo de hoxe e ós do mañá, para que non deixen desaparecer esta herdanza valiosa. ¡é como unha herdanza sagrada que os nosos maiores nos legaron!.
O noso folión é un patrimonio cultural xa tan noso que deixalo morrer significaría facernos indignos de quen nolo deixou como unha sagrada herdanza que non pode perderse.
Deu síntomas de agonía hai unhas décadas. Pero ó tempo púidose escoitar unha badalada de alerta nos meus artigos que El Progreso de Lugo publicou. E afortunadamente a badalada soou moi forte na gran sensibilidade cultural de varios dos nosos veciños.
Aumentou aínda máis o volume da onda sonora o noso singular fillo de Castelo, “o Paco do Vasco”. El, cos seus especiais medios para infiltrar especial interese nas capas culturais máis altas da nosa Galicia, modernas alas lle puxo a nosa “Queima das fachas”.
¡E as chamas escintilantes das fachas de Castelo, víronse repetidas veces por toda Galicia”. O meu sobriño Félix foise impregnando de toda esta esencia patrimonial de Castelo. Enseguida, coma se sempre fora un moi cualificado veciño, encheuse de tales ilusións que, con forza, foinas contaxiando a outros que xa bastante durmidas as tiñan.
Xorde entón un novo entusiasmo de renovados bríos nos Abelairas e e nos Rodríguez, nos Pérez e nos Sánchez, nos Vázquez e nos Fidalgo, nos García e nos Prado, nos Ledo e os Iglesias, nos Ulloa e os López, nos Costela e nos Cadahía, nos Díaz e nos Álvarez, e nos Montenegro, e no que queda dos Gómez, dos Yebra e dos Delgado... E destas novas ilusións cheas destes bríos renovados, naceu en Castelo a Asociación Cultural As Fachas.
Polo tanto, xa non romperemos nós con esta nosa tan singular historia. As nosas Fachas empezan a ser para Castelo e o seu contorno algo así en pequeno coma ó grande o son as fallas valencianas para Valencia e para España. ¡O noso folión coas súas fachas xa está inmortalizando a Castelo!.

(ver máis en LUGO PATRIMONIO)



No hay comentarios: