Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

23 diciembre, 2009

RESUME DO ROTEIRO ORGANIZADO POR ADEGA e AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE, domingo, 20 DE DECEMBRO


REIVINDICANDO ASPECTOS DO CAMIÑO PRIMITIVO DESDE
CASTROVERDE A LUGO.



Con este roteiro, concluimos as actividades deste ano a piques de rematar, acompañados nesta ocasión pola Asoc. ADEGA, camiño que xa fixemos noutras ocasións, mais queremos unha vez máis reinvindicar o que vimos facendo neste treito do Camiño Primitivo desde Castro Verde a Lugo.
Dicir que, como estaba previsto, nunha maña fría, como corresponde a estas datas do ano, mais moi luminosa, saímos de Lugo, para chegarmos a Castro Verde e, comezando ao pé da Torre da Fortaleza e o resto que nos queda do Castelo.
Dicir que, desde un primeiro momento estivemos acompañados, do especialista no Camiño Primitivo, membro que é de Amigos do Patrimonio, Ricardo Polín, a quen damos as grazas desde aquí e, que explicou a variante do Camiño ao pé da Torre, para baixar en dirección a San Miguel do Camiño, que vai desde o camiño do Lamalexo ás Penas de San Lázaro. Desde o lugar ao pé da Torre, fíxonos unha semblaza do Camiño, dos condados de Castro Verde e do seu enclave xeográfico e, en concreto da Torre. Non imos expor aquí todo o comentado, mais reinvindicar a falta de sensibilidade por parte de todos os políticos que estiveron ao frente do Concello e que nunca souberon resolver este tema, aínda que teñen máis culpa os que máis tempo estiveron no poder. Teriamos que conseguir que o noso pobo de Castro Verde tivera moita máis sensibilidade para este lugar tan emblemático. Senón como consentir; fincas pechadas con paredes de bloque, mesmo ao pé da Torre. Como temos o patrimonio do propio castelo, escudos, inscricións, simboloxía esparcidas por todas as casas de arredores da Torre. Referencia a casas que tiñan que ver coa rota camiñeira, a fonte ou fontes levantadas na República. Referencias a casa de ao pé da Torre lugar onde se debera facer o albergue de peregrinos e, non no lugar que se escolleu recentemente, etc.
Logo baixamos a San Miguel polo lugar de Penas de San Lázaro, onde parece que existiu un hospital. Desde aquí ata San Miguel por un fermoso camiño coa fonte “Canos do Rei”. Desde aquí contemplamos o fermoso val do río Chamoso, co vistas sobre Fontao, e Trashorras. Salientar a importancia das árbores e fontes ao pé do camiño. Desde San Miguel a Recesende coa igrexa e sartegos sobre o castro cunha fermosa vista do val do Chamoso e o Camiño Primitivo, marcado pola arboreda autótona.
Desde aquí, quixemos reivindicar o camiño por Moreira, ata o castiñeiro do Neto, visitando a Croa de Soutomerille e baixando siguidamente para visitar a Casa Torre de Arriba, cemiterio, castiñeiro da corredoira, casa Torre de Abaixo e igrexa, prerrománica, de San Salvador de Soutomerille. Non imos expor aquí todo o dito xa noutras ocasións, esta rota tería que seguir polo camiño das Barancas, mais nesta ocasión quixemos seguir para ver outra desfeita, a areira da Pallota, que ten levado por diante a metade do castro. Logo de comer na escola de Barredo, agradecendo a amabilidade dos veciños e, en concreto ao veciño e socio, Carlos Reixa.
Pola tarde seguimos camiño de Lugo, facendo paradas no Hospital de Gondar, onde temos que reivindicar a apropiación do vello camiño, seguimos ata chegarmos a outra das desfeitas, a Canteira de Bascuas. Queremos reinvindicar a rexeneración deste lugar. Baixamos polo camiño da Caciza, para logo da casa do muíño de Bascuas adentrarnos no camiño vello que, hoxe estaba nun estado lamentable, queremos reivindicar tamén o seu arranxo. Desde Bascuas a Carballido, mais aquí temos o paso cortado desde a estrada de Vilarbente ata a estrada de Mazoi, lamentable a apropiación deste camiño por parte de propietarios e urbanización das Regas reivindicamos a recuperación desta apropiación indebida. Seguimos camiño de Fazai por outro camiño fermoso ata que chegamos á aldea e o camiño volve a estar desviado. Desde aquí a Castelo, pero antes temos que reinvindicar o camiño na zona do novo Hospital. Desde Castelo a Lugo. Reinvidicación do camiño que viña da costa e entroncaba xusto enfrente dun carballo que ten, coma todas as arbóres, un significado moi importante nas rotas camiñeiras. Finalmente baixada á ponte romana sobre o rato para contemplar a ponte do camiño de ferro e subida á cidade. Mala sinalización e pésima solución e sinalización para chegarmos á porta de San Pedro.
Estas reinvindicacións xa as temos feito outras veces, mais voltamos unha vez máis sobre elas.
Boas Festas.
Saúde e Terra.
Manolo Muñiz

No hay comentarios: