Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

30 enero, 2010

Miscelánea


Veciños e parentes

Aínda que os fillos se emancipen e saian da casa, seguen sendo fillos, ¿non si? Daquela os de Pol, qué?

Gran parte das súas leiras réganse con ríos que agroman do Monciro e do Pradairo castroverdenses, maiormente o Azúmara, nado nas fontes do mesmo nome, en Sarceda, por máis que algún listiño lles dixese aos cartógrafos da Xunta que o Azúmara vai da Serra da Ferradura; o que vai da Ferradura (Pradairo) é o Ribón, o Río Bon, aínda que o Azúmara no é malo; os malos son eses que se dan de listos, e falan de oídas, ou máis que de oídas, de xordeiras. Xúntanse no lugar das Cavozas, tamén mal posto como “Cabozas”.

Agora que estes veciños, ¡e parentes!, restauraron a súa acea do Pacio para convertela en museo, a min práceme, abrogándome unha certa representatividade veciñal, dedicarlles a miña cantata á súa Muiñeira, á máis famosa de todas. En canto á musica, se lla queren poñer, por min encantado.


A muiñeira de Mosteiro


¿Que pasou, muiñeira,

qué lle fixeches ao troiteiro de Castro do Rei?
Señor, picoume a pedra e picouma de vez:
tanto se emocionou,
tanto acelerou,
dálle que te pego,
dálle que che dou,
que se lle foi o martelo…,
pola moxega!

¡Escangallamos a peneira
de tanto que peneiramos para volvelo ao seu!

Tra-la-ri-ro, tra-la-rá.


¿Que fixeches, muiñeira,

onde está ese troiteiro de Castro do Rei?

¡Señor, o que tiña que pasar, pasou:

Volveu coa cana empalmada,

e daquela deu en apañar nas troitas…,

por debaixo do meu refaixo!

¡Escangallamos a peneira

de tanto que peneiramos para volvelo ao seu!

Tra-la-ri-ro, tra-la-rá


Rapaces de Pol, vide moe-la moenda,
e de paso picádelle a pedra,
que non ten quen lla pique…,
á súa maneira! Repicádea con xeito, por arriba e por abaixo,
punto vai e punto vén,
e non coma ese troiteiro de Castro do Rei,
que tan mal lla picou que se esfarelou!
Tra-la-ri-ro, tra-la-rá.

Letra: Xosé María Gómez Vilabella

¿Música:?

En canto á fraternidade, nunha xeración historicamente recente, por se fose pouco que a casa vella do Concello de Pol conserve escudo e tradición da súa pertenza aos Altamira, aí temos a venda, en 5.500.000 marabedís, no 1514, autorizada por Doña Juana, que lle fixo D. Alonso Niño de Castro aos Osorio de Moscoso, “… la villa de Castroverde con sus fortalezas y tierra de Loazes…” ¿Quen quere máis probas desta herdanza, reiterada e común?

Xosé María Gómez Vilabella


No hay comentarios: