Breve resume do roteiro dos muíños do:
Ferradal, Pestana, Veiga e Rodinso.
No día de hoxe, sábado, 13 de marzo, saíndo de Castroverde, pasadas as 9:30 h., para camiñarmos desde Francelos, visitando o muíño do Ferradal, entre Francelos e Castedo, no rego das Presas, que arranca da agra de Portodauga, curioso nome, afluente do río Rade ou Racamonde, que irá verquer as súas augas ao río Chamoso, na Ponte Galiñeiros, xa no concello do Corgo. Muíño da Casa de Pablo de Francelos, a quen damos as grazas desde aquí, socio e membro da Xunta Directiva que, amablemente nos explicou o funcionamento. A seguir pasamos por Castedo, camiño de Rebordaos por medio dun souto con regos de auga, onde sobresae o Rego de Anguieiro que nace en Monciro, neste percorrido puidemos ver restos de mazos e muíños, estes sen restaurar, e no medio de silvas. Pasando pola parroquia de Rebordaos é de salientar a Casa Grande dos Villarino, cunha impresionante cheminea. Seguimos camiño de San Miguel, pasando por Fontao para visitar outro dos muíños restaurados, muíño de Pestana, este xa no río Chamoso. Desde San Miguel pasamos, en autobús, ata o muíño de Veiga, que data de 1829, xa na Parroquia de Montecubeiro, no río Azúmara, aquí estaba agardándonos Xosé María a quen lle agradecemos a súa amable explicación do funcionamento do rodicio e, a “trampiña” feita para que o muíño parase só, unha vez rematada a gra. Desde aquí subimos ata Vilabade, pasando por Frontoi ata Rodinso, onde nos agardaba Suso Lamela, para ver funcionar o único muíño de nora (noria) que temos en Castroverde, que data de comenzos do século XX e, que funciona por medio dun sistema de poleas e correas. Esta mesma canle de auga era aproveitada para unha pequena planta de produción eléctrica. Dicir que estamos no rego de Rodinso, aos mesmos pés da Serra do Pradairo ou Miradoiro que, é unha da fontes do río Chamoso. Salientar en Rodinso a Escola Fundación de D. Eduardo Lamela Pallín, fundada en 1931. Escola que desde aquí solicitamos que sexa cedida para a creación dun museo en Castroverde ou que, cando menos, se rehabilite para un museo de interpretación de Terras de Castroverde.
Saúde, Terra e Lingua.
Manolo Muñiz
No hay comentarios:
Publicar un comentario