Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

19 julio, 2010

MISCELÁNEA


Ao Norte, Mailoc

Ao Norte, si, pero tamén máis acó, máis dentro, pois a Meda, a nosa Meda, bretona é, xa que pertence de vello ao bispado de Mondoñedo, continuador da Sé bretona.

De tales veciños nunca houbo queixa, ¡a pesares das lindes! O Val de Fonteo bretón era xa que a parroquia de Valonga, ao traveso de Oviedo, aínda hai pouco que pasou a Lugo. Daquela tivemos a serra da Ferradura de pasteiro común; ¡de pasteiro e de xineceo, que moitas mulleres de “Tras da Serra” chegaron a ser nais dunha infinidade de castroverdenses, ao longo dos séculos! E pola parte da Meda, comunidade, que non veciñanza, temos, habemos, segundo dito queda.

A romanidade desta bisbarra ben estudada está; e por parte dos suevos, a falta doutros documentos, aí está unha toponimia abondosa que non permite dúbidas, particularmente ao noroeste onde os asentamentos suevos, lindeiros cos bretóns, están acreditados polos nomes de Rois e de Suegos, entre outros que sería prolixo enumerar aquí.

O noso Castroverde, con iso das comunicacións radiais desta provincia, sempre se encarou coa cidade da “caixa forte”… ¿Da caixa forte? ¡E logo, para qué pensades que nos obrigaron a facerlles esa muralla, e encima diso os nosos mandantes, os nosos lategueiros, pasaron á Historia como fautores dela! Así que isto contribuíu a esquecernos un pouco dos bretóns, amén da circunstancia de que foron baixando, trasladando a súa Sé, para achegarse a ese mar que lles servira de peirao acolledor ao inicio do seu éxodo. En definitiva, que non se pode coñecer un lugar, neste caso un concello, ignorando as veciñanzas, os connubios e mailas convivencias históricas.

Nisto estiven matinando estes días, que fun de peregrinación a Bretoña, ao que foi solar daquel templo bretón, pasando pola “Casa da Botica Vella”, recentemente abatida, simplemente pola simpleza de alcatrear esta praza sacra. ¡A Santiago, si, ante todo, pero tamén á Bretoña, pois a evanxelización de Mailoc é digna de veneración, de respecto e de recordación!

Se eu fose un neno das Escolas de Castroverde agradecería que me facilitasen axeonllarme diante da efixie de Mailoc; pero, como estou na idade oposta, e xa que de cativo non me levaron, (1) igual que fixen co Santo André de Teixido, aquí me tedes, do outro lado da máquina de retratar!

A foto é miña, pero as referencias que seguen tédelas en moitos libros, limitándome a resumir catro datos que podedes confirmar na “Wikipedia”:

Mailoc, (ou Maeloc) foi un bispo galego de orixe bretoa do século VI. O seu nome aparece entre os prelados participantes no Primeiro Concilio de Lugo, ano 569, e tamén no Segundo Concilio de Braga, no ano 572. Neles representou a colonia britana establecida aquí, ao noso Norte, por brito-romanos emigrantes, que abandonara a illa de Bretaña, actual Gran Bretaña, fuxindo daquelas invasións dos anglosaxóns xermánicos habidas entre o século V e o VII.

Foi todo un personaxe, ademais de bo veciño. ¡Un urro por Mailoc, e de paso, polos bretóns!
_____________________________________________________
(1) De cativos a onde nos levaba aquel Mestre manco (de Lepanto, non, que este quedara así dunha parálise infantil), don Jesús Rojo López, era ao veciño Campo D´Ares, (así chamado porque alí tivo o seu solar aquel Comendatario e Prior do convento de Meira, Ares de Maxide). Mentres as cativas saltaban coas cordas das vacas, os nenos faciamos instrución paramilitar, devoción e adhesión que de nada lle serviu ao Mestre pois tivo outra parálise, esta política, xa que foi vítima dunha depuración tardía, na que o desterraron aos Oscos (Asturias), e iso a pesares de facerlle as beiras á filla dun falanxista da parroquia, ¡ou se cadra foi por iso! Misterios de Montecubeiro, que se coñecerán no Xuízo Final…, xa que deixou de haber coplas!

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: