Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

11 septiembre, 2010

¿Que se sente ao cumprir os oitenta?

No meu caso, setenta do pasado e dez do actual. ¡Ante todo, e por encima de todo, un fracaso colosal, e por ende, uns remorsos atroces! Como nos bautizaron en latín, así comezarei… Confíteor Deo omnipoténti…, quia peccávi nimis… Para mal empezar, comezamos cunha Ditabranda, que así lle chamaban, pero, anda, que se chega a ser dura…! A verdade é que o Ditador tamén o tivo difícil coas repercusións daquel crack de Bolsa do ano 1929, e por engado, as revoltas sociais duns traballadores que estaban fartos de que os mantivesen coas migallas caídas da mesa do amo…

Comezamos a andar co sol dunha república que naceu polos cerros de Úbeda, ¡catro ilustres, corenta ilusos, catrocentos señoritos temerosos por quedarse sen o cabalo do seu orgullo, fatuo, herdado, e…, ¡catro millóns de españois que clamaban: Panem nostrum quotidiánum da nobis hódie!

Chegou a idade de mandarnos á escola, e daquela puxéronos Cara al sol. ¡Cara ao sol estivemos corenta anos, que así quedamos cegos, incapaces de distinguir, incluso entre o bo e o malo! Pero no último cuarto do XX xurdiron catro listiños que se daban de profesores, ofrecéndose para unha sobremesa democrática, ¡Nada de pan para todos: pasteis! ¡Si, si, pasteis; pastelería a deles, que se afixeron á rica torta, mesturando a orzamentaria coa extra! E nós, o pobo raso, de novo polo chan, tan de xeonllos que xa nos saíron “beatas” neles; apañando as rafas, de paso que solicitamos, e nos conformamos, con, Panen e circenses!

Daquela, nós, os raseiriños, non temos culpa, non pecamos! ¡Claro que pecamos, principalmente de omisión! Sequera ben se nos propuxo, a golpe de altofalante: “¡Habla, pueblo!”. Pero calamos; tanto, que apenas houbo voces esixentes que pedisen listas abertas…, ¡para escoller os mellores, que haber hainos, como se observa nas directivas de certas empresas!

¡Eis aquí o noso pecado, tan moral, e tan mortal, que incluso nos meteu nunha crise de identidade da que está resultando penosísimo saír! Daquela, ¡ai Deus, qué fixemos! Irmán, o pecado non estivo en facer, senón en omitir! ¿Como así?

Ab initio, os nosos maiores, que non foron capaces de encarreirar unha república, evitándolles aos apeados a ocasión do seu desquite; ¡e púidose facer, simplemente lexislando con pulso e con puga, apagando, de paso, lumes e fumes!

A continuación permitimos que volvesen a Covadonga os magrebís, e que apease do seu cabalo branco ao noso Iacóbi nada máis e nada menos que un tal Mizián, ou Missiano, que quere dicir, “O Bon”, Capitán Xeneral da 8ª Rexión. ¡Oito séculos de reconquista frustrada! ¿É, ou non é, retroceso histórico?

Nisto, as cartillas de racionamento, a cousa máis irracional do mundo. E nós, como daquela non se podía emigrar, que ningún país civilizado nos abría as fronteiras, en vez de sachar na horta metémonos a Gardas, para cubrirlle as costas, para gardarllas, ao galego menos galego da nosa Historia!

É verdade que tan pronto se puido…, ¡fuximos! ¿Para qué? ¡Para remesar divisas, reconstituíntes que reconstituísen a nosa Dita-dura, e encima diso, saíron publicadas polo IEME como “Turismo”! Lóxico: a emigración era necesaria pero vergoñosa, vergonzante; e o turismo, un indicador de que o Paraíso Perdido estaba en España, no país do sol e das alpargatas!

A todo isto, boas persoas que somos, polo menos aló no fondo, afanámonos cos fillos, dándolles, non do que tiñamos, senón do que hipotecamos. Foi unha boa obra, pero con outra omisión: ¡Que para facelos felices, escondémoslles as nosas miserias, que así saíron de chulos e desagradecidos, polo menos algún! ¡Ah, pero detrás do pecado, correlativa, sempre vén a penitencia: Agora estase vendo que eses fillos son do máis tirano cos deles. ¡O péndulo de Faucault, que é inexorable!

¡Señor, Señor, fomos traballadores, iso é certo, pero algo manirrotos, tamén! E por engado, crédulos: Para ternos felices dixéronos que España ía ben…, pero calaron, ignoraron, taparon, a súa torpeza directiva, que inexorablemente nos tiña que arrombar ao fondo desta Crise socio económica actual!

A esperanza que nos queda é pedirlle ao Sumo Facedor, cando chegue a hora do noso transo, que teña a ben designarnos Anxos da Garda das novas xeracións, sequera sexa para transmitirlles algo de prudencia, baseados na nosa, ¿terrible?, ¿frustrante?, experiencia. ¡Amén!

Xosé María Gómez Vilabella

Artículo publicado no diario "EL PROGRESO" de Lugo o 9/9/2010

No hay comentarios: