Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

06 octubre, 2010

ANDANZAS, CHANZAS E DANZAS


Unha de foguetes


Non se acabaran as chanzas, que son infinitas. O que pasa é que temo cansar ao caro lector, ¡caro, de querido!, de tantos e tan notables episodios que nos ten proporcionado o XX. Pola contra, este XXI naceu, e segue, con un único melodrama: A crise socio económica, que é tan xeral e tan aburrida que só merece un exame de conciencia, iso si, colectivo, cousa lenta, desagradable, e por tanto, inenarrable.

As vodas celebrábanse porque o merecían: ¡eran permanentes, desde as amoestacións ao cemiterio! Pola contra, os xuntoiros xa daquela eran transitorios; facíanse por tras do palleiro, e non no Concello! Neste senso e neste consenso, lóxico era que as celebrasen propios e estraños, particularmente a veciñanza do lugar, ¡dos dous lugares, do que despedía, e tamén do que recibía! Podo relatar un cento de episodios, pero hoxe serei subxectivo, mencionarei un dos anos Corenta no que fun parte activa e pasiva, asemade:

Íasenos unha veciña, por certo ben guapa e ben acaída, o que non deixaba de constituír unha perda local. Eu aínda era adolescente, un “adoecido”, como daquela se dicía, pero os cartiños púxoos miña avoa e madriña: “Tes que aprender a ser mozo cos mozos, así que dilles que tamén vas entrar na cota dos foguetes da Josefiña… Se che sobra, garda as voltas, pero non o digas, non vaian pensar que te malcrío, co serio que é teu pai”.

Urxía ir a Xerbolés pola pirotecnia, para que dése tempo a face-lo novenario, un cada noite, así que á tardiña, despois das tarefas cotiáns, aló se foron dous rapaces, dos maiores. O fogueteiro díxolles que os vendía por ducias, así que colleron doce cando só ían utilizar os nove do novenario de prenupcias, cada noite seu.

Á volta, con bo criterio pero con pouca reflexión, aqueles mozos dixéronse:

-Sobran tres, e para a festa do Santo aínda falta, así que, como temos que pasar por tres lugares, podemos tirar de un en un se nos ladran os cans ao pasar…

Nos dous primeiros, que eu saiba, ninguén se escandalizou, pero no terceiro e último…, ¡ira de Deus! Coincidiu que uns veciños do mesmo, casualmente os da Casa Grande, estaban arranxando, en secreto e con toda urxencia, a voda da súa criada co rapaz que a pretendía, que lle dera en medrar a tripa por culpa do palleiro, dos palleiros, que tiñan tres ou catro! Entre a sogra e maila súa muller convenceron ao cabeza de familia que tiña que ir a Castroverde, de inmediato, para denuncia-lo feito, pois aquel foguete era unha burla e unha deshonra, tanto para eles como para a súa criada, ¡pobriña ela! ¿Quen lles diría a eses rapaces o que está pasando nesta casa? ¡Merecen un escarmento!

Foi a Garda Civil, de inmediato, coa presteza acostumada, e localizou os oito foguetes restantes encima da herba, na palleira da Nogueira. ¿Que se lles ocorreu aos do tricorne? ¡O máis lóxico, segundo o seu criterio: levarlles aos agraviados, aos da Casa Grande, aqueles oito fogos! ¿En resarcimento? ¡Sería por iso, que outra explicación non tiña! Os rapaces, en xusta vinganza, decidimos boicotearlles a malla daquel ano aos da Casa Grande, que os de Bergland non lles fomos, ningún, e iso que adoitabamos facelo sen esperar reciprocidade!

Daquilo tiramos unha lección: ¡Que sempre é perigoso soltar fogos, e a destempo, máis!


Xosé María Gómez Vilabella


No hay comentarios: