Novembro: mes de Santos e de Defuntos
Ditoso mes, que comeza con tódolos Santos e remata elixindo a San Andrés. De defuntos, si, pero de carnavaladas, tamén, pois, detrás da cruz sempre andou o diabro.
Meu avó tenme falado daquelas bromas, daquelas carnavaladas de antes da guerra; lémbrome de varias, pero unha das que máis me impresionaron foi a de cando el, con media ducia de veciños, anticipándose ao Día da Cinsa, concretamente no amencer do Martes de Carnaval, saltaron a parede do cemiterio vello e acenderon unhas velas daquelas de cera, que se facían nas casas ao esmelgar, chantadas na propia terra dos últimos enterros. Un dos cómplices, que era ferreiro e entendía de chaves, conseguiu abrir a porta do campanario, e deu en toca-las campás, ¡como se houbese defunto!
O avó, desde a currada do convento, petoulle ao párroco co cadeliño de ferro da porta da reitoral. O crego, entre o chamador e mailo repique das campás, asomou por unha ventá, refregando os ollos:
-¿Quen é, quén chama, quén morreu!
-Señor Cura, baixe pronto, así sexa en cirolas, para que os vexa antes de que se vaian, que están saíndo das covas!
O Cura, incrédulo:
-¿Morreu Brais?
-¡Non señor; todo o contrario, que están resucitando!
O Cura baixou a toda présa, cos calzóns de baeta colorada á vista, e nada máis abrir a porta, como meu avó deixara aberto o portalón que dá ao adro, divisou aquelas ánimas, acarapuzadas coa correspondente saba de liño, correndo polo campo. Sen dicir nin pío foise á sancristía, saíndo co caldeiro da auga bendita na esquerda e co hisopo na dereita.
-¿Señor Cura, onde vai, que esas non precisan responsos? ¿Non ve que están resucitando? Veña comigo á porta do cemiterio, por se continúan saíndo…
Como era de noite, o Cura viu as luces a ras da terra, pero non se decatou das velas que as producían. Daquela tirou de hisopo, e deu en esconxurar.
Contaba meu avó que tardou bastante en reaccionar, en decatarse de que todo aquilo era un bromazo:
-¿Como estás aquí, a estas horas?
-Madruguei para ir a Librán, axudarlles a bota-las patacas…!
-¡Para aí, non te largues, que tes que darme o nome destes sacrílegos, que así se burlan do seu Párroco!
-¡Non podo, que non o sei! Eu vin e oín o mesmo cá vostede: As campás tocando a defunto…, e sen campaneiro! Despois diso, esas ánimas, que non teñen nome… ¿Non ve que son anxos, ánimas resucitadas, e están dando voltas aí no adro, porque aínda non lles deron o emprego celestial, que veñen aparvadas, do Purgatorio, máis ou menos como fixo vostede agora mesmo, ao espertar!
¡Aqueles eran carnavais, e aquelas eran chanzas, unhas carnavaladas que facían resucita-los mortos!
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario