Prezado/a socio/a,
Como seguramente xa sabes a Asociación Terras de Lugo, tanto como Grupo de Desenvolvemento Rural, tanto como entidade sen ánimo de lucro, está a realizar varios proxectos con interese para o seu territorio de actuación.
Dentro deles, hai un que ten especial relevancia, polo seu contido e finalidade, pero tamén polo agarimo co que se acolleu no seo da Asociación. Trátase do proxecto denominado “Ruta das Feiras”, o cal ten como finalidade realizar un roteiro de longo percorrido que discorra polos 7 concellos que conforman o noso territorio (Castroverde, O Corgo, Guntín, Friol, a zona rural de Lugo, Outeiro de Rei e Rábade) tomando como referencia ou eixo vertebrador, a posta en valor das feiras tradicionais que neles se desenvolveron e desenvolven. É dicir, un roteiro que une os distintos campos das feiras.
Iniciouse o camiño aló por decembro de 2009, formándose unha comisión de traballo dentro da Xunta Directiva, na que cada concello estaba representado por dous membros. Estes, encargáronse de acadar información sobre as feiras de cadanseu territorio, así como servir de apoio ao grupo de colaboradores que se conseguiu por parte da Universidade de Santiago de Compostela.
Despois dun ano de traballo, pódese dicir que os resultados son aínda mellores dos agardados, e é por isto que o noso elevado estado de ánimo lévanos a organizar unha xornada na que poidamos contarvos todo aquelo que estivemos a facer.
A Xunta Directiva á que represento, escolleu como escenario o concello de Friol, atopando como mellor local o Centro Sociocultural, e como mellor data o sábado 18 de decembro de 2010.
Como falar dun só proxecto sábenos a pouco, decidimos abrir a xornada á exposición de actividades e actuacións realizadas por outras entidades representativas dos diferentes sectores socioeconómicos que compoñen o noso territorio.
Deste xeito queda estruturada unha xornada que comeza ás 10 da mañá e remata as 7 da tarde. Tal e como podes observar no programa adxunto, sobre as 14:00 horas teremos un xantar no restaurante “Casa do Grande” (Praza da Ponte nº 28 – 27220 –Friol) cun prezo de 20 € por persoa e de menú polbo con grelos e carne ao caldeiro. Todos aqueles interesados en quedarse a xantar, deberán comunicalo con anterioridade ao día 11 deste mes na nosa sede de Orbazai (ben por teléfono 982228922 / 626014105, ou ben por correo electrónico terrasdelugo@gmail.com). En caso contrario, a Asociación Terras de Lugo non se fará responsable da dispoñibilidade de prazas.
Asemade, podedes ver a destacada intervención de Mar Perez Fra, experta en Políticas de Desenvolvemento Rural e a actuación final que amenizará o evento por parte do grupo “A Quenlla” (actuación que aporta como colaboradora a Asociación Cultural Cova da Serpe de Friol).
Agardando a vosa presenza neste máis que interesante evento, recibide un cordial saúdo.
Asdo.- Álvaro Santos Ramos (Presidente da Asociación Terras de Lugo)
No hay comentarios:
Publicar un comentario