Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

06 febrero, 2011

Miscelánea


Parafusos sen porca

No enterro do mazo dos Seijas, Montecubeiro

¡Estou abraiado, desconcertado: unha rapaza, Enxeñeiro T. Superior de Camiños, etcétera, sobriña neta do último dono deste mazo, que está no paro; e tres curas oficiando por seu avó este último sábado ao pé doutras ruínas, das de Castrum ou Castelo Lapium, en castelán e non en galego ou en normando! ¡Que paradoxos ten a vida! Pero algo aprendín: Que segue habendo torres de Babel, sexa en Montecubeiro ou en Labio, pois non hai dous que falen igual, aínda que o fagan do mesmo tema.

A pá da Deputación (da súa construtora) que desfixo o mazo escóndese á esquerda do fotógrafo, e o capataz das obras danos as costas, fuxindo a refuxiarse no seu auto. Por outra parte, os cregos do aniversario de onte, entraron na sancristía de paisano e saíron co mesmo disfrace, como asustados de que os vexa o conde Rodrigo Romáriz profanando non só as súas ruínas senón, e tamén, a lingua do país. Igual eran normando e non galegos…!




Atrio de igrexa de Labio

Para máis castelanización, teñen o adro granítico alfombrado de tixolos esmagados! Alicia, sabes que tamén estás no país das marabillas, e non só aquela rapaza do conto? ¡Isto de agora si que é conto, o conto de nunca acabar! Por partes:

Por falta dun Enxeñeiro que quixese, ¡ou soubese!, cimentar unha ponte sobre o Azúmara en curva aberta, os teus parentes quedáronse sen mazo, que é igual a dicir, sen aquel museo das ferramentas agrícolas; pero máis aínda: Castroverde e Pol quedaron sen unha ponte que lembrase, que actualizase, o punto de unión das terras de Castroverde e Luaces, ambas dos Lemos, primeiro, e despois, por compravenda, dos Altamira. ¡E ti, no paro! Pero teño certas dúbidas, pois enxeñeiros hainos desde os romanos, aqueles inventores das pontes, tantas que nos fixeron facer aquí en Galicia: ¿non sería por cutrería, ou por desviacións orzamentarias? ¡Como cada quen fala o idioma que lle convén, vaia vostede a saber!

O da igrexa, pero tamén o da Igrexa, é familia do mesmo saco: Esta de San Pedro de Labio, aínda que agora pertencen ao municipio de Lugo, tamén é da familia castroverdense pois aínda non esquecemos que o seu castelo estivo administrado por un titular do noso condado de Flamoso, aquel Veremundo Vegilaz. Non está mal coidada, non, pero, esa alfombra de tixolos…? Será cousa de volver coa lupa para localizar algunha das súas pedras como procedentes do castro – castelo – fortaleza do seu monte Lapío ou Lapium, aquel que mandou derruír don Crésconio cando asomaron os normandos dándolle a man ao conde Rodrigo Romáriz. Botei en falta unha breve lauda, naquelas paredes, que evocase aqueles feitos pois ata se deu o caso de que lles fixen algunhas preguntas a certos veciños do lugar, e a súa contestación foi: “Os que sabían diso están aquí ao lado…, pero mudos, soterrados, e como agora non hai lareiras, fóronse co seu segredo!”.

Polo que respecta á Igrexa de maiúsculas, mirade se son doutos os cregos lucenses, polo menos os de onte, que dominan dúas linguas, ademais de algo que conserven do latín: en privado falan galego, e desde o altar en castelán! ¡Santa Isabel a Católica os bendiga, pero que teñan coidado con ela, que se lembren de que as súas ordes ao seu Delegado foron que, “no cejeis en la castra y doma de Galicia”.

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: