Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

20 abril, 2011

Miscelánea

 Dulcia linquimus arva
 
“Abandonamos as doces campiñas, os verdes campos…”; expresión que puxo Virxilio en boca do pastor Melibeo cando deplorou o desterro ao que estaba condenado. (Véxanse Bucólicas, I, 3).

Con estas verbas, ou parecidas, ¡cantos castroverdenses non levarán evocado a súa terra natal, pois, se verde era a de Melibeo, a nosa, qué? Verde, si, pero o de acolledora, comme ci, comme ça, que din os franceses; se tal fose, se houbese evolucionado no pasado, e máis concretamente no XX, na mesma proporción dos seus natalicios, en tódolos sectores, asemade, que materia prima houbo, menor sería a súa poboación irredenta, a desterrada.

Deixaron de ser veciños milleiros e milleiros, particularmente os desterrados en América, pois da Europa puxante, das últimas décadas, foron volvendo, retornando, na súa inmensa maioría. ¿Deixaron de ser veciños? ¡No senso censal, oficial, físico, si, pero no espiritual, non, nunca! Máis é: a querenza pola terra nai fortalécese en proporción directa coa distancia, coa separación. Isto é indiscutible. De feito, dous veciños-veciños poden levarse mal, poden vivir en permanente ausencia un do outro, pero, na emigración…? Por algo e de algo naceron, xurdiron, as asociacións de, “Veciños de Tal Lugar”.

Hai unha sinatura que teñen pendente todos aqueles que non precisaron fuxir, fuxir da miseria! E, con qué facilidade esquecen os afincados aos seus ausentes! Non é censurable, non son eu quen para facelo, pois está inserto na condición humana, no egoísmo humano, na desconsideración humana. Xa non oio citar aquel refrán, tan certeiro como adoitan ser tódalas filosofías experimentais, que dicía, “Lonxe da vista, do corazón tamén”. Pero só é aplicable univocamente, só o cultivan os asentados, pois nos ausentes o sentimento é inverso, e habería que darlle a volta: “Lonxe da vista, o corazón treme, salouca!”.

¿A qué vén esta filípica? ¡Simplemente quero maldicir aos malos administradores, a todos aqueles que se soben á ponte de mando cando nin remar saben, causando a emigración, os desterros! Non hai país pobre de ben administrado, con xenerosidade e con iniciativa, pois ata se dá o caso de que os mellores pozos petrolíferos están nos grandes desertos. Certo é que hai riquezas naturais doadas de explotar, unhas máis cá outras, pero de todas partes se pode sacar algo, con preparación e laboriosidade, por suposto. Dicía meu avó, que ademais de menciñeiro foi un gran pensador, -eu téñoo por tal-, que, “Comparados los bienes con los males, todos los pueblos son iguales!”. De ser así, ¿de quen é a culpa? Non fai falta dicilo pois o lector ben o sabe, e non obstante, aplaudimos!

Xosé María Gómez Vilabella
 

No hay comentarios: