Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

26 abril, 2011

MISCELÁNEA

 
A Cruz do Zarro Novo


 Señor, aquela cruz do Zarro Novo...! Aquela si que foi a miña cruz, de por vida, que moito levo matinado no seu significado, na súa razón de ser e de estar. Era de madeira, se cadra tan rústica coma a do Calvario, e púxoa meu avó, xa antes de nacer eu. Hoxe está..., ¡enterrada, tan soterrada coma os que debaixo dela xacían! Esas pas da Concentración Parcelaria..., ¡que malditas sexan!

En certo modo débolles estar agradecido, pois, coa súa desaparición, as xeracións vindeiras ignorarán a maior ignominia dos anais de Montecubeiro. ¿Non se di que, morto o can, acabouse a rabia? ¡Pero non é exacto, nin definitivo, xa que, para min e para os que saiban o que eu sei, ese é, e sempre será, un punto sucio, achaiado pero sucio! ¿Porque eran fetos, porque morreron sen augas bautismais...? E os outros, por suicidas, por atentar contra Deus, autor da vida?

¡Señor, qué engorde se nos vai a burremia, o fariseísmo! En canto aos fetos, ¿non tiñan alma? ¡Claro que a tiñan, desde o instante da súa concepción, e tan pura que Ti, Señor, chamáchelos á Gloria antes de que a manchasen coas inmundicias deste mundo pecadento! A túa Redención foi universal, non si? Daquela non hai abortos que sexan indignos de compartir o campo santo parroquial! En canto aos suicidas, Ti, Señor, sabes, mellor cós médicos, que ninguén se suicida salvo en presenza dun ataque de loucura. Se polas circunstancias que fosen tolearon, podémolos considerar responsables dos seus actos? Os asasinos son responsables porque saben o dano que fan; os suicidas, non, nunca!

Neste punto choramos, meu avó e mais eu, o que non é ningún feo xa que tamén o fixo, tamén chorou Xesús ante o cadáver do seu amigo Lázaro. Meu avó, lembrándose da soidade de dous fillos, que os enterrou de propia man, coa propia aixada, naquel lugar maldito. ¡Non llos admitiron en San Cibrao, e iso que os dominicos sempre se tiveron por bos teólogos, que moitos o foron, tal que o Cardeal Gil! Eu chorei con el por dous motivos: por velo chorar desesperadamente, e tamén pola perda daqueles tíos-avós, que, sendo fillos de quen eran, a imitación de seus pais serían, chegarían a ser, dous tíos simpáticos. ¿Verdade que os tes contigo, a todos eles, Aí Arriba, cos xustos e cos elixidos? ¡Daquela deixarei de rezar por eles e comezarei a facelo polos que arrasan o patrimonio, que ese si que é un suicidio consciente!

Xosé María Gómez Vilabella
 

No hay comentarios: