Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

23 octubre, 2011

MISCELÁNEA

Schwarzwald = Selva Negra (Alemania)

Castroverde visto polo retrovisor -II-
 
Cando fun ao encontro do noso irmán de Beja (Castro Verde de Portugal), no ano 1987, non levaba preconceptos: era un homónimo, e con iso chegábame e satisfacíame, pero cando estiven en Suíza, e aproveitei para adentrarme en Alemania desde Basel, confeso que ía nervioso, expectante: ¡Unha Selva Negra tiña que superar na intensidade do verde e na beleza ecolóxica ao meu Castroverde! Pois, non; ¡en absoluto!

Aquí o retrovisor foi rotundo: As casas, algunha, un pouco máis coidadas que as nosas, pero o que é o campo...! O noso Páramo, e máis chámanlle así, é un cacho de paraíso comparado coa súa Schwarzwald! Agora entendo por qué os suevos fuxiron da súa Xermania para asentarse na Gallaecia, particularmente na zona de Castroverde.

¿E de Basel, ou Basilea, qué? ¡Ata que chegaron os nosos só falaban dous idiomas: alemán e francés! Pois iso tamén o facemos en Castroverde, coa de emigrantes retornados que acolle a Asociación de Pensionistas e Xubilados, e logo que, a maiores, cortamos o castelán, a cotío, maiormente entre a xente que se dá de culta.

O verde de Suíza tampouco está mal, pero o que está requetebén son os seus silencios nocturnos, pois o botellón celébrano de día. De noite, descansan, que así están eles de lúcidos, de pulcros e de exactos, ¡que nin que fosen reloxos! Coido que debe haber moitos reloxeiros..., ¡para exportación, claro, pois eles acóllense ao sol, como facían os nosos vellos! Os galos en Castroverde tíñanse para a Pascua, e non como despertadores. Limpos, pulcros, económicos..., ¡que sempre traballaron co diñeiro alleo! Entre os seus inventos, o que máis me alucinou foi ese automatismo dos seus inodoros, un mecanismo que non permite abri-las súas portas se previamente non se tirou da cadea. En definitiva, que saben distinguir entre insumos e consumos, e logo que non paran de engadir valor as cousas. ¡O único do que carecen é de crises, maiormente das socio-económicas!

¿Dos franceses? ¡Non lles cambio a torre do noso castelo, e iso que está medio esquecida, pola súa Eiffel! En canto as francesas… O día que lles dea ás mozas de Francelos por acicalarse con Rêve d´Or, van cheirar mellor cá elas!

En canto a Portugal… ¡Foi unha pena que non nos tratásemos antes con eses parentes! Estabamos equivocados pois de Portugal todo por aquí só se coñecían os serradores, aqueles da serra enmarcada, e parecíannos atrasados. ¡Si, si, atrasados, cando a súa serra era máis liviá, máis cómoda e máis precisa que a nosa de aire, aquela que requiría almorzar cun quilo de touciño! 

De presente estamos no mesmo cesto cós veciños, niso que chamamos Unión Europea, pero cando se esperten os fillos de Breogán…, ai daquela! ¡Daquela temos que volver a pasarlles diante, que por algo nos pasamos a vida estudando…, pola falta de traballo! O que hai que procurar é organizarse para non ter que emigrar, xa que con iso mandámoslles os rapaces criados, forzudos e ilustrados, para que logo nolos devolvan…, escarranchados!


Xosé María Gómez Vilabella
 

No hay comentarios: