Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

30 noviembre, 2011

Pestana, un fotógrafo de luxo

O artista de Castroverde, no salón da súa casa de Bascuas, ante un autorretrato (Foto. Sebas Senande)

Polo seu interese reproducimos este artigo publicado no diario O Progreso de Lugo
23/11/2011 - Alberto Monsalve / El Progreso (Lugo)

O fotógrafo de Castroverde Baldomero Pestana atesoura na súa memoria aos seus 93 anos recunchos e experiencias de decenas de países do mundo. Ademais ten o orgullo de ser retratista reputado de celebridades como García Márquez, Neruda ou Polanski.
As VIAXES de Baldomero Pestana comezaron cando tan só tiña catro anos e emigrou a Buenos Aires, onde o esperaba a súa nai . Un tío que era xastre, e o máis culto da familia, ensinoulle ese oficio. Aos 11 anos pono a coser e aos 18 Baldomero Pestana xa vivía da agulla. Aínda que como el afirma, «era un traballo de supervivencia, non vía nel o meu futuro».
Pestana desexou viaxar polo mundo para logo escribir as súas vivencias. Embarcouse nun buque mercante como camareiro, grazas a un amigo, e atracou en Italia, España e Brasil. Ao seu regreso e xa casado, decidiu aprender fotografía en Buenos Aires nunha academia, onde sobresaíu como retratista, segun os entendidos, a disciplina máis complicada. «Era moi bo retratista ao meu xeito, ao xeito clásico». «Nunca quixen facer retratos con deformacións, quería sacar á xente ao xeito do Renacemento».

A obra de Baldomero Pestana marcou ás novas xeracións de fotógrafos, sobre todo de Perú, onde se instalou en 1958, cansado de política en Arxentina. Alí comezou traballando como fotógrafo no diario ‘El peruano', aínda que a súa actividade fotográfica foi moi ampla, xa que tamén traballou para importantes organizacións como Unicef, a ONU e importantes revistas como ‘Time', ‘Life' e ‘Esquire'.

Percorreu o país fotografando a realidade social, pero a actividade artística centrouna, sobre todo, nos retratos a intelectuais e personalidades do país.
Tivo a oportunidade de coñecer e retratar ao poeta chileno Pablo Neruda, premio Nobel. Anos máis tarde, en París, fotografaría a outro nobel, o escritor colombiano Gabriel García Márquez, cando estaba a traducir ao francés a súa famosa obra ‘Cen anos de soidade'. «Eu non gañei diñeiro cos meus retratos, quixen retratar a toda a intelectualidade e adquirín gran prestixio», di Pestana.

Unha vez instalado en París dedícase nos primeiros anos á fotografía e, despois, á pintura, a expor e viaxar. O seu xeito de crear era un tanto peculiar, «levantábame ás nove da mañá e empezaba a traballar, pero cada tres horas descansaba, porque a vista cánsase e o debuxo necesita esforzo, pasaban días e semanas ata que conseguía terminar unha obra». Para poder transmitir todo o seu talento afirma que «hai que concibir a obra, imaxinar como vai ser . Tamén asegura que «sempre leva moito tempo crear».

Pestana abandonou a fotografía profesional fai máis ou menos 20 anos, cando a paixón polo debuxo impúxose ata acaparar toda a súa enerxía. «Fotografando aos pintores coas súas obras, cheguei á conclusión de que podía ser como eles». Unha primeira exposición no 79, en Bruxelas, marca o seu novo rumbo artístico. Os seus debuxos a lapis, grandes formatos onde a figura humana é central, exhibíronse en galerías de medio mundo, desde Corea do Sur a Estados Unidos. «Cheguei ao debuxo como derivación do meu oficio de fotógrafo, a foto sempre é imperfecta, e eu lograba facer a foto perfecta retocándoa con lapis». Moitos debuxos eran das súas fotos.

Pestana acumula boas pezas de retratos fotográficos: Man Ray, Bioy Casares ou Bryce Echenique entre outros. Unha tarde de 1976, o pintor peruano Herman Braun pídelle que lle acompañe a un estudo de cine a retratar a un talentoso director. Era Roman Polanski. A sesión de apenas 15 minutos, non lle satisfixo. «Era imposta, tiña que retratalo en posturas que ordenaba Braun». No retrato que el lle fixo, Polanski pousa cun puro, sabéndose atractivo.

Como afirma o retratista, a arte «nace cun, en realidade todo o mundo séntese artista, é un modo de realizarse». Sempre o xeito de interpretar a arte adoita ser subxectiva e Baldomero expresa que «o público interpreta ao seu xeito, a arte serve para estimular e para reflexionar». Algunhas das súas obras máis importantes, a parte dos retratos de celebridades, son O prisioneiro; un díptico que lle encargou o presidente da compañía Samsung ou un mural que se fixo a partir dun óleo de Pestana no museo da ciencia de París. O artista manifesta que todas as súas obras «son como fillos» e lamenta vender algunhas.

Actualmente Baldomero Pestana pásase catro horas diarias navegando en internet para ver obras de arte, sobre todo pintura. «¡Canto pracer deume ler libros, escoitar música ou contemplar obras!». O creador manifesta: «xa que estamos vivos neste mundo, aproveitemos o mellor, a arte, a beleza, o amor e moitas cousas máis».

INFLUENCIAS

O creador admira o surrealismo

O artista Baldomero Pestana confesa que, entre as súas influencias, está o surrealismo. Ademais tamén admira pintores renacentistas como Alberto Durero ou Hans Holbein Buscou as súas obras por toda Europa para admiralas. Pero o que a el máis lle gusta é o realismo. Como artista se considera realista e as súas obras pertencen na súa maioría a ese estilo.

Obras favoritas

O creador revela que de entre as súas moitas obras, unha das súas favoritas é ‘O prisioneiro', unha pintura na cal hai un individuo que se fai atar polo público e libérase só. Ao falar dela percíbese o seu orgullo.

O artista de Castroverde expuxo a súa obra fotográfica e pictórica en numerosos países, desde Corea do Sur a Estados Unidos

No hay comentarios: