Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

22 marzo, 2012

A HERDANZA DOS FRADES DE MONTECUBEIRO

O autor, no primeiro día de traballo no Banco Exterior de España
 
Ora et labora, foi a consigna, a herdanza que recibín daqueles dominicos do convento de Montecubeiro a través, por mediación, de meu pai. ¡Deu-los bendiga! Lémbrome perfectamente que ma ensinou, que ma explicou, aquel día de defuntos no que pasamos a reitoral da parroquia, antigo convento, para encargarlle ao señor Cura, D. Benito Castro Piñeira, uns responsos polas obrigas da casa de Gómez de Bergland. Desde aquel día apropieime do lema, ou sería mellor dicir que tratei de seguilo; e como é inalterable, sen posible caducidade, aquí o deixo, para os meus fillos, e destes, para os netos.

Nisto mesmo estaba pensando cando me tiraron esta fotografía no meu primeiro día de traballo bancario; dixéronme que iso de retratar aos novatos era a novatada, un costume que tiña aquel Pedrola do departamento de Persoal do Banco Exterior de España, onde me sentaron…, ¿ou debera dicir, onde me asentaron? Xa pasara por unhas poucas: zoqueiro, mestre de a ferrado, tres anos, desde os 18, como mecanógrafo do Consejo Supremo de Justicia Militar, oposicións…, e por último, ¡listeiro!, pasar lista e control de todo o persoal da casa, retrasos, vacacións, xustificación de ausencias, etcétera. En definitiva, o acusica da Central.

Naquela mesa só me faltou unha cousa: un letreiro co lema dominicano; pero non foi preciso pois, o que ben se aprende, nunca se esquece, e vindo dos pais, menos aínda.

¡Ora et labora, bendita consigna, orde inesquecible! Iso, orde, pois como tal debemos levala na memoria cerebral, e xa que logo, pasala á memoria do ordenador, por se alguén aínda non a coñece. Así como os Mandamentos se encerran en dous, amar a Deus sobre tódalas cousas, e ao próximo por Deus, a nosa vida pública tamén debe concretarse nestoutros dous, pois, ao meu entender, nisto cabe e se concreta toda posible exemplaridade. ¡Pero qué listos, e qué santos, aqueles dominicos! Con tal herdanza, eu ata lles perdoaría que exercesen aquel privilexio da prima noctis, se é que o utilizaron no meu Montecubeiro, pois honra, que non deshonra, sería proceder de tales homes!

¡Ora et labora, compendio de virtudes, pero, lamentablemente, un tanto demodé a estas alturas do XXI!

                                                                       
                                             Xosé María Gómez Vilabella


                                                                          -.-

No hay comentarios: