Na ponte de Ronfe |
Neste sábado, algo chuvioso, mais tíña que chover e, finalmente parece que algo vai chovendo. Saímos de Sárria perto das 10:00 h., subimos desde o Mazadoiro pola vella estrada de Valdeorras, pasando ao pé da fábrica de coiros ( Casa Sarry) e desde aquí ata Betote para pasar ao pé da croa do Castro e a súa igrexa románica (San Vicenzo) que ardeu hai poucos anos. Temos que salientar os seus canzorros e fermosa ventá rómanica. Desde esta zona hai unha fermosa vista sobre a Veiga de Sarria cos montes ao fondo. Desde aquí polo Monte do Conde ou San Cibrao, no que hai insculturas ou como popularmente se coñecen, pedras riscadas, parece que houbo unha capela, segundo o noso amigo Arlindo, a quen agradecemos, unha vez máis, as súas acertadas explicacións sobre toda a zona. Polo monte do Tosal, probablemente (toxal), onde houbo tamén un castro, hoxe moi deteriorado, chegamos à fermosa igrexa de Santo Estevo de Lousadela. Bo exemplar do románico, de ábsida cadrangular e fermosos canzorros e capiteis historiados.
De Lousadela baixamos á estrada que vén de Vilapedre a Céltigos, continuamos ata San Cosmede, atravesando por un paso elevado a vía do tren, vendo de frente (hoxe non se divisaba ben) a Pena de Castelbelo, onde houbo un Castelo..
Cruzamos o río Sárria para visitar o conxunto formado polo muíño, pesqueira e pazo de Camba e a igrexa de San Pedro de Ronfe (Láncara) na que se conserva unha lápida con inscrición medieval en latín, situada no muro sur da igrexa. Desde este lugar hai unha fermosa paisaxe fluvial. Desde aquí por Vilambrán chegamos a Céltigos que, pertence á parroquia de Santiago da Veiga, foi un antigo Balneario de augas sulfurosas, hoxe comercializadas baixo a marca Fontecelta.
Saúde, Terra e Lingua
Manolo Muñiz
(Ver o álbume)
No hay comentarios:
Publicar un comentario